Érase unha vez, en Gondomar

por Viriato

Papá, papaíño, ¡contame un conto!
– Veña, hoxe vouche contar un de suspense. Érase unha vez, unha vila chamada Gondomar, gobernada dende hai tempo polo Partido Pop…
Mmm, cof, cof. Desculpe.
– ¿Si? ¿Pódese saber quen é vostede?
Son Godofredo Castaña, do despacho de avogados Feixón & Roda. Lémbrolle que ó explicar esta historia podería vulnerar o dereito dos nosos clientes a saír impunes dos chanchullos.
– Pero, ¿que di?
Mmm, hmm, xa sabe, Eles.
– Ah, si, non caera eu…
Papa, papaíño, ¿quen gobernaba a vila?
– Uf. O Partido Pop, a vila gobernábaa o Partido Pop, miña filla. En 1997 aprobaron un PXOM (Plan Xeral de Ordenamento Municipal) que, ben, era pouco ortodoxo, así que a Fiscalía levouno ós tribunais. E, tras moitas voltas, o TSXG suspendéuno en 2001, cousa curiosa, porque daquela o Partido Pop gobernaba en Madrid e tamén na Xunta, onde o Señor da COTOP facía e desfacía o urbanismo do país. O de Gondomar debía de ser ben grave…
Mmm, cof, cof. Está vostede expresando un parecer persoal sobre o que non ten probas…
– Eh, si, vale. Tamén hai quen di que a Fiscalía tenlle noxo ó Partido Pop. O caso é que, con suspensión ou non, alí seguíronse a conceder licenzas urbanísticas.
Mmm. *escribe, escribe*.
Papá, papaíño ¿Que lle pasa a ese señor?
– Nada, filliña, nada. Naquela situación, algúns edís do BN… do Combinado Nacional Galego, que ou eran honestos ou lles daba igual todo porque non tiñan opción de pillar cacho, non entro a xulgar, protestaron polo chanchulleo xeralizado. E algunha misteriosa man negra enviou a uns sicarios para que lles partisen as pernas. ¿Todo claro?
Mmm, si, si. A eses pode calumnialos o que queira, mentres se coide de mencionar ós meus clientes.
– Vale. Nestas, en 2003, tres dos catro concelleiros do … do Partido Social-Revisionista cabreáronse, marcharon e fundaron un grupo propio, co nome de Move Gondomar. Niguen tiña claro cara onde querían mover Gondomar, pero misteriosamente comezaron a apoiar as iniciativas que o Partido Pop presentaba no consistorio…
– Mmm, ¿insinúa algo?
– Que o Buda Amida me libre. Pasaron os anos e cambiaron os gobernos. Gondomar seguía co seu entrañable urbanismo, impasible o ademán, ata que un bo día un constructor se cabreou. Ben porque era honesto, ben porque lle pediran demasiados cartos, non entro a valorar, denunciou á Policía que un concelleiro do Partido Pop lle esixira un suborno a cambio de concederlle unha licenza de obra…
Mmm, iso é ambiguo
-… pero fixérao totalmente a título particular, sen que o Partido Pop soubera nada de nada, ou iso din eles. O constructor cabreado gravou en vídeo a aceptación do suborno e ¡zas! catro imputados e dúas dimisións.
¡Qué malos, eses concelleiros!
Mmm, *anota, anota*.
– Eh, neniña, deixa que conte eu a historia. Un dos concelleiros presuntamente malos, botoulle faciana á cousa, pero o outro, o que foi coller o suborno, como xa estaba moi pringado, perdeu os nervios e dixo que os cartos non eran para el.
¿Para quen eran, papaíño?
– Pois seica na cinta de vídeo di que lles ían pagar a campaña electoral ós de Move Gondomar, para que os apoiasen no vindeiro goberno….
Mmm, ¿viu vostede esa cinta? Porque se a viu, tivo acceso a material da investigación e cometeu un delicto, e se non a viu, é que non ten probas, e está a emitir unha calumnia.
– Xa… pero coñécese que logo pensouno mellor, que xa sabemos presuntamente que en Gondomar hai presuntos sicarios, e exculpou a todo o mundo. E todo o mundo exculpouse a si mesmo. Aquí paz e despois gloria.
Pero, papá, ¿para quen eran os cartos?
– Ah, sorpresa, miña filla. Resulta que hai un dato curioso. O suborno de marras era de 60.000 euros, 10 millóns dos de antes, xusto a máxima cantidade que a Lei de Financiamento de Partidos permite para unha doazón privada fóra da época electoral. ¿A que conta corrente ía ir esta doazon forzosa? Témome que eso nunca o saberemos.
Mmm, veña, eu marcho. Graciñas pola súa colaboración e xa nos veremos no xulgado.
– D’Oh.
Pois vaia merda de historia, papá.

1 comentario

Arquivado en Catástrofes, Urbanismo

Unha resposta a “Érase unha vez, en Gondomar

  1. Dame que contos semellantes poderían contarse calquera día noutros concellos.
    Só habería que quitar o dos sicarios.
    E o das denuncias e as detencións, abofé.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s