Arquivos mensuais: Marzo 2007

NÚÑEZ FEIJOO, LIBERDADE

Por Antón Fraguas

O outro día asistín (nin preguntedes por que) á concentración da nova Adoración Nocturna Española, convocada para protestar contra a política antiterrorista do goberno central, unha concentración que xuntou na Praza do Obradoiro a unhas 400 persoas [ollo, que para o PP serían uns quince mil, facendo as contas que adoitan facer para medir a asistencia ás súas manifestacións: 30 persoas por metro cadrado, menudas orxías que se montan estes conservadores, uns por riba dos outros].

Como digo, e sendo serios por unha vez, diante dos 400 congregados na Praza do Obradoiro, o líder (non, isto debe estar mal) do PP en Galicia (que non de Galicia), o tal Núñez, fixo gala das súas habilidades (sic) oratorias. E nun corta e pega de discursos escoitados en xuntanzas de motivación en Génova 13, relatou todos os supostos problemas que seica sofre o Estado Español (que non Galicia), mesturando a De Juana coa imposición lingüística do galego (sic) e o apartheid que sofren os castelanfalantes, a ruptura da indivisible nación española (hai que ir á fronteira con Zamora, a ver as tales fendas), e o malo-malísimos que son os da Xunta (debe ser que no PP andan doentes porque se lles comezan a fastidiar os seus chanchullos urbanísticos).

 

Pero tranquilos, Núñez non é así. Non pode selo. El é un centrista, un moderado, un liberal, un demócrata. O señor de gravata e gomina que anda quentando a boca estes días por Galicia con discursos demagóxicos e ocos, debe ser outro. E é outro. Galpón de Breogán ten a exclusiva: Acebes e Zaplana entraron hai unhas semanas na xa famosa nave industrial de Montouto e roubaron o galeneco de Núñez F., e deixaron ao auténtico, ao moderado, ao demócrata Núñez F. no almacén. Dende aquí chamamos á solidariedade con Núñez Feijoo, secuestrado pola extrema dereita española. ¡Núñez Feijoo, liberdade!

9 Comentarios

Arquivado en Feijóo, Política, PP

Tránsfugas, Ananos e Corruptos

Por Frouxeira

Pucho calado ate as orellas, lentes escuras, longo gabán negro ate os pés, coas solapas subidas, e cunha abultada carteira de coiro baixo o brazo. Dúas siluetas entran na sede do Centro de Resolución de Conflitos Electorais, o CERCE.

Unha vez dentro, seguen as indicacións ate chegar á Sala de Intercambio de Tránsfugas (SIT), un cuarto escuro onde individuos misteriosos se moven en círculos, axexándose uns a outros, ate que se forman grupiños que marchan xuntos aos reservados. As dúas siluetas fican discretamente apoiadas na parede.

– Ei Quin, quen che gusta máis? viches a esa?

      – Cala Paco, non me chames polo meu nome. Lembra que estamos nunha misión ultrasecreta, con alcumes en clave. Séguesme, Pequeno Saltón?

      – Sígote, Gran Mestre Alaricano.

      – Ben, agora imos tentar localizar o obxectivo. Umm… Penso que debe ser esa moza.

      – Si, responde á descrición. Acheguémonos.

As dúas siluetas cruzan a sala e falan cunha terceira persoa, unha muller que agardaba fumando nunha esquina, sentada nunha cadeira, coas pernas cruzadas, a face en penumbra. Saúdanse cunha leve inclinación de cabeza e diríxense xuntos cara unha porta lateral.

Entran nun cuarto estreito, cunha mesa e tres cadeiras, alumeado só por unha feble bombilla que pendura do teito.

      – Son vostedes Quin o da Vicepresi e Paco o d’Allariz?

      – Mellor será non empregar aquí os nosos nomes reais. Chámeme mellor Gran Mestre Alaricano. E el é o Pequeno Saltón. É vostede Teresa Barje?

Leve aceno afirmativo

      – Traemos o que nos pediu.

O Pequeno Saltón abre a carteira, a sala énchese dun resplandor dourado. A carteira cambia de mans.

      – Será un pracer para min encabezar a vosa lista nas vindeiras eleccións. Algo cheira a podre n’A Bola. Xa me tiñan farta todos os amigos de meu pai. Non hai xeito de tratar con eles. E menos, co Home do Renacemento, que xa de abandonarnos, mesmo deixou de asfaltarnos as pistas. Verémonos de novo na noite da Victoria Final.

      – Foi un pracer tratar con vostede. Lembre que agora ten novos amigos.

As siluetas saen por turnos do cuarto e pérdense na escuridade. O Gran Mestre Alaricano e o Pequeno Saltón celebran polo baixo o resultado do negocio.

      – Con esta nova fichaxe, A Bola caerá nas nosas mans! E recuperaremos A Porqueira! E seguiremos no poder en Rairiz de Veiga e en Vilar de Santos! Con todos estes territorios liberados arredor de Allariz poderei enfrontarme a Pepe Crespo na Fegamp opoñendo un Gran Allariz ao seu Gran Lalín!

      – Non me veñas co conto da leiteira, Pequeno Saltón. Con dous concelleiros independentes en Toques e mais unha antiga alcaldesa popular n’A Bola tampouco facemos a revolución. Hai que seguir ampliando as bases.

Están por saír do CERCE, pero xusto na porta ven un gran anuncio.

Esta noite GRAN COMBATE DE BOXEO pola candidatura oficial de ABEGONDO

SANTISO MIRAMONTES, “o alcalde fuxido”

Vs

JUAN JOSÉ ROCHA, “o anano usurpador”

      – Imos botarlle un ollo? Podiamos tomarlle unhas cuncas mentres decidimos se convén fichar a algún deles.

      – Ta ben, supoño que ben podiamos celebrar esta última fichaxe.

As dúas siluetas entran noutra sala, tamén escura, moi ruidosa, co chan de terra e ateigada de xente berrando. Os cartos cambian de man continuamente, as apostas mudan segundo transcorre o combate. O Gran Mestre Alaricano e o Pequeno Saltón piden dúas cuncas de Ribeiro na barra e fican observando o espectáculo.

      – Santiso dalle duro a ese usurpador! Que che devolva a cadeira que roubou!

      – Pégalle forte, Rocha! Non deixes que che asoballe coa súa exconsellería! Lembra que nos deixou tirados no peor momento!

      Despois de moito Pum! Crash! Stromp! Chunk! e demais hostias, Rocha cae ao chan tras unha boa somanta de Santiso, en parte axudado polos seus fieis, que aproveitaban a confusión para bater en Rocha. O gañador ergue os brazos. O perdedor érguese do chan, suxeito polos seus actuais concelleiros. Maldice e ameaza:

      – Xa mas pagarás Santiso! Verémonos o día das eleccións! A ver quen goberna daquela! A ver cantos amigos aínda tes en Abegondo!

      – Quedamos niso, Rocha, o que tire máis votos fica coa alcaldía. A ver que fas ti sen o Partido.

As dúas siluetas da barra debaten polo baixo mentres a sala se vai baleirando.

      – Deberíamos fichar a ese Rocha? Parece bo.

      – Son moitos os ananos que lle medran aos nosos inimigos. Tamén hai que saber con quen xuntarse. Imaxinas a Diz Guedes candidato pola nosa lista en Tui?

      – Hai ocasións que non se pode deixar fuxir. Pensa en Arteixo. No seu día non quixemos aos seis ananos revirados, e agora Manuel Pose entona un mea culpa sobre os seus delictos de corrupción urbanística.

      – Pobriño. Malo será que así non lle gañemos por méritos propios.

      – Nunca se sabe. Mellor asegurar.

– Nunca se sabe.

As siluetas rematan as cuncas e saen con disimulo.

2 Comentarios

Arquivado en Municipais, Política, Surreal

Ceas con Abel

por Viriato

 

Amelia Nabiza está tan tranquila no seu pisiño da Travesía de Vigo, vendo co seu marido e fillos un programa da tele no que Ana María Ríos fala das boas vendas que está a ter o seu libro, Boda, Cárcel y Fama. Soa o timbre mentres a musa de Arcade explica como ella quería titulalo Balas Perdidas, pero a autora convenceuna de que o sarcasmo non está no seu mellor momento comercial.

BRINGG, BRINGG.

Momento, que xa vou.

Amelia Nabiza abre a porta e atópase con Abel Caballero, presidente da Autoridade Portuaria (AP) de Vigo e candidato á alcaldía polo PSOEdeV, quen sostén un par de voluminosos tapergüeres cunha man e unha botella de viño ca outra. Con el veñen catro ou cinco fotógrafos, que disparan ás súas cámaras como posesos, a súa xefa de prensa, dous gardas de seguridade do Porto e un violinista.

Boa noite, señora. Son Abel Caballero e veño cear con vostede e a súa familia.

¿Ein?

O violinista comeza a tocar unha versión de No more lonely nights.

Si señora, como futuro alcalde da máis fermosa de todas as urbes con ría, quero intimar cos meus futuros gobernados, para coñecer de primeira man os problemas que lles quitan o sono. Como mostra de boa vontade, aquí lle traio godello, empañada de bacallau e ostras do Berbés. Os postres e o café póñaos vostede, que xa teño os fondos da AP moi machacados con tanta exposición.¿A vostede que lle preocupa, señora?

Pois agora mesmo preocúpame ter a un montón de tolos na porta ás doce da noite. ¡Que nesta casa xa ceamos hai horas! ¡Que hai xente que mañá traballa!

Claro, é que comezamos o percorrido ás nove, pero xa nos botaron de 18 casas. ¿Podemos pasar antes de que morran as ostras? É só para as fotos…

Non, non pode. Marche por onde entrou.

¡Señora, polas ondas do mar de Vigo, deixeme cear con vostede! ¿É que non ve que son un home desesperado? ¡Dígame que teño que facer para gañar o seu voto!¡O que sexa!

Home, pois nada. Nós vivimos aquí porque o meu marido traballa na Citroen, pero aínda volvemos todos os fins de semana a Vilardevós, a coidar a horta, e seguimos empadroados alí, como toda a vida. E ademais, este ano o alcalde prometeunos que nos asfaltaba a pista da leira e nos puña un poste de luz no galpón se o fillo maior, que xa fixo os 18, votaba por el.

Ah, señora, ese é un dos peores males que azoutan ó noso fogar olívico, que aquí non se apunta como cidadán nin Batman, pero non se preocupe. Xusto levo comigo unha folla de empadroamento. Se lle parece, cúbrena durante a cea e logo falamos de votarme a min…

A paciencia de Amelia Nabiza esgótase. Escoita de fondo como Ana María Ríos explica o seu posado na Interviú e non quere perdelo, así que interrumpe a Abel cun portazo. O violinista comeza a interpretar So Lonely.

¡Mierda, otra vez!

Tranquilo, Abel -di a xefa de prensa- seguro que Santi Dominguez mejora los resultados del Bloque y nos da para formar gobierno.

A mi me la suda. ¡Yo lo dejo! Si no ganamos, yo me quedo en el puerto y que apande otro con el coñazo de oposición.

No te preocupes, vamos a cenar a mi casa, te hacemos las fotos allí con mi primo, como tal que es un votante cualquiera, y cuela seguro.

Pues no es mala idea, mira tú…

1 comentario

Arquivado en Municipais, Vigo

Decálogo de motivos para odiar Galicia

Perante as acusacións verquidas sobre nós nestes días, en Galpón de Breogán non podemos ficar calados por máis tempo. Si, é certo, odiámonos a nós mesmos, porque somos feos e temos un pésimo sentido do humor, e tamén odiamos Galiza, por varios motivos:

  1. Porque chove
  2. Porque Galiza non fixo nada por nós.
  3. Porque todos os pratos tradicionais consisten en meter algo en auga e cocelo.
  4. Porque os cans de palleiro non falan.
  5. Porque o millo e as patacas en realidade veñen de América.
  6. Porque a gaita soa como un micho morto nunha psicofonía.
  7. Porque ninguén se pon de acordo en como hai que escribir o galego.
  8. Porque en realidade somos un grupo megalomaníaco que ten como meta final dominar o mundo e prohibir que se sigan a facer filloas en Carnaval. ¡Odiamos as filloas! (borrar isto antes de publicar)

9 Comentarios

Arquivado en Embigo

Buscamos o cuarto partido

polo Medulio

Xa está ben do tripartidismo. A Galpón sóbranlle políticos pero esta terra campesiño-piñeiral require unha cuarta forza política como contrapeso aos excesos das outras tres. Pura lóxica.

O noso primeiro candidato é o Partido Galeguista, que comparte coa formación da preguerra o nome e a sensación de incomprensión diante do resto da sociedade. Poden ser a sorpresa. Son innovadores. Pediron un reino de Galicia, o que convertiría este Galpón nun Galpon real. A continuación, que Juan Carlos de Borbón et al. fose o rei galaico que sempre quixemos ter. E logo, que Vigo se transforme na quinta provincia e Vilardevós nun Distrito Federal. O candidato da Coruña xa foi o que faltaba, tal como contaba Antón Fraguas.

Darán o badalazo? Uniranse os rapaces –non tan rapaces- de Manoel Soto a Terra Galega, Identidade Galega e Maruxeo Galego nunha gran coalición?

 

1 comentario

Arquivado en Política

Os papeis do Mossad

Polo Parvo de Cela

Na súa liña de investigación do que outros queren agochar, Galpón de Breogán ofrece en exclusiva información clasificada dos servizos secretos israelís: o temible Mossad. Un documento só para os teus ollos.

Mossad

Data [Borrado por razóns de seguridade] Código de Referenza [Borrado por razóns de seguridade]

Eu, axente con nome en clave Isaac Xerusalén, paso a relatar os sucesos acontecidos na tarde do [Borrado por razóns de seguridade]. Fun enviado a realizar a misión Can de Abraham consistente na recuperación do axente infiltrado con nome en clave Momia de Castelao. A data cos axentes inimigos tivo lugar no punto previamente acordado na fronteira entre Xordanía e o noso país.

As 18:53 o vehículo cos axentes estranxeiros apareceu no deserto. Para que conste no informe tratábase dun Seat Arousa branco cunha franxa diagonal azul. No radiocassette soaba unha canción do folklore español, se non me equivoco, La Verbena de la Paloma que o Axente A (ao que nos referiremos como Pakiño) non deixou de asubiar durante o encontro. O seu acompañante era un home alto de barbas, ao que nos referiremos como Haquin, de falares moi altivos. Na parte de atrás estaba o noso axente infiltrado na Galiza co nome real Pedro Gómez Valadés (recentemente cambiado a Jacob Singer-Moskowitz). O seu estado de saúde non amosaba complicacións aínda que afirmaba ser torturado durante a viaxe dende Vigo a Israel por innumerables horas de copla española. Sen dúbida unha técnica ensinada pola vella garda do KGB.

Tal como se acordara entregouselles a única copia apócrifa existente do Antigo Testamento no que se recolle o seguinte extracto:

E Abraham foi espertado por Yahvé no medio da noite e dirixiuse así a el.

-Abraham, debes advertir aos teus de que o maior inimigo do pobo elixido non será a guerra, a fame ou o pecado. Será unha pequena organización cerca do Fin do Mundo onde todo o mundo levará unha barba coma miña, vivirán en casas de pedra no extrarradio, traballarán para a administración pública e artificializarán a súa lingua. Eles acabarán con Israel se ti máis os teus non vos gardades as costas destes perigosos inimigos.

Pero Abraham, non sabemos se porque aínda estaba durmindo ou porque opinaba que Yavé non era moi de fiar xa que pouco antes mandáralle sacrificar ao seu fillo por capricho, non obedeceu a orde do Señor.

O manuscrito foi destruído diante miña. Descoñecemos se os axentes inimigos volveron á súa casa de pedra habitual ou á súa segunda residencia en Rusia.

Que Yahvé salve a Israel.

1 comentario

Arquivado en Gafapastismo, Misticismo, Seguridade

PARQUE TEMÁTICO ASTANO

Por Antón Fraguas

2011. Benvidos todos ao Parque Temático Astano. Moito criticamos a Touriño hai anos, cando se negou a que o estaleiro de Fene volvese construír barcos. Mira que se emperrou, e con el todo o PSOE, IU, UGT, CC.OO e até El País. ¿Lembrades? E ao final resultou que Touriño, por unha vez, tiña un plan. O plan consistía en converter Astano nun parque temático, un parque de atraccións. ¿Para que construír barcos podendo atraer o turismo?

A miña atracción favorita é a randeeira xigante que fixeron no guindastre de Astano. Que ben o pasamos montando nela, a min danme náuseas sempre, pero dáme igual, sempre repito. Gústame tamén a parte cultural, na que podes visitar unha reprodución dun barrio obreiro. É de cartón-pedra, claro está. Os obreiros desapareceron da comarca hai moitos anos. Mellor así. Ademais, na entrada danche un buzo azul. É o uniforme oficial, igual que as orellas de Mickey que che dan en Disneylandia.

Outra das atraccións consiste nunha roda á que dás voltas. Na roda están escritos nomes de lugares: Canarias, Madrid, Catalunya, Gran Bretaña, Baleares, Portugal… Dependendo de onde pare a roda, podes ir traballar a un deses lugares. Tamén hai un estanque no que se pode xogar con plataformas off-shore teledirixidas. Houbo quen meteu un barco, pero non durou moito. Veu un comisario da Unión Europea e vetouno.

Que ben fixo o PSOE en 2007 en vetar a construción de barcos na Ría de Ferrol. Que ben o pasamos agora no Parque de Atraccións de Fene.

14 Comentarios

Arquivado en Astano, Ferrol

Proxecto para un capitalismo transnacional de orixe galega

Por Frouxeira

Cumprindo coas nosas tarefas como axentes do capitalismo transnacional, dende Galpón de Breogán queremos compartir convosco o noso novo proxecto para dominar o mundo, desta vez a través da economía global. Trátase dunha operación moi sinxela, ate un simio retrasado podería realizala. Tomai nota.

A idea é aproveitar a rede de galegos no mundo para crear, nun tempo máximo de dez anos, unha cadea de restaurantes de comida rápida que se converta na compañía máis poderosa do mercado, por diante de Microsoft, Coca-Cola ou Inditex.

O lóxico sería comezar penetrando nos mercados asiáticos, para aproveitar as súas oportunidades emerxentes e adiantarnos a calquera competidor. A través dun títere convenientemente camuflado (a vosa avoa, por exemplo) alguén debería facerse coa concesión do restaurante que a oficina do IGAPE ten en Shanghai. Para disimular, cómpre poñerlle un nome inocuo, algo así como, por exemplo, Pulpería Maruxa, algo que apele á tendencia irracional dos asiáticos a devorar os froitos do mar.

Simultáneamente hai que crear unha empresa de transporte transoceánico que leve alimentos galegos cara Extremo Oriente. Poñamos, Conxelados Carmiña. Ocultos baixo esa navieira, crearíamos un sólido sistema de aprovisionamento para os nosos futuros restaurantes, transportando polbo a esgalla, xunto con toda caste de peixes e mariscos conxelados ou en conserva, para disimular.

A partir dos pírricos beneficios que poida dar Conxelados Carmiña, e xunto cunha ampla subvención do IGAPE (co desfalco que faga falla), abriremos unha terceira Pulpería Maruxa en Pequín, aproveitando a febre das Olimpiadas 2008.

    [NOTA: Tampouco estaría mal, como experiencia piloto durante as Olimpiadas, poñer uns cantos postos á saída dos estadios onde vendésemos bocadillos de chourizo criollo. Por probar…]

Nas nosas pulperías serviremos, obviamente, como plato único, polbo á feira con cachelos. E, para beber, namais que viño picado do Ribeiro. Iso sería nunha primeira fase. Logo, teríamos que ampliar o negocio ofertando caldo de repolo, raxo con patacas ou lacón con grelos.

Para cociñar, deberíamos contratar ás pulpeiras máis experimentadas do Carballiño. E logo, como camareiras, a todas as misses Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra dos últimos cinco / dez anos. Máis adiante, tamén habíamos fichar modelos profesionais. O uniforme sería: pano branco na cabeza, corpiño axustado con escote xeneroso, minisaia estilo “muiñeira”, e zocas de plataforma.

Os locais teñen que crear unha ilusión que mesture o exotismo cun forte pouso popular: chan de terra, mesas e bancadas de madeira contrachapada, paredes de mampostería vista, enormes pipotes detrás da barra, e potas fervendo estratexicamente colocadas en distintos puntos da sala. Os clientes potenciais deben proceder da clase media chinesa (200 millóns de clientes, en rápido crecemento), e o noso restaurante ten que ofrecerlles unha experiencia elitista coa que diferenciarse dos burócratas do Partido.

Unha vez que promocionemos a marca a través das Olimpiadas sería o momento de abrir distintas franquicias ao longo de toda China, de Hong Kong en adiante, e ao mesmo tempo introducirnos no Xapón coa mesma técnica: dende o restaurante da oficina do IGAPE a todos os centros comerciais do país. E unha vez consolidados nos mercados chinés e xaponés, en dous ou tres anos xa estaremos en situación de levar a Pulpería Maruxa á periferia asiática: Corea, Taiwán, Tailandia, Vietnam, Singapur, etc.

A partir de aí as cousas deberían acelerarse. Segundo nos vaiamos expandindo polo Extremo Oriente habería que mercar, masivamente, os restaurantes dos centros galegos de América e de Europa. E ao rematar esta fase, tras un breve periodo para que a experiecia Pulpería Maruxa enchoupe todas as revistas de tendencias de Oriente e Occidente, será o intre axeitado para que a compañía saia ao parqué, na Bolsa de Madrí, coincidindo coa apertura dos dez primeiros restaurantes na Península Ibérica (Madrí, Barcelona, Lisboa, Porto, Coruña, Vigo, Ourense, Santiago, Lugo e Pontevedra -Ferrol xa terá desaparecido para entón e non será máis ca un cemiterio de cascallos-)

A nosa ascensión bursátil debería ser meteórica, salvo unha repentina escaseza de polbo nas rías galegas, que poderemos resolver chantando piscifactorías por toda a costa galega, chilena e tailandesa. Chegado o caso, mesmo poderemos beneficiarnos da estrutura de Pescanova: unha OPA hostil, e xa está.

Cando a Compañía se sitúe entre as cinco primeiras do Ibex 35 será a ocasión de dar o golpe de graza: Adquiriremos absolutamente todos os restaurantes galegos que existan en todo o Planeta Terra e transformarémolos en franquicias de Pulpería Maruxa!!!

E a partir de entón… ningún goberno nos poderá deter…

Primeiro tomaremos o Ibex 35! …. e despois…. o Nasdaq e o Down Jones!!!

8 Comentarios

Arquivado en Economía

O porqué das cousas

por Viriato

Jordi Sevilla, ministro de Administracións Públicas, rei de burócratas, está canso. Pasou toda a mañá negociando co barbas pesao ese do vicepresidente da Xunta, o Quin. Sempre igual, o tío, que se autogoberno por aquí, que se nacionalidade histórica por alá, que se quero as competencias de tráfico para que non se me maten os mozos das aldeas que baixan a beber as cidades en coche… O que se di un plomo.

Ó final, rematou por pechar un compromiso case sen fixarse no que asinaba, todo por facer calar ó plasta ese. Prometeulle seis ou sete competencias medio inútiles, e a de Salvamento Marítimo, para que vaian chorar a Santiago a próxima vez que se lles afunda un petroleiro. Tamén lle dixo que lle daría unha comisión bilateral desas como a catalana… e dúas ou tres parvadas máis das que non se lembra. Nin se imaxina o que chegarían a pedirlle se tiveran aprobado o Estatuto…

Tras traballar tamén a tarde enteira, a Jordi Sevilla dóelle a cabeza, por iso marchou do despacho algo máis cedo do habitual. Mentres mete a chave na porta da súa casa, só pensa en drogarse con ibuprofeno e meterse na cama. Abre e vai directo o botiquín, como un autómata. Colle dous comprimidosde 600 mg. e trágaos cun xesto estilo doctor House , que leva meses practicando (si, é unha dose moi alta, que non se lle ocorra imitalo a ninguén que careza de superpoderes ministeriais). So entón escoita o peculiar ruído que ven do seu cuarto conxugal.

“¡Ñec-ñec-ñec-ñec! ¡Ah, sí, sí, más, hasta el fondo!” Un son inconfundible de cópula humana. Jordi Sevilla pensa que ten que cambiar de somier para non espertar os veciños. Logo, pensa que a súa muller parece moi contenta. E, por último, dase de conta de que se el está no baño, ha de ser outro o que practica o kamasutra na súa cama.

Furioso entra na peza pegándolle unha patada a porta e berrando:

Sevilla: ¡QUIENESETÍO QUELOMATO!
Su mujer: ¡Ah, Jordi, querido! Verás, no es lo que parece…
Anxo Quintana:Home, Sevilla, ¿que problema tes? Deixei ben claro que esta era unha das competencias que me tiñas que traspasar…
Sevilla: ¡ARRRGGH!¡GROAR! ¡LO RETIROOOO!

…………………………..

Aquel mismo día, o presidente da Xunta aburríase como unha ostra (de Arcade) na sesión plenaria do Parlamento. Levaba toda a semana escoitando a mesma matraca sobre o Ostedijk, que se pésima xestión, que se residuos radiactivos, que se o Prestige… e agora todos a repetilo no hemiciclo. Un tostón. Así que, para combater o tedio, o presidente facía crucigramas. Mentres meditaba sobre por que no 7 vertical, “alimaña traicioneiroa” non lle chegaban os cadriños para poñer “Paco Vázquez”, comeza o turno de palabra de Carlos Aymerich, barítono solista do BNG, coa súa voz nasal e ton encendido.

Aymerich: Os de Fomento son uns chapuzas. ¡Morte a Madrid! ¡Queremos as competencias de Salvamento Marítimo para que cando a xente critique a Xunta durante unha destas crises navais nosas, teña un motivo para facelo! ¡E o queremos XA!

O presidente da Xunta odiaba a Aymerich dende que en 1999 lle dixera que non debería ter afeitado o bigote, que agora se lle facía a cara máis gorda. ¡E o presidente non é dos que perdoan tan tremendas afrentas! A furia de escoitar o seu inimigo fíxolle masticar e devorar a revista de crucigramas enteiriña. Normalmente, nestes casos, Anxo Quintana lle conta un chiste para relaxalo e que a ira presidencial non vaia a maiores, pero Anxo Quintana esta hoxe en Madrid, intimando con Jordi Sevilla e familia. Cando Lola Villarino, alcumada o Ogro do Hórreo, lle da o turno de réplica, o señor presidente xa está tan furioso como lle é psicolóxicamente posible. “Voulle ensinar eu a meterse co meu bigote”, pensa:

Touriño: ¡As competencias en Salvamento valas meter no mesmo sitio ó que foi a negociación do Estatuto! ¡Mamalón! ¡Gordo de merda! ¡Esbirro de Meilán!

…………………

A.N.F.– Mmm, hrm…, un, dous, un, dous, probando, probando. ¿Oeseme? ¿Si? Ben. Ola amigos, son Alberto Núñez Feijóo e estou ata os huevos de que ninguén me faga caso. Levo toda a semana a dicir tontería tras tontería, tras tontería e non dei gañado unha mala portada. ¡É que estes do bipartito pelexan entre eles só para chamar a atención e quitarme protagonismo! ¡Xogan sucio! Porque ¿que vou facer eu? ¿Pelexarme con Barreiro? Pero se nin dios se acorda xa de quen é, que leva seis meses sen saír de Lugo para nada. ¡Esixo a miña cota de pantalla! ¡Aténdame, carallo, que así non hai quen faga oposición!… Aings… Se esto segue así, para a semana vou ter que dicir que a Xunta adestra porcos celtas para que inculpen a concelleiros do PP en tramas urbanísticas…

4 Comentarios

Arquivado en Autogoberno, Catástrofes, Política

A cara máis sólida do bipartito

Polo Medulio

Antón e Xosé Lois

4 Comentarios

Arquivado en Política, Surreal