Di o consellerísimo de Traballo, Richi Varela, que non pasa nada porque os mozos emigren desta Galicia, cada día máis linda e máis linda, cada día mellor e mellor. Total o 57% dos que marchan son tipos sen capacitación, nin elegancia, nin glamour, e aquí non os queremos para nada. Tal que así:
Funcionario: ¡Bua! O nivel experto en 205 segundos… Son o puto amo.
Cidadán A: ¿Buscaminas? Eu na casa téñoo en 183…
Funcionario: *en ton agre* ¿Pódese saber que se lle ofrece?
Cidadán A: Pois quería anotarme no paro…
Funcionario: Si, claro. E escarallarnos as estatísticas. Moita faciana, lle botan vostedes.
Cidadán A: Home, se non é por gusto. Eu é que veño de rematar a FP de Acabados de Construción, pero non dou atopado choio.
Funcionario: Non me estraña. Xa temos portus e romaneses de abondo como para levantar as pirámides de Exipto, e cobran a metade que calquera obreiro do país. Así que vaia estudar para aparellador e volva daquela.
Cidadán A: Pero é que verá, o outro día tiven un erro de nada cun condón deses que regala a Vicepresidencia e agardo un fillo en seis meses. ¿Non me podería anotar para camareiro, ou dependente? Non é por vicio, é para darlle de comer á criatura.
Funcionario: Mire, sudacas temos aínda máis que portus. Marche, por favor, aquí non hai nada para vostede. Pregunte en Canarias.
Cidadán A: Pero…
Funcionario: Nin pero nin pera. *saca un pao de debaixo do escritorio e comeza a darlle empurronciños con el ao Cidadán A* ¡Veña! ¡Lisca! ¡Fus! ¡Fus! ¡Fora de aquí!
Por outra banda, todos aqueles capaces de entender as matemáticas terán notado que das verbas de Richi I se deduce que o 43% dos que marchan si teñen capacitación, elegancia e glamour, mais iso non lles libra de emigrar. Ao señor conselleiro, non obstante, dalle igual. E razón non lle falta, ¿para que queremos aquí a estes sabichóns que fan que os demais nos sintamos máis parvos? Fóra con eles, tamén:
Funcionario: ¡Xa está! 182 segundos… Supera isto, paleto do carallo…
Cidadán B: ¿Buscaminas? Eu en casa téñoo en 14 segundos.
Funcionario: Veña xa, falabarato. Iso é imposible.
Cidadán B: Non se entras a hackear o código. Hai un programiña en internet que…
Funcionario: *en ton agre* ¿Que se lle ofrece?
Cidadán B: Viña anotarme no paro.
Funcionario: Outro máis. Se pensarán que non teño eu outra cousa que facer.
Cidadán B: ¿E logo tena?
Funcionario: Pois si. Aquí onde me ve, estou escribir a gran novela galega. Xa está medio rematada. Trata dun ourensán que domina o mundo nun futuro próximo, cando os presidentes se elixen por concurso-oposición…
Cidadán B: Apaixoante…
Funcionario: Pero non temos que falar de min, senón de vostede ¿Que sabe facer?
Cidadán B: Son físico, coa dobre especialidade de nuclear e partículas. Tiña unha FPU, pero o decano cabreouse comigo porque un dia lle gañei ao tute cabrón e botoume fora. Ten moi mal perder ese home…
Funcionario: ¡Físico! Pero home, ¿vostede pensa que isto é Silicon Valley? ¿Para que queremos nós un físico?
Cidadán B: Pois non sei, eu cría que algunha empresa…
Funcionario: Ui, si, temos un mogollón de reactores nucleares soterrados baixo os Ancares. O que pasa é que son proxectos do goberno e só poden ir enxeñeiros militares, non lle digo . Faga o favor de ir a a pedir choio a Alemaña e deixe de facerme perder o tempo. Os meus futuros lectores llo agradecerán.
Cidadán B: Pero…
Funcionario: Nin pero nin pera. *saca un pao de debaixo do escritorio e comeza a darlle empurronciños con el ao Cidadán B* ¡Veña! ¡Lisca! ¡Fus! ¡Fus! ¡Fora de aquí!
7 Comentarios
12 Novembro, 2007 en 20:15
E aínda por riba os que marchamos fóra temos certo sentimento de culpa por non quedar na terra…
saúdos!!
13 Novembro, 2007 en 14:56
brillante
(os funcionarios de que tipo son, do a ou do b?)
13 Novembro, 2007 en 16:47
Pertencen a castas superiores !!
14 Novembro, 2007 en 9:23
O funcionario e o mesmo nas dúas esceas, O.
E sí, pertence a unha caste superior.
15 Novembro, 2007 en 21:05
Unha vision bastante acertada do patetico que se está a volver o pais, e ninguen fai nada por evitalo.
17 Novembro, 2007 en 19:23
Grandísimo perfil do funcionario!!!!Aínda que mesmo se queda curta despois do que me pasou…
Sei que non é correcto escribir para facerme publicidade, pero é por unha boa causa. Protestei por unha substitución de educación na Xunta e a súa resposta foi borrarme das listas. No meu blog, tendes toda a historia, coa documentación. Só agardo que a xente entre e coñeza a historia para que, polo menos, non caia no olvido. Desculpade de novo!
Grandísimas as risas con vos!
3 Decembro, 2007 en 11:41
4 anos en Madrid. Agora Castropol, ó outro lado Ribadeo. Pero aínda así hai algo que me impulsa a voltar. Tal vez o desexo de me apuntar no censo e botar fóra ós que me botaron fóra a mín.
Por mín e por tódolos meus compañeiros!!!!
Apertas!!!