¡Ás armas!

por Viriato

Pese os esforzos de Alberto Núñez Feijóo por sementar o caos á busca da declaración máis imposible, e a non-visita da nosa musa, Anne Marie Rivers, a Fitur, coido que a noticia estrela da pasada semana foi a Operación Espingarda, o arresto en Verín dun grupo de señores adicados a compra-venda de armas de fogo.

Resulta que un vendedor de licores que foi edil do PP en Riós (75 anos), o dono dunha armería de Verín (71 anos), un que aínda é concelleiro do PP en Baltar (76 anos) e dous xubilados (un de 81 anos e outro de 56), noviños todos eles, tiñan montado un negocio en prol do dereito á defensa persoal coa axuda duns zamoranos que lles facían de exportadores. A Vicepresidencia de Anxo Quintana nega que se tratase dunha actividade dentro do programa Lecer para os nosos maiores.

A Garda Civil incautoulles a estes pobres homes tres fusís de asalto e un lanzagranadas (consideradas armas de guerra), un subfusil, 17 escopetas, 16 pistolas, 32 revólveres, 2 rifles, 5 carabinas, 10 metros de cordón de mecha lenta, 30 detonadores, incontables cargadores e pezas soltas de escopetas e pistolas, ademáis de abundante munición de diferentes calibres, incluídas balas de Cetme (munición militar). Vese que eran uns auténticos empresarios, emprendedores de verdade e desexosos de satisfacer todas as demandas que puidesen ter os seus clientes.

Estaba claro que con tanto sicario portugués, narco colombiano e mafioso de Europa Oriental campando polo país, os nativos da Raia Seca, lugar de fonda tradición contrabandista, tiñan que pillar cacho. ¿Ou é que imos deixar que os delincuentes que operan na nosa terra se abastezan de armas de pésima calidade importadas polos rusos e os sudacas? Pois eu digo: ¡Non!

O trafico de armas é un servizo que xera moito beneficio, crea postos de traballo na comarca e levanta industrias auxiliares, como a do transporte de mercadorías, os bares clandestinos, os sobornos policiais, os galpóns de estraperlo e o alugueiro de leiras como campos de tiro. ¿Queremos que toda esa riqueza marche para Medellín ou Chechenia? Pois semella que esa é a intención dos fiscais manipulados polo PSOE, que meten na cadea ós nosos homes de negocios, mentres a Xunta bigobernada, coma sempre, cala e outorga.

E si, xa sei que o tráfico de armas é ilegal. Pois claro, e tamén montar piscifactorías en Touriñan, pero iso dá igual. Aquí o que importan son os cartos.

E remato cunha interrogación sen resposta: As balas de Anne Marie ¿eran mercadas en Verín?

6 Comentarios

Arquivado en Autogoberno, Economía, Ourense

6 respostas a “¡Ás armas!

  1. Exiliadoesquencido

    Unha vez máis o CEFOU colabora polo ben do país. Non queremos armas de fogo nos nosos fogares… ¡Graciñas CEFOU!
    (Canto mal fixo o exemplo de Charlton Heston para a terceira idade)

  2. madame o

    Pois eu, que queredes que vos diga, onde estea unha boa arma branca, coa súa elegancia intemporal, a súa decadente beleza e a súa espartana practicidade, que se quite esa rede de pistoleiros solitarios (seguramente, exaculadores precoces todo, Freud o diría ben clariño). Canto dano fixo Tarantino coa dignificación do revólver lumpen, profiláctico e impersoal. Loitemos pola reivindicación dos coitelos de cociña e polo ‘do it yourself’ máis enxebre: calquera pode ser unha maruxa asasina!

  3. ¿Seguro que no allo estaba o dono dunha armería de Verín? Nunha nota da Axencia Galega de Noticias dicía que un dos detidos era dono dunha “ramería”.

    Simple matiz, e mira que non cambian as cousas…

  4. Home, non digo eu que os ramos non poidan empregarse como armas ofensivas, especialmente se son de rosas ou de flores de toxo. Ademais, non lle sería difícil esconder os fusís entre os matoxos de verde.
    Pero tanto La Coz, como The Region, como Il Corriere falan de que o implicado tiña unha armería, chamada Monterrei, concretamente, así que supoño que ó redactor de AGN fóiselle o dedo ó teclear. Pasa nas mellores familias.

  5. Logo o que ten unha ramería vende ramos? Eu pensaba que era un novo palabro para o concepto de lupanar, prostíbulo, barra americana, casa de manuelas…

  6. Vale, m’as pillao 🙂 Apúntome o termo para empregalo en futuras conversacións noctámbulas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s