Proxecto para un capitalismo transnacional de orixe galega

Por Frouxeira

Cumprindo coas nosas tarefas como axentes do capitalismo transnacional, dende Galpón de Breogán queremos compartir convosco o noso novo proxecto para dominar o mundo, desta vez a través da economía global. Trátase dunha operación moi sinxela, ate un simio retrasado podería realizala. Tomai nota.

A idea é aproveitar a rede de galegos no mundo para crear, nun tempo máximo de dez anos, unha cadea de restaurantes de comida rápida que se converta na compañía máis poderosa do mercado, por diante de Microsoft, Coca-Cola ou Inditex.

O lóxico sería comezar penetrando nos mercados asiáticos, para aproveitar as súas oportunidades emerxentes e adiantarnos a calquera competidor. A través dun títere convenientemente camuflado (a vosa avoa, por exemplo) alguén debería facerse coa concesión do restaurante que a oficina do IGAPE ten en Shanghai. Para disimular, cómpre poñerlle un nome inocuo, algo así como, por exemplo, Pulpería Maruxa, algo que apele á tendencia irracional dos asiáticos a devorar os froitos do mar.

Simultáneamente hai que crear unha empresa de transporte transoceánico que leve alimentos galegos cara Extremo Oriente. Poñamos, Conxelados Carmiña. Ocultos baixo esa navieira, crearíamos un sólido sistema de aprovisionamento para os nosos futuros restaurantes, transportando polbo a esgalla, xunto con toda caste de peixes e mariscos conxelados ou en conserva, para disimular.

A partir dos pírricos beneficios que poida dar Conxelados Carmiña, e xunto cunha ampla subvención do IGAPE (co desfalco que faga falla), abriremos unha terceira Pulpería Maruxa en Pequín, aproveitando a febre das Olimpiadas 2008.

    [NOTA: Tampouco estaría mal, como experiencia piloto durante as Olimpiadas, poñer uns cantos postos á saída dos estadios onde vendésemos bocadillos de chourizo criollo. Por probar…]

Nas nosas pulperías serviremos, obviamente, como plato único, polbo á feira con cachelos. E, para beber, namais que viño picado do Ribeiro. Iso sería nunha primeira fase. Logo, teríamos que ampliar o negocio ofertando caldo de repolo, raxo con patacas ou lacón con grelos.

Para cociñar, deberíamos contratar ás pulpeiras máis experimentadas do Carballiño. E logo, como camareiras, a todas as misses Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra dos últimos cinco / dez anos. Máis adiante, tamén habíamos fichar modelos profesionais. O uniforme sería: pano branco na cabeza, corpiño axustado con escote xeneroso, minisaia estilo “muiñeira”, e zocas de plataforma.

Os locais teñen que crear unha ilusión que mesture o exotismo cun forte pouso popular: chan de terra, mesas e bancadas de madeira contrachapada, paredes de mampostería vista, enormes pipotes detrás da barra, e potas fervendo estratexicamente colocadas en distintos puntos da sala. Os clientes potenciais deben proceder da clase media chinesa (200 millóns de clientes, en rápido crecemento), e o noso restaurante ten que ofrecerlles unha experiencia elitista coa que diferenciarse dos burócratas do Partido.

Unha vez que promocionemos a marca a través das Olimpiadas sería o momento de abrir distintas franquicias ao longo de toda China, de Hong Kong en adiante, e ao mesmo tempo introducirnos no Xapón coa mesma técnica: dende o restaurante da oficina do IGAPE a todos os centros comerciais do país. E unha vez consolidados nos mercados chinés e xaponés, en dous ou tres anos xa estaremos en situación de levar a Pulpería Maruxa á periferia asiática: Corea, Taiwán, Tailandia, Vietnam, Singapur, etc.

A partir de aí as cousas deberían acelerarse. Segundo nos vaiamos expandindo polo Extremo Oriente habería que mercar, masivamente, os restaurantes dos centros galegos de América e de Europa. E ao rematar esta fase, tras un breve periodo para que a experiecia Pulpería Maruxa enchoupe todas as revistas de tendencias de Oriente e Occidente, será o intre axeitado para que a compañía saia ao parqué, na Bolsa de Madrí, coincidindo coa apertura dos dez primeiros restaurantes na Península Ibérica (Madrí, Barcelona, Lisboa, Porto, Coruña, Vigo, Ourense, Santiago, Lugo e Pontevedra -Ferrol xa terá desaparecido para entón e non será máis ca un cemiterio de cascallos-)

A nosa ascensión bursátil debería ser meteórica, salvo unha repentina escaseza de polbo nas rías galegas, que poderemos resolver chantando piscifactorías por toda a costa galega, chilena e tailandesa. Chegado o caso, mesmo poderemos beneficiarnos da estrutura de Pescanova: unha OPA hostil, e xa está.

Cando a Compañía se sitúe entre as cinco primeiras do Ibex 35 será a ocasión de dar o golpe de graza: Adquiriremos absolutamente todos os restaurantes galegos que existan en todo o Planeta Terra e transformarémolos en franquicias de Pulpería Maruxa!!!

E a partir de entón… ningún goberno nos poderá deter…

Primeiro tomaremos o Ibex 35! …. e despois…. o Nasdaq e o Down Jones!!!

8 Comentarios

Arquivado en Economía

8 respostas a “Proxecto para un capitalismo transnacional de orixe galega

  1. Uaah uaaahh uaaahh (riso malvado)

  2. Ferrol 2007

    Só un comentario…

    Ferrol xa desapareceu.

    Agora e pouco mais que unha morea de cascallos.
    So se ten salvada unha estatua ecuestre que foi evacuada a un privilexiado refuxio ó caron do mar dende donde mira cara o que nun tempo foi a cidade departamental.

  3. Quero participar! Precisades de capital?

  4. frouxeira

    Ferrol 2007, imaxino que as vistas de Ferrol dende a ría deben ter un aquel coa escena final d’ “O planeta dos simios”. Seguide resistindo! As transnacionais teñen previsto facer de vós un campo de refuxiados da apocalipse postindustrial.

    Odemo, calquera axuda económica será benvida. Pero non te preocupes tanto polos capital inicial. Podemos comezar a nosa colaboración dándonos unha boa papallocada cos cartos de todos os galegos. E logo, xa lle sacaremos cartos a Europa pa poñer en marcha os nosos proxectos.

  5. Berto

    Que enganados nos tiñades.

    Discutimos no seo de El Partido si conviña ou non apoiar as campañas do Jalpom, e sen chegar a acordo dividímonos en dous: Partido (LJ) (liña Jalpom) e Partido (A) (autentico). Non obstatne, este apoio explicito que facedes ao capitalismo (transnacional ou transestatal, tanto nos ten) é un salto cara adiante que non podemos asumir (conscentes da misión historica que o proletariado galego nos concedeu). Presos, estades das gadoupas capitalistas e dun certo tullido español fascista e español. Porque, se pregunta El Partido, galegos de pro coma vós estades aloxados nesa creación do autoodio que se chama Blogomillo? Porque Blogomillo? Porque un blog galego adopta o millo como produto referencial, cando todos sabemos que é algo alleo á nosa Terra? Companheiros do Jalpom, El Partido, conminavos a abandoar ese niño español fascita e español e a darlle vida a un proxecto realmente galego: o blogochicharo.

  6. frouxeira

    Deixémonos de máscaras: blogogrelo!

    En canto á nosa misión política, eu diría que nos inscribimos na liña do “capitalismo de face humana” como o pequeno timonel Deng Xiaoping, o compañeiro Lula da Silva ou (por que non) a moi admirada Dama de Ferro, a nosa benquerida Margaret Thatcher. Cada mañá cantamos o himno galego mentres facemos tai-chi coa bandeira do polo franquista, sempre diante da tele mentres seguimos as cotizacións en Bloomberg TV.

  7. anacoreta

    Preguntome si non sería mellor soltarlles a Albertito y Torito e logo esperar tranquilamente a que o mundo se rinda ou nos pagen por ir a recolle-los.

  8. Nostromo

    Un novo producto pra exportacion galega a Rusia:
    Colacao enriquecido (endrojado) con polonio. Putin nos lo saca das mans. Exito seguro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s