Sociedade Deportiva Goberno Bipartito

Por Frouxeira

Disque o estado español é o país dos corenta millóns de seleccionadores de furnbo. E os nosos benqueridos políticos galegos deben ter complexo de furnbolistas frustraos, a xulgar polo gusto que lle teñen ás alegorías deportivas. Feijoo, na resaca do estatuto, soltaba algo así como…

“Na miña opinión… estamos no descanso do partido… e se a min se me volve a convocar a xogar… isto é, a pactar… teñan por seguro que estarei en disposición de asistir”

Unha lectura da reunión de Monte Pío que podería traducirse algo así como…

“No último encontro non estiven moi atinado, pero o Míster sabe que pode contar comigo para o equipo”

Sabedores, polo tanto, do seducidos e desexosos que están os nosos dirixentes de dar patadas a unha pelota, dende o Galpón de Breogán propoñemos as seguintes aliñacións ideais para ese hipotético partido. Pero antes, ambientémonos un anaco coa poesía dos retransmisións deportivas….

Bennnviidos ao Cammmpo do Hórreo!!! Esta noite imos asistir ao encontro que tooodos vossstedes ssstaaaban agardando Ao Parrrtiido das Essstreeelas!!! Dunha banda, agardamos que á esquerda do campo se sitúe a Sozzciedade Deporrrtiva “Gobeeerrrno Biparrrrtiiito”. Enfronte, á dereita, vai ter un duuuro rival a batirrr: o múltiples veces cammmpiónnn en temmmpadas anteriores… Real Clube “Oposiciónnn Popular”!!!

 

Agora si, co estadio ruxindo ao fondo, este sería o noso once ideal para a Sociedade Deportiva “Goberno Bipartito”.

Co número 1, na portería, Alfredo Suárez Canal. Un xogador con moita experiencia, famoso no pasado pola súa agresividade, e que se está revelando nesta tempada como un gardameta capaz de manter a serenidade en casos extremos. En tódalas situacións de perigo, Suárez Canal está saíndo adiante sen que na trastenda do bipartito entren moitos goles. Este porteiro dálle seguridade e solidez ao xogo xunteiro, e sabe sacar balóns fóra cando outros os darían por perdidos. Lembrai o duro encontro no Campo dos Incendios Forestais.

Co número 2, xogando pola banda dereita, Manuel “Pachi” Vázquez. Bo regateador, sabe protexer o balón cando sae ao ataque, anque nunca se adentra demasiado no campo contrario. Malia o seu estilo conservador, é outro deses xogadores que dá o mellor de sí cando semella en dificuldades, coma naquel encontro no Campo do Umia. Con todo, fáltalle algo de imaxinación, ten un xogo demasiado previsible.

Co número 3, na banda esquerda, Ánxela Bugallo, un valor en ascenso imparábel dende a primeira victoria bipartita. Pero á hora da verdade, cando está no campo, non sempre amosa o que se supón que vale. Hai veces que se embarulla co balón en plena carreira. Protéxeo, evita que llo rouben, pero paraliza o xogo. Estou pensando nas dificuldades que ten para regatear cada vez que visita o Campo da Cidade da Cultura.

E a camisola co número 5 correspóndelle a Anxo Quintana, o segundo capitán. Un home con moita experiencia nas distancias curtas, que agora xoga como defensa central malia que se nota que preferiría estar máis adiante. Ten algo de complexo de esterliña, sae moito máis nos medios do que debería. Non tira da boca o seu mantra preferido: “Vicepresidencia. Xunta de Galicia”. Sóltacho sempre que pode. Pero por agora está cumprindo ante os ataques contrarios. Amais, enténdese ben co porteiro, os dous son vellos coñecidos da canteira alaricana. En todo caso, estas virtudes non se ven acompañadas polo xogo do seu compañeiro na área, o outro central: co número 4, usurpando o posto onda debería xogar Carlos Aymerich, Antón Losada.

O cambio non se sabe moi ben se é cousa dun dos técnicos do bipartito, Paco Rodríguez, ou se é o propio Losada o que se foi gañando a confianza do Quin. Pero o seu estilo é moito máis escuro e confuso que o de Aymerich. Por momentos semella que prefire agachar o balón ante o rival antes que facerlle un regate. Esa caste de xogo tamén despista ós seus compañeiros, e crea bastantes problemas de compenetración. Cando Losada ten a pelota, semella que xoga para si. Busca sempre combinar con Quin, pero esquécese de tódolos demais. Quin séguelle o ritmo, ás veces en prexuízo do equipo e del mesmo, aillando o seu xogo en troques de abrilo. E cando se trata de parar a un dianteiro habilidoso, Losada amosa unha lamentable falta de recursos máis aló da súa agreividade efervescente.

No medio do campo, co número 6, organizando e distribuindo o xogo, Ricardo Varela. Este medio centro é un deses homes grises e case anónimos que sempre fican en segundo plano, pero que logo resultan ser os arquitectos das grandes obras. Traballador entregado ao equipo, con grandes dotes de organización, canaliza o xogo medio bipartito para que o balón luzca nas posicións dianteiras. Diredes que está por estar… pero manda máis do que parece.

A camisola co número 7 correspóndelle a unha das revelacións desta tempada: a interior esquerda Teresa Táboas. Nunha posición aparentemente incómoda, está amosando unha boa capacidade para desenvolvese nos encontros difíciles, coma os celebrados nos Campos da Especulación, das Vivendas Protexidas ou do Solo Industrial. A sensación de afogo que pode transmitir a súa respiración entrecortada é só un espellismo que oculta unha ampla capacidade de resistencia. Os balóns que colga na área crean boas ocasións de gol, aínda que por veces peca de certa inexperiencia cando ten enfronte a un defensa curtido.

E, á dereita do mediocampo, co número 8, José Ramón Fernández Antonio. Un pilar básico da actual potencia xunteira, xogador limpo e efectivo nos seus pases. Non lle gusta chupar cámara, pero as súas asistencias son as que definen os goles. Hai quen di que deberían cambialo de banda para poñelo a xogar no mesmo carril que Ánxela Bugallo. Disque se entenden ben. Tamén hai quen di que mellor sería mover a Bugallo á dereita. Son discusións técnicas nas que non imos entrar, porque á marxe de hipotéticas relacións privilexiadas entre estes dous titulares, Fernández Antonio sabe soster o xogo coa maior parte dos compañeiros. Cumpre coas labores básicas de apoio sen as que o Goberno Bipartito ficaría coxo. Iso si, din que é un xogador moi volátil, que esta tempada se está lucindo, pero que a súa boa marcha ben podería truncarse na vindeira se a coxuntura non o acompaña.

Pechando o rondo do mediocampo, co número 10, a figura do equipo: Emilio Pérez Touriño, o capitán, un media punta ofensivo para canalizar o ataque na frontal da área. En semellante posto de prestixio, o cabezolo xunteiro amósase pretencioso, cun complexo de Ronaldinho que lle desmerece todo o que fai. Por agora tampouco é que xogue estrictamente mal, pero crese moito mellor do que realmente é, e ponse a facer numeriños complicados que case sempre lle saen mal, sen decatarse doutras opcións máis simples e eficaces. Lembrai os seus continuos erros na recente visita ao Campo de Pescanova (entre moitas outras cantadas, demasiadas para o que se supón que vale)

 

Xa na dianteira, asediando na área pequena dos rivais, os dous arietes femininos do bipartito. Co número 9, a veterana Lola Villarino, toda unha hooligan hiperviolenta que se lanza sen piedade sobre a portería contraria cada vez que ten un balón a tiro. De tanto que ataca aínda mete unhas cantas, pero ás veces pesan máis os problemas que provoca que os tantos que marca. Ten a cualidade de espertar instintos sanguinarios nos defensas que a marcan, máis atentos a lesionala que a defender a súa portería. Mesmo no seu propio equipo preocúpanse máis do seu mal carácter que da súa efectividade. Non é a primeira vez que remata un partido hostiándose cos seus propios compañeiros, e senón que llo pregunten ao seu maior inimigo interno, o sancionado Carlos Aymerich.

E, por último, outra das revelacións da tempada: co número 11, a máxima goleadora do combinado bipartito, María Xosé Caride. Unha xogadora todo terreo, especialista en afundir calquera sistema defensivo que tente contela, chámeselle Lei do Litoral, Plan Xeral de Vigo, ou Vía Rápida do Salnés. Por veces gústase de máis, pero por agora está nesa fase das novas promesas nas que todo lles sae. Mentres manteña a confianza no seu xogo e mais esa punta de velocidade, os rivais van ter difícil conter tanta incursión victoriosa.

 

Ate aquí a nosa proposta (por hoxe). Pero vós diredes… “¿E onde colocan estes a cracks como Fernando Blanco ou María José Rubio?” Ou… “¿Pero é que non van subir ao equipo titular a ningunha das figuras da canteira municipal, coma López Orozco, Sánchez Bugallo ou Javier Losada?” E que ninguén me pregunte por Méndez Romeu ou por Carmen Gallego: o primeiro só pensa en marchar cedido ao Furnbo Clú “Gobierno Central” e a segunda leva a peor racha de lesións que sufriu o equipo. ¿Botades de menos a alguén máis? ¿A Laura Sánchez Piñón? ¿E esa quen é? ¿Xoga no Bipartito? Son moitas as posibilidades, por suposto: Galiza é nación porque ten dous millóns setecentosmil seleccionadores. ¿Vós a quen poñeríades?

[…e a vindeira semana, por suposto, a aliñación do Real Clube “Oposición Popular”]

1 comentario

Arquivado en "Fúrbol", Política

Unha resposta a “Sociedade Deportiva Goberno Bipartito

  1. Exiliadoesquencido

    Eu penso que Fernández Antonio está ben onde está. Se xogase con Bugallo só tocarían entre eles e chuparían demasiado.

    Joé, pois si que mola esto de ser seleccionador.

    Un saúdo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s