10 Xullo, 2007...6:00

Consellería da Blogosfera

Jump to Comments

Por Frouxeira

O poder ten moitos amigos, e hai que telos a todos contentos. Fan falla moitos altos cargos para que todos leven a súa parte, así que a ninguén lle sorprenda a creación dos “chiringuitos”.

Imaxino cal vai ser o seguinte. Venderano como unha grande idea de Salustiano Mato, de Fernando Blanco, de Touriquín mesmo! Primeiro comezará como outra Dirección Xeral máis, para pasar desapercibida, sen mala prensa, e logo converterase no gran proxecto da vindeira lexislatura. A todos os partidos lles encantará! En 2009 teremos Consellería da Blogosfera!!!

Imaxino que a Xunta abrirá un servidor institucional onde aloxar todo canto novo blog se abra en Galiza. O lema será “un cidadán, un blog”. Logo porán a súa publicidade en banners agresivos, darán subvencións por escribir o teu blog en galego, e inventarán memes que eles mesmos se encargarán de facer circular. No mellor dos casos, daránnos cartos e novos e mellores servizos. No peor, controlarán o que escribimos cunha censura cada vez máis sutil, empregándonos como plataformas para difundir as súas mensaxes políticas.

Imaxino cales serán os candidatos a ocupar o cargo polos distintos partidos. Jose Manuel Baltar non se resistirá cando Alberto Núñez Feijoo lle faga o ofrecemento, como decano dos blogueiros populares. Polos socialistas, José López Orozco aproveitará o cargo para fuxir a fume de carozo do cristo que vai ter en Lugo. Iso, se o Alcalde de Fene llo permite. E polo Bloque… collerán a algún blogueiro famoso e pseudo-independente, que logo se afiliará e entrará directamente na Executiva Nacional, como… non sei… quizais Brétemas ou Todo Nada ou Si Home Si ou Dias Estranhos ou, se continúa por este camiño, quizais Zero Vacas.

Imaxino, imaxino. Vós non?

3 Comments

  • Non esquezas a posibilidade de que os blogueiros formemos un cuarto partido, “Terra Blogueira”, ou algo así

  • Parece que xa clasificáchedes a todo-los blogueiros nunha cor determinada. Non son partidario de clasificar a ninguén, agás que o propio blogueiro o diga abertamente. Mais, de certo, non coñezo ningún do PP, ou, polo menos que o dixera, nin que posterara nada que o fixera parecer do PP. Seica eles escreben só na folla parroquial.

  • Home, blogueiros como Jose Manuel Baltar, José López Orozco ou Iván Puentes penso que teñen unha afiliación clara, cuestión de carné. Respecto aos outros, non todos terían porqué cadrar exactamente coa ortodoxia bloqueira, pero imaxino que serían candidatos a un cargo como “expertos” - “independentes” - “afíns”, emulando o caso de Teresa Táboas na Consellería de Vivenda.

    E se se formase ese cuarto partido, Terra Blogueira (TB), gustaríame saber como se ía repartir o poder interno e territorial.

    Grandes preguntas sobre o futuro de TB: Loitaría por unha quinta circunscripción para as eleccións autonómicas, unha Provincia da Blogosfera, na que votasen todos os blogueiros con cadanseu nick, á marxe de que xa votasen polo DNI? Un blog, un voto? E nos blogs colectivos? Un nick, un voto?

Leave a Reply