26 Marzo, 2007...10:42

O asesor inesquecible

Saltar a Comentarios

por Viriato

Na sala de xuntas do edificio 16 de Rodríguez de Viguri, 15702, Santiago de Compostela, hai unha reunión da Executiva do único e verdadeiro Bloque Nacionalista Galego. Anxo Quintana, Gran Arquitecto da Nación, convocou a todos os seus capitáns con carácter urxente pero sen revelarlles qué temas se ían tratar. Eles, ben por fidelidade ó seu líder, ben por ganas de protestarlle, acudiron raudos á cita, cal ourensán a cobrar unha subvención. Agora vense obrigados a agardar, pois o vicepresidente de vicepresidentes chega tarde, demorado, sen dúbida, por algunha das suas moitas tarefas de goberno.

O ambiente está máis ou menos animado. Ó fondo, Paco Rodríguez tenta que María Xosé BRAVO! aprenda a letra de Por la calle de Alcalá e os versos de Castellanos de castilla, argumentando que é o primeiro que prescisa saber se algunha vez quere adicarse á política estatal. Un pouco máis aló, Roberto Mera e Ana Pontón discuten sobre que iniciativa debería seguir o ronsel de éxito das galescolas. Ela defende que habería que crear unha rede galebares con menú do día para obreiros, mentres que el é partidario de por en marcha unha galeliga de fútbol sala para veteranos. O debate ten pinta de ir para longo.

 

Nun curruncho escuro, con aire conspirador, Alberte Rodríguez Feixóo, líder de Esquerda Nacionalista, conversa con Paco Jorquera, Executor Supremo:
P.J.-
Ben, ¿e ata cando ides ter ó Valadés dando a chapa?
A.R.F.
- Pois, non sei, por exemplo… ata que se lle pase o cabreo a Manolo Portas ¿que che parece?
P.J.
- Mira, como volva ver outra entrevista co gafapasta ese, vou ir eu a Vigo e voulle facer eu a circuncisión cun raiador de queixo.
A.R.F.
- Non te sulfures, Paco, non te sulfures. Xa sabes que o perpetuo enfrontamento interno é unha imaxe de marca do BNG, e nós, EN, somos os que máis facemos para mantela. E iso que nolo poñedes difícil, ¿eh? Que cando botei fóra a Amanda Traba para meterme eu na Executiva, case nin protestachedes. Isto xa non é o que era.
P.J.
- Isto non sei, pero vós sodes coma sempre, un lobby do carallo.
A.R.F.
- Si, pero se subimos en votos nas municipais, será mérito noso. Imaxe de marca, Paco, imaxe de marca…

Diante de todo, o resto dos membros da Executiva agrúpanse como pitiños naipelos en torno á poderosa figura de Xosé Manuel Beiras, Pai Espiritual do País. O seu díscipulo máis avanzado e avellentado, Mario López Rico, interroga:
M.L.R.
- Mestre, por favor, explícanos como foi o cristo ese das eólicas.
X.M.B.
- Está escrito, meus fillos, que o Director Xeral de Industria do Anterior Goberno, Ramón Ordás Badía, prevaricou, subornou a funcionarios públicos e traficou con influencias. Con esas armas e a axuda do seu cuñado (todo o mundo sabe que os cuñados son parentes intrínsecamente malvados), o industrial Luis Castro Valdivia, repartíu por todo a xeografía da Galiza concesións de minicentrais eléctricas e parques eólicos, magnas obras que viñan de serie con substanciosas axudas da Unión Europea, pese a que se levantaron nunha terra que xa produce máis enerxía que a presa de Assuan, e mesmo podían revenderse.
M.L.R.
- ¿E a quen lle concedeu eses dons, mestre?
X.M.B.
- Está escrito, meus fillos, que tan apetecibles proxectos foron repartidos nunha espesa e extensa rede de empresas, cuxos donos eran o propio Ordás e o seu cuñado (malvado), o presidente dos empresarios de Galiza, a muller e os fillos do Embaixador para a Santa Sede, unha presa de alcaldes e concelleiros do PP e mesmo o masaxista de Fraga, entre outros.
M.L.R.
- ¿E por que non aproveitamos para criticar ó PP e o PSOE, mestre?
X.M.B.
- Está escrito, meus fillos, que andamos moi ocupados discutindo entre nós, e que en realidade ninguén entende moi ben quen está implicado e quen non. Seica ó fiscal sofre ataques de vertixe cada vez que mira a cantidade de documentación que ten que investigar.

Nese intre, soan dúas gaitas, con forza e carácter, ábrense as portas dobres da sala e o Gran Arquitecto da Nación, Anxo Quintana, entra lucindo a súa mellor camisa vicepresidencial. Silencio e ronda de aprausos.
A.Q.
- Amigos, irmáns, grazas por vir. Nós, que como nacionalistas somos incompatibles coa corrupción e coa gripe común, temos hoxe que tomar unha decisión importante. Veredes, xa estou farto del, si, farto. Paseille que pelexase con El Pais, paseille que lla montase á Policía Autonómica por un quítame aló ese cartel, pero o que xa non lle vou pasar é que ande a piques con Susana López Abella a ver quen trataba peor á súa criada ¡Propoño a destitución de Antón Losada do seu cargo de Gardián da Vicepresidencia!

Os executivos do BNG enmudecen coa sorpresa. Ninguén agardaba tan impactante nova. Máis a estupefacción non tarda en deixarlle paso a euforia, e a iniciativa queda aprobada por aclamación, entre berros de “¡Siiiiii, siiii, que gusto!” e “¡Queremos a cabeza dese fillo da gran puta!”. Tras os vítores, Quintana engade:
A.Q.
- Ben, irmáns, celebro o voso apoio. Chegaronme noticias de que Feijóo (ti non, Alberte, o outro, o do PP) conta agora cun asesor alonxado de todo o humano. Se eles se renovan, nós non podíamos ser menos, así que tomeime a liberdade de seleccionar a un novo Gardián, que estou seguro de que vos encantará. É un home sensible, intelixente, diplomático e, sobre todo, cheo de carisma. ¡Con todos vós, meus irmáns, Art Garfunkel!

A ledicia pasa e faise o silencio. Perante os rostros alucinados da Executiva do BNG entra na sala o célebre músico, acompañado da súa guitarra. Comeza a elevarse un ruxeruxe de protesta, pero entón Art canta:
A.G.
- And here is to you, Mrs. Robinson, …

E todos comezaron a bailar.

4 Comentarios


Deixa un comentario