20 Febreiro, 2007...2:56

Desastroloxía

Saltar a Comentarios

Por Frouxeira

Beeenviiidoss ao nosso conncurrrsso… “O Falarrr … Non Tennn … Cannnceeelasss”!!! Nesta nova edición traémoslle unha adiviña… moooi ssspzialll. Fagan memoria, fagan. Lembran unha i-ni-mi-tá-bel colección de citas gubernamentais para dar conta de certo accidente en certo lugar? Eran tempos de botar a lingua pacer e soltar merda. Que ocorrencias! Vaia xoias! Iso si que é o noso patrimonio inmaterial! Ai, queridos lectores! A ignorancia é mala conselleira! Non lembran que alto cargo do fraguismo, de barba e faciana colorada, dicía iso de…?

“Non imos ter un barco anticontaminante por un accidente que pode ocorrer cada sete anos…”.

Síiiii, querida lectora, siiii, ese mesmiño que hai uns meses dicía tamén que el non era Heidi. Noraboa, parabéns. Vostede é a nova campiona de… “O Falaarrr … Non Tennn … Cannnceeelasss”!!! Agardámoslles a todos vostedes para a vindeira nova edición deste concurso educativo de sabiduría popular. E agora, deixámoslles coa novas do día… Un saúdo, e lembren arroupar aos seus miriápodos antes de durmir…

Sábado 17-2, 14:57
Un barco cargado con 6.012 toneladas de fertilizantes agrícolas (NTK 151515) atópase en situación de risco a 15 millas d’A Coruña, tras descompoñerse parte da carga que transporta nas súas adegas. Por este motivo, Salvamento Marítimo de Fisterra enviou á zona un remolcador para virar a dirección deste buque holandés, de nome Ostedijk, para que os gases que emana non afecten aos 12 membros da tripulación.

Domingo 18-2, 09:32
O buque holandés Ostedijk recibiu, a última hora de onte, permiso da autoridade marítima para reanudar a súa viaxe cara o porto de Valencia, segundo informou a Delegación do Gobierno en Galicia, quen insistiu en que, “en ningún momento houbo perigo algún” para a población.

13:14
O buque Ostedijk pediu esta mañá asistencia para poder avaliar a súa situación tras 12 horas de navegación. A embarcación polivalente Don Inda, do servizo de Salvamento Marítimo do Ministerio de Fomento, que navegaba en prevención nas súas proximidades, acudiu a prestarlla e actualmente lle está dando remolque dende popa

16:56
Evacuados catro tripulantes do Ostedijk que presentaban intoxicación.

19:10
ADEGA ve urxente fondear o Ostedijk nunha ría abrigada e advirte que a súa navegación errática lembra ao Prestige.

19:20
Dados de alta os catro tripulantes do Ostedijk que foron atendidos na Coruña por irritación das vías respiratorias.

Luns 19-2, 13:04
Touriño defende alonxar o Ostedijk como a “mellor opción” actual e non descarta acelerar a descomposición no barco.

13:12
O PP ve “sospeitoso” o “afán de non informar” da Xunta sobre a situación do buque holandés Ostedijk.

13:23
Salvamento está evacuando á tripulación do Ostedijk para preparar a operación de enfriamento da carga.

14:00
Nunca Máis critica as “decisións dubitativas e erráticas” e di que o operativo “non é de todo eficaz”.

14:19
ADEGA asegura que se están tomando as “decisións correctas” e lembra que a carga “non é contaminante”.

etc

Dicimos Ostedijk, e pensamos en Prestige, Mar Exeo, Casón, Andros Patria, Urquiola, Pollycommander e mesmo Erkowitt. Temos o fatalismo sensíbel. Asimilado. Como dicía López Veiga, “un accidente que pode ocorrer cada sete anos”. Quen di sete, di catro, os cálculos son o de menos cando o público quere sangue. É o síndrome do 11 de Setembro: con dous avións xa consumíndose nas tripas das Torres Xemelgas, e cun terceiro derrubado sobre o Pentágono, quen non agardaba ansioso a que o Voo 93 enfiase contra a Casa Branca? A esas alturas da retransmisión televisiva foi toda unha decepción descubrilo nunha leira de Pennsylvania.

E o noso Ostedijk? Cando vai rebentar?

A desastroloxía é a ciencia que estuda os desastres, pero tamén é a arte dos agoreiros que cren ler no ronsel de cada barco unha catástrofe de proporcións bíblicas. E hoxe estamos xa todos posuídos por ela. Os medios, os políticos, ate os ecoloxistas. Volve a feira das declaracións: “decisións dubitativas e erráticas” ou “decisións correctas”. E ti de quen es?

Supostamente, o barco amanecerá o martes de entroido a 6 millas de Viveiro, nunha zona de abrigo, a resgardo dos ventos do sur, para que leven lonxe ese cheirume podre a bosta de vaca concentrada. Disque alí lle queren botar auga para que enfríe a merda esa descomposta, non vaia prender todo, fender o barco, e contaminarnos de verdade (Greenpeace dixit: “nestes momentos, a carga podería estar queimándose moi lentamente / podería durar moitas semanas e o barco podería estar en risco, posto que non están preparados para soportar as altas temperaturas, o que pode provocar que se parta e remate afundindo”).

Mentres, en Viveiro non están para lerias. A adrenalina que sinten non é polo desexo inconsciente e autodestructivo do resto dos galegos, senón máis ben por afán de conservación. O mesmo alcalde (Melchor Roel, Pai) ameaza con exhumar a tradición de loita obreira, botarse as rúas e revivir as Encrobas trinta anos despois. A fin de contas, eles xa teñen o seu propio barco accidentado (“Un barco, de bandeira nórdica e cargado con madeira, tivo que fondear en Viveiro ao escorar despois de que perdese parte da súa carga”) Unha conspiración opositora-divina contra o bigoberno?

Non me gustaría ser o deseñador da camiseta conmemorativa dos accidentes marítimos galegos. O pobre debe adoecer estes días coa dúbida de se incluír ou non incluír este Ostedijk no seu elenco de glorias patrias.

Para cando un monumento “ao pailebote ateigado de pipos tóxicos”? Propoño transformar a Cidade da Cultura nunha escultura adicada ao buque contaminante descoñecido. Propoño modificar a Lei de Símbolos de Galiza para incluír na bandeira e no escudo a silueta dun barco fendido. E, por suposto, dende este galpón abrimos un concurso de ideas para engadirlle unha nova estrofa ó noso Himno Nacional que faga a obrigada referencia. Que sería de nós sen catástrofes!

1 comentario

  • Isaac ben de Alongos

    Propongo las siguientes modificaciones a los simbolos oficiales de Galicia:

    1º.- ESCUDO: una hormigonera portatil y una motosierra cruzadas cual hoz y martillo. A ambos lados una bañera -abrevadero y un somier cierre de leira cual columnas de Hercules.

    - Significado: El inquebrantable compromiso de Galicia por un urbanismo y medio ambiente sostenible asi como su decidida defensa de la micro propiedad privada. La bañera simboliza el alto grado de desarrollo tecnologico ganadero conseguido por la Nacion de Breogan

    2º.- BANDERA: De plastico transparente con un banda transversal multicolor.

    - Significado: El profundo concepto de Galicia como nación inexistente. La banda multicolor significaria el gusto milenario del Gallego por engalanar sus galpones con baldosas variadas de ocasion.

    3º.- INMO: Añadir las siguientes estrofas a elegir. “Dame de xantar ( axudas) y chamame parvo”. “A Xunta ten que mirar por nos, dame sorte na oposicion ou que veña outro Cason”

    4º.- MUSICA: Añadir un compas elctronico con ruido de motosierras, hormigoneras, gruas, y “quads” con ritmo bacal- pastillero.

    Eso es todo…. por ahora


Deixa un comentario