por Viriato
Negra noite sen lúa no monte do Pedroso. Escóitanse tronos sen lóstregos e andan soltas as ánimas, por aí, de botellón. Baixo a silueta impoñente do repetidor de TV, dúas ducias de sinistras siluetas cubertas por carrapuchas e túnicas de cor azul empeñan os seus esforzos nun ritual blasfemo. Forman un círculo perfecto, arrodeando un obsceno símbolo en forma de estrela gravado con lume na herba. Armados de varios fachos para iluminar a súa perfidia, os malignos cultistas entoan un aturuxo gutural, alleo a toda gorxa humana, que so se pode transgrafiar así:
Ph’nglui mglw’nafh Cthulhu
R’lyeh wgah’nagi fhtang
(Aviso: non tentar pronunciar cun polvorón na boca)
Sen deixar de repetir a tola letanía, dous homes rachan a formación circular e achéganse ó centro do terrible debuxo queimado no chan. Retiran as carrapuchas e os seus rostros quedan á vista, coñecidos para todo aquel que mire algunha vez o xornal no bar. Son as dúas cabezas máis pensantes do PPenG, Alberto Núñez Feijóo, Sumo Sacerdote Engominao e Alfonso Rueda, Vicario Maior.
- Rueda: Traede o sacrificio para o noso mestre escuro.
- Núñez: ¡AGORA, PASPÁNS!
Os cultistas fan sitio para que dous dos seus compañeiros, particularmente fornidos, arrastren cara o corazón do círculo a choromiqueira figura de José Manuel Barreiro, antigo Pontifex Boirreticus, hoxe caído en desgraza. Vai espido e sobre o seu corpo hai pintadas con sangue palabras máxicas nun alfabeto nefando. Suplica:
-Barreiro: ¿Por que, Alberto? !Eramos amigos, os mellores amigos! ¡Pactaramos suceder a Fraga os dous xuntos!
- Núñez: Síntoo moito, Jose, pero tal e como anda a crispación, no partido non hai sitio para chaíñas coma ti.
Sen máis miramentos, o Sumo Engominao quita un coitelo de entre os pregos da súa túnica e lle abre a gorxa o seu ex socio, berrando: “¡Cthulhu fhtang!”. O sangue do lucense baña os bordes da misteriosa estrela e, de súpeto, estoura unha luz escura, aberrante, e ábrese unha porta a un universo de xeometría non euclidiana. Dela sae unha criatura de horror inenarrable, unha incognoscible abominación, un enxendro afastado de todo o humano. Ven sendo un tipo alto e cachas de ximnasio, cunha camiseta de marcar, o pelo de punta, un aro na orella esquerda e uns pantalóns vaqueiros de cintura baixa que lle deixan os calzóns ó aire. E fala:
- Enxendro: Bu, neno, vaya muvi.
- Núñez: ¿Gran Cthulhu?
- Enxendro: No, neno, el Tulu está en su kel burlando a dolor al tute cabrón con el Bin Laden, que ahora son mazo colegas. Yo soy el Nyarlathothep, el Caos Reptante, neno, el mensajero de los dioses oscuros. ¡Cuidao conmigo que muevo peña!
- Rueda: Er… ben, agardabamos algo máis impoñente…
- Nyarla: Bu, neno, no te pongas kíe que te meto unas jumas. Lo de aparecer como lagartijo siniestro está ya mazo visto, neno, así que me dije pa mí: “Les voy salir a estos mataos como un bunenista”. Y aquistoy. ¿Tenéis una truja?
- Núñez: Em… si, si, colle. Mira, nós faciamos a invocación para ver se nos atopabas algunha relación entre o BNG e Herri Batasuna. E que así podería ir as manifestacións esas contra o terrorismo sen que me chamen esbirro de Madrid.
- Nyarla: Pero oíste, neno, tú es que eres mazo esbirro de Madrid.
- Núñez: Si, si, pero hai que disimular.
- Nyarla: Pues no me sale nada en la de pensar, neno. Lo máximo que les he junao es a Paco Rodríguez chanando en vasco con la pestrucha de Nafarroa Bai.
- Núñez: ¡Condenación!
- Rueda: ¿E algún trapicheo do bipartito non nos poderías contar?, por non ter feito a viaxe en balde, digo eu.
- Nyarla: Bu, como te las bates, ¿no, neno? A ver si me furula la neurona… Mira, te voy dicir una cosa, el Antón Losada, neno, que es un notas de la vida, tenía una chacha de ilegal en el kelo, que la largó pafuera y no le pagó nel del panel. Y además se hace unas tremendas de gallardas en su despacho de la Vice, neno.
- Núñez: ¡Bwa-ha-ha! ¡Xa temos escándalo!
- Nyarla: Sí, vale, neno. Yo me las voy pirando de gambín.
Ó día seguinte, no pleno do Parlamento.
-Núñez: … e exisimos que o presidente da Xunta compareza para explicarnos por que Antón Losada tiña unha criada ilegal na casa. E xa de paso, que nos diga tamén por que emprega as dependencias da Xunta para tocarse de xeito impúdico. ¿Eh, señor Touriño? ¡Vaia socios que ten vostede!
En memoria de H.P. Lovecraft
1890-1937
por ter anticipado a situación política actual nos seus relatos
6 Comentarios
19 Marzo, 2007 en 10:21
E todo ese inxenio de balde, que grande é internet, porra!!
19 Marzo, 2007 en 11:41
Graaaandes!
Sodes graaaandes!
Estou chorando XD XD XD
19 Marzo, 2007 en 18:24
vale, xa está, declárome fan (case) incondicional do galpón
que enormes!!!
19 Marzo, 2007 en 20:27
Xa me daba o corpo que eses son os que fan lume no Pedroso…;-)
26 Marzo, 2007 en 10:46
[...] voso apoio. Chegaronme noticias de que Feijóo (ti non, Alberte, o outro, o do PP) conta agora cun asesor alonxado de todo o humano. Se eles se renovan, nós non podíamos ser menos, así que tomeime a [...]
23 Xuño, 2007 en 20:20
[...] nas suas sombras o Caos Reptante marchou de senador para Madrid …isso repta nalgumha das suas 1000 formas e o Grande Cthulhu aguarda na ria de Noia que ha sido el puerto de Compostela a que as estrelas [...]