As Propostas de Aninovo dun Home do Renacemento

por Frouxeira

Ah! Ourense!

Benvidos á Cidade Termal, á Atenas Galega! Cuna de Egocéntricos e Ingnorantes! Patria de Opositores e Funcionarios de sona mundial! (a presenza dos “mandaríns aurienses” na corte chinesa está documentada dende os tempos da dinastía Tang, a partir do 618 d. C.) Unha cidade revirada sobre si mesma, cunha burguesía cosmochoqueira con serios problemas de amnesia sobre a súa herdanza rural.

A cidade dos Ovos Coren conta cunha estensa nómina de persoeiros ilustres ás súas costas, como o Bispo Cardenal Pedro Benito Antonio Quevedo Quintano (1776-1818), azote de afrancesados e mamporrero absolutista nas Cortes de Cádiz de 1812; ou José Calvo Sotelo, ilustre deputado da dereita antirrepublicana en 1936 pola circunscrición ourensá, cuns méritos políticos nese ano de graza de todos ben coñecidos.

A liñaxe dos ourensáns egrexios esténdese ate os nosos días, con todo un home do renacemento comodamente encaixado na cadeira do Pazo Provincial. Á fronte da Deputación de Ourense dende 1991, Jose Luis Baltar Pumar foi o home que lle devolveu a dignidade á súa nobre profesión cando popularizou a frase “se facerlle favores aos amigos é ser un cacique, daquela, si, eu son un cacique”.

Animal político de habilidade escorregadiza (nin león nin raposo: salamandra con pintiñas), este home saído do curral de Euloxio Gómez Franqueira, o magnate das pitas, moveuse polas augas da UCD, Coalición Galega, Centristas de Galicia, ata arreconchegarse no cálido fogar popular. Dende o influinte concello de Nogueira de Ramuín, mundialmente coñecido pola súa feira canina, directamente ao veludo do Pazo Provincial, mundialmente coñecido pola súa burocracia sobredimensionada. Non soamente foron os méritos propios os que o converteron no pai putativo de tódolos ourensáns, tamén foi a designación do dedo divino do seu psicopompo, Victorino Núñez, quen o escolleu como home de palla para cubrir a súa vacante. Deste xeito, a carreira política de Baltar despegaba mentres Victorino queimaba a súa no Pazo do Hórreo facéndolle sombra a quen non debía.

Dende aquela xa pasaron dezaseis anos de servizos á comunidade, un tempo durante o que Baltar se revelou como un verdadeiro home do renacemento: á marxe da política, aínda atopou tempo para adicarse á música como trombonista dunha coñecida charanga, para converterse en empresario deportivo e levar ao Clube Deportivo Ourense ate o seu destino final (bancarrota e disolución), ou para escribir algúns dos versos máis delicados e sublimes da poesía ourensá das últimas décadas (musicados pola súa charanga):

Se non es do PP,

Jodeté,

Jodeté

As porpostas deste ano 2007, a xeito de orzamentos provinciais, consagran a súa faceta humanista. Vexamo algúns exemplos:

Baltar é un home preocupado polo seu pobo. É o seu Padriño. Por iso se esforzou por colocar a tódolos fillos dos seus amigos, ofrecéndolles unha praza de funcionarios provinciais á medida dos seus currículums de universidade privada. Cantas familias felices! Por iso destina a pagar as súas nóminas 24, 9 millóns de euros, dous millóns máis que o ano pasado.

Baltar é europeísta e solidario. E quere compartir os fondos europeos cos seus novos irmáns de Rumanía e Bulgaria. Por iso reduce os gastos do Plan Operativo Local que se fornecía de fondos comunitarios. Seis millós menos para a nosa familia do leste.

Baltar é un creador ao que non lle gusta repetirse. Por iso, tras estender durante anos os bens da civilización ás aldeas máis arredadas da provincia, aplicando con rigoridade xermánica a súa política de pista / poste, agora decide reducir este o seu gran proxecto destinando soamente 7,8 millóns dos novos orzamentos ós investimentos reais.

Do que concluímos que…

Baltar é un mecenas, xeneroso e magnánimo! Capaz de gastar dez euros para poder investir un.

E aínda máis:

Baltar é un axitador cultural! A cultura dá a felicidade e permite lucir abrigos de visón. Por iso destina un millón de euros á programación do Teatro Principal (unha institución de sona global, máis ou menos á altura da Cidade da Cultura, dirixida pola súa ex nora)

Baltar é un ecoloxista! Consciente do deterioro que causan as industrias no medio ambiente, este ano reducirá a uns exiguos 56.000 euros a partida destinada ao fomento industrial. Tamén, para protexer o noso territorio das destructivas invasións de toristas insensibles, deixará a partida da promoción turística só en 43.000 inofensivos euros.

Baltar é un artista conceptual! Este ano agasallará aos seus paisanos cunha serie de performances sobre o recurso da sinécdoque. Para ampliar os seus horizontes vitais e estimular a súa imaxinación, en troque de parques Baltar sabe que chega con poñer bancos no medio da aldea para que os velliños pechen os ollos e se transporten sensorialmente a un xardín botánico. A imaxinación ao poder! Esta serie de instalacións artísticas por todos os seus dominios custaralle 130.000 euros.

O seu pobo, sen dúbida, saberá valorar os esforzos e desvelos do seu patriarca en prol do benestar. E, como mostra de eterno agradecemento, premiará a este home do renacemento con catro anos máis á fronte do Pazo Provincial, situándoo no olimpo da lonxevidade democrática, máis aló do mesmísimo Manuel Fraga Iribarne, seguindo o camiño xa percorrido por Francisco Cacharro Pardo… Pero para iso aínda faltan catro meses… Catro meses ate a consagración…

Advertisements

6 Comentarios

Arquivado en Costumismo, Ourense, Política

6 respostas a “As Propostas de Aninovo dun Home do Renacemento

  1. Exiliadoesquencido

    Paréceme moi inxusto, señor galponeiro, que non faga referencia máis polo miúdo á egregexia caste que o Noso Señor Presidente ten tras de si. Espero que o erro sexa subsanado en breve, como corresponde a un sitio web tan choqueiro e desenfadado como este.

    O seu, en efecto, é un caso de éxito persoal, o que noutras linguas se chama self-made man (do que temos exemplos como Al Capone ou os propietarios de Enron). Sen embargo é preciso recalcar que a súa mensaxe, a súa obra, non será en van, non se diluirá como o fixo a doutros grandes homes que transformaron o mundo, como Trujillo ou o mulá Omar. E por que? Porque os seus fillos (moi destacadamente Junior -véxase na imaxe, paradóxicamente de VERMELLO! e á ESQUERDA! [é ese, ou?]) botarán enriba dos seus ombreiros a tarea de levar o baltarismo ata os seus límites máis estremos e acuciantes… (e se non, observen outos exemplos, como a outra familia B.)

  2. galponeiro frouxeira

    Amigo emigrado,

    a nómida de egrexios ourensáns esixiría un texto aínda máis longo ca este para facerlles xustiza. O primeiro problema sería seleccionalos, entre tan numerosos candidatos. E logo, a árbore xenealóxica distanciaríanos en exceso da actualidade política, unha das premisas desta web. Con todo, prométolle futuras referencias aos ourensans ilustres, para que fique ben clariño que o baltarismo non é flor dun día.

    e en canto á súa continuidade, a aliñación á esquerda e de vermello de Baltariño responde, obviamente, a unha estratexia de “catch-all-party”, é dicir, á cacholización da política ourensá. Consciente de ser o vinculeiro, Baltariño quere crear unha imaxe propia que combine a continuidade da tradición coa apariencia da novidade. De aí as súas arroutadas de gafapastismo pedestre, coas súas continuas apelacións aos Beatles e o súa obra na blogosfera. Amais, aínda non está claro se, amais de ser un digno sucesor do trono, pode aspirar a responsabilidades maiores lucindo calva á beira de “Olliños” NF.

    Baltariño será, coma a segunda xeración da outra familia B. (chamémoslle Matogueira, para disimular), unha copia corrixida e aumentada do seu antecesor, sobredimensionada nas súas manifestacións máis extremas. Non sería xusto que lle permita gañar “o concurso provincial de cacicadas” a ningún outro chaíñas.

  3. Balteira

    Estouvos facendo unha promoción brutal, e só espero a cambio que por favor nos dedes en breve chistes de Touriño como prometiades na vosa presentación-declaración de intencións.
    Vexo que vos atrevestes xá co humor gráfico, pero é tan difícil de compartir…. Suspiro por chistes deses de toda a vida, dos de contar no ascensor ós veciños e no café os compañeiros de traballo, para facerse querer.
    E pido tamén (xa sei que o dos reis xa se pasou, pero por pedir…) chistes sobre Quin (o de que Ourense “quin, quin” é o que se lle di os porcos pra que vaian para onde un quere non me vale que xa está vello) e sobre a vida en xeral.
    Ala, a seguir traballando que tedes moito que facer.
    Bicos moitos

  4. Pingback: Sucesión « Galpón de Breogán

  5. Pingback: Musicoloxía electoral « Galpón de Breogán

  6. Pingback: Pactar... ou non pactar « Galpón de Breogán

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s