Real Clube Oposición Popular

Por Frouxeira

Poucos equipos poden fachendear de manter durante dezaséis tempadas consecutivas o título de Campións de San Caetano. Foron anos gloriosos para o, daquela, Real Clube “Goberno Popular”. Lembro cando Manoliño Fraga (posiblemente o mellor furnbolista galego de todos os tempos) renunciou á división estatal, tras unha chea de anos frustrados sen acadar o título. Semellaba a fin da súa carreira. Daquela quixo probar sorte nunha categoría aparentemente inferior: a división autonómica. Sería aló polo campionato de inverno do 1989. Con el, a dereita paisana galega ía chegar ao máis alto…

… durante década e media. Pero a quinta de Manoliño Fraga envelleceu, e perdeu o título hai dous anos. Foi nunha final agónica contra o seu meirande rival, a Sociedade Deportiva “Goberno Bipartito”. O encontro estaba moi igualdado, anque se lles notaba certa vantaxe electoral aos bipartitos. Aínda houbo que agardar ate os últimos minutos da prórroga, xa no tempo de desconto, para que Millo Touriño marcara o gol da victoria…

Coa marcha de Manoliño, retirado á división senatorial (onde só se xoga furnbo de exhibición), eclipsáronse algúns dos grandes: pouco se sabe dende aquela de Pérez Varela ou de López Veiga; outros, como Xosé Antón Orza ou Xesús Palmou, limítanse a xogar no Campo do Estatuto; e houbo mesmo quen abandonou o equipo para fichar por outro e ser a estrela, anque sexa nun equipo da división municipal.

Agora, a gran dúbida de calquera afeccionado é “¿Eran insubstituíbeis?” Como resposta, os galponeiros propomos unha combinación dalgúns supervivintes daquela xeración dourada xunto coas novas promesas importadas dende Xénova. Esta sería a nosa aliñación titular.

Co número 1, na portería, o temíbel cancerbeiro Francisco Cacharro Pardo. Un gardameta que nos seus mellores tempos intimidaba aos rivais só coa súa presenza. Daquela era un valor seguro na retagarda popular. El, cumpría. Sempre. E así leva vintecatro tempadas coma titular. O problema é que todos, ate el mesmo, xa saben que esta vai ser a última. E ninguén quere falar do seu relevo. Os propios compañeiros perderon a confianza nel, e gardan as distancias. Vai vello, e non se lle perdoa as goleadas que encaixou nos Campos de Lugo, Monforte e Viveiro.

Na banda dereita, vestindo a camisola número 2, un home para renovar dende a tradición: José Manuel Baltar, “Baltarito”. Fillo dunha das grandes figuras do equipo, probou sorte en distintas posicións e agora exerce como traballador entregado á causa: a carretaxe, levar o balón de abaixo a arriba. No ataque non luce moito (nada, a verdade), pero na defensa actúa coma un pilar sólido. A canteira ourensá sempre deu moi bos defensores. O entrenamento do CEFOU dá os seus froitos.

E na outra banda, co número 3, xoga Amparo González, “Amparito”. Hai uns anos supúñase que era unha gran fichaxe da canteira ourensá, mais dende aquela amosou máis ben pouco. Non tocou bola. E iso que é titular. Moito marketing, moita foto, pero pouca efectividade no campo. Efectos da beckamización do furnbo popular.

Pola contra, un ourensán que si entrou de cheo na dinámica do xogo é Roberto Castro, o central dereito (camisola número 4), famoso por confundir a marcaxe dos rivais con partirlles as pernas. Unha das súas xestas máis sonadas foi cando lle meteu o cóbado nos ollos a Suárez Canal durante un saque de esquina. Outra das súas técnicas disuasorias consiste en sachar sen piedade as pernas de Lola Villarino, cada vez que a hooligan bipartita se achega á portería popular. Arríscase continuamente a que lle amosen o cartón vermello, e logo aínda se queixa cando pitan pealti… Demasiado zoupón para xogar con xeito.

E, á fronte desta fortaleza defensiva, co número 5, ¡O subcapitán do equipo! ¡¡O Cannavaro popular!! ¡¡¡Jooose Luissss… Baltar Pumar!!! Fichado para reforzar a defensa durante os anos gloriosos, este Home do Renacemento salientou de seguida pola súa abraiante calidade da que, por estraño que resulte, aínda non perdeu nin unha miga. Mestre das novas promesas, é o único dos supervivintes da quinta de Manoliño que ten garantido a titularidade por moitos anos. Revólvese coma ninguén co balón, ten unha excelente visión de xogo, e define sempre con moita precisión. É a mellor garantía coa que conta agora o equipo. Elevou a carretaxe a disciplina artística.

Para substituir a Manoliño como medio centro organizador fixo falla un complicado cásting entre vellas glorias e estrelas emerxentes. E tras moito cristo, o elixido foi Alberte Núñez Feijoo. O novo capitán dos populares luce a camisola número 6, e esfórzase por poñer o seu talento ao servizo do equipo. O problema é que se gusta de máis. E nin sequera se entende moi ben coa metade dos titulares. Da xeración dourada, só sabe combinar con Baltar, que lle organiza a xogada dende a traseira. Pero logo, non sabe como chegar á portería contraria, e algúns dos seus propios compañeiros non é que llo poñan sinxelo. El tampouco é ninguna figura: chupa máis ca ninguén, para perder o balón a metade das veces. Por agora só amosou que sabe marcar goles de penalti. Pouco máis.

Para maquillar estas eivas, Feijoo colocou diante súa a dous dos seus peóns. Co número 7, á esquerda, atópase Corina Porro, unha xogadora pretenciosa, que cumpre ben nas distancias curtas, pero sen moito talento para as individualidades. Fáltalle visión de conxunto. O título que a fixo famosa na división municipal das Rías Baixas non é produto dos seus méritos. Máis ben ese ano non houbo nivel (os rivais eran uns chaíñas).

E mentres, á dereita, co número 8, está Juan Juncal, un furnbolista gris saído do ermo de Ferrolterra, onde se fixo famoso polas súas carambolas. Gústalle facer coma que lle vai pasar o balón a alguén para despistar ao defensor, regatealo, e logo seguir cara adiante chupando bola coma se só fose súa. Ás veces funciona, e fica coa pelota, pero esas carreiras súas rematan antes saíndo pola liña de fondo que colgando o balón sobre a área rival. Esta técnica pode funcionar nunha pachanga municipal, pero non semella a máis axeitada para a categoría autonómica. Fáltalle madurez.

O xogo de Feijoo, canalizado por Porro e Juncal, debería chegar ate a área rival, pero últimamente non están moi coordinados os medios cos dianteiros. Xunguindo a uns e outros está, co número 10, o mediapunta polo centro, Xaime Pita Varela. Nos tempos de Manoliño arramplaba con todo, éravos un atacante furioso e efervescente, capaz de tirar a porta dende o semicírculo central se lle cadraba ben. Pero nas últimas tempadas está moi mansiño, véselle canso, namais recolle e devolve o balón, fáltalle aquela explosividade que o fixo famoso nos seus man a man con Suárez Canal.

E se Xaime Pita xa non é o de antes, moito máis engruñado está o que fora o máximo goleador dos populares. Co número 9, o dianteiro máis temido do noroeste, Xosé Cuíña Crespo. Houbo un tempo en que se permitía toda caste de filigranas na área pequena. E o balón sempre entraba. Non había defensor que puidera frealo, nin porteiro que parara os seus bumbardasos. Manoliño e mais el eran a parella perfecta. Un organizaba a xogada no medio do campo, e sabía que o outro sempre ía estar diante para marcar o tanto. Eran tempos de goleadas. Pero algo pasou. Un día negro prestixioso, o entendemento entre eles dous quebrou. Cuíña comezou a fallar. Iso, cando lle chegaba o balón. Comezou a pasarse os partidos a velas vir, sen tocar bola. A súa estrela foise apagando, e hoxe sobrevive na aliñación titular polas rendas do pasado. E segue sen facer ren. Combina aínda peor con Feijoo que nos últimos tempos de Manoliño. Unha mágoa. Hai quen di que o seu soño era retrasar a posición ate a de medio centro organizador. Hai quen di que quere deixar o equipo para fichar por outro no que sexa a estrela… Un final pouco digno para o home providencial da dereita paisana galega.

Mentres lle medran os ananos a Cuíña entre os suplentes (Xosé Crespo, Rafael Louzán, Alfonso Rueda, etc), o outro posto na dianteira semella consolidado. Vestindo a camisola número 11, o ídolo dos “boirretes”, Xose Ramón Barreiro. Nel coinciden o talento natural dos “boinas” (os puchos, os supervivintes da xeración dourada) coa técnica estudada dos birretes (os bonés, as promesas da canteira xenovesa). Escorregadizo coma un becho noxento, resiste moi ben a presión, e sempre aparece nun lugar providencial á hora de marcar os tantos. Por agora é o mellor aliado co que conta Feijoo, pero disque non hai moi bo ambiente no vestiario. Os díxome-dixome insinúan que Barreiro quere ser capitán no lugar do capitán. Outro ruxe-ruxe suxire que, cando se enfurruña, ameaza con parapetarse na portería. Esa actitude fai que se distraia ás veces no campo, e perda boas ocasións. Fai coma que lle dá igual, pero non debería confiarse. Calquera día desaparece e non o botaremos en falta.

Ate aquí a nosa proposta furnbolística. A gran final desta tempada xógase o 27 de maio. Aí estaremos todos, coas bucinas, coas bufandas. Atentos por se hai cambios. Pendentes de se o sol sae para todos, ou chove coma sempre. Falta alguén? Vós diredes.

1 comentario

Arquivado en "Fúrbol", Política

Unha resposta a “Real Clube Oposición Popular

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s