Arquivos mensuais: Marzo 2007

Facendo política sábados e domingos

Por Medulio

Xa temos falado dabondo das múltiples especies de alcalde existente nestes lares. Temos o que lle dedica misas a Franco, o que se autoinviste doutor honoris causa por unha universidade especializada en vender maquinillas de afeitar por internet… Tamén os nosos veciños contan co seu particular especime.

Pero hoxe queremos ser bos e xenerosos, como dixo Cañita Brava. Resulta que nun concello da montaña lucense hai un paisano que deixará o bastón de mando logo dunha breve pero intensa etapa como gobernante.

Calquera se pon a comprobar se unha persoa que leva 40 anos de alcalde é capaz de non mentir. Pero dende Galpón de Breogán queremos facerlle unha homenaxe a un dos poucos rexidores capaces de lle facer fotocopias aos veciños un domingo.

Ao seu favor: Esa abnegada capacidade en favor dos seus 1.914 veciños, nunha aldea na que houbo no último ano 5 nacementos, 21 enterros e unha soa voda. Foi toda a vila, por suposto.

Na súa contra: que non hai fotocopiadoras no Concello. E que o urbanismo en Cervantes todavía está un pouco lonxe do auxe marbellí e da Mariña lucense. Todo chegará…

Deixar un comentario

Arquivado en Municipais, Política

Inimigos íntimos

-Supoño que xa ten claro cal é o seu papel.

-Pois o certo é que non demasiado…simon_and_tourino.jpg

-Como que non? Que é o que non entende?

-Pois non entendo coma o presidente dun goberno rexional, neste caso Galicia, contrata a un cantante coma min coma asesor político.

-Señor Paul Simon, vostede como estrela da canción ten un papel crucial e irrepetible no futuro desta terra de Breogán que sempre admirou cancións súas coma “Mrs. Robinson” ou “How deep is your life?”

-Esa é dos Bee Gees!

-Non sexa vaidoso señor Simon. Aquí o importante é crear benestear, riqueza e emprego entre os galegos.

-Xa, pero non sei… Que quere que lle diga… Eu só son músico. Non sei se podería darlle o que vostede… Que fai o meu excompañeiro Garfunkel con ese señor? E por que vai vestido de forma estrafalaria e toca a gaita?

-Non estou seguro, pode que estea a inaugurar unha galescola ou entregando un premio de poesía.

-Entón quere contratarme para contarrestar o efecto da contratación de Art Garfunkel por parte do seu rival político?

-Equívocase totalmente. Non só é o meu inimigo senón que é o meu principal aliado. De feito gobernamos xuntos.

-Entón entendo menos.

-O que ten que entender é que Galicia ten unhas expectativas en min: que sexa un bo gobernante, aínda que saben que carezo de cualidades e equipo para lograr tal fazaña. Por outra parte eu espero poder repetir mandato e para iso debo non equivocarme e para non equivocarme a mellor maneira e non tentar nada, polo tanto eu espero non facer nada. Os meus conselleiros esperan que os apoie nas súas decisións pero eu nin o fago nin os deixo de facer, mentres que os socios de goberno cren que conspiro na súa contra cando, en realidade, nin me tomo a molestia porque xa se boicotean a si mesmos. E a oposición.. Que raio sei o que fai? Polo tanto neste escenario debo moverme con cautela.

-Entón a súa política limítase a apropiarse das boas ideas dos demais?

-Non. Trátase de coller todas as ideas, boas e malas, así non se aposta polo éxito, que pode atraer o fracaso, senón pola mediocridade máis absoluta que é ao que aspiro eu xa que garante anos e anos de poder. Veña déixese de leria e vaia cantar co meu amigo Carliños Brown The sounds of silence nun acto institucional.

-O que hai que facer por gañar as fabes…

Deixar un comentario

Arquivado en Audiovisual, Gafapastismo, Surreal

Sucesión

Por Frouxeira

Manuel Cabezas foi un político adiantado ao seu tempo. Un boné en tempada de boinas. O único boné que resistiu no país a grande ofensiva dos baróns, na segunda metade do fraguismo, mentres que os demais fuxían á procura das migallas madrileñas.

Pero Cabezas foi un home íntegro, entregado á súa cidade. Certo que polo medio presidiu a Fegamp e encaixou o cu nunha cadeira do senado…. pero iso era só no tempo libre que lle deixaba a súa egrexia cidade: Ouréns!

Como bo enxeñeiro que é, adicou boa parte dos orzamentos dos seus tres mandatos a infraestruturas de utilísima necesidade, como elevar o epíteto d’ “a cidade das catro pontes” ate “a cidade das seis pontes”, ou chantar rotondas en cada encrucillada, anque fosen duplicadas, creando fermosas coreografías automobilísiticas, cos vehículos xirando arredor desas ruíns esculturas de factura local.

Ah! Ouréns! Esa cidade na que dás unha patada e saen cen funcionarios, cada un deles con dobre vida: cincuenta empresarios, vintecinco artistas, e vintecinco nais sobreprotectoras.

Cabezas, consciente da necesidade destas nais funcionarias de exhibir a súa prole, decorou as rúas comerciais da cidade como se fosen o seu salón: ateigado de flores, en xardineiras, unha idea sublime que deseguida copiaría Cori, a eséxese da matriarca sobreprotectora (versión viguesa).

Cabezas, consciente da necesidade de todos eses adolescentes de pulir a paga coa que tan xenerosamente os seus proxenitores premian a preguiza, importou as últimas novidades do capital en materia de consumismo: o Centro Comercial (para os fillos de funcionarios que finxen pertencer á burguesía) e o Carrefour (para os fillos de paisanos que finxen descender de funcionarios).

Ante tantas mostras de amor á súa cidade… a quen lle ía amolar que Cabezas fose o alcalde co maior salario de toda Xsspaña? Ben o merecía! Cando pasaba co seu mercedes branco descapotable pola miña rúa, todos os rapaces que gastabamos as horas e a paga na sala de máquinas do barrio saiamos corréndolle detrás. Aínda podo escoitarnos… “Siñor Alcalde! Siñor Alcalde! Dami algo! Dami algo!” Aqueles eran tempos! Disque esas visitas tiñan como destino o Pachán, a hamburguesería do barrio, onde inxería en soidade un cachorro quente: o descanso do guerreiro.

Un día, Cabezas deixou de saír nas fotos da folla parroquianal. Seica alguén moi moi poderoso non gustaba da súa calva. Cabezas, sen abrir ningunha fronte de guerra, comezou a apartar cando chegaban os fotógrafos. Entre dentes podíaselle escoitar algo así como “tranquilos, xa marcho, que logo gastades moito tempo borrándome co potochó”.

E chegoulle o San Martiño.

Foi unha tarde, no Pachán, mentres Cabezas mastigaba en silenzo. Unha voz, dende a porta, deixou as cousas claras: “cóbreme todo o da barra!”.

Era o fillo do Amador de Cudeiro, a contraluz, que viña demandar o seu, tras anos de servizos. Detrás súa, un Home do Renacemento, un xigante de metro e medio sostendo ao seu protexido nos ombreiros. O Señor Alcalde baixou a cabeza, impasíbel, e a calva deixou de brillar. O traspaso de poderes era un feito.

Enrique “Poli” Novoa pasou a ser o Señor Alcalde. Un home feito a si mesmo. “Un home da rúa”. O convidado sorpresa en todo enterro que se precie. Enténdase, en todo enterro onde haxa votos. O electricista ao que lle sorriu a fortuna. O arteiro emprendedor que atinou co negocio inmobiliario. O socio de Galmex SL (25%) e de Poensa SL (33%), entre outras moitas. O enésimo empresario que probou a entrar na política. O concelleiro para todo, quer Medio Ambiente, quer Urbanismo (onde se fan os bos negocios). A alma do actual Plan Xeral. En definitiva… O Señor Alcalde. Mentres os ourensáns non voten o contrario…

9 Comentarios

Arquivado en Costumismo, Municipais, Ourense, Política, PP

O asesor inesquecible

por Viriato

Na sala de xuntas do edificio 16 de Rodríguez de Viguri, 15702, Santiago de Compostela, hai unha reunión da Executiva do único e verdadeiro Bloque Nacionalista Galego. Anxo Quintana, Gran Arquitecto da Nación, convocou a todos os seus capitáns con carácter urxente pero sen revelarlles qué temas se ían tratar. Eles, ben por fidelidade ó seu líder, ben por ganas de protestarlle, acudiron raudos á cita, cal ourensán a cobrar unha subvención. Agora vense obrigados a agardar, pois o vicepresidente de vicepresidentes chega tarde, demorado, sen dúbida, por algunha das suas moitas tarefas de goberno.

O ambiente está máis ou menos animado. Ó fondo, Paco Rodríguez tenta que María Xosé BRAVO! aprenda a letra de Por la calle de Alcalá e os versos de Castellanos de castilla, argumentando que é o primeiro que prescisa saber se algunha vez quere adicarse á política estatal. Un pouco máis aló, Roberto Mera e Ana Pontón discuten sobre que iniciativa debería seguir o ronsel de éxito das galescolas. Ela defende que habería que crear unha rede galebares con menú do día para obreiros, mentres que el é partidario de por en marcha unha galeliga de fútbol sala para veteranos. O debate ten pinta de ir para longo.

 

Nun curruncho escuro, con aire conspirador, Alberte Rodríguez Feixóo, líder de Esquerda Nacionalista, conversa con Paco Jorquera, Executor Supremo:
P.J.-
Ben, ¿e ata cando ides ter ó Valadés dando a chapa?
A.R.F.
Pois, non sei, por exemplo… ata que se lle pase o cabreo a Manolo Portas ¿que che parece?
P.J.
– Mira, como volva ver outra entrevista co gafapasta ese, vou ir eu a Vigo e voulle facer eu a circuncisión cun raiador de queixo.
A.R.F.
Non te sulfures, Paco, non te sulfures. Xa sabes que o perpetuo enfrontamento interno é unha imaxe de marca do BNG, e nós, EN, somos os que máis facemos para mantela. E iso que nolo poñedes difícil, ¿eh? Que cando botei fóra a Amanda Traba para meterme eu na Executiva, case nin protestachedes. Isto xa non é o que era.
P.J.
Isto non sei, pero vós sodes coma sempre, un lobby do carallo.
A.R.F.
Si, pero se subimos en votos nas municipais, será mérito noso. Imaxe de marca, Paco, imaxe de marca…

Diante de todo, o resto dos membros da Executiva agrúpanse como pitiños naipelos en torno á poderosa figura de Xosé Manuel Beiras, Pai Espiritual do País. O seu díscipulo máis avanzado e avellentado, Mario López Rico, interroga:
M.L.R.
Mestre, por favor, explícanos como foi o cristo ese das eólicas.
X.M.B.
Está escrito, meus fillos, que o Director Xeral de Industria do Anterior Goberno, Ramón Ordás Badía, prevaricou, subornou a funcionarios públicos e traficou con influencias. Con esas armas e a axuda do seu cuñado (todo o mundo sabe que os cuñados son parentes intrínsecamente malvados), o industrial Luis Castro Valdivia, repartíu por todo a xeografía da Galiza concesións de minicentrais eléctricas e parques eólicos, magnas obras que viñan de serie con substanciosas axudas da Unión Europea, pese a que se levantaron nunha terra que xa produce máis enerxía que a presa de Assuan, e mesmo podían revenderse.
M.L.R.
¿E a quen lle concedeu eses dons, mestre?
X.M.B.
Está escrito, meus fillos, que tan apetecibles proxectos foron repartidos nunha espesa e extensa rede de empresas, cuxos donos eran o propio Ordás e o seu cuñado (malvado), o presidente dos empresarios de Galiza, a muller e os fillos do Embaixador para a Santa Sede, unha presa de alcaldes e concelleiros do PP e mesmo o masaxista de Fraga, entre outros.
M.L.R.
¿E por que non aproveitamos para criticar ó PP e o PSOE, mestre?
X.M.B.
Está escrito, meus fillos, que andamos moi ocupados discutindo entre nós, e que en realidade ninguén entende moi ben quen está implicado e quen non. Seica ó fiscal sofre ataques de vertixe cada vez que mira a cantidade de documentación que ten que investigar.

Nese intre, soan dúas gaitas, con forza e carácter, ábrense as portas dobres da sala e o Gran Arquitecto da Nación, Anxo Quintana, entra lucindo a súa mellor camisa vicepresidencial. Silencio e ronda de aprausos.
A.Q.
Amigos, irmáns, grazas por vir. Nós, que como nacionalistas somos incompatibles coa corrupción e coa gripe común, temos hoxe que tomar unha decisión importante. Veredes, xa estou farto del, si, farto. Paseille que pelexase con El Pais, paseille que lla montase á Policía Autonómica por un quítame aló ese cartel, pero o que xa non lle vou pasar é que ande a piques con Susana López Abella a ver quen trataba peor á súa criada ¡Propoño a destitución de Antón Losada do seu cargo de Gardián da Vicepresidencia!

Os executivos do BNG enmudecen coa sorpresa. Ninguén agardaba tan impactante nova. Máis a estupefacción non tarda en deixarlle paso a euforia, e a iniciativa queda aprobada por aclamación, entre berros de “¡Siiiiii, siiii, que gusto!” e “¡Queremos a cabeza dese fillo da gran puta!”. Tras os vítores, Quintana engade:
A.Q.
Ben, irmáns, celebro o voso apoio. Chegaronme noticias de que Feijóo (ti non, Alberte, o outro, o do PP) conta agora cun asesor alonxado de todo o humano. Se eles se renovan, nós non podíamos ser menos, así que tomeime a liberdade de seleccionar a un novo Gardián, que estou seguro de que vos encantará. É un home sensible, intelixente, diplomático e, sobre todo, cheo de carisma. ¡Con todos vós, meus irmáns, Art Garfunkel!

A ledicia pasa e faise o silencio. Perante os rostros alucinados da Executiva do BNG entra na sala o célebre músico, acompañado da súa guitarra. Comeza a elevarse un ruxeruxe de protesta, pero entón Art canta:
A.G.
And here is to you, Mrs. Robinson, …

E todos comezaron a bailar.

4 Comentarios

Arquivado en Gafapastismo, Municipais, Surreal

Alimentos patrióticos

Polo Parvo de Cela

O ministerio invasor español de agricultura e pesca vén de facer un informe sobre o que máis se come en cada unha das comunidades dese país ficticio que deu en chamarse España. Xa sabemos que a este tipo de informe elaborado polo inimigo non se lle pode dar moita credibilidade porque teñen coma misión sementar a desconfianza no noso futuro nacional pero hai dúas conclusións que non nos poden deixar indiferentes:

*Os galegos non son líderes no consumo de ningún grupo de alimentos. O que constitúe un golpe moi duro á nosa autoestima como grandes comechóns.
*Os galegos deron as costas aos alimentos nacionais que deron en construír á hercúlea raza do pobo elixido sendo ademais (horror!!) os primeiros consumidores de aceite de oliva.

A raza non é o maior consumidor de peixe da Iberia, ten un consumo alto pero non dominante de carne e, sen embargo, consúmense en abundancia alimentos que non forman guerreiros coma hortalizas e verduras. A colonización gastronómica sométenos cunha clara intencionalidade por parte do estado de someternos a base de ensaladas.

O galego que queira ser do Galpón de Breogán debe almorzar un bo cocido e quentar o corpo cunhas cuncas de caldo, comer un prato máis consistente ao mediodía con nécoras, percebes e robalizas e pola noite, algo lixeiro coma unha parrillada de marisco.

Se hai unha cousa que une a todos os nosos do PP ou do Bloque, da Boina ou Urbanita e do Dépor ou o Celta é a nosa comunión ao redor dunha serie de alimentos onde encontramos reflectidas a nosa verdadeira entidade. Chamo a que nos reunamos en torno ao criollo, ao cachelo e á bertorella e proclamemos unha nova esperanza gastronómica para Galicia.

Epílogo: Un espantoso rosmido aterrorizou ao autor deste post. O GRAN MAL volvía asomar o fuciño.

9 Comentarios

Arquivado en Catástrofes, Uncategorized

VIVAN OS NOSOS MÁRTIRES!!!

moncho reboiras

Por Antón Fraguas

6 Comentarios

Arquivado en Uncategorized

Da mina ao rañaceos

Por Frouxeira

Dende o alto da Torre Espacio, a 223 metros de altura, na planta 56, Juan Miguel Villar Mir contempla a panorámica de Madrid Leste e séntese no máis alto de Xsspaña.

Toda unha vida de sacrificios… para rematar construíndo agora o seu propio rañaceos. Lonxe fican os amargos días do pasado verán, trala derrota da súa candidatura compartida con Carlos Sáinz pola Presidencia do Real Madrí. E vendo como lle vai agora ao equipo… mesmo se aleda. Agora tócalle achantar a esa rémora usurpadora de Ramón Calderón. Villar Mir matina en futuros proxectos mentres deixa perder a vista máis aló do horizonte. Agora Brasil, e despois…

Mais, de súpeto…

– (voz baixiña, respectuosa) Desculpe, Señor Presidente…

– (Villar Mir, seco e irascíbel) Dixen que ninguén me molestara. Non ves que estou ocupado?

– (voz en completa humillación) Tráiolle unha nova urxente que de seguro vostede agradecerá coñecer (sorriso de parvo, actitude de sumisión total)

– (Villar Mir facendo esforzos para non perder a paciencia e non guindar ao mensaxeiro polo abismo abaixo) E logo, que foi?

– (voz pedindo perdón por existir) Verá, trátase do conflicto polo trazado do AVE ao seu paso pola Mina de Serrabal, en Galiza.

– (Villar Mir, totalmente ausente) Serrabal? Galiza? Onde queda iso? Que ten que ver comigo?

– (voz esforzada) É unha mina da súa propiedade… Atópase en Galiza, un país bárbaro situado ao noroeste da península. A terra de don Manuel Fraga, o seu vello camarada dos tempos do goberno de Arias Navarro, non sei se lembra vostede…

– (Villar Mir lembra aqueles tempos heroicos cun pouso de morriña) Ah, si, Manoliño, del si me lembro, si. Era boa feira aquela, con Arias Navarro, pasábamolo ben amañando o país, si… Daquela tiña xeito facer política… Pero agora é máis divertido facer cartos, claro. Que foi do Manoliño? Como lle vai no seu retiro aló pola súa finca?

– (voz, a piques de crebar) Ben, seica perdeu unhas eleccións e agora está de volta en Madrí, no senado (Villar Mir pon mala cara) pero a leria é que… (silenzo, voz tragando cuspe, tentando volver ao rego) don Manuel concedéralle a explotación dunha mina de cuarzo hai uns anos, aló polo 1999, e logo resultou que un dos trazados posibeis do AVE que unirá Madrí con Galiza pasaba xusto por riba do filón, atravesando a mina de parte a parte… (Villar Mir pon cara de non entender absolutamente nada) O daquela Ministro de Fomento, Álvarez Cascos, decidiu escoller ese itinerario como trazado oficial, rexeitando as alternativas, polo que o estado lle ten que pagar unha indemnización polo peche da mina… Unha indemnización de 895 millóns de euros…

– (unha luciña acende no cerebro de Villar Mir) Aaaaah! Claro! Eses 895 millóns de euros… Agora xa caio, claro, claro. E ben (inquisitivo de novo), xos cobramos?

– (un fío de voz) n… n… non… non… verá…(a Villar Mir dilátanselle as meniñas e vai entrando progresivamente en cólera) seica agora Antonio González, o Presidente de ADIF, dixo no congreso dos deputados que se podería, hipotéticamente, se os políticos galegos se poñen de acordo, reconsiderar o trazado alternativo para que a mina siga en funcionamento. Disque é unha demanda dos sindicatos, que levan así como uns tres ou catro anos pedindo tal cousa. Disque os mineiros andan botándose á rúa dende o verán…

– (a cólera de Villar Mir, en todo o seu esplendor) PERO QUEN LLE DEIXOU A ESE RETRASADO DICIR SEMELLANTE PARIDA!!! Joder! Neste puto país nunca se pode facer nada a dereitas! (Villar Mir apaña ao mensaxeiro polas solapas e o sostén a pulso sobre o baleiro dos 223 metros) Cantos anos pode seguir aberta esa merda de mina!?

– (voz cagada de medo) eeeh… tendo en conta as reservas comprobadas… e ao ritmo da explotación actual…. eeeh… quizais uns noventa ou cen anos máis….

– (Villar Mir abanea ao mensaxeiro sobre o baleiro) Pero é que ninguén se deu conta de que eu non vou vivir tantos anos!

– (voz esmolante) Ben, polo menos ese cuarzo emprégase nunha serie de fábricas que a súa empresa Ferroatlántica ten en Galiza… fan cuarzo de sílice… serve para facer paneis solares fotovoltaicos… (voz ensaiando falso sorriso) é un sector en expansión…

– (Villar Mir, todo sangue frío agora, xa ten outro plan) Quen carallo son eses políticos galegos? QUERO QUE TODOS ELES SE NEGUEN A MUDAR O TRAZADO DO AVE! Que digan algo así como… hum… que Galiza non pode admitir ningún retraso na conexión ferroviaria coa meseta, e que polo tanto o trazado oficial non é negociábel… Toda esa leria. Se iso, para disimular, dicídelle aos da oposición que defendan aos traballadores…

– (voz atragoada cos collóns na gorxa) Verá… é que o Presidente daló, un tal Torito, finxe que é de esquerdas, e mentres a oposición… non é que se caractericen por ter moitas filias cara os traballadores…

– (Villar Mir perde a paciencia) TANTO ME TEN! QUERO OS MEUS 895 MILLÓNS! E QUÉROOS AGORA! (solta ao mensaxeiro, que se precipita ao baleiro) PUTOS POLÍTICOS E SINDICALISTAS DO CARALLO!!! Nos meus tempos de ministro teríamos cesado a uns e encadeado a outros! (tras semellante descarga de adrenalina, vaise pouco a pouco serenando) Hai que ver o avariciosa que é a xente, por un maldito posto de traballo están a piques de joderlle o negocio a un. Que pouca solidariedade hai neste mundo! En fin, teño un rañaceos que inaugurar

4 Comentarios

Arquivado en Economía, Sindicalismo

O asesor incognoscible

por Viriato

Negra noite sen lúa no monte do Pedroso. Escóitanse tronos sen lóstregos e andan soltas as ánimas, por aí, de botellón. Baixo a silueta impoñente do repetidor de TV, dúas ducias de sinistras siluetas cubertas por carrapuchas e túnicas de cor azul empeñan os seus esforzos nun ritual blasfemo. Forman un círculo perfecto, arrodeando un obsceno símbolo en forma de estrela gravado con lume na herba. Armados de varios fachos para iluminar a súa perfidia, os malignos cultistas entoan un aturuxo gutural, alleo a toda gorxa humana, que so se pode transgrafiar así:

Ph’nglui mglw’nafh Cthulhu
R’lyeh wgah’nagi fhtang

(Aviso: non tentar pronunciar cun polvorón na boca)

Sen deixar de repetir a tola letanía, dous homes rachan a formación circular e achéganse ó centro do terrible debuxo queimado no chan. Retiran as carrapuchas e os seus rostros quedan á vista, coñecidos para todo aquel que mire algunha vez o xornal no bar. Son as dúas cabezas máis pensantes do PPenG, Alberto Núñez Feijóo, Sumo Sacerdote Engominao e Alfonso Rueda, Vicario Maior.

Rueda: Traede o sacrificio para o noso mestre escuro.
Núñez: ¡AGORA, PASPÁNS!

Os cultistas fan sitio para que dous dos seus compañeiros, particularmente fornidos, arrastren cara o corazón do círculo a choromiqueira figura de José Manuel Barreiro, antigo Pontifex Boirreticus, hoxe caído en desgraza. Vai espido e sobre o seu corpo hai pintadas con sangue palabras máxicas nun alfabeto nefando. Suplica:

Barreiro: ¿Por que, Alberto? !Eramos amigos, os mellores amigos! ¡Pactaramos suceder a Fraga os dous xuntos!
Núñez: Síntoo moito, Jose, pero tal e como anda a crispación, no partido non hai sitio para chaíñas coma ti.

Sen máis miramentos, o Sumo Engominao quita un coitelo de entre os pregos da súa túnica e lle abre a gorxa o seu ex socio, berrando: “¡Cthulhu fhtang!”. O sangue do lucense baña os bordes da misteriosa estrela e, de súpeto, estoura unha luz escura, aberrante, e ábrese unha porta a un universo de xeometría non euclidiana. Dela sae unha criatura de horror inenarrable, unha incognoscible abominación, un enxendro afastado de todo o humano. Ven sendo un tipo alto e cachas de ximnasio, cunha camiseta de marcar, o pelo de punta, un aro na orella esquerda e uns pantalóns vaqueiros de cintura baixa que lle deixan os calzóns ó aire. E fala:

Enxendro: Bu, neno, vaya muvi.
Núñez: ¿Gran Cthulhu?
Enxendro: No, neno, el Tulu está en su kel burlando a dolor al tute cabrón con el Bin Laden, que ahora son mazo colegas. Yo soy el Nyarlathothep, el Caos Reptante, neno, el mensajero de los dioses oscuros. ¡Cuidao conmigo que muevo peña!
Rueda: Er… ben, agardabamos algo máis impoñente…
Nyarla: Bu, neno, no te pongas kíe que te meto unas jumas. Lo de aparecer como lagartijo siniestro está ya mazo visto, neno, así que me dije pa mí: “Les voy salir a estos mataos como un bunenista”. Y aquistoy. ¿Tenéis una truja?
Núñez: Em… si, si, colle. Mira, nós faciamos a invocación para ver se nos atopabas algunha relación entre o BNG e Herri Batasuna. E que así podería ir as manifestacións esas contra o terrorismo sen que me chamen esbirro de Madrid.
Nyarla: Pero oíste, neno, tú es que eres mazo esbirro de Madrid.
Núñez: Si, si, pero hai que disimular.
Nyarla: Pues no me sale nada en la de pensar, neno. Lo máximo que les he junao es a Paco Rodríguez chanando en vasco con la pestrucha de Nafarroa Bai.
Núñez: ¡Condenación!
Rueda: ¿E algún trapicheo do bipartito non nos poderías contar?, por non ter feito a viaxe en balde, digo eu.
Nyarla: Bu, como te las bates, ¿no, neno? A ver si me furula la neurona… Mira, te voy dicir una cosa, el Antón Losada, neno, que es un notas de la vida, tenía una chacha de ilegal en el kelo, que la largó pafuera y no le pagó nel del panel. Y además se hace unas tremendas de gallardas en su despacho de la Vice, neno.
Núñez: ¡Bwa-ha-ha! ¡Xa temos escándalo!
Nyarla: Sí, vale, neno. Yo me las voy pirando de gambín.

Ó día seguinte, no pleno do Parlamento.

Núñez: … e exisimos que o presidente da Xunta compareza para explicarnos por que Antón Losada tiña unha criada ilegal na casa. E xa de paso, que nos diga tamén por que emprega as dependencias da Xunta para tocarse de xeito impúdico. ¿Eh, señor Touriño? ¡Vaia socios que ten vostede!

 

En memoria de H.P. Lovecraft
1890-1937
por ter anticipado a situación política actual nos seus relatos

6 Comentarios

Arquivado en Misticismo, Política, PP, Surreal

Como liberar a patria cun rotulador

Polo Medulio

O furor do Galpón de Breogán non ten límites. Por iso aparecen imitadores da nosa fórmula a prol dunha patria galega co gasóleo máis barato e as navizas de balde. A única diferencia é que aquí úsase a fina ironía e eles usan un rotulador de brocha gorda.

Polo de pronto quedan preguntas sen resolver:

Onde carallo quedou o grafiti como arma de expresión?

Están financiados por multinacionais como Bic o Staedtler?

Por que Galicia non ten unha industria potente de seu de rotuladores?

 

1 comentario

Arquivado en Catástrofes, Independentismo

Problema matemático

Polo Parvo de Cela

Albertito Núñez Feijoo quere gañar as eleccións municipais para gañar despois as eleccións autonómicas para acadar o seu verdadeiro obxectivo final que é ser un xogador do Real Madrid, é dicir, non pagar nos restaurantes e nos sitios cool-pijo-Sanjenjo.

Tendo en conta que Albertito declarou máis dunha vez que el “ten o mellor de cada ideoloxía” polo que se obrigado contentar a todos e a todos por igual e que:

  • O seu partido está dividido entre os da Boina e os do Birrete. Os primeiros son os políticos que mellor falan galego de Galicia e gústalles o polbo a feira, e os segundos forman unha tribo lingüística que ben podería liderar Emilio Pérez Touriño e gústalle o polbo no coche oficial. Só os segundos comparten locais hosteleiros de referencia con Albertito xa que este só coincide cos da Boina en rituais de exaltacións do espírito galaico.
  • O seu partido nacional/estatal/ibérico está dividido en tres bandos: axitadores de ultradereita (Acebes,Zaplana), persoas que leron algunha vez un libro na súa vida aínda que fora ao revés (Piqué/Gallardón) e un elemento neutro coma o vacío intergaláctico sen ningunha incidencia sobre a realidade PERO que é de Pontevedriña (Mariano).
  • A sociedade galega ten unha estrutura cigótica polo que cada agrupación de individuos se divide ad infinitum nunha rede de yin-yangs que se estende ao infinito a través de escisións por motivos absurdos nas que citaremos por exemplo celtistas/deportivistas, choqueiros/peliqueiros ou ferroláns/naronenses ata convertelo no eleitorado menos homoxéneo do planeta. Só une a este marasmo dous conceptos básicos que son a gastronomía, en maior medida, e o localismo, aínda que acaba por dividir.
  • As leis básicas da física impiden a un elemento máis complexo ca un electrón estar en varios sitios.

Agora imaxinemos que nun certo día se convocan as seguintes manifestacións de xeito simultáneo:

  • Unha manifestación para pedir que os etarras mortos sexan resucitados e obrigados a cumprir a súa condena de máis de mil anos en pos da democracia e das vítimas.
  • Unha manifestación a favor de que o novo estatuto defina Galicia coma Galpón de Breogán, cifre a aportación dos orzamentos estaduais para a compra de piche nun 0,1% do PIB e conteña unha referencia expresa a importancia cultural e espiritual do berberecho na vida galega.
  • Unha manifestación en contra do descenso do Deportivo por ter unha débeda externa superior á de Burundi e outra para evitar que o Celta descenda organizada por uns vigueses ionquis das manifestacións.
  • Unha manifestación en contra do Porco Celta polo seu malvado plan para conquistar o mundo e á súa vez a favor do seu gorentoso sabor.

As preguntas a responder serían:

  • En que lugar e a que hora terían lugar as manifestacións e, non menos importante, onde pararía a comer?
  • Cantas e que palabras tería que empregar para realizar un discurso que valese para todas estas manifas?
  • Que debería levar posto en cada unha? Daríalle tempo a cambiarse?
  • Tería Rajoy sobre algo disto (excepto do futbolístico que sabemos que a ten)?

Agardamos con impaciencia polas vosas respostas.

4 Comentarios

Arquivado en Estatuto, Feijóo, Política, PP, Uncategorized