18 Xaneiro, 2007...10:01

Pornografía

Saltar a Comentarios

por Parvo de Cela

A sorpresa do semidesnudo de Ana María Ríos centrou a atención de todos os cafés de mediamañá do traballo na Semana I postnadal. A perruqueira de Arcade loitou pola atención informativa cun grupo de rodaballos, evitou que o telexornal abrise advertíndonos de que imos mercar un xersei nas rebaixas e soterrou definitivamente a polémica polo himno hispano interpretado polo fillo dun coñecido catedrático de literatura galega. O dito tirán máis dúas tetas ca dúas carretas contén a suficiente carga teórica para explicar a atención suscitada.

Dolce Vita, Fellini a varios anos luz, permitiu levar a cabo unha sesuda análise dos motivos que levaron a unha perruqueira de Arcade con importantes débedas polo seu proceso xudicial a gañar unha cantidade importante de cartos. Os veciños da vila marisqueira estaban divididos e manexaban unha cantidade de tópicos similar aos que lles soltarían aos reporteiros en calquera vila de Ávila ou Murcia. Ou o que é o mesmo, ao final tratábase dunha muller vulgar (pertencente ao vulgo) que sufriu un proceso xudicial inxusto e que despois por un puñado de dólares se pon en bólas. Ana María Ríos é, polo tanto, unha heroína universal e de chamarse Anne Marie Rivers ou Anne Marie Fleuves tería un film en Hollywood ou dirixido por Godard.

Sen embargo a reportaxe de Interviu significa a mellor noticia en moito tempo para a nosa comunidade de veciños autonómica. Galicia ten un tratamento informativo estatal (ou madrileño) similar ao de calquera país de latinoamerica. Aparece nas portadas cando os desastres naturais asolan ao país, os narcos actúan ou se producen románticas historias. E que dicir dos protagonistas: Mariano Rajoy, Pepe Blanco, Míchel Salgado… Polo menos Ana María sabe cortar o pelo. As tetas naturais da nosa perruqueira nacional dannos aire fresco neste mundo pornográfico e asiliconado que nos tocou en sorte. Estas glándulas non fan dano a ninguén salvo a ela mesma se as traba cunha porta. Resultan menos pornográficas ca maior parte das noticias que xeramos.

2 Comentarios


Deixa un comentario