Por Frouxeira
O percorrido da Vuelta Ciclista a España por terras galegas debía servir para fortalecer a amizade galaico-hispana, mais nestes primeiros días as accións terroristas dunha perigosa organización da extrema dereita española están malogrando a fraternidade na carreira. A violencia españolista elixiu a tirada con saída en Allariz e chegada a Santiago de Compostela para facer acto de presenza, enlamando un día no que se conmemoraba a traxectoria política do actual Vicenpresidente da Xunta, o líder nacionalista Anxo Quintana, anterior alcalde de Allariz.
O atentado consistiu nunha caída provocada a dous quilómetros de meta, nas mesmas rúas compostelás, xusto diante dun dos bastións da Vicepresidencia: o Fogar de Maiores da Porta do Camiño. A agresión buscaba lesionar a algún dos ciclistas galegos en competición, sendo Óscar Pereiro (gañador do Tour de Francia 2006) e Carlos Castaño (un dos líderes do equipo Karpin Galiza) os dous corredores máis afectados.
Os coñecidos lazos entre Pereiro e o independentismo galego, nada disimulados nestes primeiros días de carreira (onde se alternan na estrada as pintadas de “Ánimo Pereiro” e “Independencia”), pudieron ser a causa de que se lle sinalara como obxectivo principal. Por sorte, o atentado só lle provocou fortes contusións na cadeira, sendo Carlos Castaño o peor parado da caída, cunha subluxación no ombreiro dereito.

Fontes policiais fixeron públicas as súas sospeitas de que a Vuelta Ciclista está sendo víctima das accións dunha rede de axentes infiltrados, tanto na organización como entre os corredores. Só así se pode explicar a realización dun atentado tan ben preparado, sen que se poida identificar con claridade aos seus responsabeis.
Segundo o voceiro do corpo policial, a caída estivo provocada por unha acción triple. Primeiro, por alguén que manipulou o percorrido levándoo ate a perigosa Costa das Rodas. Logo, por un segundo axente que eliminou as medidas de seguridade necesarias para garantir o xiro do pelotón en perfectas condicións. Por último, recoñeceu a posibilidade de que algún dos corredores implicados na caída actuase como detonante lanzándose el mesmo contra algún dos obxectivos.
Segundo algunha das testemuñas, este topo infiltrado podería ser Koldo Fernández, ciclista do Euskaltel-Euskadi e posíbel axente dobre a ambos bandos do conflito basco, aínda que falta por demostrar a súa pertenza a banda armada. Non faltan voces dentro do pelotón que defendan a súa inocencia, como a do seu compañeiro de equipo Alan Pérez, quen argumenta que se tratou dun simple enganche entre corredores.
A sospeitosa caída e posterior retirada ao día seguinte do líder do Euskaltel, Haimar Zubeldia, complica as investigacións. Chegado este punto, hai quen suxire a posibilidade de que estes sucesos poidan ser o preludio dunha inminente conflagración multilateral entre os distintos pobos do estado español.
3 Comentarios
4 Setembro, 2007 en 11:31
E só queda preguntarnos:
¿Onde andaba Gerardo Conde Roa durante a caída?
4 Setembro, 2007 en 16:05
Probando sustancias análogas a sangue do pai de Vinokurov seguramente, que teño entendido que é de tendencias maoistas.
11 Setembro, 2007 en 7:28
Cantas parvadas