Conspiranoia

por Viriato

 

Atención. Este texto desvela un dos segredos mellor gardados da Administración Mundial. Divúlgueno baixo a súa propia responsabilidade.

 

Nestas terras son habituais os chistes e as bufonadas sobre a excepcional capacidade dos ourensanos para aprobar concursos-oposición, así como para atopar buratos legais nas convocatorias públicas. Algo de certo hai, como en todas as lendas.

Fíxense vostedes que sen saír dos postos de goberno, podemos atopar a Anxo Quintana que, primeiro pillou praza de ATS, logo aprobou a oposición a alcalde de Allariz e agora é o segundo funcionario do país grazas ás súas dotes negociadoras, que lle axudaron a superar a mala nota que sacou no exame autonómico. Tamén temos ó gran Patxi Vázquez, funcionario da Consellería de Sanidade en excedencia, e o ínclito Alfredo Suárez Canal, profesor de mates en período vacacional-conselleiro. E do Home do Renacemento xa nin falo.

 

Pero o que poucos saben é que a capacidade auriense para torcer e retorcer pode ir moito máis aló… Poucos saben da existencia do CEFOU (Corpo de Elite de Funcionarios Ourensans), un grupo especializado composto só polos máis versados burócratas da única provincia galega sen mar.

O CEFOU, é un nome escoitado polo baixo en tabernas e furanchos de todo o país, aínda que ninguén ten probas da súa existencia real. Segundo o díxome-díxome, é unha unidade ourensana internacional especializada en levantar da nada densos sistemas legais e burocráticos. Son capaces de crear leis farragosas, incomprensibles e problemáticas a velocidade do pensamento, como labirintos para o cidadán estándar. Todas as veces que alguén tivo problemas para pedir unha bolsa, rexistrar as escrituras do piso, ou facer a declaración da renda enfróntabase coa obra do CEFOU.

 

Disque o entramado da burocrácia soviética foi un dos maiores logros do CEFOU, e que o muro de Berlín caeu cando a crise económica do comunismo fixo imposible seguir mantendo as importacións de LK ouresano. Disque cando EEUU invade, sempre leva a tres ou catro axentes do CEFOU para que redeseñen o aparato do Estado que se vai conquistar, para que así os cidadáns queden atrapados nas redes do sistema e gasten as súas enerxías co papeleo, en vez de facer guerrillas.

Mais redes do CEFOU non rematan ahí, ah, non.  Os mais vellos entre os vellos din tamén que esta organización misteriosa é a responsable da creación do procedemento para apostatar da Igrexa Católica, dos trámites para darse de baixa das empresas de internet e das comisións dos bancos.

 

¿Cales son os motivos que hai tras o CEFOU? Iso ninguén o sabe. Tal vez dominar o mundo, tipo Spectra, ou só facer o mal polo pracer do mal. Mesmo pode que disfruten ó ser os funcionarios dos funcionarios. En todo caso, mira ben con quen falas, escolle ben os teus formularios e entregaos por triplicado na xanela número 7B.

 

Pero lembra: Ti tes dous ollos. O CEFOU ten mil.

Advertisements

13 Comentarios

Arquivado en Ourense, Surreal

13 respostas a “Conspiranoia

  1. Exiliadoesquencido

    Logo de perder o texto que levaba dez minutos escribindo sobre o tema, direi para abreviar que o obxectivo do CEFOU é difundir os principos da verdadeira fala humana, perdida ao longo dos séculos pola barbarie e a ignorancia. En resumo, converter a toda á Humanidade en rotacista.

    Unha vez sabido esto, espero que non se volva a nombrar en van o nome do CEFOU.

    Saúdos.

  2. frouxeira

    Nin latín, nin inglés, nin esperanto. O rotacismo é a lingua vehicular do futuro!!! Ourensáns do mundo… abride academias!!! Ou a man negra do CEFOU caerá sobre vós!!!

  3. Xabier

    Eureka !!

    Entón a CEFOU foi quen redactou a Lei de Loita contra incendios forestais…

    se non o credes premede aqui:
    http://mediorural.xunta.es/noticias/pdf/nd20018-1-20072.pdf

  4. arrieira

    é como en “sobre heroes e tumbas” de Sábato.

  5. Terá algo que co CEFOU as dificultades para sairse da lista de morosos despois de que unha compañía telefónica te metera nela sen motivo?

  6. Elixiado, Frouxeira, non terxiversedes os datos. O CEFOU só emprega o rotacismo como lingua oficial para que sexa máis complicado encher os impresos.

    Xabier, Raposo, arrieira, ninguén sabe a ciencia certa en qué inflúe o CEFOU e en que non. En todo caso, a lei de prevención e mesmo o anterior deseño da xestión das brigadas anti-incendios parecen levar o seu selo. E o das listas de morosos derívase dos procedementos para darse de baixa dunha compañía telefónica, así que sacade as vosas propias conclusións.

  7. NONSOLUMSEDETIAM

    Non sei cal é a estratexia do CEFOU, seguramente as súas sesións están acompasadas a gholpe de trombón. Eu so precisaba comentar unha cousa, se non o digo morro… Dicir que o rotacismo é unha lingua é unha verdadeira burrada. So é un proceso fonético, mediante o cal o son [s] Xordo convírtese en [r] vibrante e sonoro. Este proceso existe dende os comezos do latín. As desinencias verbais do latín arcaico eran en -se, consérvase o resto ESSE no latín clásico, convertiuse nun [r] nas desinencias -are, -ere, -ire. Quizáis o CEFOU existe dende esa época e pretenden que voltemos ó modo de vida daquela. Imaxinade a Baltar no seu TRICLINIUM tomando unhas forellas de xabarín confitadas con mel mirando como move as cadeiras a nosa querida e admirada Amparito.
    Saudos galponeiros!

  8. Grazas pola aclaración, amigo filólogo NONSOLUMSEDETIAM, e benvido tamén. Creo que o Exiliadoesquencido se deixa levar pola súa condición do alevín do CEFOU e xoga á desinformación e ó despiste.
    ¡Fodidos rotacistas, son todos iguais!

  9. Exiliadoesquencido

    Joé, xa estou coma sempre, entre a espada e a parede. Dun lado, o CEFOU perseguíndome por revelar sempiternos segredos, e doutro iñorantes xornalistas e filólogos que falan sen saber (e que me acusan de pertencer ao C.)…

    Antes que os esbirros do C. me atopen, vou puntualizar algunhas cousas. Van rápido para que non me localicen pola IP:

    1.- Viriato, o C. non precisa empregar unha lingua distinta para embarullar a prosa oficial. Non digo que non o faga, pero só por diversión. Empregando as mil palabras máis comúns do galego poderían facer textos totalmente herméticos.

    2.- NONSOLUMSEDETIAM, estimada filóloga (?), só direi que o C. ten ramificacións en todas as faculdades galegas (e parte das do Bierzo). O C. decide a evolución da lingua. É máis, decide que é lingua ou que é farrapo de gaita.

    3.- A todos en xeral, o C. non depende de ningunha confesión ideolóxica. Existía antes delas e seguirá rexindo os destinos de Ourense e outros sitios de mal vivir cando xa non existan.

    Voume correndo.

  10. Isaac ben de Alongos

    Me ha dicho un confidente Ourensan que el pueerto exterio de “(L)A” Coruña es en realidad un base clandestina de submarinos del CEFOU. Pare increible no?

    Yo pensaba que los del CEFOU tenian miedo al agua por que todos tienen un antepasado que murio de un corte de digestion cuando hacian abluciones a orillas del Miño.

  11. Pingback: Informe Cefou (I) « Galpón de Breogán

  12. Pingback: QUEN IMOS A VOTAR « Galpón de Breogán

  13. Pingback: O FLG detrás das vieiras contaminadas « Galpón de Breogán

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s