Arquivos mensuais: Abril 2007

Deputacións, gaitas e dominación global

 

Grupo Paramilitar gaiteiro

Os visitantes habituais do Galpon coñecen a un temido grupo de poder ourensán na sombra, o Cefou. Outra organización máis perigosa tamén emerxe da terra dos funcionarios e do licor café. Máis visible que a súa paisana a Real Banda de Gaitas da Deputación Ourense sempre se moveu coma un poder paralelo e omnipresente en calquera acto festivo do Ántigo Réxime Boinil. Desde a chegada da esquizofrenia a San Caetano as aparicións deste sinistro e sincrético grupo de músicos tornáronse máis esporádicas. Por que?

Temos indicios de que esta sinistra banda podería estar a entrenarse en Faluya e Basora en tácticas de guerra de guerrillas con expertos do partido Baaz e terroristas de Al Qaeda. O seu campo de entrenamento no sur do orixe da civilización, coñecido como A Manchica, acolle a centos de violentos fanáticos da gaita cun obxectivo claro: reafirmar o poder divino e eterno das Deputacións.

O malvado plan levaría a constituír unha banda de gaitas en cada concello a través de fortes subvencións dos organismos provinciais correspondentes (para que outra cousa pode valer o diñeiro duna deputación). Estes pequenos exércitos ergueranse na noite e asasinarán con crueldade a todos os nenos do país (tampouco son moitos) se algún día os seus reinos feudais son ameazados polo Bispartito. A Deputación convertirase no que é de facto, unha institución eterna que xorde coma resposta ao espírito conservador e despilfarrador da administración galega e que reflicte como ningunha outra o localismo e tribalismo. As formacións paramilitares garantiría que a República das Catro Provincias volvera ás terras de Breogán.

9 Comentarios

Arquivado en Autogoberno, Música, Ourense, Seguridade, Uncategorized

STOICHKOV, ¿ALCALDE DE VIGO?

Por Antón Fraguas

¿E por que non? ¿Alguén pensa que non gañaría?

1- Non é rubio platino
2- Non ten roto o esternón
3- Non é Abel Caballero

6 Comentarios

Arquivado en Municipais, Vigo

As súas mmmúsicas!

O galponeiro Frouxeira remítenos a seguinte misiva:

“Queridos amigos. Durante a Semana Santa viñeron á miña casa uns señores do CEFOU e me levaron con eles a un campo de reeducación oculto no macizo central ourensán. Ó comezo non me gustaba nada, pero agora que xa me aprendín a Constitución de memoria, son feliz por primeira vez na miña vida. Por desgraza, non vou poder escribir esta semana, pero non vos preocupedes por min, que estou ben.”

Así as cousas, e con poucas ideas, aproveitamos que alguén nos nominou para o xogo ese en cadea das músicas sexuais para non deixar o día en branco. Non obstante, como nós somos criaturas asexuadas e pudorosas, decidimos que en vez de contar a nosa intimidade, iamos investigar que discos poñen os nosos políticos e famosillos cando lles chega o intre de amar. E estes son os resultados:

Emilio Pérez Touriño: I got the power. Puff Daddy.
Esther Cid Cadavid (señora de Touriño): Nunca te decides (Que si, que no). El símbolo.
Anxo Quintana González: Tu eres lo más lindo de mi vida. Marisol (o mesmo lla canta á súa muller que a Antón Losada).
Alberto Núñez Feijóo: You can’t always get what you want. The Rolling Stones.
Manuel Fraga Iribarne: Daddy Cool. Bonney M.
Dolores Villarino Santiago: Clint Eastwood. Gorillaz.
Alfredo Suárez Canal: Baixo os eucaliptos. Proxecto Mourente.
José Cuiña Crespo: Así, me gusta a mí. Chimo Bayo.
José Luis Baltar Pumar. Papi Chulo. Lorna.
Ánxela Bugallo Rodríguez: Every day I love you less and less. Kaiser Chiefs.
O compañeiro de Ánxela Bugallo (que prefire quedar no anonimato): ¿Y cómo es él?. José Luis Perales.
Xosé Sánchez Bugallo: La vie en rose, na versión longa de Grace Jones.
Javier Losada Azpiazu: Sin ti no soy nada. Amaral.
Xosé Clemente López Orozco: (Abre) La muralla. Ana Belén.
Corina Porro Martínez:
I should be so lucky. Kylie Minogue.
Miguel Anxo Fernández Lores:
I’m your man. Leonard Cohen.
Francisco Rodríguez Sánchez: Son las cosas del querer. Nin puta idea dos autores.
Jesús Ares, alcalde de Toques: Los lunnis. TVE
Bieito Lobeira Domínguez: I’m too sexy. Right Said Fred.
Óscar Pereiro Sio. Ain’t no mountain high enough. Marvin Gaye & Tammi Terrell.
Ana María Ríos: Simple Irresistible. Robert Palmer.
Ugío Caamanho: Spanish Bombs. The Clash.

Seguramente botaredes xente a faltar, ou se vos ocorren outras cancións mellores para estes. ¡Pois, veña! ¡Comentade!

10 Comentarios

Arquivado en Autogoberno, Embigo, Gafapastismo, Surreal

A revolución pendente

por Viriato (que estivo toda a mañá sen conexión a internet)

Tal día coma hoxe, pero hai 30 anos, o Partido Comunista aceptou o ordenamento xurídico sssspañol a cambio de que o ordenamento xurídico ssspañol o aceptase a el. E dende aquel Sábado Santo Roxo (ou Vermello, non teño a tradución moi clara) en que Santi Carrillo dixo que ter un monarca non era tan malo, aínda estamos coa revolución pendente.

Non obstante, a esperanza é o último que se perde, e o primeiro que se recupera, e nós, en Galpón de Breogán, consideramos que máis vale tarde ca cedo, porque é como todo, ¿non?, depende dos ollos cos que o mires e nunca choveu que non escampara, aínda que a can fraco todo son carrachos. E baseándonos nestes argumentos, afirmamos que, postos a revolucionarse, Galicia é o lugar ideal para facelo.

Hai séculos que vimos escoitando que este é un país marxinado, que as eleccións políticas que fixeron os nosos antergos foron pésimas, que se Madrid e Castela son uns maltratadores, que se os Irmandiños, Pardo de Cela (que non parvo) e Xoana a Beltranexa. Laiarse está moi ben, a nós encántanos e facémolo a todas horas, pero xa é tempo de recoñecer as vantaxes que temos. A situación de subdesenvolvemento e barbarie fai que Galicia sexa ideal para converterse nun bastión irreductible contra o capitalismo peninsular e global.

En primeiro lugar, como non hai unha puñetera infraestructura, lograr un illamento defensivo é moi doado. Basta con dinamitar o viaducto do Padornelo, cavar un par de furados na AP-9 e afundir dúas ou tres pontes no pouco que hai feito da transcantábrica e xa está. A ver cal é a forza de invasión que se atreve a vir pola estrada nacional de Castela, onde poden ser retidos sen esforzo por dous ou tres camioneiros cabreados.

Do tren xa nin falo. No improbable caso de que desen chegado, a viaxe duraría tanto que todos os soldados acabarían con dor de lombo e pescozo, e serían inútiles para o combate. ¿E os aeroportos? Sen fallo, alí é fácil atrincheirarse, e con avariar os avisadores anti-néboa, hai once meses ó ano nos que non se pode aterrar.

Queda o mar, pero ese, irmandiños, é o maior feudo de Galicia. Abonda con poñer Bazán e Astano a traballar coma tolos e en tres meses habería un par de acoirazados e tres ou catro destrutores fretados. ¿E os materiais para construír? Ah, non esquezamos que a frota pesqueira galega é a maior cuadrilla de piratas do mundo, acostumados a moverse con sixilo polas augas alleas e arramplar con toda pescada, fletán ou criatura pisciforme nas mesmas narices das autoridades (si, ás veces píllanos, pero son as menos). Con esas habilidades, desenvolvidas durante xeracións, asaltar un barco e capturalo con nocturnidade e aleivosía seríalles tan doado como ir de putas. E todos sabemos que por diante de Fisterra pasan moitos barcos (algúns deles, mesmo afunden), así que o subministro de petróleo e de materias primas estaría garantido.

Por outra banda, unha pequena negociación entre o movemento revolucionario e os vellos inquilinos das rías, os narcos colombianos, serviría para garantir uns ingresos fixos coa venda e distribución de cocaína no estranxeiro europeo. E con sacar do caldeiro a eses simpáticos avoíños de Verín, veña, a repartir armas entre a poboación.

Nos hipotéticos casos de combate, a vantaxe tamén se inclina do lado dos Fillos de Breogán. Aquí, a malvada SSSpaña case non ten destacamentos militares serios, e estando a metade da BRILAT en Afganistán, non custaría a penas esforzo dobregar ós soldados que non se unan á causa revolucionaria. A base naval de Marín sería cousa da frota pirata, e da base aérea de Iroite xa nin falo, porque sufrirían o asalto dunha chea de barbanceses berserker e… ben. Neutralizado así o inimigo interno, os invasores terían que loitar en terreo descoñecido, e a combinación de choiva, humidade e friaxe-calor extremas é capaz de botar a perder o adestramento máis sólido.

Calquera galego, acostumado ó ambiente, vale por dous marines americanos e tres lexionarios andaluces. E iso sen ter en conta as súas habilidades especiais e os corpos de elite que se poderían crear co mínimo esforzo. Por exemplo, os barbanceses berserker dos que xa falamos, cos de Aguiño á fronte. O seu efecto intimidatorio sería tremendo, pero nada comparable ó que tería unha cuadrilla de fisterráns (ou xente das Rías Altas en xeral) se se lles subministra o suficiente oruxo. Do mesmo xeito, os vigueses,coa súa sobrenatural coordinación para organizar protestas, serían uns grupos de acción rápida excelentes, precisos como un escalpelo, e máis coa axuda das tropas pesadas de Cangas. E á hora de voar pontes, incendiar cousas e bloquear estradas, sempre se pode contar cos mariscadores de Ferrol.

A organización táctica, o planeamento e a intendencia, dende logo, quedarían en mans dous ourensáns, verdadeiros expertos en celadas e enganos. A inteligenstia militar sería cousa dos coruñeses, primeiro, porque calquera deles pode pasar por madrileño e infiltrarse nas liñas enemigas sen esforzo, e segundo, porque poden cifrar as mensaxes nese estrano idioma que falan ás veces (mentiendes, neno, te voy dicir una cosa). Os de Lugo, como expertos en psicoloxía e dobrefalar (non en van a cidade está construída sobre unha carballeira druídica sagrada) serían os interrogadores perfectos, e en Santiago, os grupos de estudiantes (coordinados polos veteranos da LOU) e as cédulas independentistas funcionarían moi ben como comandos, mentres o excedente de poetas e artistas multimedia se encarga de fabricar a retórica da revolución. E os de Pontevedra… er… teñen un centro histórico precioso.

Dito esto, queda claro que unha revolución galega sería imposible de reprimir e remataría por estenderse como os coellos no ecosistema australiano. Só falta unha cousa por resolver: ¿como logramos que o pobo se levante en armas? Ben, os ideólogos teñen claro que a solución pasaría por subirlle as taxas ó alcol, reducir o número de empregos na función pública e lograr que o Celta, o Dépor, o Lobelle, o Breogán e o Alondra de Cangas quedasen disoltos por orde xudicial. O proceso exacto aínda se sabe, pero mirade a ver se podedes ir aprendendo a usar un AK-47, só por se acaso.

8 Comentarios

Arquivado en Autogoberno, Catástrofes, Costumismo

Baltar(ín), ese home

Máis alá do ben e do mal está Clint Eastwood. E detrás del, Manuel Baltar jr. Un home feito e afeito a si mesmo, claro expoñente de como se pode chegar a ser un dos máximos expoñentes de Cefou co suor da súa fronte, currando día a día. A súa traxetoria política tense forxado no Parlamento galego e, amais, como concelleiro do potente municipioo ourensán de Os Blancos. Alí, Baltar(ín) aprendeu o que é a política, para qué vale e ata onde te pode levar.

Do seu paso por este municipio, de 1. 089 persoas e 406 vacas (datos do IGE), Baltar II quedou coa súa paixón polas cores merengues. Cousas do destino. Menos é nada.

Pero este home, tremendamente admirado por todos e cada un dos que conforman o Galpón, tamén ten un importante aprezo pola música.

Seguiremos informando…

5 Comentarios

Arquivado en Ourense, Política, Uncategorized

Audiovisual galego

Se o primeiro rumor apuntaba a que Bugallo, Ánxela, emulara con Fernández, Antonio, a Julieta cun amor prohibido polas diferencias entre dous bandos enfrontados a morte agora os rumores apuntan a que o contertulio menos maleducado de El Rondo, Valery Karpin, é o dono dos seus desexos. Iría demasiado lonxe Ánxela á hora de negociar a creación dun equipo ciclista?

A verdade é moito menos sórdida. Despois do chamamento feito en Galpón para a creación dunha industria de cine para adultos galega a nosa conselleira tomou boa nota e decidiu facer un produto audiovisual para animar a galegas e galegos a foder diante das cámaras e crear riqueza. A participación de Karpin produciuse pero, coa intención de non ferir sensibilidades, decidiuse incluír tamén a un carismático exxogador do Deportivo, Donato. O filme gravouse nunha galescola en Allariz e foi dirixido por Quin que contemporizaba os berros de paixón e as imaxes foron montadas e manipuladas por Antón Losada

A raíz desta iniciativa o presidente do outro goberno de Galicia, Tou, decidiu facer un vídeo similar. Propúxoselle a María Xosé Caride pero no seu candor de profesora de parvulitos non comprendeu o que se lle demandaba. Xurdiu o nome de Laura Sánchez Piñón e alguén, con acerto, sinalou que nese caso habería que apagar as luces e o impacto sería menor. Como a solución máis sinxela sempre é a mellor colleuse a Bugallo, alcalde de Santiago, e á alma xemelga de Touriño, Carlinhos Brown, nun produto dirixido exclusivamente ao público masculino co cal se daba unha imaxe moderna de país. A banda sonora correu a cargo do asesor de Touriño Paul Simon.

Deixar un comentario

Arquivado en Audiovisual, Uncategorized

ANTÓN LOSADA DEVORANDO OS SEUS FILLOS

losadas.jpg

¿Adiviñades a quen se está comendo?

9 Comentarios

Arquivado en BNG, Losada, Política

Mamá, eu de maior quero ser funcionario

Por Frouxeira

Na Cidade dos Opositores, o Funcionario é o Rei.

Contan que esa honrada empresa coñecida como Academia Postal, no fondo, non é máis que unha tapadeira trala que se agocha o campo de entrenamento para os futuros membros do CEFOU (Corpo Especial de Funcionarios Ourensáns, para quen a estas alturas aínda non se decatara).

Contan que os profesores chegan co ssstatuto de autonomía nunha man e a constitución xxxpañola noutra, chántanse diante da aula cos brazos alzados, e soltan un mantra (que todos os alumnos repiten coma unha soa voz) que di algo así como…

Aquí está a verdade, toda a verdade e nada máis que a verdade…

… todo o que preciso saber está nestes dous libros…

… dous libros que hei de coñecer coma a palma da miña man…

… coma a aliñación do meu equipo favorito…

… coma os escaparates de Zara…

… e coma o licor café da miña casa.

Todos os días vou ler e memorizar un artigo…

… para o día de mañá poder servir ao meu patrón…

… non preciso máis que estes dous libros…

… dous libros que son a lei, a verdade, e a salvación.

Longa vida ao Presidente da Deputación!

Longa vida a Jose Luis Baltar Pumar!

Longa vida á Academia Postal!

Tras esta sesión de hipnose colectiva, a formación no campo de entrenamento continúa coa aprendizaxe de como alongar o café de media mañá ate o mediodía ou de como desfacerse dos paisanos que teñen o mal costume de preguntar cousas e agardar que se lles responda. Distintas actividades, tan importantes como, outro exemplo, saber encher os encrucillados de toda a prensa diaria.

Unha pregunta habitual nos exames a funcionario tipo ipsilón vén sendo:

O Ajax é a Ámsterdam o mesmo que o Arsenal é a…………………

Cos funcionarios tipo delta ou tipo ipsilón non hai problema. Aturan o entrenamento, gravan coma canteiros o ssstatuto e a constitución nos seus miolos, e logo…. o que vale, vale (e vai pa Xunta), e o que non vale… pois pa Deputación Provincial.

A eles vai dirixido ese coñecido cartaz publicitario no que aparece unha moza relambida, morena de camisa branca con ollos vacunos, que di iso de…

yo ya soy funcionaria, ¿y tu?

exhibindo impúdicamente á vista de todos os menores o seu triunfo social.

Os problemas veñen cos túzaros que pensan de máis, que non se afán ao sistema, e baten ano tras ano contra o exame de oposición a funcionarios tipo alfa, beta, gamma.

Contra a súa nociva influenza no corpo administrativo, o CEFOU inventou e potenciou a figura dos interinos…

Os interinos son, coma o seu propio nome indica, os infiltrados. Eles encárganse de vixilar o cumprimento das directrices oficiais de preguiza e incompetencia xeralizada. Tamén sabotean calquera iniciativa que se lle ocorra a algún deses iluminados que, saltando todas as barreiras de seguridade, puido aprobar as oposicións (nun erro do tribunal, na maior parte dos casos). Pero o labor máis importante dos interinos é, sen dúbida, bloquear coa súa simple presenza o acceso aos postos da administración.

Non todo vai durar pa sempre, claro. Para contentar os ánimos destes adictos ao réxime cómpre, cada certo tempo, abrir a man cunha Oferta Pública de Emprego. Hai que deixarlles aprobar o exame e gañar unha praza. Non vaian dirixir as súas pérfidas actividades contra a man que lles dá de comer. Estas Ofertas Públicas de Emprego nunca fallan. Son un mecanismo ben axustado: ilusionas con vagas promesas aos inxenuos que, mes tras mes, renden tributo á Academia Postal, para logo premiar só aos fieis de probada adhesión.

O obxectivo final de toda esta estructura é ter á poboación adurmiñada, ocupando os seus postos pola mañá, e ocupando os bares pola noite, tirando os cartos nos coches que un día lles van servir de cadaleito. Tanto esforzo vai dirixido nunha única dirección: evitar que alguén poida desenvolver, nos seus escasos intres de claridade mental, entre unha cunca e a seguinte, esa idea que comeza dicindo iso de…

PUTO PAÍS DE GAITA E PANDEIRETA!!!

9 Comentarios

Arquivado en Costumismo, Funcionarios, Ourense

A conexión Tojeiro

por Viriato

Roberto Tojeiro (sic.) Rodríguez é un dos empresarios galegos de éxito que non son Amancio Ortega. Natural d’As Pontes (ou Puentes de García Rodríguez, como el prefire dicir), é presidente de Gallega Distribuidora S.A. (Gadisa) e promotor da Regasificadora do Noroeste (Reganosa), unha fermosísima planta de gas sitúada en Mugardos, con capital de Endesa e Fenosa, pero que agora mesmo non se sabe ben de quen é ata que en Madrid e Bruxelas rematen de decidir sobre a OPA do diaño. Tojeiro tamén ten a man metida noutras empresas menores, como Forestal del Atlántico S.A., Tojeiro Transportes S.A.(Totransa), Caleras de Moeche S.A. (Camosa), Unión de Empresas Madereras S.A. (Unemsa), Industrias del Tablero S.A. (Intasa), Galparquet S.A. e Servicios Polígono.

Roberto Tojeiro é o que se di un home respectable, un self-made man do país, que colecciona sociedades anónimas como outros chisqueiros exóticos. E o mellor de todo, pese a levar no negocio dende que Isaac Díaz Pardo estaba en forma para corren unha maratón, nunca se fixo famoso e nunca foi acusado de corrupto. É probable que Tojeiro teña os seus pufos alá e acolá, como a maioría dos empresarios. Ou tal vez non. O caso é que fixo súa a máxima de que a muller do César non ten porque ser honrada, só ten que parecelo e converteu a discreción e o sixilo na súa forma de actuar. Poderíamos aventurarnos a afirmar que o case anonimato é un dos piares do seu éxito.

Non obstante, o apelido Tojeiro é famoso grazas a outro home moito máis humilde, aquel que a mediados dos noventa apareceu no programa Código Cero de TVE neste vídeo. Si, é José Tojeiro Díaz, un paisano de Cariño que pasou á historia por frases como “mecharon drogha en el Cola-Cao, que ya noté que durmiera muchas horas” o “eran prestiputas que buscaban domicilios para practicar la presbitación, pero no por presbitación, sino por robar”. Un friki do máis clásico, ó que mesmo os Def con dos lle adicaron unha canción.

Non obstante, no seu caso hai algo sospeitoso. Outros frikis como Cañita Brava ou Pozí tiveron unha presenza prolongada nos medios antes de esgotarse e desaparecer, pero Tojeiro non. Só tivo unha aparición pública. Nunca o chamaron para outro programa. Nunca o entrevistaron en ningures. Nunca leu o pregón das festas de Cariño. Outro Tojeir perdido no anonimato. ¿Coincidencia? Ben, hai quen di que porque é irman de Roberto Tojeiro, e o amo dos Gadis intercedeu para protexer a súa intimidade familiar. Boa historia, pero obvian que o seu segundo apelido non coincide e que Tojeiro é unha das onomásticas máis comúns na zona de Ferrolterra.

Hai outras versións. Nos escuros bares da zona de Ortigueira coméntase que o señor de Reganosa non quixo que o seu nome familiar quedase asociado a un fulano deste calibre e fixo desaparecer o pobre José. Dependendo de quen conte a historia, emparedouno detrás da pantalla dos cines do Haley de Viveiro, encerrouno vivo nun tanque de regasificación,ou pagoulle unha operación de cambio de rostro e contratouno como dependiente nun San Luis.

Non obstante, en Galpón de Breogán temos a nosa propia teoría paranoíca (encántanos as teorías paranoícas, que lle imos facer), digna do mesmo Iker Jiménez. Tojeiro, o dos Gadis e Tojeiro, o do Cola-Cao, son a mesma persona, Eros e Tánatos dun mesmo individuo. O magnate d’As Pontes empregou os seus cartos para manufacturar unha apócema que lle permite converterse nun pailán calquera durante un certo período de tempo. Así pode vivir como un home do pobo, dar renda solta ós seus baixos instintos, e manter a aura de respectabilidade baixo a que dirixe o seu emporio.

Soa raro, si, pero atopamos probas irrefutables. Un, ninguén os viu nunca xuntos. Dous, o segundo nome de Roberto Tojeiro é José. E xa son máis das que teñen os que se empeñan en implicar a ETA no 11-M.

9 Comentarios

Arquivado en Costumismo, Ferrol, Surreal