O asesor inesquecible

por Viriato

Na sala de xuntas do edificio 16 de Rodríguez de Viguri, 15702, Santiago de Compostela, hai unha reunión da Executiva do único e verdadeiro Bloque Nacionalista Galego. Anxo Quintana, Gran Arquitecto da Nación, convocou a todos os seus capitáns con carácter urxente pero sen revelarlles qué temas se ían tratar. Eles, ben por fidelidade ó seu líder, ben por ganas de protestarlle, acudiron raudos á cita, cal ourensán a cobrar unha subvención. Agora vense obrigados a agardar, pois o vicepresidente de vicepresidentes chega tarde, demorado, sen dúbida, por algunha das suas moitas tarefas de goberno.

O ambiente está máis ou menos animado. Ó fondo, Paco Rodríguez tenta que María Xosé BRAVO! aprenda a letra de Por la calle de Alcalá e os versos de Castellanos de castilla, argumentando que é o primeiro que prescisa saber se algunha vez quere adicarse á política estatal. Un pouco máis aló, Roberto Mera e Ana Pontón discuten sobre que iniciativa debería seguir o ronsel de éxito das galescolas. Ela defende que habería que crear unha rede galebares con menú do día para obreiros, mentres que el é partidario de por en marcha unha galeliga de fútbol sala para veteranos. O debate ten pinta de ir para longo.

 

Nun curruncho escuro, con aire conspirador, Alberte Rodríguez Feixóo, líder de Esquerda Nacionalista, conversa con Paco Jorquera, Executor Supremo:
P.J.-
Ben, ¿e ata cando ides ter ó Valadés dando a chapa?
A.R.F.
Pois, non sei, por exemplo… ata que se lle pase o cabreo a Manolo Portas ¿que che parece?
P.J.
– Mira, como volva ver outra entrevista co gafapasta ese, vou ir eu a Vigo e voulle facer eu a circuncisión cun raiador de queixo.
A.R.F.
Non te sulfures, Paco, non te sulfures. Xa sabes que o perpetuo enfrontamento interno é unha imaxe de marca do BNG, e nós, EN, somos os que máis facemos para mantela. E iso que nolo poñedes difícil, ¿eh? Que cando botei fóra a Amanda Traba para meterme eu na Executiva, case nin protestachedes. Isto xa non é o que era.
P.J.
Isto non sei, pero vós sodes coma sempre, un lobby do carallo.
A.R.F.
Si, pero se subimos en votos nas municipais, será mérito noso. Imaxe de marca, Paco, imaxe de marca…

Diante de todo, o resto dos membros da Executiva agrúpanse como pitiños naipelos en torno á poderosa figura de Xosé Manuel Beiras, Pai Espiritual do País. O seu díscipulo máis avanzado e avellentado, Mario López Rico, interroga:
M.L.R.
Mestre, por favor, explícanos como foi o cristo ese das eólicas.
X.M.B.
Está escrito, meus fillos, que o Director Xeral de Industria do Anterior Goberno, Ramón Ordás Badía, prevaricou, subornou a funcionarios públicos e traficou con influencias. Con esas armas e a axuda do seu cuñado (todo o mundo sabe que os cuñados son parentes intrínsecamente malvados), o industrial Luis Castro Valdivia, repartíu por todo a xeografía da Galiza concesións de minicentrais eléctricas e parques eólicos, magnas obras que viñan de serie con substanciosas axudas da Unión Europea, pese a que se levantaron nunha terra que xa produce máis enerxía que a presa de Assuan, e mesmo podían revenderse.
M.L.R.
¿E a quen lle concedeu eses dons, mestre?
X.M.B.
Está escrito, meus fillos, que tan apetecibles proxectos foron repartidos nunha espesa e extensa rede de empresas, cuxos donos eran o propio Ordás e o seu cuñado (malvado), o presidente dos empresarios de Galiza, a muller e os fillos do Embaixador para a Santa Sede, unha presa de alcaldes e concelleiros do PP e mesmo o masaxista de Fraga, entre outros.
M.L.R.
¿E por que non aproveitamos para criticar ó PP e o PSOE, mestre?
X.M.B.
Está escrito, meus fillos, que andamos moi ocupados discutindo entre nós, e que en realidade ninguén entende moi ben quen está implicado e quen non. Seica ó fiscal sofre ataques de vertixe cada vez que mira a cantidade de documentación que ten que investigar.

Nese intre, soan dúas gaitas, con forza e carácter, ábrense as portas dobres da sala e o Gran Arquitecto da Nación, Anxo Quintana, entra lucindo a súa mellor camisa vicepresidencial. Silencio e ronda de aprausos.
A.Q.
Amigos, irmáns, grazas por vir. Nós, que como nacionalistas somos incompatibles coa corrupción e coa gripe común, temos hoxe que tomar unha decisión importante. Veredes, xa estou farto del, si, farto. Paseille que pelexase con El Pais, paseille que lla montase á Policía Autonómica por un quítame aló ese cartel, pero o que xa non lle vou pasar é que ande a piques con Susana López Abella a ver quen trataba peor á súa criada ¡Propoño a destitución de Antón Losada do seu cargo de Gardián da Vicepresidencia!

Os executivos do BNG enmudecen coa sorpresa. Ninguén agardaba tan impactante nova. Máis a estupefacción non tarda en deixarlle paso a euforia, e a iniciativa queda aprobada por aclamación, entre berros de “¡Siiiiii, siiii, que gusto!” e “¡Queremos a cabeza dese fillo da gran puta!”. Tras os vítores, Quintana engade:
A.Q.
Ben, irmáns, celebro o voso apoio. Chegaronme noticias de que Feijóo (ti non, Alberte, o outro, o do PP) conta agora cun asesor alonxado de todo o humano. Se eles se renovan, nós non podíamos ser menos, así que tomeime a liberdade de seleccionar a un novo Gardián, que estou seguro de que vos encantará. É un home sensible, intelixente, diplomático e, sobre todo, cheo de carisma. ¡Con todos vós, meus irmáns, Art Garfunkel!

A ledicia pasa e faise o silencio. Perante os rostros alucinados da Executiva do BNG entra na sala o célebre músico, acompañado da súa guitarra. Comeza a elevarse un ruxeruxe de protesta, pero entón Art canta:
A.G.
And here is to you, Mrs. Robinson, …

E todos comezaron a bailar.

4 Comentarios

Arquivado en Gafapastismo, Municipais, Surreal

4 respostas a “O asesor inesquecible

  1. Era visto que tiña que pasar. Este Quin é un nostálxico.

  2. Anónimo

    Cando a caricatura se parece á realidade máis que a propia realidade…

  3. Fer

    E eu que pensava que AL era um avatar mais de Nyarly…
    Se gosto de S&G tenho que afiliar no BNG? :S :S

  4. Pingback: Inimigos íntimos « Galpón de Breogán

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s