Problema matemático

Polo Parvo de Cela

Albertito Núñez Feijoo quere gañar as eleccións municipais para gañar despois as eleccións autonómicas para acadar o seu verdadeiro obxectivo final que é ser un xogador do Real Madrid, é dicir, non pagar nos restaurantes e nos sitios cool-pijo-Sanjenjo.

Tendo en conta que Albertito declarou máis dunha vez que el “ten o mellor de cada ideoloxía” polo que se obrigado contentar a todos e a todos por igual e que:

  • O seu partido está dividido entre os da Boina e os do Birrete. Os primeiros son os políticos que mellor falan galego de Galicia e gústalles o polbo a feira, e os segundos forman unha tribo lingüística que ben podería liderar Emilio Pérez Touriño e gústalle o polbo no coche oficial. Só os segundos comparten locais hosteleiros de referencia con Albertito xa que este só coincide cos da Boina en rituais de exaltacións do espírito galaico.
  • O seu partido nacional/estatal/ibérico está dividido en tres bandos: axitadores de ultradereita (Acebes,Zaplana), persoas que leron algunha vez un libro na súa vida aínda que fora ao revés (Piqué/Gallardón) e un elemento neutro coma o vacío intergaláctico sen ningunha incidencia sobre a realidade PERO que é de Pontevedriña (Mariano).
  • A sociedade galega ten unha estrutura cigótica polo que cada agrupación de individuos se divide ad infinitum nunha rede de yin-yangs que se estende ao infinito a través de escisións por motivos absurdos nas que citaremos por exemplo celtistas/deportivistas, choqueiros/peliqueiros ou ferroláns/naronenses ata convertelo no eleitorado menos homoxéneo do planeta. Só une a este marasmo dous conceptos básicos que son a gastronomía, en maior medida, e o localismo, aínda que acaba por dividir.
  • As leis básicas da física impiden a un elemento máis complexo ca un electrón estar en varios sitios.

Agora imaxinemos que nun certo día se convocan as seguintes manifestacións de xeito simultáneo:

  • Unha manifestación para pedir que os etarras mortos sexan resucitados e obrigados a cumprir a súa condena de máis de mil anos en pos da democracia e das vítimas.
  • Unha manifestación a favor de que o novo estatuto defina Galicia coma Galpón de Breogán, cifre a aportación dos orzamentos estaduais para a compra de piche nun 0,1% do PIB e conteña unha referencia expresa a importancia cultural e espiritual do berberecho na vida galega.
  • Unha manifestación en contra do descenso do Deportivo por ter unha débeda externa superior á de Burundi e outra para evitar que o Celta descenda organizada por uns vigueses ionquis das manifestacións.
  • Unha manifestación en contra do Porco Celta polo seu malvado plan para conquistar o mundo e á súa vez a favor do seu gorentoso sabor.

As preguntas a responder serían:

  • En que lugar e a que hora terían lugar as manifestacións e, non menos importante, onde pararía a comer?
  • Cantas e que palabras tería que empregar para realizar un discurso que valese para todas estas manifas?
  • Que debería levar posto en cada unha? Daríalle tempo a cambiarse?
  • Tería Rajoy sobre algo disto (excepto do futbolístico que sabemos que a ten)?

Agardamos con impaciencia polas vosas respostas.

4 Comentarios

Arquivado en Estatuto, Feijóo, Política, PP, Uncategorized

4 respostas a “Problema matemático

  1. pepeluí

    Que pouco sabedes: Se fósedes a vos tomásedes a molestia de revisar ós clásicos -un pouco así por riba- chegariades a Ptolomeo e á música das estrelas e do sol, por el descritas. E aínda que sei que vós, ignorantes, pensades que as armonías cósmicas universais son cousas que teñen que ver fundamentalmente con misticismos cristiáns próximos ó pp, vede, vede!!!! La NASA nos da la razón:
    http://www.tendencias21.net/index.php?action=article&id_article=102422

    Polo tanto é científicamente posible vía Ptolomeo demostrar que a unión mística dos galegos nas Hespañas é froito dunha música, unha harmonía suave e queda que ninguén pode escoitar.
    Canta iñorancia e que falta de ciencia que hai.

  2. peruvian

    O que está claro é que a manifestación a prol da definición de Galicia/Galiza/Ghaliçia como Galpón de Breogán debería ser na Fonsagrada, máis que nada para fastidiar un pouquiño a Núñez Haba e para que o ilustre galponeiro frouxeira cumpla un dos seus máis ansiados soños etílicos, o de desenvolver actividades políticas en tal magnífico concello rural.

  3. frouxeira

    Se Núñez Feijoo fose a unha manifestación na Fonsagrada, antes terían que tirar dende os Ancares unha variante da Autoestrada. A nova dúbida sería: sería unha competencia da Deputación de Lugo (e, nese caso, faríalla Cacharro, Barreiro ou o hipotético sociata que tome o relevo?), da CPTOP, ou do Ministerio de Fomento (exhumando algún proxecto de Álvarez Cascos para pavimentar os Picos de Europa, por exemplo)?

    De todos os xeitos, por moita paixón que esperte en min A Fonsagrada, tampouco atopo axeitado levar aló unha manifa que terá o berberecho como estrela do cátering. Outra cousa sería se nesa acción política reivindicásemos a obrigatorietade estadual de que todos os galegos/as almorcen Torta de Fonsagrada (para quen aínda non a probase: unha mestura de améndoa, biscoito e abondosa crema pasteleira: en Fonsagrada todo son virtudes)

  4. anacoreta

    Te pillé .
    La pérfida y enrevesada introducción;
    las premisas perversas;
    Las preguntas-lapa (de efecto diferido)

    todo cuadra a la perfección ,
    ESTAS A ARGALLAR UN COMPLOS PARA QUE VUELVA DON MANUEL.
    Si, tu contestarías “lo que diga Don Manuel”. Lo botas a faltar .

    Y lo que me indingna es que no hablais de L-a Curuña como marco incomparable que taan bonita la dejé .
    Si no fuera que estoy en una misión divina …

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s