16 Abril, 2007...13:05

Desaloxo progresivo

Saltar a Comentarios

por Viriato

O Parlamento, o templo das leis galegas, o corazón e a alma do debate político. Un circo dirixido por unha domadora implacable. A carpa grande do Hórreo ven de ter unha das súas espectaculares sesións plenarias.

O primeiro número do día foi unha danza popular na que os tres grupos de deputados acordaron darlles a chapa ós cidadáns para que viaxen máis en bicicleta. A continuación, Touriño, Feijóo e Quintana, líderes entre líderes, organizaron un xogo de malabares a tres linguas, non que tiñan que describir o urbanismo galego pero sen dicir as seguintes palabras: Foz, Gondomar, Barreiros, corrupción, pufo, e ti máis, cárcere, investigación e remolacha. Tras moito falar e pouco dicir, despídense entre aplausos.

E, sen máis demora, chega a actuación estrela da tarde, a que todos agardaban, a que fixo que as entradas na revenda acadasen prezos inverosímiles. O conselleiro da Presidencia, as Administracións Públicas e a Xustiza, José Luis Méndez Romeu, completamente vestido de negro, levántase do seu escano e diríxese o centro do hemiciclo, mentres soa unha coñecida melodía. Sube ó atril, por orde do seu Presidente e Señor, disposto a explicar por que se lle ocorreu que barrer interinos a paus diante do Consello da Xunta era unha boa idea. As Nobres Voces dos tres partidos proceden a interrogalo:

Xosé Manuel Barreiro (PP): Entón, señor Méndez Romeu, ¿é certo que vostede personifica o Mal?
Romeu
: Non, ese posto xa está collido por Antón Losada. Eu o que personifico é a Astucia, de feito, se estou aquí é porque o presidente non me deixou poñer en práctica o meu plan para culpar de todo isto ós sindicatos (a CIG, especialmente), por entrenar ós seus afiliados para autolesionarse. Pero xa lle vendín a idea a Javi Losada, para o próximo lío cos do Obelisco.
Ismael Rego (PSOE)
: José, non fagas caso das maliciosas insinuacións do tipo este. ¡Como para fiarse del despois do que lle fixo a Cacharro! Eu sei que ti es boa persoa e que tes un michiño ó que lle queres moito. ¿Pode alguén que ama os animais ordenar unha cruenta carga policial?
Romeu
: Non, claro. Eu amo o meu gato, encántame acaricialo mentres tramo conspiracións e boto gargallagas malignas (Bwa-ha-ha!) E non, eu non ordenei unha carga, eu ordenei un desaloxo progresivo.
Carlos Aymerich (BNG)
: Grrr… ¿E non progresou rápido de máis, o desaloxo progresivo?
Romeu
: Ben, iso non é culpa miña. O que pasa é que o xefe da unidade estivera nos grises e pecou de exceso de celo. Para ser exactos, o desaloxo progresou así: Paso un, saudar. Paso dous: dicirlles que se foran. Paso tres: Guindalos a patadas polas escaleiras. Afortunadamente para todos, os interinos rendéronse antes de chegar ó paso catro, o disparo na caluga.

Este diálogo non sucedeu. Romeu aínda non foi falar o Parlamento, e de seguro que non será tan sincero. Total ¿que máis dá? Os que protestaban só eran interinos, home. Que se deixen de montar cirios e aproben a oposición, como todo o mundo.

5 Comentarios

  • Está mal darlle paus a niguén, pero para ter unha praza estaria ben que aprobasen unha oposición

  • Efectivamente, non hai que confundir a xenreira aos funcionarios -seres con dereito a coller baixas por depresión-, duplicada por seren interinos , con lexitimar a brutalidade policial.

    Por certo, a nota de prensa é goebbelsiana. Pero xa Diz Guedes falara do “desprazamento da masa manifestante”… hai demasiadas cousas que non cambian…

  • O autor aclara que non ten nada contra os interinos, pobres vítimas da manipulación do CEFOU. De feito, moitos dos mellore amigos do autor son interinos.

    O autor aclara tamén que si ten algo en contra de que a Policía faga desaloxos sen vir ó caso.

  • Os interinos son de manteiga. Na Coruña, no último mes, houbo unha media de tres cargas policiais por semana (das de verdade, das dos antidisturbios). E aló non se queixan tanto. Deben estar máis concienciados do dereito do traballador a autodefenderse, en troques de abusar do dereito do funcionario a laiarse.

    (Eu si lles teño xenreira e inquina persoal aos interinos, aínda que conte entre eles aos meus mellores amigos -e eu mesmo, dalgún xeito, tamén son tal cousa-)

  • E que estes dos sindicatos con tanto que levan queimado en FORCEM e outras lerias non aprenden nada. A próxima vez que queiran asaltar algún lugar onde se reunan os representantes da cidadanía (o parlamento, o consello da Xunta) para impor os seus moi representativos criterios -atención á participación nas eleccións sindicais- deben ter antes preparación con alguén que saiba do asunto: por exemplo Tejero ou Armada (Milans del Bosch morreu non?). Seguro que os camaradas de C.C.O.O teñen bos contactos para organizar as charlas.


Deixa un comentario