Sucesión

Por Frouxeira

Manuel Cabezas foi un político adiantado ao seu tempo. Un boné en tempada de boinas. O único boné que resistiu no país a grande ofensiva dos baróns, na segunda metade do fraguismo, mentres que os demais fuxían á procura das migallas madrileñas.

Pero Cabezas foi un home íntegro, entregado á súa cidade. Certo que polo medio presidiu a Fegamp e encaixou o cu nunha cadeira do senado…. pero iso era só no tempo libre que lle deixaba a súa egrexia cidade: Ouréns!

Como bo enxeñeiro que é, adicou boa parte dos orzamentos dos seus tres mandatos a infraestruturas de utilísima necesidade, como elevar o epíteto d’ “a cidade das catro pontes” ate “a cidade das seis pontes”, ou chantar rotondas en cada encrucillada, anque fosen duplicadas, creando fermosas coreografías automobilísiticas, cos vehículos xirando arredor desas ruíns esculturas de factura local.

Ah! Ouréns! Esa cidade na que dás unha patada e saen cen funcionarios, cada un deles con dobre vida: cincuenta empresarios, vintecinco artistas, e vintecinco nais sobreprotectoras.

Cabezas, consciente da necesidade destas nais funcionarias de exhibir a súa prole, decorou as rúas comerciais da cidade como se fosen o seu salón: ateigado de flores, en xardineiras, unha idea sublime que deseguida copiaría Cori, a eséxese da matriarca sobreprotectora (versión viguesa).

Cabezas, consciente da necesidade de todos eses adolescentes de pulir a paga coa que tan xenerosamente os seus proxenitores premian a preguiza, importou as últimas novidades do capital en materia de consumismo: o Centro Comercial (para os fillos de funcionarios que finxen pertencer á burguesía) e o Carrefour (para os fillos de paisanos que finxen descender de funcionarios).

Ante tantas mostras de amor á súa cidade… a quen lle ía amolar que Cabezas fose o alcalde co maior salario de toda Xsspaña? Ben o merecía! Cando pasaba co seu mercedes branco descapotable pola miña rúa, todos os rapaces que gastabamos as horas e a paga na sala de máquinas do barrio saiamos corréndolle detrás. Aínda podo escoitarnos… “Siñor Alcalde! Siñor Alcalde! Dami algo! Dami algo!” Aqueles eran tempos! Disque esas visitas tiñan como destino o Pachán, a hamburguesería do barrio, onde inxería en soidade un cachorro quente: o descanso do guerreiro.

Un día, Cabezas deixou de saír nas fotos da folla parroquianal. Seica alguén moi moi poderoso non gustaba da súa calva. Cabezas, sen abrir ningunha fronte de guerra, comezou a apartar cando chegaban os fotógrafos. Entre dentes podíaselle escoitar algo así como “tranquilos, xa marcho, que logo gastades moito tempo borrándome co potochó”.

E chegoulle o San Martiño.

Foi unha tarde, no Pachán, mentres Cabezas mastigaba en silenzo. Unha voz, dende a porta, deixou as cousas claras: “cóbreme todo o da barra!”.

Era o fillo do Amador de Cudeiro, a contraluz, que viña demandar o seu, tras anos de servizos. Detrás súa, un Home do Renacemento, un xigante de metro e medio sostendo ao seu protexido nos ombreiros. O Señor Alcalde baixou a cabeza, impasíbel, e a calva deixou de brillar. O traspaso de poderes era un feito.

Enrique “Poli” Novoa pasou a ser o Señor Alcalde. Un home feito a si mesmo. “Un home da rúa”. O convidado sorpresa en todo enterro que se precie. Enténdase, en todo enterro onde haxa votos. O electricista ao que lle sorriu a fortuna. O arteiro emprendedor que atinou co negocio inmobiliario. O socio de Galmex SL (25%) e de Poensa SL (33%), entre outras moitas. O enésimo empresario que probou a entrar na política. O concelleiro para todo, quer Medio Ambiente, quer Urbanismo (onde se fan os bos negocios). A alma do actual Plan Xeral. En definitiva… O Señor Alcalde. Mentres os ourensáns non voten o contrario…

9 Comentarios

Arquivado en Costumismo, Municipais, Ourense, Política, PP

9 respostas a “Sucesión

  1. Vexo un aire Scorsese detrás doutras liñas. Non podía ser doutra maneira falando de Ourense…

  2. Exiliadoesquencido

    Inquiétame, señor frouxeira, que non conectase a Poli co CEFOU…

  3. oko

    debería haber un home así en todos os concellos de Galicia

  4. NONSOLUMSEDETIAM

    Poña un Poli na súa cidade. el sí que sabe como tratar os votantes, da cuna ó nicho… Un home perfecto pa alcalde, feito ad hoc para o seu posto, sempre coa palabra axeitada na boca, sempre no lugar no que ten que estar…

    Por certo, señor exiliadoesquencido, xa anda por estes lares? gostaría de velo pronto na Flor

  5. frouxeira

    exiliadolembrado, gardián do bo nome do CEFOU, rétolle a un desafío a licorescafés para resolver as nosas diferenzas (pero case mellor, na Flor, non)

    oko, falas dun home como Cabezas ou dun home como Poli? Escribín unha haxiografía dalguén sen darme conta?

    Por certo, estráñame que no legado de Cabezas ninguén comente (pa ben, pa mal) que foi o primeiro alcalde popular en oficiar unha voda gay (dun dos seus concelleiros, con “Olliños” NF de convidado de honra)

  6. Exiliadoesquencido

    Polo menos estou xa na península da que a nosa ínclita terra forma parte xeográfica. O reto de licor café é algo que a miña honra, principios, valores e necesidade física me impide rexeitar. O que discutamos aí -sexa o Sol ou o Auriens- xa se verá…

  7. frouxeira

    confío, exiliadolembrado, en que traias tamén un bon alixo de material infusionábel… trala túa descuberta americana

  8. Isaac ben de Alongos

    Para mi que Frouxeira es delegado de Academia Postal en Cedeira que como todo el mundo sabe distribuye licor cafe clandestino por todo Ferrolterra

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s