Arquivos mensuais: Xaneiro 2007

PLAN PARA LIBERAR OS GALENECOS

Zerovacas propuxo a pasada semana unha operación de rescate dos Galenecos, como sabedes, referentes simbólicos deste blogue. Antón Fraguas quere unirse ao movemento de liberación destes curriños personaxes de peluxe.

Este é o plan:

1. Constituír a Fronte de Liberación do Galenecos (FLG). Deberiamos deseñar un logo, nomes en clave, e unha fronte política.
2. Mercar cordas, un gancho para escalar, unhas tesoiras e un bote de cloroformo (este Núñez Feijoo é un pouco rarito e pode comezar a berrar cando o vaiamos liberar)
3. Coller o bus nº 6 na Praza de Galicia. Este bus déixanos nos Tilos e dende alí só hai que camiñar un quilómetro ou así até Montouto. A organización non sei fai cargo dos custes (NOTA MENTAL: ¿deberiamos pedir o imposto revolucionario?), así que o que queira participar ten que traer un euro ou así.

galitoons.GIF
Este é o mapa coa situación exacta da nave industrial onde teñen secuestrados aos bonecos.

galitoons2.GIF
Esta é unha foto obtida por un dos nosos satélites espía.

4. De volta en Compostela, ocupar o plató de ElCorreoTv para emitir unha mensaxe do FLG. Os galenecos relatarán a historia do seu secuestro e reclamarán un programa propio na TVG.
5. Tomar unhas tapas no Cabalo Branco.

9 Comentarios

Arquivado en Surreal

Sociedade Deportiva Goberno Bipartito

Por Frouxeira

Disque o estado español é o país dos corenta millóns de seleccionadores de furnbo. E os nosos benqueridos políticos galegos deben ter complexo de furnbolistas frustraos, a xulgar polo gusto que lle teñen ás alegorías deportivas. Feijoo, na resaca do estatuto, soltaba algo así como…

“Na miña opinión… estamos no descanso do partido… e se a min se me volve a convocar a xogar… isto é, a pactar… teñan por seguro que estarei en disposición de asistir”

Unha lectura da reunión de Monte Pío que podería traducirse algo así como…

“No último encontro non estiven moi atinado, pero o Míster sabe que pode contar comigo para o equipo”

Sabedores, polo tanto, do seducidos e desexosos que están os nosos dirixentes de dar patadas a unha pelota, dende o Galpón de Breogán propoñemos as seguintes aliñacións ideais para ese hipotético partido. Pero antes, ambientémonos un anaco coa poesía dos retransmisións deportivas….

Bennnviidos ao Cammmpo do Hórreo!!! Esta noite imos asistir ao encontro que tooodos vossstedes ssstaaaban agardando Ao Parrrtiido das Essstreeelas!!! Dunha banda, agardamos que á esquerda do campo se sitúe a Sozzciedade Deporrrtiva “Gobeeerrrno Biparrrrtiiito”. Enfronte, á dereita, vai ter un duuuro rival a batirrr: o múltiples veces cammmpiónnn en temmmpadas anteriores… Real Clube “Oposiciónnn Popular”!!!

 

Agora si, co estadio ruxindo ao fondo, este sería o noso once ideal para a Sociedade Deportiva “Goberno Bipartito”.

Co número 1, na portería, Alfredo Suárez Canal. Un xogador con moita experiencia, famoso no pasado pola súa agresividade, e que se está revelando nesta tempada como un gardameta capaz de manter a serenidade en casos extremos. En tódalas situacións de perigo, Suárez Canal está saíndo adiante sen que na trastenda do bipartito entren moitos goles. Este porteiro dálle seguridade e solidez ao xogo xunteiro, e sabe sacar balóns fóra cando outros os darían por perdidos. Lembrai o duro encontro no Campo dos Incendios Forestais.

Co número 2, xogando pola banda dereita, Manuel “Pachi” Vázquez. Bo regateador, sabe protexer o balón cando sae ao ataque, anque nunca se adentra demasiado no campo contrario. Malia o seu estilo conservador, é outro deses xogadores que dá o mellor de sí cando semella en dificuldades, coma naquel encontro no Campo do Umia. Con todo, fáltalle algo de imaxinación, ten un xogo demasiado previsible.

Co número 3, na banda esquerda, Ánxela Bugallo, un valor en ascenso imparábel dende a primeira victoria bipartita. Pero á hora da verdade, cando está no campo, non sempre amosa o que se supón que vale. Hai veces que se embarulla co balón en plena carreira. Protéxeo, evita que llo rouben, pero paraliza o xogo. Estou pensando nas dificuldades que ten para regatear cada vez que visita o Campo da Cidade da Cultura.

E a camisola co número 5 correspóndelle a Anxo Quintana, o segundo capitán. Un home con moita experiencia nas distancias curtas, que agora xoga como defensa central malia que se nota que preferiría estar máis adiante. Ten algo de complexo de esterliña, sae moito máis nos medios do que debería. Non tira da boca o seu mantra preferido: “Vicepresidencia. Xunta de Galicia”. Sóltacho sempre que pode. Pero por agora está cumprindo ante os ataques contrarios. Amais, enténdese ben co porteiro, os dous son vellos coñecidos da canteira alaricana. En todo caso, estas virtudes non se ven acompañadas polo xogo do seu compañeiro na área, o outro central: co número 4, usurpando o posto onda debería xogar Carlos Aymerich, Antón Losada.

O cambio non se sabe moi ben se é cousa dun dos técnicos do bipartito, Paco Rodríguez, ou se é o propio Losada o que se foi gañando a confianza do Quin. Pero o seu estilo é moito máis escuro e confuso que o de Aymerich. Por momentos semella que prefire agachar o balón ante o rival antes que facerlle un regate. Esa caste de xogo tamén despista ós seus compañeiros, e crea bastantes problemas de compenetración. Cando Losada ten a pelota, semella que xoga para si. Busca sempre combinar con Quin, pero esquécese de tódolos demais. Quin séguelle o ritmo, ás veces en prexuízo do equipo e del mesmo, aillando o seu xogo en troques de abrilo. E cando se trata de parar a un dianteiro habilidoso, Losada amosa unha lamentable falta de recursos máis aló da súa agreividade efervescente.

No medio do campo, co número 6, organizando e distribuindo o xogo, Ricardo Varela. Este medio centro é un deses homes grises e case anónimos que sempre fican en segundo plano, pero que logo resultan ser os arquitectos das grandes obras. Traballador entregado ao equipo, con grandes dotes de organización, canaliza o xogo medio bipartito para que o balón luzca nas posicións dianteiras. Diredes que está por estar… pero manda máis do que parece.

A camisola co número 7 correspóndelle a unha das revelacións desta tempada: a interior esquerda Teresa Táboas. Nunha posición aparentemente incómoda, está amosando unha boa capacidade para desenvolvese nos encontros difíciles, coma os celebrados nos Campos da Especulación, das Vivendas Protexidas ou do Solo Industrial. A sensación de afogo que pode transmitir a súa respiración entrecortada é só un espellismo que oculta unha ampla capacidade de resistencia. Os balóns que colga na área crean boas ocasións de gol, aínda que por veces peca de certa inexperiencia cando ten enfronte a un defensa curtido.

E, á dereita do mediocampo, co número 8, José Ramón Fernández Antonio. Un pilar básico da actual potencia xunteira, xogador limpo e efectivo nos seus pases. Non lle gusta chupar cámara, pero as súas asistencias son as que definen os goles. Hai quen di que deberían cambialo de banda para poñelo a xogar no mesmo carril que Ánxela Bugallo. Disque se entenden ben. Tamén hai quen di que mellor sería mover a Bugallo á dereita. Son discusións técnicas nas que non imos entrar, porque á marxe de hipotéticas relacións privilexiadas entre estes dous titulares, Fernández Antonio sabe soster o xogo coa maior parte dos compañeiros. Cumpre coas labores básicas de apoio sen as que o Goberno Bipartito ficaría coxo. Iso si, din que é un xogador moi volátil, que esta tempada se está lucindo, pero que a súa boa marcha ben podería truncarse na vindeira se a coxuntura non o acompaña.

Pechando o rondo do mediocampo, co número 10, a figura do equipo: Emilio Pérez Touriño, o capitán, un media punta ofensivo para canalizar o ataque na frontal da área. En semellante posto de prestixio, o cabezolo xunteiro amósase pretencioso, cun complexo de Ronaldinho que lle desmerece todo o que fai. Por agora tampouco é que xogue estrictamente mal, pero crese moito mellor do que realmente é, e ponse a facer numeriños complicados que case sempre lle saen mal, sen decatarse doutras opcións máis simples e eficaces. Lembrai os seus continuos erros na recente visita ao Campo de Pescanova (entre moitas outras cantadas, demasiadas para o que se supón que vale)

 

Xa na dianteira, asediando na área pequena dos rivais, os dous arietes femininos do bipartito. Co número 9, a veterana Lola Villarino, toda unha hooligan hiperviolenta que se lanza sen piedade sobre a portería contraria cada vez que ten un balón a tiro. De tanto que ataca aínda mete unhas cantas, pero ás veces pesan máis os problemas que provoca que os tantos que marca. Ten a cualidade de espertar instintos sanguinarios nos defensas que a marcan, máis atentos a lesionala que a defender a súa portería. Mesmo no seu propio equipo preocúpanse máis do seu mal carácter que da súa efectividade. Non é a primeira vez que remata un partido hostiándose cos seus propios compañeiros, e senón que llo pregunten ao seu maior inimigo interno, o sancionado Carlos Aymerich.

E, por último, outra das revelacións da tempada: co número 11, a máxima goleadora do combinado bipartito, María Xosé Caride. Unha xogadora todo terreo, especialista en afundir calquera sistema defensivo que tente contela, chámeselle Lei do Litoral, Plan Xeral de Vigo, ou Vía Rápida do Salnés. Por veces gústase de máis, pero por agora está nesa fase das novas promesas nas que todo lles sae. Mentres manteña a confianza no seu xogo e mais esa punta de velocidade, os rivais van ter difícil conter tanta incursión victoriosa.

 

Ate aquí a nosa proposta (por hoxe). Pero vós diredes… “¿E onde colocan estes a cracks como Fernando Blanco ou María José Rubio?” Ou… “¿Pero é que non van subir ao equipo titular a ningunha das figuras da canteira municipal, coma López Orozco, Sánchez Bugallo ou Javier Losada?” E que ninguén me pregunte por Méndez Romeu ou por Carmen Gallego: o primeiro só pensa en marchar cedido ao Furnbo Clú “Gobierno Central” e a segunda leva a peor racha de lesións que sufriu o equipo. ¿Botades de menos a alguén máis? ¿A Laura Sánchez Piñón? ¿E esa quen é? ¿Xoga no Bipartito? Son moitas as posibilidades, por suposto: Galiza é nación porque ten dous millóns setecentosmil seleccionadores. ¿Vós a quen poñeríades?

[…e a vindeira semana, por suposto, a aliñación do Real Clube “Oposición Popular”]

1 comentario

Arquivado en "Fúrbol", Política

Conspiranoia

por Viriato

 

Atención. Este texto desvela un dos segredos mellor gardados da Administración Mundial. Divúlgueno baixo a súa propia responsabilidade.

 

Nestas terras son habituais os chistes e as bufonadas sobre a excepcional capacidade dos ourensanos para aprobar concursos-oposición, así como para atopar buratos legais nas convocatorias públicas. Algo de certo hai, como en todas as lendas.

Fíxense vostedes que sen saír dos postos de goberno, podemos atopar a Anxo Quintana que, primeiro pillou praza de ATS, logo aprobou a oposición a alcalde de Allariz e agora é o segundo funcionario do país grazas ás súas dotes negociadoras, que lle axudaron a superar a mala nota que sacou no exame autonómico. Tamén temos ó gran Patxi Vázquez, funcionario da Consellería de Sanidade en excedencia, e o ínclito Alfredo Suárez Canal, profesor de mates en período vacacional-conselleiro. E do Home do Renacemento xa nin falo.

 

Pero o que poucos saben é que a capacidade auriense para torcer e retorcer pode ir moito máis aló… Poucos saben da existencia do CEFOU (Corpo de Elite de Funcionarios Ourensans), un grupo especializado composto só polos máis versados burócratas da única provincia galega sen mar.

O CEFOU, é un nome escoitado polo baixo en tabernas e furanchos de todo o país, aínda que ninguén ten probas da súa existencia real. Segundo o díxome-díxome, é unha unidade ourensana internacional especializada en levantar da nada densos sistemas legais e burocráticos. Son capaces de crear leis farragosas, incomprensibles e problemáticas a velocidade do pensamento, como labirintos para o cidadán estándar. Todas as veces que alguén tivo problemas para pedir unha bolsa, rexistrar as escrituras do piso, ou facer a declaración da renda enfróntabase coa obra do CEFOU.

 

Disque o entramado da burocrácia soviética foi un dos maiores logros do CEFOU, e que o muro de Berlín caeu cando a crise económica do comunismo fixo imposible seguir mantendo as importacións de LK ouresano. Disque cando EEUU invade, sempre leva a tres ou catro axentes do CEFOU para que redeseñen o aparato do Estado que se vai conquistar, para que así os cidadáns queden atrapados nas redes do sistema e gasten as súas enerxías co papeleo, en vez de facer guerrillas.

Mais redes do CEFOU non rematan ahí, ah, non.  Os mais vellos entre os vellos din tamén que esta organización misteriosa é a responsable da creación do procedemento para apostatar da Igrexa Católica, dos trámites para darse de baixa das empresas de internet e das comisións dos bancos.

 

¿Cales son os motivos que hai tras o CEFOU? Iso ninguén o sabe. Tal vez dominar o mundo, tipo Spectra, ou só facer o mal polo pracer do mal. Mesmo pode que disfruten ó ser os funcionarios dos funcionarios. En todo caso, mira ben con quen falas, escolle ben os teus formularios e entregaos por triplicado na xanela número 7B.

 

Pero lembra: Ti tes dous ollos. O CEFOU ten mil.

13 Comentarios

Arquivado en Ourense, Surreal

O presidente e a reconversión

por Medulio

Entre as múltiples finalidades de Galpón de Breogán tamén está a social. Cumprimos unha misión, aínda que non nos sentimos elixidos. Podería facela calquera outro, pero estamos moi orgullosos de poder botarlle unha man ás forzas vivas galegas para facer deste un país mellor, con ou sen estrela na bandeira, con ou sen Estatuto reformado.

Nun segundo plano o affaire Pescanova (ao final tanta leria para que a Xunta diga que se vaian ao carallo, os outros digan que non se queren ir e xurdan pequenos problemas noutras partes do mundo), a atención informativa centrouse na cidade departamental por excelencia. Pérez Reverte pode defender o seu pero urbe con tales características -departamentais, claro- só hai unha. E moito ollo, que cando falamos da industria en Ferrol convén coller neumáticos e pedras… quen sabe se acabamos cortando a ponte das Pías. Non sería a primeira vez, nin será a última!

Imaxinemos por un momento unha vila cunha factoría na que traballaban nos anos 70 máis de 10.000 persoas, e que agora traballan alí 360 operarios. Engadámoslle unha cantas trolas de carácter político, promesas a tutiplén, e un astaleiro de 820.000 metros cadrados baleiro. Iso chamábase Astilleros y Talleres del Noroeste, logo Izar, e agora Navantia-Fene. Pero toda a puta vida foi e será Astano.


Chegados a este punto, resulta que un conselleiro da UPG (si, os que querían colectivizar os medios de producción, si, eses) pensou que privatizar parte do que está sen usar pode servir para que a xeración do tunning -e posteriores- deixen de lle pedir a paga a papá e mamá. A compra a faría unha empresa galega, crearíanse 300 empregos e aquí paz e despois gloria. Demasiado fácil.

O Goberno central (propietario de Astano) non quere vender. Alegan que Bruxelas non deixa construir barcos civís ata 2015, debido ás subvencións que os astaleiros públicos españois recibiron de xeito ilegal no mandato do señor con bigote. Pero o conselleiro upegallo mantén o contrario: Fene non recibiu un puto duro (algo obvio se pasaron de 10.000 a 300 empregados, a non ser que o gastasen en prexubilacións nas Bahamas) e ademais os terreos de Astano son unha concesión da Xunta. Mecagoenlaleche!

Retomando o do principio, a función social de Galpón de Breogán pretendía ser a de dicirlle ao noso presidente cómo expresarse cando lle preguntasen polo tema, tendo en conta que os ferroláns están un tanto queimados con esta cuestión. Inda así sabiamos do seu dilema: ¿apoio ao meu conselleiro nacionalista, ou ao meu partido que goberna en Madrid? A nosa proposta era a seguinte:

Opción 1. (Radical): “Xa está ben de que o colonialismo industrial español non deixe medrar ao sector produtivo galego. Bravo polo meu conselleiro. Parafraseando a Paco Vázquez, estou con el ata as cachas

Opción 2. (O mérito é meu): “O plan presentado onte por Industria naceu do meu saber, dos meus anos como docente no eido universitario. Non podía ser menos”

Opción 3 . (Goberno que reza unido permanece unido): “Somos unha piña. Este plan é unha proposta de todo o Goberno galego, porque Fernando Blanco é carne da miña carne, sangue do meu sangue”

Opción 4. (Diplomático): “Entendo as restriccións que nun principio pode poñer o Goberno central, pero é un bo plan e entre todos temos que lograr que Bruxelas deixe de amolar e poidamos reflotar o naval de Ferrol, que boa falta fai, carallo. Jopé”

Nada diso. O presidente non só non lle dixo hai meses ao seu conselleiro que se deixase de parvadas, senón que tivo certo medo e por iso botou man da poesía institucional, da que me permito extraer o seguinte:Pérez Touriño destacou que o Goberno que preside traballa con firmeza no desenvolvemento do sector naval de Ferrol e que a Xunta vai “traballar nesa dirección e aproveitar a máis mínima fiestra a máis mínima luz” para que este sector e outras “actividades complementarias” poidan desenvolverse na cidade departamental

Total, que o xefe do Executivo galego optou pola literatura nunha cidade berce de xente como Concepción Arenal, Torrente Ballester, Carvalho Calero ou Paloma Lago. E a estas alturas dubido de que os ferroláns (e os galegos, todos somos Astano, mesmo Ana María Ríos) estivesen ansiosos por escoitar algo dun político. E moito peor se por riba diso, o político adícase a recitar.

4 Comentarios

Arquivado en Política

Os beneficios do Estatuto

Polo Parvo de Cela

Por se tíñades dúbidas de para que sirve o estatuto e se paga a pena tanto balbordo:

  • Co novo estatuto haberá máis transferencias.
  • Co novo estatuto haberá máis autogoberno.
  • Co novo estatuto máis riqueza e emprego.
  • Co novo estatuto tomará forma unha sociedade máis xusta e igualitaria.
  • Co novo estatuto haberá mellor viño nas romerías e servirao el mesmo se fai falla.
  • Co novo estatuto as romerías serán nacionais e, se se achega un de Chaves, internacionais.
  • Co novo estatuto as romerías nacionais contarán con Xil Ríos e The Homens.
  • Co novo estatuto os conselleiros poderán seguir coordinándose sen falarse.
  • Co novo estatuto a sanidade curará a cegos, tulleitos e mortos.
  • Co novo estauto non só acadaremos o nivel de Euskadi e Catalunya senón que estas formarán parte de Galicia igual que as outras comunidades autónomas e formarase un novo estado cos mesmos cidadáns e estruturas que o actual.
  • Co novo estatuto o Dépor e o Celta gañarán a Champions cada ano.
  • Co novo estatuto as mariscadoras falarán inglés e os conselleiros galego.
  • Co novo estatuto os gafapastas de Miraxes, Piñeiro e Gayoso terán un programa que se emitirá ininterrumpadamente informando de sucesos en Concellos de Lugo e Ourense.
  • Co novo estatuto unha autoestrada, porto e paseo marítimo por habitante. Os que teñan un nome da Terra (ex: Breogán) terán tamén aeroporto.
  • Co novo estatuto Einstein, Leonardo de Vinci e Joyce terán nacido en Galicia e Xesucristo xa non vivirá en Bilbao senón en Laracha.
  • Co novo estatuto o himno galego pasará a ser unha versión de Daddy Cool de Boney M.
  • Co novo estatuto Chanquete nunca morrerá.

Iso está moi ben pero… que pode facer o estauto por min?

  • Pode sacarche a pasear o can.
  • Pode facerche unha tortilla.
  • Pode aprobar matemáticas por ti.
  • Pode levarche o coche ao taller.
  • Pode convencer á túa parella de que o terrible cheiro dos teus pés non é motivo suficiente para abandoarte.
  • Pode gañar unha competición de Skateboarding para gañar a túa atención.
  • Pode resolver os sete problemas matemáticos do milenio.
  • Pode practicarche o sexo oral.
  • Pode intentar disuadirte do teu suicidio (se o consideras necesario).
  • Pode falarlle ben de ti aos veciños.

5 Comentarios

Arquivado en Estatuto, Política

APARTAMENTO PARA TRES

Por Antón Fraguas

…estiveran pechados durante seis horas e media. Sen comer; “sólo les traían café”, laiouse unha das colaboradoras de Feijoo. Nas restantes estancias, os asesores do bipartito: Losada polo BNG, e os socialistas Guinarte, Leiceaga e Salgado, xogaban ao tute. O PP non levou asesores, quizais porque coñecía por anticipado cal ía ser o resultado final da xuntanza.

Ás 18 horas, aparentemente compracidos polo desenlace, os tres líderes dispóñense a dar cadansúa rolda de prensa. Van pensando xa no que van cear cando cheguen á súa casa. Pero nas portas de Montepío amoréanse milleiros de persoas. Berran, sinalan en dirección aos tres líderes.

-¡Ide tomar polo cu, monas! (expresión popular galega que significa a grosso modo: “non vos imos deixar saír até que cheguedes a un acordo sobre o estatuto”).

-“Emilio, ¿Montepío non tiña unha saída segreda para estas ocasións?”- pregunta Quintana, abrindo moito os ollos.

-“Tiña, Anxo, tiña. Pero Fraga mandou tapiala. Dende que leu Macbeth estaba obsesionado con que lle entrasen na casa Baltar e Cuíña”.

-“Pois imos ter que pasar a noite aquí”- interrompe Feijoo- “¿hai camas para todos?”

-“Hai dúas camas e un sofá. Adiviña para quen”.

Quin e Touriño marchan rindo, en dirección á sala. Hoxe botan Os Tonechos. Núñez Feijoo quita as gafas, toca o nariz, mira cara ao chan. De súpeto reacciona, torce o xesto, e berra: “Emilio, ¿non terás un pouco de gomina?”

(risas enlatadas, fin da primeira escena)

3 Comentarios

Arquivado en Estatuto, Política

Nin Nación nin Farrapo de Gaita

por Frouxeira

Seis horas pechados sen xantar para resolver o culebrón da tempada. E non houbo xeito. Galiza non será Nación, nin Farrapo de Gaita, nin Gran Carallo de Sal, nin Capital da Cristiandade Xacobea, nin Chintófano Nacional, nin Nazón de Breogán, (nin Galpón), nin Muller / Metáfora do Mundo / Vou chamar por teléfono.

Alguén dá máis? Ano e medio dicindo paridas para agora resolver a dúbida hamletiana co “Non”. Seguimos a ser nacionalidade histórica.

O 25 de xullo de 2004, o futuro PT (Presidente Touriño) abría a veda dende a oposición: habemus debate estatutario. Tralas vacacións, no Debate do Estado da Autonación dese ano, o daquela PF (Presidente Fraga) mandábao ao carallo.

Logo virían protopropostas sociatas e nacionatas con “nación” polo medio, victorias duns e derrotas doutros nas urnas do 2005, o sempre adiado proceso de sucesión popular e o nacemento dun novo líder tras reducir ao delfín ás súas cinsas (era delfín ou será fénix?). Consumada a transición, reabríase a veda. Era o 27 de febreiro de 2006. O Parlamento creaba unha Comisión para a Reforma do Estatuto. A nación (a real, non a legal) agardaba expectante.

17 de xaneiro de 2007. O cumio de Monte Pío. Quen non se aburrira do estatuto chegado a esas alturas? Ano e medio dando a brasa, subindo e baixando a escaleira. E todo para oir… Que?

“A confrontación política en España foi un condicionante insalvable”

“Avanzamos, pero nesta ocasión non foi posible”

“Intentámolo e non puido ser. Haberá que agardar a outro momento político”

E logo, en menos de vintecatro horas, os tres xa estaban botando merda uns por riba doutros.

“A responsabilidade ten nome e apelidos: Alberto Núñez Feijoo”

“Se Touriño e Quintana non endurecesen a súa postura habería máis posibilidades para o consenso”

“A culpa é dos tres, pero duns máis que doutros”

Uns recibiron máis que outros, a dúas bandas. Ás sete da mañá, os asesores de “Olliños” NF espertábano coa labazada da actualidade. Os seus quince minutos de gloria mediática. Fede falaba del:

PERO DE QUÉ ESCOMBRERA IDEOLÓGICA HABRÁ SACADO RAJOY A ESTE GALLARDONCETE!!!

A QUIEN SE LE PUEDE OCURRIR SEMEJANTE PROPUESTA ROMPESPAÑAS DE “SENTIMIENTO NACIONAL”!!!

“Sentimento nacional” foi o máis lonxe que algúns quixeron chegar. E non foi suficiente para chegar a ningures. Unha gran perda para a literatura galega. Un extracto desa xoia que aspiraba a ser o preámbulo das “maiorías”.

“Desde la Edad Media, Galicia ya es identificada en toda Europa como una de las regiones históricas del mundo occidental, asociada a su doble condición de finisterre continental y centro geográfico de la cristiandad jacobea”.

Pois nada, ao carallo. Caos e destrucción! Caos e destrucción! Seguiremos sen saber ser nacionalidade histórica. Seguiremos cantando aos piñeiros que nos legou un bardo anacrónico. Sempre nos quedará a Lei de Símbolos de Galicia. Xa de facer o ridículo, en troques de cantar ós piñeiros podiamos cantar ás violacións:

Pilleina antr´os pinos soa,

alba de medo tornou;

quixo fuxir, mais non pudo,

que sabe que peixe eu son.

Rogárame de rodillas,

de rodillas me rogou;

tembrou como a vara verde

qu´estremece a virazón.

Cal quen teme ser oída,

dixo: “Pídocho por Dios…¡

“Estás fresca -lle contesto-,

vente a min con oracións¡

Non solta nunca o raposo

a galiña que pillou, astra zugarlle o mel todo

non solta a fror o abellón,

nin a branca e doce pomba

larga o montesío azor”

Argumentos para a fogueira neoliberal. E mentres, outros medindo cráneos.

– “Galicia merece un estatuto de primeira”
– “Non é de recibo”
– “Galicia non pode estar nin un milímetro por baixo de Catalunya e Euskadi”
– “Pero… imos ver… ¿estamos ou non estamos nun país serio?
País! País! E agora de que imos falar? Isto xa non o amaña nin un corpo especial de funcionarios ourensáns

13 Comentarios

Arquivado en Estatuto, Política

Sempre nos quedará 1981

por Viriato

Nalgún momento da semana pasada, un húmido día de xaneiro en Monte Pío-Pío. Tres homes, tres amados líderes políticos, tres adalides da galeguidade, teñen unha cita por motivos non sexuais.

T.- Ola Quin, ola Berto. Benvidos á miña humilde morada.
Q.- Ola Milio, ¿que tal a muller?
T.- Uns días mellor e outros peor.
F.- Ola ós dous, ¿os xemelgos ben, Anxo?
Q.- Ben, ben, xa os imos ensinando a durmir á súa hora.
T.- ¿Canto azucre no café?
Q.- Dúas culleradas.
F.- Ninguna para min, pero agradecería un pouco de leite.
T.- Aquí tes… e dime ¿e certo que estás liado con Mar?
F.- Hala, veña, o falar non ten cancelas…
Q.- Pois eu tamén o escoitara, ¿eh, picarón?

(2 hora despois)

F.- E entón o chimpancé travestido di ¡Todos o chan, teño unha almáciga e non temo usala!
Q.- Juar, juar
T.- Bwa-ha-ha, bwa-ha-ha. Moi bo, pero creo que viñemos aquí a pactar algo…
Q.- Si, si. Galiza está pendente de nós.
F.- Je, je. Ése si que é bo, pero xa mo sabía.
T.- Señores, xa saben que todos temos que ceder. Veña, Alberto, comeza ti.
F.- Non, que comece o Quin.
Q.- Ah, non, eu xa abrín a sesión a última vez. Milio, tócache.
T.- Non, non, cede ti.
F.- Non, cede ti.
Q.- Non, ti.

(30 minutos máis tarde)
Todos.- ¡Pedra, papel, tesoiras!
Q.- ¡Merda! Vale, comezo eu. Galiza é unha nación por vontade do seu Parlamento.
T.- Está ben, iso, pero mellor, que sexa “vontade dos seus cidadáns”.
F.- Ah, non, como moito poñemos que “Galicia ten un sentimento nacional”…
T- Si, si, claro. Sentimento de nazón de Breogán.
F.- Non metas a Breogán nisto, Milio. É o “sentimento nacional dos nacionalistas”.
Q.-Vexo o teu, e subo a “o sentimento galeguista que nos une a todos define históricamente a Galiza como nación”.
T.- A min váleme, si.
F.- ¡Nin de broma!
Q.- ¡Pois o de nación ten que poñelo nalgunha parte!.
T.- De acordo, ¡e de Breogán!
F.- Vas moi lonxe, alaricano. E non é de recibo.

(Tras unha hora e media)
Q.- Vale, entón, deixamolo en “Os galegos teñen a sensación de vivir no epicentro da cristiandade xacobea e iso lles leva a categorizar o seu país como unha nación se alguén lles pregunta ó respecto”. E que conste que Antón Losada vaime botar a bronca por ceder tanto.
T.- Gústame. Parécese as frases que me escriben para os discursos.
F.- Si, podería valer…
T.- Entón, falemos de suprimir as Deputacións.
F.- Si, claro, para que Baltar se me escinda. Non é de recibo que te pases de listo, Emilio. Deixádevos de minucias e falemos do estatus do galego: “É igual en dereitos ó español”
Q.- Castelán, Alberto, castelán. E será igual en dereitos de deberes.
T.- Eu diría que será igual en rexime xuridico, cuántico e termodinámico, e cada quen que interprete o que lle de a gana…

(Outra hora despois)
T.- Vale, entón. Galego e castelán son iguais nun sentido metafísico, agás para os que naceran no día da Hispanidade.
Q.- Se o repites moitas veces, empeza a soar ben…
F.- Si, non sei, non está mal de todo…
*Soa un móvil coa melodía de Paquito Chocolatero*
F.- É o meu, desculpade… ¿Si? Mariano, hola, ¿por aquí? Pues avanzamos, avanzamos… Sí, pero… Sí, sí, pero… Sí… … … Ajá… Vale, o que ti digas.
Q.- ¿Pasa algo?
F.- Non, nada. Era… miña nai… … é que está mala… si… eso…
T.- Logo sigamos. No da Axencia Tributaria propia xa estabamos de acordo ¿non?
F.- ¡Non! Iso e roubarlle cartos a todos os españois e non penso asinalo.
Q.- Vale, pois vai asinando o da nación e xa o discutimos agora.
F.- ¡Non! ¡De nación nada! ¡Separatistas! ¡Rompespañas!
T.- ¿E o do galego?
F.- Iso ainda menos. Penseino mellor e non vou pactar nada que vos dea pé a facer terrorismo lingüístico. Non quero que se forme un Cidadáns de Galicia e nos quite votos.

(1 hora despois)
Q.- ¡Vale, a tomar polo cu! Ti gañas. Estou disposto a poñer que “Galicia é a nación de Breogán” si con eso damos saído de aquí.
T.- ¡Bwa-ha-ha! Iso xa o pactaches comigo en novembro, Alberto, así que terá que valerche.
F.- ¡Pois non! Non vale. Cambiei de opinión, hala.
T.- ¿E se digo “Galicia é unha comunidade nacional”?
F.- ¡Non!
Q.- ¿Nacionalidade histórica?
F.- ¡Non!
T.- ¿Comunidade autónoma de veciños?
F.- ¡Non!
Q.- Buf, estou farto ¿Tes hora?
F.- ¡Non!
T.- Son as seis e aínda non comimos. ¿Non tedes fame?
F.- ¡Non!
Q.- Si, máis ben. Deixemos de perder o tempo e imos papar un churrasco.
T.- ¡Pero vamos a ver! ¿Estamos ou non estamos nun país serio? Ti, Berto, vas pactar algo?
F.- ¡Non!
T.- Pois logo imos comer churrasco.
F.- ¡Non!, ben, ou sexa, si, pero non o poñades no Estatuto.

2 Comentarios

Arquivado en Estatuto, Política, Surreal

Quo vadis, Pescanova?

por Medulio

Resulta que a maior preocupación dos últimos días entre a clase política galega céntrase na fuxida de Pescanova. A multinacional liderada por Rodolfo Langostino, despechada polo non da Xunta ao megaproxecto de granxa acuícola en Touriñán, pasou á acción a través do discurso de «Vámonos pa otro lao Manolo, que aquí no nos quieren…». Deulle argumentos á dereita e puxo en entredito a política industrial do bipartito. Se é que existe tal política, claro.

Persoalmente impórtame un carallo onde se vaia ubicar o novo chiringuito do sempre tan temible sector da acuicultura galega. Lembro con claridade dous momentos tráxicos na miña curta pero intensa vida: cando escoitei por primeira vez o single de Jesulín de Ubrique, e cando souben que detrás da rival de Pescanova en Galicia, Prodemar (nome tan sospeitosamente galego como breixo ou Catuxa) agochábase Stolt Sea Farm (SSF). Os mass media mentiran: todos dixeran que SSF era de Noruega, pero non, formaba parte dun grupo con sé en Luxemburgo. Como non desconfiar dun grupo mariño radicado en Luxemburgo? Onde carallo teñen as granxas de rodaballo, na residencia oficial do Gran Duque Enrique I?

A presenza dos luxemburgueses de Prodemar en Carnota, Muxía, O Grove, Palmeira e Aguiño non me inquieta. Que teñan alí cinco granxas e dous criadeiros tampouco. Praias e quilómetros de costa ten Gallaecia como invernadoiros Murcia. Pero se toda esa infraestrutura supón unha creación de emprego de 110 postos de traballo directos, e 35 indirectos (datos facilitados a Galpón de Breogán pola propia empresa) a cousa cambia. Perfecto que escarallen o litoral se con iso reducen a taxa de paro, pero dá a lixeira impresión de que manexando esas cifras non paga a pena todo o pifostio. E non estamos dicindo que Finsa ou Meirama non contaminen, ollo.

Non sei se vós, estimados galponeiros, compartides o temor de que en Pescanova teñan o costume de gardarse moitos ases debaixo da manga. Lícito. Pero iso de xogar coa historia de que ían crear máis de 300 empregos na Costa da Morte, nunha zona tremendamente deprimida (para cando o novo documental Tierra sin pan á galega?) non me encaixa. Un poquiño rastrero, vaia. Facendo contas, unha quinta parte dos 300 empregos de Touriñán ocuparíase de cantarlles nanas aos alevíns de peixe mentras durmen. O resto vixiará que non fagan ruido para que medren sans e salvos, en quendas de cinco horas por aquelo de conciliar a vida laboral e familiar tal como insiste a Vicepresidencia da Igualdade.

Pero en Portugal están convencidos de que teñen feito o choio do século, cando os auténticos beneficiados son os pesca-boys: a base de choros e pataletas conseguiron o mesmo que en Touriñán un pouquiño máis abaixo, ao mesmo prezo e con soldos máis cativos, e pagándolles a UE parte dos 140 millóns de investimento. Conseguiron tamén tres alternativas en Xove e Ribadeo. E conseguiron quedar como vítimas, como os que non poden ser profetas na súa terra… son os novos exiliados político-económicos duns gobernantes torpes. Como sempre, lo bueno sale bien.

É máis. O único que ten feito a new Xunta, a través de Política Lingüística, foi intentar que Rodolfo Langostino ou o mítico Grumete fosen substituídos por Seguriño ou por algún familiar próximo ao Xabarín. A colonización dos iconos mediáticos de Pescanova non mudará, mal que lle pese ás altas esferas de San Caetano.

É Rodolfo a única incursión de Pescanova no abraiante mundo dos negocios estranxeiros, ou mellor dito, non galegos? Cando se produciu realmente a fuxida do grupo de Fernández Sousa alén das nosas fronteiras? Hai tempo, porque só os iñorantes, imbéciles, escuros e outros grupúsculos citados por Pondal poden pensar que unha multinacional pode pervivir sen largarse a producir máis e máis barato. Amancio Ortega é admirado por levar o nome de Galicia a todo o mundo, non por trasladar a Asia ou Europa do Leste a produción de Bershka e Massimo Dutti. Neste caso, máis do mesmo. Quen queira pensar que a cúpula de Pescanova leva Galicia no corazón, perfecto. Eu aposto que o empecinamento se debe a que as augas galegas son idóneas para o cultivo do rodaballo, polo menos ata que monten granxas en Tailandia. Mentres tanto Galicia seguirá sendo unha potencia no sector, axudada pola dificultade de licitar os proxectos acuícolas en Navacerrada e Colmenar Viejo.

De feito, nas outras fábricas de Pescanova hai tempo que se escoita algo máis que Pili Pampín e Xil Ríos. Exemplos: na de Sanlúcar -situada dentro do parque Nacional de Doñana- escoitan Chiquetete e La Chunga. Na que está na desembocadura do Río Guadiana -cunha pequena extensión de 80 hectáreas- pega forte Azúcar Moreno e unha cinta de Dinamita pa los Pollos, sobre todo entre os nostálxicos. En Chile e Nabimia supoño que terán postos artistas locais, e cuestión de comprobalo.

Se pecha a Citroën irán ao carallo máis de 30.000 familias. Suficiente para que o rodaballo, a galeguidade de Pescanova e as construcción dentro da Rede Natura non me quiten o sono.

4 Comentarios

Arquivado en Política

Pornografía

por Parvo de Cela

A sorpresa do semidesnudo de Ana María Ríos centrou a atención de todos os cafés de mediamañá do traballo na Semana I postnadal. A perruqueira de Arcade loitou pola atención informativa cun grupo de rodaballos, evitou que o telexornal abrise advertíndonos de que imos mercar un xersei nas rebaixas e soterrou definitivamente a polémica polo himno hispano interpretado polo fillo dun coñecido catedrático de literatura galega. O dito tirán máis dúas tetas ca dúas carretas contén a suficiente carga teórica para explicar a atención suscitada.

Dolce Vita, Fellini a varios anos luz, permitiu levar a cabo unha sesuda análise dos motivos que levaron a unha perruqueira de Arcade con importantes débedas polo seu proceso xudicial a gañar unha cantidade importante de cartos. Os veciños da vila marisqueira estaban divididos e manexaban unha cantidade de tópicos similar aos que lles soltarían aos reporteiros en calquera vila de Ávila ou Murcia. Ou o que é o mesmo, ao final tratábase dunha muller vulgar (pertencente ao vulgo) que sufriu un proceso xudicial inxusto e que despois por un puñado de dólares se pon en bólas. Ana María Ríos é, polo tanto, unha heroína universal e de chamarse Anne Marie Rivers ou Anne Marie Fleuves tería un film en Hollywood ou dirixido por Godard.

Sen embargo a reportaxe de Interviu significa a mellor noticia en moito tempo para a nosa comunidade de veciños autonómica. Galicia ten un tratamento informativo estatal (ou madrileño) similar ao de calquera país de latinoamerica. Aparece nas portadas cando os desastres naturais asolan ao país, os narcos actúan ou se producen románticas historias. E que dicir dos protagonistas: Mariano Rajoy, Pepe Blanco, Míchel Salgado… Polo menos Ana María sabe cortar o pelo. As tetas naturais da nosa perruqueira nacional dannos aire fresco neste mundo pornográfico e asiliconado que nos tocou en sorte. Estas glándulas non fan dano a ninguén salvo a ela mesma se as traba cunha porta. Resultan menos pornográficas ca maior parte das noticias que xeramos.

2 Comentarios

Arquivado en Costumismo