Ferrol como cemiterio nuclear

Por Frouxeira

Antes, a Ría de Ferrol recoñecíase polo guindastre de Astano. Pero o símbolo xa non é o que era dende que o pintaron de gris e mudaron o nome por Navantia. Agora, dende hai algúns anos, hai outro monstro que conxela todas as olladas. Tremede! É a planta regasificadora de Mugardos!

Alguén di que calquera día estoupa e temos outra desgraza. Imaxinai o escenario. Chega un buque metaneiro, un día calquera, podía ser hoxe mesmo. O seu calado só lle permite entrar na ría coa pleamar (e non logo podería saír ate a seguinte…). Cando está descargando o gas natural licuado nun dos tanques…

Craaak!

Unha fuga.

Segundo os informes que veñen de publicar os camaradas da resistencia armada ferrolá, é dicir, os membros da Asociación Socio Cultural Fuco Buxán, unha fuga de gas natural licuado a 163 graos baixo cero mataría por conxelación a calquera ser vivo que atopara no camiño. E logo, cando a nube de gas fose roubando calor á atmósfera e quecendo podería arder ou estoupar. Se despois de todo iso aínda segue alguén con vida, cómpre lembrar que o gas metano, ao mesturarse co osíxeno, transfórmase no gas grisú, un coñecido e temido asasino de mineiros.

Quen non crea nada disto, que lea ao profeta.

O gas natural espallaríase polo aire, e no peor dos casos non habería tempo nin de sacar o buque a mar aberto (se non hai pleamar, non sae), nin de evacuar á poboación de Ferrolterra, arredor dunhas 150.000 persoas, así, a ollo (imaxinádelas desprazándose en masa pola autoestrada-trampa-mortal de Ferrol?)

Xusto, casualmente, coicidiu estes días que os camaradas do Fuco Buxán convenceron aos mariscadores para ir dar un paseo en chalana pola boca da ría. Alí, cousas do azar!, fóronse atopar co primeiro buque gasístico que traía combustíbel para os tanques de Reganosa. Vaia coincidencia, non? E claro, un xa sabe como son estas cousas. Entre os saúdos, botar a partida, e parolar un anaco sobre as licencias para realizar as probas co gas licuado que Reganosa non ten… pois claro, foise pasando a pleamar…

Con todas as bromas, o barco non deu entrado na ría. Se Sarkozy fose o Presidente da Xunta xa tería disolto (en breves minutos) esa reunión de compadres. Chegaría cunha intervención contundente dun corpo de antidisturbios anfibios (agardo que Méndez Romeu non lea isto).

Pero… Para que complicarse?!

    É que a ninguén se lle ocorreu aínda expropiar toda a comarca de Ferrolterra no nome da utilidade pública? A leria sería sinxela.

  1. Nacionalízanse os terreos.
  2. Exprópianse (pagando ben, eh?, non hai que ser cutres, que lles dea aos ferroláns para mercar unha illa en Dubai, como mínimo).
  3. Sácase a toda esa xente daló coa axuda do exército (nota: pedir información aos oficiais retirados da Wehrmacht que fiquen vivos sobre o transporte de poboación en masa durante a Segunda Guerra Mundial)
  4. Ponse a todos os parados da comarca a construir dous grandes muros. Un, de formigón armado, cuns cinco metros de altura, que vaia todo polo límite dos concellos de Paderne, Irixoa, Monfero, As Pontes e Mañón. E logo, un segundo, dentro do anterior, electrificado e con torres de vixilancia, polos concellos de Fene, Neda e Narón, pechando dentro Ares, Mugardos e Ferrol.

A partir dese momento, a entrada máis aló do segundo muro estaría completamente prohibida a toda persoa allea ás actividades que se desenvolven no seu interior. A Ría pasaría a ser máis coñecida como… a ZONA (en plan Tarkovski).

Ben, e unha vez acotado o espazo, o resto xa non ten ciencia. Instalaríanse un par de centrais nuclear nos terreos de Astano, con cadanseus cemiterios nucleares, por suposto (ao comezo, para crear ambiente, poderíase importar os residuos nucleares doutros países amigos como Irán ou Corea do Norte). Tampouco estaría mal situar alí un campo de prisioneiros segredo, en plan Guantánamo II, evidentemente situado nos Castelos da Palma e de San Felipe, por iso dos vellos tempos. Faría falla unha base militar estadounidense para darlle un pouco de color á ZONA, e así eles xa se encargan da seguridade. Poderíamos deixarlles a cidade enteira de Ferrol para eles. Sempre se pode camuflar como base da OTAN. E… non sei… que máis faría falla? Un campo de entrenamento para organizacións terroristas nas praias de Covas? Un centro de experimentación científica con suxeitos humanos, para atraer á industria farmacéutica? Un cosmódromo en Valdoviño?

Iso sí sería un parque empresarial, e o demais son contos.

Total…

A quen lle gusta Ferrol? Quen quere vivir alí? Algún político ten un gran plan para a súa rehabilitación integral?

En fin… Rendabilicemos os nosos recursos!

5 Comentarios

Arquivado en Astano, Catástrofes, Economía, Ferrol, Surreal

5 respostas a “Ferrol como cemiterio nuclear

  1. Ti valías para político …, porque ideasmaquiabundas telas.

    A ver se non lle acabas de dar unha idea a clase política …

  2. Exiliadoesquencido

    Eu creo que o máis destacable do artigo é a criminalización da Wehrmacht no seu conxunto, cando todo o mundo sabe que os responsables dos movementos migratorios en masa daqueles anos foron responsabilidade cuase exclusiva das Waffen-SS ou das SS a secas.

    Polo demais, boa idea o de Ferrol, si…

  3. ¿E non habería unha leira pequeniña sequera para facer ensaios nucleares atmosféricos? España precisa xa ser potencia nuclear, imaxinade se Aznar tivera daquela acceso ó botón nuclear…
    ¡aaaaiii(salouco) que saudade!

  4. frouxeira

    Hum… Ensaios nucleares atmosféricos… Hum…

    Quizais podïamos aproveitar a mina esgotada das Pontes pa probar un par de cabezas nucleares. Total, o sitio peor non vai quedar, así que… Ou alguén pensa que iso de convertela en lago artificial ía en serio?

    [NOTA: Como indemnización ós veteranos da Wehrmacht polos danos á súa honra ao comparalos cos oficiais das Waffen-SS propoño concederlles a todos unha casiña na Graña, con vistas a Reganosa, estratexicamente situadas entre a base militar e o campo de prisioneiros. Seguro que alí se ían atopar mellor mesmo que na casa]

  5. Furafollas (Anxo D)

    Con Ghanito, pero habería que mandar a Quin e a Emilio a falar cun bó asesor iraniano, que agora saben moitísimo do tema, e, depaso, facer amigos no triángulo rebelde ese con Corea do Norte.
    Galiza dando polo cú. Téñome medo!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s