Mamá, eu de maior quero ser funcionario

Por Frouxeira

Na Cidade dos Opositores, o Funcionario é o Rei.

Contan que esa honrada empresa coñecida como Academia Postal, no fondo, non é máis que unha tapadeira trala que se agocha o campo de entrenamento para os futuros membros do CEFOU (Corpo Especial de Funcionarios Ourensáns, para quen a estas alturas aínda non se decatara).

Contan que os profesores chegan co ssstatuto de autonomía nunha man e a constitución xxxpañola noutra, chántanse diante da aula cos brazos alzados, e soltan un mantra (que todos os alumnos repiten coma unha soa voz) que di algo así como…

Aquí está a verdade, toda a verdade e nada máis que a verdade…

… todo o que preciso saber está nestes dous libros…

… dous libros que hei de coñecer coma a palma da miña man…

… coma a aliñación do meu equipo favorito…

… coma os escaparates de Zara…

… e coma o licor café da miña casa.

Todos os días vou ler e memorizar un artigo…

… para o día de mañá poder servir ao meu patrón…

… non preciso máis que estes dous libros…

… dous libros que son a lei, a verdade, e a salvación.

Longa vida ao Presidente da Deputación!

Longa vida a Jose Luis Baltar Pumar!

Longa vida á Academia Postal!

Tras esta sesión de hipnose colectiva, a formación no campo de entrenamento continúa coa aprendizaxe de como alongar o café de media mañá ate o mediodía ou de como desfacerse dos paisanos que teñen o mal costume de preguntar cousas e agardar que se lles responda. Distintas actividades, tan importantes como, outro exemplo, saber encher os encrucillados de toda a prensa diaria.

Unha pregunta habitual nos exames a funcionario tipo ipsilón vén sendo:

O Ajax é a Ámsterdam o mesmo que o Arsenal é a…………………

Cos funcionarios tipo delta ou tipo ipsilón non hai problema. Aturan o entrenamento, gravan coma canteiros o ssstatuto e a constitución nos seus miolos, e logo…. o que vale, vale (e vai pa Xunta), e o que non vale… pois pa Deputación Provincial.

A eles vai dirixido ese coñecido cartaz publicitario no que aparece unha moza relambida, morena de camisa branca con ollos vacunos, que di iso de…

yo ya soy funcionaria, ¿y tu?

exhibindo impúdicamente á vista de todos os menores o seu triunfo social.

Os problemas veñen cos túzaros que pensan de máis, que non se afán ao sistema, e baten ano tras ano contra o exame de oposición a funcionarios tipo alfa, beta, gamma.

Contra a súa nociva influenza no corpo administrativo, o CEFOU inventou e potenciou a figura dos interinos…

Os interinos son, coma o seu propio nome indica, os infiltrados. Eles encárganse de vixilar o cumprimento das directrices oficiais de preguiza e incompetencia xeralizada. Tamén sabotean calquera iniciativa que se lle ocorra a algún deses iluminados que, saltando todas as barreiras de seguridade, puido aprobar as oposicións (nun erro do tribunal, na maior parte dos casos). Pero o labor máis importante dos interinos é, sen dúbida, bloquear coa súa simple presenza o acceso aos postos da administración.

Non todo vai durar pa sempre, claro. Para contentar os ánimos destes adictos ao réxime cómpre, cada certo tempo, abrir a man cunha Oferta Pública de Emprego. Hai que deixarlles aprobar o exame e gañar unha praza. Non vaian dirixir as súas pérfidas actividades contra a man que lles dá de comer. Estas Ofertas Públicas de Emprego nunca fallan. Son un mecanismo ben axustado: ilusionas con vagas promesas aos inxenuos que, mes tras mes, renden tributo á Academia Postal, para logo premiar só aos fieis de probada adhesión.

O obxectivo final de toda esta estructura é ter á poboación adurmiñada, ocupando os seus postos pola mañá, e ocupando os bares pola noite, tirando os cartos nos coches que un día lles van servir de cadaleito. Tanto esforzo vai dirixido nunha única dirección: evitar que alguén poida desenvolver, nos seus escasos intres de claridade mental, entre unha cunca e a seguinte, esa idea que comeza dicindo iso de…

PUTO PAÍS DE GAITA E PANDEIRETA!!!

9 Comentarios

Arquivado en Costumismo, Funcionarios, Ourense

9 respostas a “Mamá, eu de maior quero ser funcionario

  1. O que mais chifle capador

    “poboación adurmiñada, ocupando os seus postos pola mañá, e ocupando os bares pola noite, tirando os cartos nos coches que un día lles van servir de cadaleito.”

    Buffff … Xenial meu amigo…

  2. Real como un reality. Sen diesputar a hexemonía da CEFOU, compre salientar que os outros preidos funcionariais do país tamén dan os seus froitos. Investigastes a Chantada conection? (disléxica tou hoxe, che)

  3. carqueixa

    Teño un amigo que é funcionario e sempre dí o mesmo: “eu se quisera traballar non me metía funcionario”

  4. Un artigo moi bo. A lástima e que este tipo de pólitica non é exclusiva de Ourense, senon que está demaxiado xeralizado.

  5. frouxeira

    Vexo que funcionarios, interinos e demais aproveitados do sistema son un tema sensible por toda a xeografía galega. Debe ser un dos signos da nosa identidade diferencial. Un país con tan poucas expectativas que ter un traballo monótono e baleiro para toda a vida convértese en sinónimo de triunfo social. E hai quen dá coiteladas por conseguilo. E hai quen coloca a familia e amigos como mostra de liderazo clánico. Fálase moito de que Citroën ten de 7.000 a 10.000 empregados e é a maior empresa de Galiza. E cantos funcionarios ten o estado?

  6. Furafollas

    Ou!! E os funcionarios na diáspora?? Cánto galego en Madriss!! Cidade de x millóns de durmintes e con, alomenos, 50.000 funcionarios. Por suposto, haberá 3 ou 4.000 galegos e non todos da Academia Postal.
    Saúdos doutra vaca no millo.

  7. Nostromo

    No debeis olvidar que el seminario de Ourense es cuna de ilustres intlectuales padres de la patriaGA

  8. Pingback: O BOTELLÓN É O INTELIXENTE « Galpón de Breogán

  9. Pingback: A REVOLUCIÓN CULTURAL DE BALTAR. « Galpón de Breogán

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s