Arquivo por autores: antonfraguas

QUE VOTEN TODOS OS GALEGOS (pero todos)

Por Antónfraguas

A min paréceme moi ben que poidan votar os fillos dos emigrantes. E os seus netos. ¿Pero por que quedarse aí? ¿Por que van votar os netos e non os bisnetos? ¿E por que non os veciños dos descendentes de galegos? ¿E por que non os seus amigos?

 

Eu propoño ampliar o dereito a voto aos seguintes colectivos:

-Todos os que algunha vez comeran polbo

-Todos os que algunha vez ficaron parados nunha escaleira

-Todos os familiares de Joe Strummer: “Should I stay, or should I go” (esta é para o Leo)

-Todos os turistas madrileños que comeron unha mariscada na rúa da Franxa

-Todos os turistas madrileños que algunha vez lle dixeron a un galego: “menudo acento que tienes, eh?

-Todos os que algunha vez cantaron “Un canto a Galicia (Hey)”

-A Tom Cruise (o rianxeiro) e os seus bisnetos

-A todos os arxentinos que algunha vez contaron un chiste de galegos

¿Credes que falta alguén?

10 Comentarios

Arquivado en Voto emigrante

MARIMACHO

Por AntónFraguas

O Leblón fai estragos. E cando todos os seus coleguis de Nuevas Generaciones comezan a berrarlle a Gerardo “un chiste, un chiste“, Gerardo non se pode reprimir. E conta un chiste, coa copa na man, por suposto. Eses son os mellores. Gerardo lembrouse daquela gracia que lle contaran o outro día en Madrid. Aquel chiste sobre a ministra de Fomento.

“esixirlle a esa especie de ministro marimacho que é… ¿como se chama esta?.. Maleni… Álvarez, que é unha especie, insisto, de ministro marimacho…”

Ler aquí a noticia

Escoitar aquí o audio

5 Comentarios

Arquivado en Conde Roa

AVE, OROZCUS MAXIMUS!

Por Antón Fraguas
LÓPEZ OROZCO

Lugo vén de celebrar o Arde Lucus. E parece que a Orozco gustoulle o disfrace de emperador. Orozco sofre de absolutite, e esquece que o 27M perdeu uns cinco mil votos e máis de seis puntos porcentuais.

3 Comentarios

Arquivado en Lugo, Orozco

O QUE NINGUÉN SABE DE REGANOSA

Por Antón Fraguas

Que non, que a xente trabúcase. O de Reganosa non é un asunto económico, é unha cuestión de “seguridade nacional”. ¿Por que construíron os depósitos no interior da Ría, no canto de facelo no flamante Porto Exterior de Ferrol? (en serio, ¿para que carallo serve ese porto?). Pois a razón non ten relación co gas, nin coa soberanía enerxética de Galicia. É algo moi distinto.

Os dous depósitos agachan un segredo, que ten a súa orixe hai máis de trinta anos, cando o exército recuperou os restos dun ovni que caera na Ría de Ferrol. Na reportaxe de Antes do silencio, explican todos os detalles.

Os dous depósitos de Reganosa agachan os restos de dous Obxectos Voadores Non Identificados, que están sendo estudados por investigadores da Nasa. De aí o empeño das autoridades en deixar a Reganosa dentro da ría.

7 Comentarios

Arquivado en Ferrol, Reganosa

OS CONCELLOS FRIKIS

Por Antón Fraguas

Que si, que o PP baixou, que o PSOE subiu pero perdeu a maioría absoluta en Lugo e Coruña. E o Bloque convértese nun partido rural, como quen vai pasar a fin de semana á casa da aldea. Pero ninguén fala do verdadeiramente importante. ¿Que vai pasar en Toques? ¿Cal dos xemelgos de Ares gañou na súa loita: o feo ou o malo? ¿Que pasou en Os Blancos? Imos por partes.


ARES: Luis Cendán era o tenente de alcalde do seu irmán xemelgo José Manuel, coñecido en Ares como “o nano listo” (¿adiviñades como lle chaman a Luis?). Pero Luis decidiu abandonar ao seu irmán, e de paso o PP, e presentarse ás eleccións por un novo partido, chamado “Nueva Alianza”. Loita fratricida, que rematou coa perda da maioría absoluta popular. O PSOE gobernará Ares co apoio do BNG, e os dous irmáns compartirán a oposición, pois a Nueva Alianza de Luis Cendán obtivo un concelleiro.


TOQUES: Jesús Ares, “mírame e non me Toques”, volveu gañar as eleccións, pero perdeu a maioría absoluta. O segundo partido máis votado foi o PSOE, e do PP depende que Ares deixe a alcaldía. ¿Haberá tripartito PSOE-PP-BNG? O PP sempre pode aferrarse ás declaracións que fixo Fraga no seu momento, referíndose aos abusos sexuais de Ares: “Me avergüenza la hipocresía de mucha gente. En tiempos preelectorales, los grupos que han estado luchando por el amor libre, por el aborto sin condiciones, por las parejas de hecho del mismo sexo, esa gente dice ahora que le da vergüenza que estos señores -del PP- no se apiaden de la pobre niña“.


CABANAS: No concello eumés presentábase unha situación curiosa, produto do extraño final de lexislatura. A alcaldesa socialista Modesta Anca tivo que dimitir, pois foi condenada por un delicto contra a ordenación do territorio. O seu número dous, José Rey, foi expulsado do PSOE, pero foi elixido alcalde co seu único voto. Nestas eleccións Pepe Rey presentouse por unha lista independente, AEC, e obtivo dous concelleiros, por 4 do PP, 3 do BNG, 2 do PSOE e 1 doutra lista independente. ¿Que pasará? ¿Apoiará José Rey ao PP? ¿Gobernarán BNG, PSOE e IVC? ¿Apoiará IVC ao PP?


OS BLANCOS: Os Blancos foi noticia na campaña electoral, ao descubrirse que o ex alcalde, inhabilitado, empadroara a 85 veciños na súa casa. En realidade, Os Blancos sempre é noticia, e case sempre por culpa dese ex alcalde, José Antonio Rodríguez Ferreira, o máis grande admirador que Baltar ten neste mundo, pero que nestas eleccións decidiu promover unha lista propia, baixo as siglas de Terra Galega, que gañou as eleccións. ¿Traición? Non parece. TEGA e PP goberanrán comodamente.


PORQUEIRA: Tamén gobernará Susana Vázquez, do PP, que en 2003 fóra a cabeza de lista polo PSOE e se negara a apoiar ao candidato do BNG. A tránsfuga, alcaldesa durante estes catro anos, acadou a maioría absoluta. Qué se lle vai facer.

3 Comentarios

Arquivado en Municipais, Os blancos, Toques

“Santi, legaliza la marihuana e independiza Coia”

Por Antón Fraguas

Os candidatos á alcaldía das sete cidades galegas están na rede. Todos teñen web de campaña, algunha delas con formato de blog e un estilo igualmente “blogueiro”: persoal e subxectivo. Pero só algúns dan o último paso e permiten enviar comentarios aos seus posts. Comunicación directa co votante, interactividade, diálogo: a esencia da política. Claro que esa transparencia ten os seus riscos e son moitas as mensaxes críticas publicadas nos blogs dos candidatos. Noutros casos, o problema non son as críticas, senón certas preguntas incómodas ou peliagudas, cando menos.

O Blog de Santi é, xunto co de Orozco, o máis activo da cibercampaña galega. Isto tradúcese na publicación dun bo número de comentarios (contestados puntualmente, non se sabe se polo propio Santi Domínguez), como por exemplo:

oye Santi esta genial tu pagina web y lo del video ufff lo mas xD felicidades y muy buena la idea esa del clip, la libreta, el boli y la pelota se nota donde hay creatividad solo queria decirte que yo te votare y quisiera hacerte una propuesta: legaliza la marihuana e independiza a Coia xD jou jou men!!! xD

Ao que Santi responde:

Grazas polos teus eloxios. O que tratamos de transmistir é precisamente iso que ti mencionas, a creatividade. Creo que para gobernar unha cidade como Vigo hai que ser creativo e innovar e nós demostramos que o somos. Sobre o da marihuana e a independencia de Coia creo que, de momento, non vou poder axudarte.
Unha aperta. Santi Domínguez.

Outras das mensaxes recibidas por Santi din cousas como “Eu pensaba que o voso partido non era un partido comunista ata que vin a sua derradeira entrevista en Televigo, na que vostede admitiu que quere conseguir a autonomia para Galicia, algo que me sorprendeu bastante pola sua parte xa que non tiña esa idea sobre vostede, ou o mellor nalgun momento expricaronmo mal” (¿O BNG quere conseguir a autonomía para Galicia?, ¡comunistas!).
Oude donde sacas tanto dinero para tu campaña?“. Ou “Lo siento Santiago pero no cuela, si vas a hacer una revolución dilo, pero no digas que es tranquila. Eso no cuela, son conceptos antagónicos“. Ou “Non sei a quen se lle ocurriu o ’slogan’ da túa campaña. Pero quedades cubertos de gloria: ‘SÚMATE Á REVOLUCIÓN’ ¿á revolución das garabatas?

Pero non só no blog de Santi Domínguez hai debate. Tamén Poly (ese que ten unha familia tan grande e unida) recibe mensaxes como “amigo poly: desues de muchos dias hoy me meti en tupagina y ley la contestacion que mes asdado sobre la idea que te insunue sobre una pajareraen el parque de san lazaro. yo soy de las peersonas que disfruto por las orillas del rio y oir a los pajaros, pero tengo que decirte que las familias que utilizamos el disfrute del parque , no pdemos ir con nuestros hijos de 3ó 5 años por esas bonitas orillas, no te das cuenta que salen del colegio a las 5 y por falta de tiempo no podemos desplazarnos.sobre los tiempo que cambiaron es cierto,pero quiero recordarte que los pajaros viven muy felices en sus respectivas jaulas y no se mueren.¿no hay en todas las ciudades concurso de pajaros?bueno no te molesto mas, solamente que cuentas con mi voto y espero verte con el baston de alcalde, mucha suerte

Tamén en Ourense, Paco Rodríguez (o do PSOE) ten blog, non demasiado activo, o que provoca certas críticas: “Ter un blog onde o administrador PASA AMPLIAMENTE dos seus visitantes, non é blog nin é nada. Sr. FRANCISCO non se pode presumir do que non se sabe nin se quere facer!!!

Até Conde Roa ten quen lle escriba (debe ser alguén que coñeceu en Leblon), que lle fan consultas como “futuro alcalde” (sic) do estilo de “¿Como conseguir una unidad de enterramiento familiar en Santiago?” ou “¿Donde puedo soltar al perro para que corra sin que por ello me reprendan los policias?“.
E tamén Nestor Rego, ao que lle preguntan: “Bos días, ¿como se pode mercar o regomobil?

3 Comentarios

Arquivado en "Poli" Nóvoa, Blogs, Municipais, Orozco

MUNICIPAIS07: OROZCO BUSCANDO O “G”

Por Antón Fraguas


¿Que letra lle falta a Orozco? ¿Andará buscando o “G” de “galeguismo”? As ensinanzas do seu admirado Paco Vázquez callan moi fondo e Orozco aprende deprisa. ¿Ou buscará o “E” de “esquerda”? ¿Ou o “R” de “respecto ao patrimonio arquitectónico”? As maiorías absolutas son sempre malas, pero poden ser moito peores dependendo de quen as exerza, sobre todo se esquece certas letras.

4 Comentarios

Arquivado en Lugo, Municipais, Orozco, PSOE

PROBLEMAS DE CAMA

Por Antón Fraguas

As parellas atravesan de cando en cando por dificultades. E ás veces estes problemas teñen que ver con datas concretas, con citas que poñen nerviosos a un dos cónxuxes ou a ambos. Para Quin e Emilio, parella política normalmente ben avenida (os problemas dunha boa parella resólvense na cama), as eleccións do día 27 son un momento duro, unha cita moi importante e que está provocando palabras duras, vaixelas rotas e noites no sofá (¿quen dos dous durme no sofá neses casos?).

A Quin non lle gustou nada o que Emilio estivo facendo polas Américas, e así o dixo. E tampouco lle gustou que Emilio non quixese ir con el a ese programa tan chulo no que se debate tanto. E tamén o dixo, pero esta vez parece que Emilio non lle deixou falar.

E agora algúns veciños andan falándolle mal de Quin a Emilio. Din que está facendo unha campaña independentista. Co bo rapaz que parecía, lástima esa barba, pero parecía moi formaliño. Pero Emilio está moi ocupado loitando contra as chalanas. E despois está o tema do amigo de Quin, o Antón este, que a Emilio nunca lle gustou un pelo.

Hai unhas semanas que as cousas non son o mesmo na cama entre os dous. Silencios incómodos, reproches, indirectas… Menos mal que na cama se arranxa todo. Tamén entre Quin e Emilio. ¿Tamén?

3 Comentarios

Arquivado en Bipartito, BNG, Municipais, Quintana, Touriño

MONCHO TEN WEB

Por Antón Fraguas

Moncho xa é un político 2.0, Monchoesmucho ten web. ¿Adiviñades como se chama? “Monchoesmucho.com“. Si, amigos. Monchotuyasabes quere recuncar, xa non co PP, senón co seu novo partido, Partido Demócrata Sada Popular (ah, segue sendo “popular” despois de todo), máis coñecido como “Sada Popular”, sendo o seu popular acrónimo “SAPO”.
Pois ben, o ex-alcalde/ alcalde/ post-alcalde de Sada, e líder do SAPO, amósanos as súas aficións, os seus “hechos”, e até vídeos (non vos fagades ilusións, defraudan bastante). Non hai declaracións espectaculares, como aquilo que dixera sobre o matrimonio entre parellas do mesmo sexo:

“Me lo pensaré a la hora de, si es que en algún momento hay una solicitud, pero yo creo que aquí, en Sada, pues no va a haber cosas raras. No me agrada pero ya miraremos a ver qué es lo que se hace. Hay que digerir todo esto, hay que tomar bastante bicarbonato para digerirlo. Me cuesta, claro que me cuesta. Por eso digo yo que hay que recurrir a algún específico o algún producto.”

Porén, gústanme as notas biográficas que insire na súa páxina, por exemplo cando conta que “Durante su juventud acudía a los bailes y fiestas que se celebraban en Sada y los alrededores, en uno de ellos conoció y se enamoró de Esther Martínez, con quien se casó en 1961“.
Ou cando lembra que “En 1953 trabaja como mancebo de farmacia, ejerció su profesión con amabilidad y simpatía, ayudando en todo lo posible a sus clientes especialmente a las personas mayores“.
O gran Moncho non só goberna para todos os sadenses, senón que lles dá de comer: “En sus ratos libres, coincidiendo con los fines de semana, se levanta temprano, amasa el pan, lo prepara laboriosamente y lo introduce en el horno de leña“.

¿Que pasará en Sada o día 27? ¿E nas semanas seguintes?


1 comentario

Arquivado en Municipais, Política

MI LIMÓN, MI LIMONERO

Por Antón Fraguas

Los Limones, aquel grupo dos anos oitenta, responsable daquela fermosa canción que poñen até no Maycar compostelán, andan metidos en política. O que sempre é algo polo que un intelectual debe ser valorado.

Os Limóns cantan a canción que acompañará ao popular Juan Juncal, alcalde de Ferrol, na súa campaña de reelección. Hai moitos anos que un alcalde ferrolán non repite no posto, e as enquisas publicadas até o de agora indican que Juncal vaino ter complicado. Sobre todo porque é, con diferenza, o alcalde peor valorado das sete cidades galegas. É significativo que na campaña de Juncal, o propio Juncal non apareza en ningún momento, non sexa nomeado en momento ningún, e de feito o propio PP so é mencionado de xeito moi transversal.

Eu, pola miña banda, vou escoitar, é un exemplo, a outros Limones. Hai un grupo de Terrassa chamado Los Limones Radioactivos. Teñen mellor pinta.

2 Comentarios

Arquivado en Ferrol