Tras longas horas de espera, mesmo días nalgúns casos, miles de afeccionados ó ocio electrónico poden saciar dende hoxe a súa sede de aventuras. ¡Xa se pode descargar Lugo no tempo, o videoxogo de Xosé Clemente López Orozco!
Cibercafés de toda Galicia permaneceron abertos a noite enteira para atender a demanda dos fans de Orozco.
Lugo no tempo destaca pola súa intensa xogabilidade e polo seu coidado guión. Nesta aventura gráfica, un malvado científico secuestra o excelso alcalde, heroico protector dos seus veciños, e envía a urbe de Lugo cara o pasado, empregando unha máquina do tempo aínda máis malvada ca el. A misión do xogador será resolver distintas probas ó longo da historia, coa axuda do avispado alcalde e os seus antergos, para lograr que a cidade regrese ó século XIX… esteeee XXI. Como por arte de maxia as probas que o heroe lucense debe superar están relacionadas cos obxectivos do Plan Estratexico municipal que Orozco aprobou xa hai un tempiño.
A estas alturas, os nosos intelixentes lectores estarán a pensar que isto é unha máis das paridas que adoitamos argallar aquí, no Galpón de Breogán, mais desta vez, e sen que sirva de precedente, so ten razón a medias. O tal videoxogo existe, e xa se pode descargar aquí, xente de pouca fe. Orozco, valente e lanzal coma é, asumiu que o ocio electrónico xa é a industria cultural que máis vende do mundo e meteuse nel de cabeza. ¡Iso si que é adoptar as novas tecnoloxías, e non a canle de Feijóo no youtube!
Só nos queda quitar o chapeu e animar ó resto dos nosos políticos a imitar ó alcalde amurallado, porque a nosa autarquía nunca estará completa sen unha industria autóctona do videoxogo. Velaquí algunhas ideas modestas:
Bloque Nacionalista Galego: Total War. Estratexia por turnos.
Nunca houbo paz no seo da maior organización nacionalista galega, pero dende entraron na Xunta, a cousa vai peor que nunca. ¡Só un líder forte pode acabar con este caos! ¡E ese líder podes ser ti! Sitúate á fronte dunha das múltiples faccións internas neste trepidante xogo e convértete no home que o Bloque necesita. Consegue partidarios e cotas de afiliado mentres infiltras espías nos outros bandos. Ameaza, conspira, faille filtracións á prensa ou concede entrevistas indignadas para insultar ós demais. Asiste a reunións clandestinas no restaurante O 16 mentres lle fas sitio á túa xente no Consello Nacional. Trafica favores para lograr que os teus sexan candidatos ás municipais ou mesmo alcaldes. ¿Serás audaz de abondo para ser Portavoz Nacional?
Urbanization III. ¡Build till the last squared meter! Estratexia de xestión.
Nesta obra mestra dos simuladores económicos, o xogador pode poñerse na pel dun promotor urbanístico que ten a misión de levantar nunha vila fermosa e racional todo canto edificio poida e lle deixen. Comezando cuns recursos limitados (dos que hai que descontar os subornos), ás opcións de partida son pouca, pero aproveitando sabiamente a desmesurada burbulla inmobilaria, en menos dunha década, ata o máis zoupón pode estar recalificando garderías, vertedoiros e parques nacionais para levantar apartamentos de luxo. O disco de instalación inclúe escenarios reais para as partidas, como Gondomar, Foz, Barreiros, Lalín, Vigo e outros moitos. Recomendado como apoio educativo a partir de 4º de primaria, pola Asociación de Pedagogos ex-Ionquis, para que os nenos aprendan a valerse o día de mañá.
Quiñake 5. Kill ‘em all. Shooter 3D.
Houbo un tempo en que tiña un poder semellante ó de Deus. Pero os imbéciles e escuros, conspirando nas sombras, arrebatáronllo. Agora é un segundón, o bufón da corte, unha vella gloria… pero a vinganza é un prato que se sirve frío. Xosé Cuíña Crespo xa está farto de parvadas, así que vai coller a súa escopeta de caza e vai asasinar a todo o que lle leve a contraria ¡Coa túa axuda! Manexa o gladiador de Lalín neste trepidante xogo de violencia sen sentido e supera as distintas fases sen deixar un inimigo en pé. Pasarás polas sedes do PSOE, o PP e o BNG, polo Parlamento, por San Caetano e, finalmente, por Montepío na túa carnicería sen sentido, ata que non quede ninguén que che impida ser o ditador vitalicio das Terras Galegas. ¡Mátaos a todos!
Tránsfuga!. Massively Multiplayer Online Role-Playing Game
Se crees que na política, a lealdade depende de como encher o papo, Tránsfuga! é o teu xogo. En Tránsfuga!, tomarás o papel dun concelleiro sen escrúpulos dun municipio ficticio e competirás con xogadores de todo o mundo para vender os teus votos ó mellor postor. Cambia de partido segundo os billetes cheguen á túa carteira. Forma ou afunde gobernos. Trastoca o PXOM e retíralle o teu apoio ós orzamentos de parques e xardíns no último intre. Para os febles, isto é a anarquía, pero para ti e a oportunidade de retirarte cun chalé en Portonovo para cando remate a lexislatura ¿Saberás aproveitala?
Non máis preguntas. Aventura.
Debido ás presións do BNG, a Televisión de Galicia vai producir un programa cuspidiño a ese no que a xente interrogou a ZP e Marianosh Rajoysh. O primeiro invitado, por dereito de pernada, será Emilio Pérez Touriño, mais, por unha vez, o privilexio non lle fai ningunha gracia. O presidente non quere enfrontarse as preguntas de 100 cidadáns, porque tería que pasar todo o rato dicindo unha cousa e a contraria, como adoita, (agora alcalde promotor non, agora alcalde promotor si), e os médicos temen que a súa mente entre en colapso por semellante esforzo de dobrepensamento. Tampouco pode negarse a participar, porque a súa transparencia presidencial quedaría en entredito, así que Touriño so ten unha solución: asegurarse que ningún dos participantes teña gana de preguntar. Ponte na súa pel e terás un mes antes da rodaxe para localizar ós cen interrogadores, espialos e descubrir os seus puntos febles. Lesionaos, secuestraos, extorsiónaos ou mátaos, pero pensa que todas as túas accións terán consecuencias.
O ataque dos manifestantes zombis radiactivos. Survival Horror.
Nunha noite de treboada, o alcalde da Coruña, Javi Losada, vai inagurar unha nova central núclear en Monte Alto, para atraer a máis turismo. Por desgraza para el, no acto xúntanse as manifestacións en protesta dos funcionarios do concello, os bombeiros, as amas de casa xubiladas, a Policía Local, os taxistas, os teleoperadores, o gremio de fresadores-torneiros, os curas gays, os colectivos independentistas e os defensores da gaivota común. Farto do acoso, Javi perde os nervios, métese nun traxe anti radiación e provoca unha fisión incontrolada no reactor nuclear para librarse deles. E sucedeu o inevitable, todos os manifestantes convertéronse en zombis radiactivos sedentos de dereitos civis. ¡Mesmo os veciños normais e pacíficos, afectados pola radiación, organizaron un acto de protesta contra o Concello, por convertilos en mortos vivintes! Javi está só e so ten unha lanterna, un cortaunllas e un bote de Grecian 2000 ¿Poderá sobrevivir?
Farola e maceta. Puzzle.
Axuda á alcaldesa de Vigo, Corina Porro, a recoller as macetas de flores que caen do ceo e a colocalas nas farolas, nas papeleiras, nos bancos e noutros lugares inverosímiles para que quede fermoso ¡Coidado, romperánse se tocan o chan! Un xogo tan sinxelo como dixirir un concello.