Da mina ao rañaceos

Por Frouxeira

Dende o alto da Torre Espacio, a 223 metros de altura, na planta 56, Juan Miguel Villar Mir contempla a panorámica de Madrid Leste e séntese no máis alto de Xsspaña.

Toda unha vida de sacrificios… para rematar construíndo agora o seu propio rañaceos. Lonxe fican os amargos días do pasado verán, trala derrota da súa candidatura compartida con Carlos Sáinz pola Presidencia do Real Madrí. E vendo como lle vai agora ao equipo… mesmo se aleda. Agora tócalle achantar a esa rémora usurpadora de Ramón Calderón. Villar Mir matina en futuros proxectos mentres deixa perder a vista máis aló do horizonte. Agora Brasil, e despois…

Mais, de súpeto…

– (voz baixiña, respectuosa) Desculpe, Señor Presidente…

– (Villar Mir, seco e irascíbel) Dixen que ninguén me molestara. Non ves que estou ocupado?

– (voz en completa humillación) Tráiolle unha nova urxente que de seguro vostede agradecerá coñecer (sorriso de parvo, actitude de sumisión total)

– (Villar Mir facendo esforzos para non perder a paciencia e non guindar ao mensaxeiro polo abismo abaixo) E logo, que foi?

– (voz pedindo perdón por existir) Verá, trátase do conflicto polo trazado do AVE ao seu paso pola Mina de Serrabal, en Galiza.

– (Villar Mir, totalmente ausente) Serrabal? Galiza? Onde queda iso? Que ten que ver comigo?

– (voz esforzada) É unha mina da súa propiedade… Atópase en Galiza, un país bárbaro situado ao noroeste da península. A terra de don Manuel Fraga, o seu vello camarada dos tempos do goberno de Arias Navarro, non sei se lembra vostede…

– (Villar Mir lembra aqueles tempos heroicos cun pouso de morriña) Ah, si, Manoliño, del si me lembro, si. Era boa feira aquela, con Arias Navarro, pasábamolo ben amañando o país, si… Daquela tiña xeito facer política… Pero agora é máis divertido facer cartos, claro. Que foi do Manoliño? Como lle vai no seu retiro aló pola súa finca?

– (voz, a piques de crebar) Ben, seica perdeu unhas eleccións e agora está de volta en Madrí, no senado (Villar Mir pon mala cara) pero a leria é que… (silenzo, voz tragando cuspe, tentando volver ao rego) don Manuel concedéralle a explotación dunha mina de cuarzo hai uns anos, aló polo 1999, e logo resultou que un dos trazados posibeis do AVE que unirá Madrí con Galiza pasaba xusto por riba do filón, atravesando a mina de parte a parte… (Villar Mir pon cara de non entender absolutamente nada) O daquela Ministro de Fomento, Álvarez Cascos, decidiu escoller ese itinerario como trazado oficial, rexeitando as alternativas, polo que o estado lle ten que pagar unha indemnización polo peche da mina… Unha indemnización de 895 millóns de euros…

– (unha luciña acende no cerebro de Villar Mir) Aaaaah! Claro! Eses 895 millóns de euros… Agora xa caio, claro, claro. E ben (inquisitivo de novo), xos cobramos?

– (un fío de voz) n… n… non… non… verá…(a Villar Mir dilátanselle as meniñas e vai entrando progresivamente en cólera) seica agora Antonio González, o Presidente de ADIF, dixo no congreso dos deputados que se podería, hipotéticamente, se os políticos galegos se poñen de acordo, reconsiderar o trazado alternativo para que a mina siga en funcionamento. Disque é unha demanda dos sindicatos, que levan así como uns tres ou catro anos pedindo tal cousa. Disque os mineiros andan botándose á rúa dende o verán…

– (a cólera de Villar Mir, en todo o seu esplendor) PERO QUEN LLE DEIXOU A ESE RETRASADO DICIR SEMELLANTE PARIDA!!! Joder! Neste puto país nunca se pode facer nada a dereitas! (Villar Mir apaña ao mensaxeiro polas solapas e o sostén a pulso sobre o baleiro dos 223 metros) Cantos anos pode seguir aberta esa merda de mina!?

– (voz cagada de medo) eeeh… tendo en conta as reservas comprobadas… e ao ritmo da explotación actual…. eeeh… quizais uns noventa ou cen anos máis….

– (Villar Mir abanea ao mensaxeiro sobre o baleiro) Pero é que ninguén se deu conta de que eu non vou vivir tantos anos!

– (voz esmolante) Ben, polo menos ese cuarzo emprégase nunha serie de fábricas que a súa empresa Ferroatlántica ten en Galiza… fan cuarzo de sílice… serve para facer paneis solares fotovoltaicos… (voz ensaiando falso sorriso) é un sector en expansión…

– (Villar Mir, todo sangue frío agora, xa ten outro plan) Quen carallo son eses políticos galegos? QUERO QUE TODOS ELES SE NEGUEN A MUDAR O TRAZADO DO AVE! Que digan algo así como… hum… que Galiza non pode admitir ningún retraso na conexión ferroviaria coa meseta, e que polo tanto o trazado oficial non é negociábel… Toda esa leria. Se iso, para disimular, dicídelle aos da oposición que defendan aos traballadores…

– (voz atragoada cos collóns na gorxa) Verá… é que o Presidente daló, un tal Torito, finxe que é de esquerdas, e mentres a oposición… non é que se caractericen por ter moitas filias cara os traballadores…

– (Villar Mir perde a paciencia) TANTO ME TEN! QUERO OS MEUS 895 MILLÓNS! E QUÉROOS AGORA! (solta ao mensaxeiro, que se precipita ao baleiro) PUTOS POLÍTICOS E SINDICALISTAS DO CARALLO!!! Nos meus tempos de ministro teríamos cesado a uns e encadeado a outros! (tras semellante descarga de adrenalina, vaise pouco a pouco serenando) Hai que ver o avariciosa que é a xente, por un maldito posto de traballo están a piques de joderlle o negocio a un. Que pouca solidariedade hai neste mundo! En fin, teño un rañaceos que inaugurar

4 Comentarios

Arquivado en Economía, Sindicalismo

4 respostas a “Da mina ao rañaceos

  1. NONSOLUMSEDETIAM

    Menudo home máis poderoso. Eu non o coñecía de nada, que medo dá o moi sssssssssspanholista. Mirai, que o mundo está en mans de vinte coma iste!
    Por certo Frouxeira, que información mais privilexiada tes, non? Non serás un fillo bravo anoxado deste señor por un casual?

  2. frouxeira

    Non é información privilexiada, todo está na rede. Agora os detectives privados non se despegan da pantalla do ordeñador

  3. Sen entrar en cuestionamento… o trazado alternativo implicaba atravesar varias aldeas. A cuestión é que saber porque lle hai que pagar a ese señor unha “quilotada” por esos terreos (que seguíu mercando cando xa se coñecían os plans do AVE!). Dende este punto de vista o papel dos traballadores/sindicatos puidera responder xustamente a intereses contrarios… aínda que tristemente sexan os que vaian perder de todas-todas.

  4. Real (Madrí) como a vida mesma

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s