Localismo acuífero

 

Por Frouxeira

O subministro de auga, de luz, de gas ou a recollida de lixo son cousas que o estado pode e sabe delegar na administración local. Polo tanto, a calidade do servizo xa depende do bon facer dos concellos correspondentes. Non todas as traídas son iguais. O deber do cidadán é avalialas cada catro anos.

Ao final, un é daló de onde consume a auga, a luz e o gas. A traída é o feito diferenzal que nos ubica nun concello ou noutro. E non é algo que diga eu. Afirmao, con feitos consumados, un visionario da ciencia política galega: José Pardo Lombao, alcalde popular de Outeiro de Rei, todo un heroe local tras poñer en práctica ese lúcido axioma e acadar que o seu concello superase os 5.000 habitantes.

Como puido conseguilo? Sinxelo. Se os 300 reclusos da prisión de Bonxe consumen a auga, a luz e o gas da traída municipal… Por que non censalos? Acaso non son cidadáns de Outeiro de Rei? Se beben a mesma auga cos demais… Por que discriminalos? A fin de contas… moitos van pasar unha longa tempada coñecendo os encantos deste concello lucense…

E o que vale para os inquilinos de Bonxe… Como non vai valer para os 152 velliños internos na Residencia Carlos IV!!! Eles aínda teñen máis motivos para sentirse parte do pobo de Outeiro de Rei: supostamente (sempre, supostamente) están nese xeriátrico pola súa propia vontade, non por unha sentenza xudicial. E non teñen alí luz eléctrica grazas ó cableado municipal? Son ou non son daquela de Outeiro de Rei?

O Siñor Alcalde facía todo isto por ben, por suposto. Como ía ser doutro xeito!? Un home preocupado polo seu pobo, un home xeneroso, disposto a empregar todos os recursos dispoñibeis para que o seu termo municipal reciba 53.000 euros máis de financiamento por rebasar a barreira simbólica dos 5.000 habitantes censados.

Só a alguén rabudo e podre de xenreira como o candidato socialista local (aquí, insertar unha ráfaga de música de terror) podía atreverse a acusar a tan egrexio persoeiro de censar a presos e a anciáns sen o seu permiso por motivos electoralistas… Así, agora, todos quedan mal. O alcalde, manipulador. O aspirante socialista, un home de mala fe. O concello, ferido na súa reputación. E presos e velliños…utilizados cando todo era polo seu ben… Beben ou non beben a auga da traída? Teñen ou non teñen luz eléctrica? Ían votar ou non ían votar polo Siñor Alcalde?

Estamos o tempo dos escándalos electorais. Danse mellor que as moras no vrao e os fungos no outono. Mágoa que non todos teñan a mesma calidade. Agora aínda vai resultar que en Outeiro de Rei todo era legal, que os presos de Bonxe foron puntualmente informados da súa inscrición e a maioría deles, agás cincuenta, aceptaron de bo grao… (pero… por que?)

Oooooh…! Que decepción! Queríamos sangue! Sensacionalismo electoralista!

Pero non.

Estes novos veciños non van poder exercer o seu lexítimo dereito ao voto nesta primavera. Disque o censo xa estaba pechado. Non van poder dar a súa opinión sobre a calidade da auga local. E xa se sabe que non é o mesmo a traída por tubaxes de fibrocemento que por tubaxes de aceiro.

Deixar un comentario

Arquivado en Lugo, Municipais, Política

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s