O presidente e a reconversión

por Medulio

Entre as múltiples finalidades de Galpón de Breogán tamén está a social. Cumprimos unha misión, aínda que non nos sentimos elixidos. Podería facela calquera outro, pero estamos moi orgullosos de poder botarlle unha man ás forzas vivas galegas para facer deste un país mellor, con ou sen estrela na bandeira, con ou sen Estatuto reformado.

Nun segundo plano o affaire Pescanova (ao final tanta leria para que a Xunta diga que se vaian ao carallo, os outros digan que non se queren ir e xurdan pequenos problemas noutras partes do mundo), a atención informativa centrouse na cidade departamental por excelencia. Pérez Reverte pode defender o seu pero urbe con tales características -departamentais, claro- só hai unha. E moito ollo, que cando falamos da industria en Ferrol convén coller neumáticos e pedras… quen sabe se acabamos cortando a ponte das Pías. Non sería a primeira vez, nin será a última!

Imaxinemos por un momento unha vila cunha factoría na que traballaban nos anos 70 máis de 10.000 persoas, e que agora traballan alí 360 operarios. Engadámoslle unha cantas trolas de carácter político, promesas a tutiplén, e un astaleiro de 820.000 metros cadrados baleiro. Iso chamábase Astilleros y Talleres del Noroeste, logo Izar, e agora Navantia-Fene. Pero toda a puta vida foi e será Astano.


Chegados a este punto, resulta que un conselleiro da UPG (si, os que querían colectivizar os medios de producción, si, eses) pensou que privatizar parte do que está sen usar pode servir para que a xeración do tunning -e posteriores- deixen de lle pedir a paga a papá e mamá. A compra a faría unha empresa galega, crearíanse 300 empregos e aquí paz e despois gloria. Demasiado fácil.

O Goberno central (propietario de Astano) non quere vender. Alegan que Bruxelas non deixa construir barcos civís ata 2015, debido ás subvencións que os astaleiros públicos españois recibiron de xeito ilegal no mandato do señor con bigote. Pero o conselleiro upegallo mantén o contrario: Fene non recibiu un puto duro (algo obvio se pasaron de 10.000 a 300 empregados, a non ser que o gastasen en prexubilacións nas Bahamas) e ademais os terreos de Astano son unha concesión da Xunta. Mecagoenlaleche!

Retomando o do principio, a función social de Galpón de Breogán pretendía ser a de dicirlle ao noso presidente cómo expresarse cando lle preguntasen polo tema, tendo en conta que os ferroláns están un tanto queimados con esta cuestión. Inda así sabiamos do seu dilema: ¿apoio ao meu conselleiro nacionalista, ou ao meu partido que goberna en Madrid? A nosa proposta era a seguinte:

Opción 1. (Radical): “Xa está ben de que o colonialismo industrial español non deixe medrar ao sector produtivo galego. Bravo polo meu conselleiro. Parafraseando a Paco Vázquez, estou con el ata as cachas

Opción 2. (O mérito é meu): “O plan presentado onte por Industria naceu do meu saber, dos meus anos como docente no eido universitario. Non podía ser menos”

Opción 3 . (Goberno que reza unido permanece unido): “Somos unha piña. Este plan é unha proposta de todo o Goberno galego, porque Fernando Blanco é carne da miña carne, sangue do meu sangue”

Opción 4. (Diplomático): “Entendo as restriccións que nun principio pode poñer o Goberno central, pero é un bo plan e entre todos temos que lograr que Bruxelas deixe de amolar e poidamos reflotar o naval de Ferrol, que boa falta fai, carallo. Jopé”

Nada diso. O presidente non só non lle dixo hai meses ao seu conselleiro que se deixase de parvadas, senón que tivo certo medo e por iso botou man da poesía institucional, da que me permito extraer o seguinte:Pérez Touriño destacou que o Goberno que preside traballa con firmeza no desenvolvemento do sector naval de Ferrol e que a Xunta vai “traballar nesa dirección e aproveitar a máis mínima fiestra a máis mínima luz” para que este sector e outras “actividades complementarias” poidan desenvolverse na cidade departamental

Total, que o xefe do Executivo galego optou pola literatura nunha cidade berce de xente como Concepción Arenal, Torrente Ballester, Carvalho Calero ou Paloma Lago. E a estas alturas dubido de que os ferroláns (e os galegos, todos somos Astano, mesmo Ana María Ríos) estivesen ansiosos por escoitar algo dun político. E moito peor se por riba diso, o político adícase a recitar.

Advertisements

4 Comentarios

Arquivado en Política

4 respostas a “O presidente e a reconversión

  1. arrieira

    Tamén está a opción retro: Volta á política aznariana, e entón EUA fará encargos de milleiros de bateas de combate para instalar no Mar Vermello o que suporá centos e centos de postos de traballo.
    viva el Ferrol!

  2. Que ben te explicas ¿Non? O outro día lera algo sobre o tema pero falaban da factoría de Vigo, o conto era parecido, non me acordo da páxina… Sen estar moi enterada eu penso que todo o que din cae polo seu propio peso, se é insostible que o digan e busquen alternativas pero que deixen de dar largas.

  3. Cousas de O Grove, Crónicas de un pueblo.

    Dirixentes do PP levan ao xulgado a dous blogs de Cambados e O Grove.
    Desde fai xa algún tempo proliferan en Internet as páxinas web, blogs e foros nos que cuestiones de política municipal arousá son as protagonistas dos debates. Lugares nos que os veciños non teñen reparos á hora de criticar actitudes e obras dos gobernos locais e, ás veces tamén, dos partidos da oposición. Cambados e O Grove protagonizan un gran número destes espazos e, os seus dirixentes, a maioría das críticas. Pero o que a uns lles fai graza, a outros non lles gustou nin un pelo. Dirixentes do PP destas dúas localidades levaron ao xulgado aos blogs camba2.blogspot.com e ogrobe.blogspot.com.

    O blog do Grove recolle noticias da información local, con comentarios que engade o propio autor da páxina. A eles súmanselles tamén as opinións dos internautas que, libremente, escriben en cada unha das noticias.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s