A revolución pendente

por Viriato (que estivo toda a mañá sen conexión a internet)

Tal día coma hoxe, pero hai 30 anos, o Partido Comunista aceptou o ordenamento xurídico sssspañol a cambio de que o ordenamento xurídico ssspañol o aceptase a el. E dende aquel Sábado Santo Roxo (ou Vermello, non teño a tradución moi clara) en que Santi Carrillo dixo que ter un monarca non era tan malo, aínda estamos coa revolución pendente.

Non obstante, a esperanza é o último que se perde, e o primeiro que se recupera, e nós, en Galpón de Breogán, consideramos que máis vale tarde ca cedo, porque é como todo, ¿non?, depende dos ollos cos que o mires e nunca choveu que non escampara, aínda que a can fraco todo son carrachos. E baseándonos nestes argumentos, afirmamos que, postos a revolucionarse, Galicia é o lugar ideal para facelo.

Hai séculos que vimos escoitando que este é un país marxinado, que as eleccións políticas que fixeron os nosos antergos foron pésimas, que se Madrid e Castela son uns maltratadores, que se os Irmandiños, Pardo de Cela (que non parvo) e Xoana a Beltranexa. Laiarse está moi ben, a nós encántanos e facémolo a todas horas, pero xa é tempo de recoñecer as vantaxes que temos. A situación de subdesenvolvemento e barbarie fai que Galicia sexa ideal para converterse nun bastión irreductible contra o capitalismo peninsular e global.

En primeiro lugar, como non hai unha puñetera infraestructura, lograr un illamento defensivo é moi doado. Basta con dinamitar o viaducto do Padornelo, cavar un par de furados na AP-9 e afundir dúas ou tres pontes no pouco que hai feito da transcantábrica e xa está. A ver cal é a forza de invasión que se atreve a vir pola estrada nacional de Castela, onde poden ser retidos sen esforzo por dous ou tres camioneiros cabreados.

Do tren xa nin falo. No improbable caso de que desen chegado, a viaxe duraría tanto que todos os soldados acabarían con dor de lombo e pescozo, e serían inútiles para o combate. ¿E os aeroportos? Sen fallo, alí é fácil atrincheirarse, e con avariar os avisadores anti-néboa, hai once meses ó ano nos que non se pode aterrar.

Queda o mar, pero ese, irmandiños, é o maior feudo de Galicia. Abonda con poñer Bazán e Astano a traballar coma tolos e en tres meses habería un par de acoirazados e tres ou catro destrutores fretados. ¿E os materiais para construír? Ah, non esquezamos que a frota pesqueira galega é a maior cuadrilla de piratas do mundo, acostumados a moverse con sixilo polas augas alleas e arramplar con toda pescada, fletán ou criatura pisciforme nas mesmas narices das autoridades (si, ás veces píllanos, pero son as menos). Con esas habilidades, desenvolvidas durante xeracións, asaltar un barco e capturalo con nocturnidade e aleivosía seríalles tan doado como ir de putas. E todos sabemos que por diante de Fisterra pasan moitos barcos (algúns deles, mesmo afunden), así que o subministro de petróleo e de materias primas estaría garantido.

Por outra banda, unha pequena negociación entre o movemento revolucionario e os vellos inquilinos das rías, os narcos colombianos, serviría para garantir uns ingresos fixos coa venda e distribución de cocaína no estranxeiro europeo. E con sacar do caldeiro a eses simpáticos avoíños de Verín, veña, a repartir armas entre a poboación.

Nos hipotéticos casos de combate, a vantaxe tamén se inclina do lado dos Fillos de Breogán. Aquí, a malvada SSSpaña case non ten destacamentos militares serios, e estando a metade da BRILAT en Afganistán, non custaría a penas esforzo dobregar ós soldados que non se unan á causa revolucionaria. A base naval de Marín sería cousa da frota pirata, e da base aérea de Iroite xa nin falo, porque sufrirían o asalto dunha chea de barbanceses berserker e… ben. Neutralizado así o inimigo interno, os invasores terían que loitar en terreo descoñecido, e a combinación de choiva, humidade e friaxe-calor extremas é capaz de botar a perder o adestramento máis sólido.

Calquera galego, acostumado ó ambiente, vale por dous marines americanos e tres lexionarios andaluces. E iso sen ter en conta as súas habilidades especiais e os corpos de elite que se poderían crear co mínimo esforzo. Por exemplo, os barbanceses berserker dos que xa falamos, cos de Aguiño á fronte. O seu efecto intimidatorio sería tremendo, pero nada comparable ó que tería unha cuadrilla de fisterráns (ou xente das Rías Altas en xeral) se se lles subministra o suficiente oruxo. Do mesmo xeito, os vigueses,coa súa sobrenatural coordinación para organizar protestas, serían uns grupos de acción rápida excelentes, precisos como un escalpelo, e máis coa axuda das tropas pesadas de Cangas. E á hora de voar pontes, incendiar cousas e bloquear estradas, sempre se pode contar cos mariscadores de Ferrol.

A organización táctica, o planeamento e a intendencia, dende logo, quedarían en mans dous ourensáns, verdadeiros expertos en celadas e enganos. A inteligenstia militar sería cousa dos coruñeses, primeiro, porque calquera deles pode pasar por madrileño e infiltrarse nas liñas enemigas sen esforzo, e segundo, porque poden cifrar as mensaxes nese estrano idioma que falan ás veces (mentiendes, neno, te voy dicir una cosa). Os de Lugo, como expertos en psicoloxía e dobrefalar (non en van a cidade está construída sobre unha carballeira druídica sagrada) serían os interrogadores perfectos, e en Santiago, os grupos de estudiantes (coordinados polos veteranos da LOU) e as cédulas independentistas funcionarían moi ben como comandos, mentres o excedente de poetas e artistas multimedia se encarga de fabricar a retórica da revolución. E os de Pontevedra… er… teñen un centro histórico precioso.

Dito esto, queda claro que unha revolución galega sería imposible de reprimir e remataría por estenderse como os coellos no ecosistema australiano. Só falta unha cousa por resolver: ¿como logramos que o pobo se levante en armas? Ben, os ideólogos teñen claro que a solución pasaría por subirlle as taxas ó alcol, reducir o número de empregos na función pública e lograr que o Celta, o Dépor, o Lobelle, o Breogán e o Alondra de Cangas quedasen disoltos por orde xudicial. O proceso exacto aínda se sabe, pero mirade a ver se podedes ir aprendendo a usar un AK-47, só por se acaso.

8 Comentarios

Arquivado en Autogoberno, Catástrofes, Costumismo

8 respostas a “A revolución pendente

  1. Coido que a forma máis rápida (os da VA-CA sabían un cacho disto) sería voar a torre de telecomunicacións do Pedroso. A da TVG, claro. SEn Gayoso e Superpiñeiro sachos e aturuxos volverían inzar o ceo pondaliano…

  2. madame o

    Voar a antena da Telegaita, nunca! A revolución será televisada! Con reporteiros da Revista da TVG desprazados aos focos neurálxicos, con Gayoso e Superpiñeiro como líderes mediáticos goebbelianos, con Anne Marie Rivers coma musa romántica do glorioso alzamento… Os Tonechos exaltarían o noso espírito revoltoso mediante soflamas incendiarias! Eso si, a revolución tería que ter pausas publicitarias cada 20 minutos e un politono descargable no 5555.

  3. o ultimo da clase da academia postal

    “A organización táctica, o planeamento e a intendencia, dende logo, quedarían en mans dous ourensáns”

    mmm… A Cefou vos vai captando para a causa…
    E o xeneral vai ser por oposición ou por designación da Deputación???

  4. fer

    Eu já estou nelo, pola banda da Física… em cinco anos Galiza tem a Bomba.

  5. fer

    Bomba H [bomba-agá] entende-se…

  6. oko

    reducir aos que protexen a escola naval de marín sería tarefa de nenos (dígoo con coñecemento de causa, que diso se poden encargar os propios veciños do pueblo). agora que, televisar os combates con tales comentaristas como aquí se propoñen… buffff, non sei como resultaría… non sería moito millor poñer a xornalistas deportivos, pra que puxesen o tono das retransmisións futboleiras???

  7. Furafollas

    Eu encárgome dos obxectivos da capital do reino, que a teño a tiro. E de balde.

  8. triskel

    Non teño nin idea de como cheguei eiqui, pero estou, lendo e visualizando a revolta.
    Nada mellor que os do Imperio Otoman para as infiltracions en terreo inimigo.
    Como se espallaria como a polvora non faria falla a telegaitas,a BBC ou CNN, que asi tamen disfruto eu do acontecemento.
    Eu axudaria reclutando tropas de crueis vikingos no caso de que os malevolos se resistan…Adiante que para coitados eles,de tantas que ian levar ia cheirar a chamusco!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s