11 Maio, 2007...8:38

Viúvas unidas xamais serán vencidas

Saltar a Comentarios

Por Medulio

Un dos lobbies máis poderosos en Estados Unidos é o xudeu. Na terra de Breogán, existe un lobi xa emerxente entre lápida e lápida, e outro que está a piques de convertirse nunha corrente de poder disposta a todo: as viúvas.

En Galicia son moitas (173.000, aprox.) e queren poder. Adeus á calceta e a Isabel Gemio. Abran paso, porque chega dende as rúas viguesas a máis que impactante Asociación de Mulleres Viúvas Democráticas de Galicia (AMVDG), cun lema aínda máis perigoso que o seu nome: «Hoxe son viúva eu. Mañá podes selo ti»

Dende logo que teñen razón porque calquera se pode equivocar no día a día, e un escape de gas xusto antes da siesta, un poquiño de aguarrás no quinto de Estrella Galicia ou un cable solto na bañeira pode pasar en todas e cada unha das vivendas galegas. Quen durma tranquilo ao lado da súa dona, que o diga ben alto. O resto, tremede, porque a señora Eulogia ou a veciña do sexto ás veces confúndense: pedinlle sal, e deume matarratas.

Para evitar confusións nestas épocas de transexualidade e outras perversións, este colectivo recalca que só admitirán mulleres viúvas. No caso de que algún home sexa viúva, ou que algunha muller sexa viúvo, que saiba que non lle deixarán entrar neste selecto club. Cousas da redudancia, mellor clariño que despois veñen os equívocos.

O primeiro en darse conta do crecente poder deste colectivo foi Abel Caballero, todo un señor -como di o seu apelido- rodeado de señoras sen señor. Estaba na súa salsa. O seu blog informa do contido da reunión:

Abel Caballero pudo conocer de primera mano la situación actual en la que se encuentran las mujeres viudas de Vigo. Además, las asistentes trasladaron sus demandas y preocupaciones por temas diversos. Se habló de la exención de impuestos, dependencia de familiares, desarrollo de I+D+I, el trabajo de los jóvenes, etc.

Queredes carnaza, pero non. Non falaremos da conversa sobre o I+D que mantiveron as viúvas e o candidato. Mellor que fale diso Iker Jiménez ou Antón Losada, por aquelo de do paranormal e dos paranormais.

Pero o requisito impresincidible na admisión é ser democrática. Este obstáculo permitiu que a multitude de viúvas galegas que se manifestan a prol do retorno da momia do Caudillo ao Palacio do Pardo queden excluidas da asociación. Pasa o mesmo coas admiradoras de Durruti e as que admiran a Ricky Martin. Esíxese democracia pura.

Inda así, dende o Galpón facemos un chamamento para que nos expliquen con detalle qué demo significa iso de que as socias han de ser democráticas. ¿Defensoras da democracia, así, como concepto? ¿Defensoras de sistemas democráticos dentro da asociación, para evitar temas como o de Meana? ¿Ou simplemente queren deixar patente a súa cabida dentro da Ley de Partidos??

2 Comentarios


Deixa un comentario