Arquivo por autores: frouxeira

O que reparte e o que está aparte sempre queren a mellor parte

Por Calpurnia Abaneada

voto-emigrante.jpg

Por fin entendemos por que non se reforma un sistema electoral descompensado no que importan máis os votos dos netos duns emigrados ás Américas que endexamais pisarán a nosa terra cós dos galegos que traballan en Canarias ou Cataluña e non poden opinar nas municipais: ninguén quere ser o primeiro en sacar a man do prato.

Deixar un comentario

Arquivado en Emigración, Humor gráfico, Política, Voto emigrante

Quintana, guarda da urbana

Por Calpurnia Abaneada

quintana.jpg

Un dilixente axente que non dubidará en sacarche os puntos dos carné de gobernación se te saltas os stops e as promesas de autogoberno

Deixar un comentario

Arquivado en Bipartito, Competencias, Humor gráfico, Política, Quintana

Un xesto por Xxxpaña

Por Frouxeira

12 de Outubro. Día feirado, comezo de ponte, Festa do Pilar, Festa da Hispanidade. Para algúns, festa nacional, para outros, festa, esmorga, chea. Así resolvemos neste país as festas. Que sería do día de patrón sen o seu churrasco, o seu bon pulpo, unha botella tras doutra e os efectos colaterais consecuentes!

Difícil situación para a rede social do Partido Popular. Tiñan un encargo que cumprir, por mandato imperativo do seu líder, e moitos deles o que querían era estar de chea, quer pola noite, quer polo día. Tocoulles logo aplicar unha solución de compromiso. Facer un xesto por Xxxpaña, si, pero sempre sen esquecer un xesto por si mesmos. Así que, en todo caso, saíron de festa, votantes, simpatizantes, militantes, todos, os máis novos de chea, os paisanos de papallocada, e nalgún punto da súa celebración, normalemente cara o remate, todos tiveron que facer ese xesto íntimo, telúrico, entregado por Xxxpaña.

Situación prototípica (versión nocturna, versión compostelana): simpatizante vai a macrobotellón a noite do 11 de outubro, empréase, desbarra, divírtese, fai rede social, e nalgún intre da noite sen fin recúa para a casa. Durme o que pode. Esperta. A unidade do seu corpo e mente revélanlle que é o que ten que facer nada máis estrear ese 12 de outubro, a festa nacional. Vai ao retrete. Sinte escorregar cara a terra patria a herdanza da súa noite. Pensa, “Por Xxxpaña!!!”. Enféitase como pode e acode rápido á súa cita. Praza do Obradoiro, mediodía. Sinte con tanta intensidade a o seu amor patrio como a resaca no seu estómago enlamado. Fica nunha esquina e observa ao lonxe a guerra de bandeiras.

Ben si, un xesto por Xxxpaña, claro, e aínda teño logo que ir á aldea á comida de patrón, uf, o estómago, uf, Xxxpaña, si, ben, total, non hai moita xente, xa hai dabondo para darlles unha malleira a eses terroristas independentistas, en fin, eu xa cumprín, xa viñen ate eiquí, case que marcho durmir un cacho máis, Xxxpaña, Xxxpaña, ra, ra, ra…

Deixar un comentario

Arquivado en Conde Roa, Costumismo, Independentismo, Política, PP, Rajoy

Tetris á galega

Por Calpurnia Abaneada

tetris-a-galega.jpg

1 comentario

Arquivado en Cidade da cultura, Humor gráfico

Transformacións Catódicas

Por Frouxeira

O retorno de Xosé Manuel Piñeiro á Telegaita non foi de balde. E que ninguén se está dando conta de que Superpiñeiro seméllase cada día máis a Carlos Callón?

Unha cousa é mellorar a fonética dos presentadores do telexornal, e outra ben distinta esixir a fusión física dunha estrela mediática cun líder social. Quizais é que a MESA se está extralimitando, quizais é que David Cronenberg dirixe agora Acompáñenos, quizais é que a transición do posfraguismo conleva as súas esixencias…

2 Comentarios

Arquivado en Audiovisual, Surreal, TVG

Caride e Touriño, chapuzas nun momentiño

Por Frouxeira

foto.JPG

M. X. Caride: Boas, viñamos polo da ponte. É aquí a Área Metropolitana Vigo-Pontevedra?

E. P. Touriño: Vimos de Caride e Touriño, chapuzas nun momentiño. Penso que chamaran por nós.

Paisano: Si, si, pasen, pasen. Estabamos xa todos os veciños agardando por vostedes. Son os obreiros non?

Touriño: Si, si, somos os contratistas, imos botarlle un ollo á ponte esa a ver que se lle pode facer.

(Máis de medio millón de paisanos érguense expectantes e sumisos segundo o Presidente da Xunta e a Conselleira de Política Territorial entran na sala. O paisano que os recibiu achégase a unha fiestra e amósalles dende alí o motivo das súas cuitas)

Paisano: Ollen para aló enriba. Non ven? Hai unha chea de tráfico todos os días, e cada vez vai a máis…

Touriño: Hum… Si, si. Xa. Claro, se isto segue así van ter un problema ben grande… Ben, isto amañámosllo agora xa nun pincho. Mari Jose bótalle aí un par de planchadas ás beiras.

Paisano: Ás beiras? E iso vai aguantar? Pensen que a ponte xa ten uns vintecinco anos. Non sei eu se iso non será peso de máis.

Caride: Nah, non se preocupe. Sen problemas. Aquí lle pasamos dúas planchas de formigón armado, poñémoslle uns cantos cables máis de aceiro, algo de piche para a cuberta… e xa está, listo, xa poden pasar todos os días a 120 por hora sen medo por aquí. Non hai fallo. Teñan confianza. Fíense dos expertos.

Paisano: Xa, xa, ben, se vostedes o din…

Touriño: Pois nada, eh? Encantados. Xa veñen un día destes uns rumanos que traballan para nós a facer o apaño. Mentres, non se preocupen que iso aguanta ben un cacho máis. Ala, ate outra, eh?, que vaia ben…

Paisano: Abur… e grazas…

Deixar un comentario

Arquivado en Surreal, Touriño, Vigo

Convivencia Tripartita

Por Frouxeira

Ante o advenimento inminente da crise hipotecaria e do novo curso político, as tres líderes da mocidade galega decidiron ir vivir xuntas. Deixáronse levar polas vagas promesas do goberno central e veñen de alugar unha vivenda en Compostela, na Rúa do Hórreo, con vistas ao Parlamento de Galicia.

Unha vez rematada a mudanza, gran festa inaugural! Os problemas de convivencia tamén están convidados: problemas cos amigos dunhas e doutras, que non sempre agradan por igual ás tres anfitrionas; problemas coa hora de saída, xa que algunha quere marchar a durmir cedo e as outras non dan saído; problemas ao día seguinte: quen limpa todo isto? Debate sobre quen luxou máis o salón, insultos, desafíos, guerra de poderes.

Problemas de aluguer. Non sempre hai coordinación entre as compañeiras. Quen será mellor cociñeira? Cociñará para as tres? Cantos alimentos van comunalizar? Agardo que cando menos paguen a medias aceite, azucre e sal; e logo tamén podían o arroz, a pasta, os ovos… Velas ás tres almorzando adurmiñadas na mesma mesa será unha proba de saúde democrática.

Mais os problemas quizais non só veñan da cociña. Quen limpará máis, quen menos? Unha ben pode ser maniática da limpeza e/ou da orde, e outra algo máis deixada e desordeada. Farán turnos para limpar elas mesmas, en plan autarquía? Ou contratarán a unha chacha latinoamericana, externalizando os servizos?

Cuestións máis espiñentas, máis privadas: Van levar todas á parella a durmir? E como serán os encontros nocturnos no cuarto de baño, entre cónxuxes e compañeiras?

Son os praceres da convivencia. Son os conflitos. Sempre se poden resolver con pacíficas veladas diante do televisor. Poranse sequera de acordo para ver un programa que lles guste ás tres? Quizais vexan os luns Hai Debate! coa mesma emoción que os futboleiros ven o partido todos xuntos o domingo aínda que non sexan do mesmo equipo.

Semellante convivencia sería toda un exemplo de unidade nacional. Canto duraría? Transmitiríase en directo pola TVG?

5 Comentarios

Arquivado en Costumismo, Política, Vivenda