Arquivos mensuais: Xuño 2007

As súas sufridas señorías

Por Medulio

O Parlamento está de moda, outra vez. A Cámara galega, ese lugar no que están representados todos e cada un dos habitantes da terra nai (incluidos os 26.749 que votaron en branco) volve ser o centro de atención da política autonómica.

Primeiro foron os enfados de dona Lola. Logo, a instalación de paneis solares para que o leite dos cafés das súas señorías alcance unha temperatura óptima a través de enerxía fotovoltaica. Tempo atrás, decidiron subir sensiblemente os seus emolumentos, nunha decisión que fai xustiza ao alto custo de dar palmadas na mesa, ler o xornal no Pleno, dar as costas á tribuna ou berrar cando fala o deputado de outro partido.

Pero non, o Pazo do Hórreo volve ser noticia pola posta en marcha da tan agardada Comisión de investigación sobre as causas do deterioro da Vía do Salnés, esa xuntanza de amigos destinada a coñecer por qué carallo se afundiu a estrada que vai a Sanginés e New-Port (Galpón respecta a toponimia orixinaria) trece anos despois da súa inauguración.

O caso é que, máis alá das conclusións e de Cuíña exercendo de Nazareno, o Salnés-Gate provoca certas dúbidas respecto ao funcionamento do lexislativo galaico. Se a estrada se afundiu en outubro, e os deputados decidiron que a comisión empezase a furrular en decembro, por que a comisión iniciou os seus traballos en xuño??

En rigurosa exclusiva, O Galpón está en condicións de salvarlle o cú ao Parlamento da nosa pátria, dinamitando a falsa e tendenciosa teoría de que as súas señorías viven do conto e traballan pouco tirando a case nada. Sen tapuxos. Ao gran.

Segundo puido saber GdB, os membros da comisión topáronse coas vacacións do Nadal, e á volta, iniciaron o duro traballo de decidir quen ía comparecer na mesma. Tendo en conta que os elixidos foron máis dunha veintena, e que había que decidir a orde de aparición dos mesmos, alá foi o mes de xaneiro.

En febreiro, o traballo consistiu en contactar con cada un dos elixidos. Á metade saíulles o buzón de voz, e aos outros houbo que explicarlles e convencerlles de que dixeran o que dixeran non ían ir a Teixeiro. Pero o entroido e febreiro, que ten poucos días, levaron a cousa ata marzo.

Marzo é un mes moi cargado de actividade parlamentaria. A planificación das vacacións de Semana Santa quítalle tempo aos deputados.

Abril é un mes moi cargado de actividade parlamentaria. Contarlle aos compañeiros de comisión como transcurriron as vacacións de Semana Santa quítalle tempo aos deputados.

En Maio entraron as presas. Eleccións locais por aquí. Cuiña, que di que polas tardes non pode porque ten partida de Tute. Caride imposible, déronlle hora no perruqueiro. E un longo etc…

Pero os deputados botaron contas, e pensaron que en breve chega o verán. E logo veñen as comisións sobre as causas dos incendios, a comisión sobre as causas de que o AVE non pase por Corcubión, e a comisión de investigación sobre a responsabilidade de que U2 non tocase en Galicia no Xacobeo 93.

Aí foi cando a maquinaria parlamentaria púxose ao cen por cen, demostrando o comprosimo e a importancia que lle dan os nosos políticos ao Parlamento.

Deixar un comentario

Arquivado en Bipartito, Municipais, Parlamento, PP, PSOE

Gerardo Conde Roa: Conexión Shangai

Polo Parvo de Cela

Bandeira chinesaA moitos, a nós non, sorprendeu o auxe dunha das musas de Galpón de Breogán, Gerardo Conde Roa. Poucos pensaban que cunha campaña tan ridícula se puidese evitar a maioría absoluta de Bugui pero funcionou. Os intentos de explicación sucedéronse (a conservadora poboación de Santiago, a abstención entre a esquerda ante unha victoria segura…) pero sen satisfacer de todo a ninguén.

Despois de que a sede que o Partido Popular de Santiago usou para promover a campaña eleitoral deste avogado fose transformado nun Bazar Oriental rexentado por cidadáns chineses Galpón de Breogán decidiu realizar unha investigación que agora ofrece sorprendentes resultados.

Ao parecer desde hai anos Conde Roa sufriu unha transformación ideolóxica que o levou a rexeitar a súa anterior liña de pensamento (ejem) liberal e abrazar o maoísmo máis estricto. Tanto é así que contamos con probas de que dende hai anos traballa como axente dobre do país oriental para influír en Galiza a favor do país oriental.

Conde Roa pasa longas temporadas ao ano, dille a súa familia e amigos que vai de vacacións ou  a pescar, en duros programas de reeducación nas montañas de China nos que sobresae polo seu fanatismo e rigor. A extravagancia do seu comportamento sería, porén, o resultado de combinar a concepción chinesa da política (que combina comunismo con capitalismo) co culto á personalidade maoísta.  De feito un dos seus compañeiros nos campos de reeducación afirma que a megalomanía do político compostelano lévao a subirse a unha noria ou a bañarse nun río contaminado: “Crese un ser superior, un deus omnipresente”.

De xeito indirecto o goberno chinés afirma que xa non pode controlar ao seu axente. Está desbocado e non saben que facer. A policía local confirmou que ten prohibida a súa entrada aos restaurantes chineses xa que tenta, sen éxito no seu limitado mandarín, comunicarse co persoal ata que se desespera e comeza a tocar a guitarra cunha garavata na cabeza. Se China é o futuro éo tamén Conde Roa?

3 Comentarios

Arquivado en Conde Roa, Municipais

QUE VOTEN TODOS OS GALEGOS (pero todos)

Por Antónfraguas

A min paréceme moi ben que poidan votar os fillos dos emigrantes. E os seus netos. ¿Pero por que quedarse aí? ¿Por que van votar os netos e non os bisnetos? ¿E por que non os veciños dos descendentes de galegos? ¿E por que non os seus amigos?

 

Eu propoño ampliar o dereito a voto aos seguintes colectivos:

-Todos os que algunha vez comeran polbo

-Todos os que algunha vez ficaron parados nunha escaleira

-Todos os familiares de Joe Strummer: “Should I stay, or should I go” (esta é para o Leo)

-Todos os turistas madrileños que comeron unha mariscada na rúa da Franxa

-Todos os turistas madrileños que algunha vez lle dixeron a un galego: “menudo acento que tienes, eh?

-Todos os que algunha vez cantaron “Un canto a Galicia (Hey)”

-A Tom Cruise (o rianxeiro) e os seus bisnetos

-A todos os arxentinos que algunha vez contaron un chiste de galegos

¿Credes que falta alguén?

10 Comentarios

Arquivado en Voto emigrante

Futuros derbis galegos

Por Frouxeira

Nin Reganosa, nin Navantia, nin o porto exterior. Só unha cousa poderá sacar a Ferrol da súa crise socio-económica…

O ascenso do Rácing de Ferrol á Segunda División A da LFP deixará na vindeira tempada dous novos derbis galegos. O equipo verde terá que enfrontarse ao equipo celeste, e Vigo e Ferrol xa terán algo máis en común cos estaleiros e o proletariado industrial (aloumiñado nunha, desempregado noutra).

Farían ben en pórse de acordo (nalgo) os da Consellería de Economía cos de Industria, os de Política Territorial cos de Cultura e Deporte, a ver se cando menos son quen de meter á cidade máis fea de Galiza de cabeza no Eixo Atlántico. Quizais o Rácing poida acadar o que ninguén fixo ate o momento: un enlace ferroviario directo sen pasar pola peaxe turca. Senón, como van ir os celtistas a ver os seus encontros na Malata?

Un tren sería un comezo. Pero a verdadeira pregunta na que matinamos todos é… Deixarán os ferroláns que o Maligno de vampirice este éxito?

3 Comentarios

Arquivado en "Fúrbol", Ferrol, Reganosa, Uncategorized

Que si, que se independicen

Asumámolo. A estrutura do estado español é absurda, estúpida e non corresponde co sentir histórico e cultural das xentes da Península Ibérica.Precisa unha reforma canto antes, que lle devolva ós seus cidadáns a identidade roubada por séculos de mitoloxía castiza, reforzados hai pouco pola retórica nacional-católica. No Galpón de Breogán (GdB) facemos nosa esta causa e lanzamos ó ciberespacio unha proposta sinxela de facer e que satisfará a todo o mundo: rompamos España.

Dende logo, non se trata de romperla así, de calquera maneira. Non señores, a idea e facelo con pericia cirúrxica, extirpando as partes discordantes que impiden o benestar común e a convivencia pacífica entre os distintos pobos. Se len zerovacas, xa lles soará o asunto, vaiamos ó gran e deámoslle a independencia a Madrid. De todos é sabido que os madrileños odian ós cataláns, temen ós vascos, pensan que os galegos somos parvos, os murcianos ladróns, os andaluces uns vagos e o resto, uns pailáns. Ben, pois se tan pouco lles gustamos, que marchen. Así poderíamos gastar os nosos impostos noutras cousas que estradas de circunvalación para eles e ampliacións de Baraxas.

A idea do GdB é a seguinte: celebremos un referendo en todo o Estado para preguntar “¿Desexa vostede a independencia de Madrid?”. Se unha maioría cualificada contesta afirmativamente (cousa probable, xa que na Comunidade de Madrid só vive o 13,5% da poboación) adeus, ata sempre adeus.

Ben, xa escoito rosmar ós madrileños dende o fondo da sala, pondo en dúbida a nosa cordura. Mais non deben preocuparse, damas e cabaleiros, que non é a nosa intención minar o seu papel de garantes da unidade da patria. Xa que son unha das rexións máis reaccionarias da Península, queden vostedes co Estado Español, e gárdeno nunha vitrina, onde non cambie nin se corrompa. Queden vostedes co nome de España, co aparato político e coa Constitución de 1978. Queden coa Monarquía, coa Reconquista, con Manuel Fraga e co Val dos Caídos. Para vostedes para sempre.

O resto das rexións, países, pobos e/ou nacións que lles sobramos por impuros podemos unirnos nun novo estado, o que habería que tratar de anexionar a Andorra ou Portugal. Dende do GdB propoñemos o nome República Ibérica (ou Celtibérica, para os puntillosos). E xa nos apañaremos.

Así que, xa saben. Por nós, por eles: ¡Referendo xa!

6 Comentarios

Arquivado en Autogoberno, Costumismo

Profeta Gayoso

Polo Parvo de Cela

Gayoso

As multitudes comezaron a arremuiñarse ao redor do profeta na discoteca Dona Dana de Touro. Pequeno e anxelical o presentador da TVG dixo aos alí presentes:

“Moi boas noites queridos amigos. Moitos se riron de min cando dixen hai unhas semanas que o noso gran amigo, El Fary, ía morrer. E morreu. Así como esa predición se cumpriu cumpriranse as seguintes:

Abel Caballero perderá a alcaldía de Vigo nalgún momento, haberá problemas coa normalización lingüística na Coruña, Conde Roa volverá ser portada del País por unhas declaracións, Telmo Martín dirá que o bipartito pontevedrés non funciona, a afección do Celta pitará ao seu equipo en Balaídos, o Deportivo terá problemas para pagar aos xogadores, Piñeiro máis e eu seguiremos na TVG. Dixen.

Agora retírome a agardar pacientemente que as miñas predicións se cumpran.”

E marchou.

3 Comentarios

Arquivado en TVG

As persoas máis odiadas da Provincia de Pontevedra

Por Frouxeira

Se fixesemos un concurso…. Quen gañaría?

Quizais Carlos Mouriño, o Presidente do Celta. Ou Hristo Stoichkov, o seu fracasado entrenador. As cabezas visibeis do “proxecto” que envorcou ao equipo celeste na Segunda División da LFP.

O domingo foi un gran día para eles: Milleiros de celtistas canalizando os seus pensamentos máis crueis na súa contra! Dende ese noite, Mouriño e Stoichkov capitalizan unha intensa corrente de xenreira xeneralizada… É que o furnbo é asín…

Pero o descenso do Celta non debería escurecer o outro gran acontecemento que espertou os peores instintos de moitos pontevedreses nesta fin de semana…

A TRAIZÓN DE PONTECESURES!!!

Nada como unha boa exhibición de transfuguismo político para envelenar a constitución dos novos concellos! Máis lle valía a Touriquín ser ubicuo e omnisciente para non levar estes sustos…

205 votos e moita mala sangue abondan para facerse coa alcaldía deste pequeno concello á beira do Ulla. María Isabel Castro Barreiro, a única concelleira de Independentes por Pontecesures, é a súa nova alcaldesa grazas ao apoio de tres concelleiros do PP e dous do PSOE. Un pacto contra natura! Revive o espírito da Porqueira! Un goberno tripartito para enviar ao anterior alcalde directo á oposición, tras oito anos no poder. De nada lle serve aquí ao BNG ser a forza máis votada. Por moito que só ficase a un concelleiro da maioría absoluta, en Pontecesures xa non ten con quen pactar.

Na sesión de investidura o veleno foi por diante. Aló son todos veteranos da vida política local, as liortas veñen de lonxe. O candidato socialista, Luis Sabariz, é un antigo independente que odia visceralmente a Álvarez Angueira, o ex – alcalde nacionalista. Que non se lle poña diante (e menos ao lado). Nada do que digan os grandes pactos de Quintauriño poderá mudar esa relación.

Claro que, supostamente, Sabariz non podía votar polo candidato do PP… Logo, como atopar a combinación gañadora?

A Maribel Castro xa só lle faltaba ser alcaldesa. En 1999 montou o seu propio partido de cabreados a partir dunha escisión do PP. Logo apoiou a Álvarez Angueira, e ao pouco mesmo entrou no goberno facéndose coa carteira máis cobizada: converteuse na flamante concelleira de urbanismo pactando co BNG.

Pero o furnbo é asín. Tres do PP, mais Dous do PSOE, mais os 205 votos que fixeron concelleira a Maribel, e saen as contas para que os Cinco do BNG pasen á oposición. Igual que lle pasou ao Celta o domingo. Gañaron 2-1 en Balaídos fronte ao Getafe, pero os resultados dos demais cadraban para que os vigueses baixasen a Segunda…

Malas combinacións. De quen é a culpa? O único consolo é botarlla a alguén. E logo odialo. Profunda e intensamente. Uns poucos quilómetros máis ao norte, na Provincia da Coruña, a traizón ía no sentido contrario. A partir do sábado “Muros”, “Corcubión” e “Porto do Son” convertéronse en pequenos Waterloo para os socialistas.

A quen se odiará máis nesta semana na Provincia de Pontevedra? Aos directivos e técnicos do Celta ou aos concelleiros do novo goberno de Pontecesures?

Desgrazas dalgúns, fortuna para outros…

5 Comentarios

Arquivado en "Fúrbol", Bipartito, BNG, Municipais, Política

Os pactos tras a cortina

por Viriato

A Coruña

Nun garito escuro, unha mesa de póker. Os dous xogadores observan as súas cinco cartas con atención, mentres chuchan candanseu habano.

Quiquiño Tello: Poño seis concelleiros.
Javi Losada: Subo a 11.
Quiquiño:Vexo, e subo unha tenencia de alcaldía.
Javi: Cinco tenencias.
Quiquiño: ¡Cinco!
Javi: Cinco si, escoitaches ben
Quiquiño: ¡Iso non foi o que se pactou en Santiago!
Javi: ¡En Santiago que pacten o queiran! Esa aldea non é a miña capital.
Quiquiño: Pois a min non me arredas. ¡Sete tenencias de alcaldía!
Javi: ¡Arghh! ¡Subo a nove, cago na cona!
Quiquiño: ¡Vexo nove, e engado unha comisión de goberno bipartita!
Javi: ¡Que! ¿Quéresme matar?
Quiquiño: ¿Vas ou non vas?
Javi: ¡Vou, maldita sexa, vou! Trío de reis.
Quiquiño: ¡Merda! Dobres parellas.
Javi: Ben, logo quedo eu coa alcaldía e seis tenencias.
Quiquiño: ¿E non deberiamos pactar algo sobre o uso do galego?
Javi: Non, porque é absolutamente imposible que nos poñamos de acordo niso. Xa montaremos bronca no consistorio cando chegue o momento.

Santiago

Unha bonita casiña con vistas á catedral. Dous entrañables politiquiños, sentados en dúas mecedoras, e cunha manta sobre os xeonllos, ven a tele con placidez.

Xosé Sánchez Bugallo: ¡Ai!
Néstor Rego: ¿Que tes, oh?
Bugui: Catro anos máis xuntos, Néstor. ¿Non é fermoso?
Nestor: Si, e iso que levaches a labazada que ía para ZP.
Bugui: ¡Ai!
Néstor:
Bugui:

Néstor
: …
Bugui: ¿Ti séguesme querendo?
Néstor: Cala, que non me deixas escoitar a Chuck Norris.

Lugo

O foro romano. Togas, vestais e mármol.

Orozcus Máximus: Logo pactamos
Iosephus Angelus Lajus: Pactemos, veña, non sería a primeira vez.
Orozcus: Espego que sexa a última.
Lajus: Sinceramente, eu tamén.
Orozcus: De todos os xeitos, pacto feito.
Lajus: Para celebralo, vouche contar algo gracioso.
Orozcus: ¿O que?
Lajus: ¿Sabes como se chama o último gladiador que fichou o Azkar?
Orozcus: ¿Como?
Lajus: Máximus Mínimus.
Orozcus: Non lle vexo o chiste.
Lajus: Home, é un nome de broma, como Pijus Magnificus.
Orozcus: Pois un dos meus melloges amigos en Madgid chámase Pijus Magníficus.
Lajus: Pffff, juar, juar.
Orozcus: ¿Acaso paguecete guisible o nome de Pijus Magnificus?
Lajus: JA-JA-JA
Orozcus: ¡Ogdenoche que non guías!

Pontevedra

Un fogar familiar calquera. No dormitorio, o matrimonio prepárase para saír.

Tere Casal: Miguel ¿Que vestido che gusta máis para a investidura?
Miguel Anxo Fernández Lores: Da igual, co gorda que estás, todos che quedan igual de horribles.
Tere: ¡Ei! Se estas cabreado porque non sacaches maioría absoluta, págao con Telmo, non comigo.
Lores: ¡Cala parva de merda! ¡Non te aguanto!
Tere: ¡Nin eu tampouco a ti! ¡Maleducado! ¡Fantasma! Se non fose porque temos a custodia do concello xa hai tempo que te deixara tirado!
Lores: ¡Malaputa!
Tere: ¡Calzonazos!
Lores: ¡Foca!
Tere: ¡Populista!
Lores: ¡Filla de ….! Ei, cala, que veñen os da prensa.
Xornalista: ¿Unhas palabras para a posteridade?
Lores: ¡Querémonos moito!
Tere: ¡E gobernaremos en paridade!
Lores: *polo baixo* Xa falaremos, xa falaremos.

Vigo

Noite chuviosa no porto. Dúas figuras con gabardina fítanse con disimulo.

Abel Caballero: O paxaro chegou ó niño…
Santi Domínguez: … e subíu o prezo das ostras do Berbés.
Abel: ¿Traes o material, Raposa Fértil?
Santi: Traio tal, Xabarín Fuxidío.
Abel: Déixame ver.
Santi:Aquí tes, o xenuíno texto do pacto de goberno.
Abel: Chitón, Raposa Fértil, non reveles a natureza do trato, que hai ouvidos en todas partes.
Santi:Perdón, perdón.
Abel: Ben, ben, vexo que non pon nada do PXOM.
Santi:¡Como para poñelo!
Abel: Logo, asino.
Santi: Pono aí ben clariño, que non sei se fiarme.
Abel: Podes estar tranquilo, Raposa Fértil. Eu non son Ventur
Santi: … ¡NIN NOMEALO! ¡A ese nin nomealo!
Abel: Perdón… pero xa sabes o que quero dicir. Non vai volver pasar o mesmo.
Santi: Non, nin de coña.
Abel: ¿Non?
Santi: …
Abel:

Ferrol

A Praza de España, sen Cabalo. Un agradable solpor de verán. Dous namorados pasean ben xuntiños.

Vicente Irisarri: Yolanda ¿Queres pactar comigo?
Yolanda Díaz: Si, Vicente, ¡Si, quero!
Vicente: ¡Oh! ¡Fasme o home máis feliz do mundo!
Yoli: ¿E xa está, non temos que acordar máis nada?
Vicente: ¿De que? ¿Podemos arreglar Navantia?
Yoli: mmm… non.
Vicente: ¿Reganosa?
Yoli: Non.
Vicente: ¿A contaminación da ría?
Yoli: Non creo…
Vicente: ¿O pésimo estado urbanístico da cidade?
Yoli: Temo que non moito…
Vicente: Logo, querida, dá igual o que fagamos, que en catro anos bótannos fóra outra vez. Desfrutemos do noso tempo xuntos.
Yoli: Pois mira, tes razón. Crin eu que isto ía ser máis difícil.


Ourense

A casa do concello, emotivo momento de entrega do Bastón de Poder Alcáldico. Preside o acto Xosé Luis Baltar, Home do Renacemento.

Xosé Luis Baltar: E polo poder que me concede a Mesa da Idade, ante Deus e ante os homes, nomeo alcalde a Enrique Nóvoa.
Francisco Rodríguez (Alcalde): Non creo…
Baltar: ¡Ai, perdón! Un lapsus…
FRA: Si, si, lapsus, claro.
Baltar: ¿Por onde ía?
FRA: … nomeo alcalde a…
Baltar
: … a Francisco Rodríguez, aings…
FRA: ¿E que máis?
Baltar: E fágolle entrega do Bastón de Poder Alcáldico.
FRA: É unha honra…
O novo alcalde socialista agarra o cetro municipal e tira del, pero o presidente da Deputación négase a soltalo, distraídamente.
Baltar: …
FRA: … er …
Baltar: ¿Si?
FRA: Se non me das o bastón, non rematamos.
Baltar: Ah, ¿pero queres quedarcho?
FRA: Home, pois si.
Baltar: E que me doe moito despedirme del. Cabezas mo prestou na última investidura e dende entón tíñao gardado no despacho. Para min é coma un fillo.
FRA: Xa, pero os fillos medran e marchan da casa…
Baltar: ¿Coidaralo ben?
FRA: O mellor que saiba e que me deixen.
Baltar: Aings… Que Deus nos colla confesados.

3 Comentarios

Arquivado en BNG, Municipais, PSOE, Surreal

Pactando, que é xerundio

Por Medulio

Touri (entre dentes): Mira palante, sorrí e non abras a boca, Anxo…

Quin (nota mental):  Mira ti, que igual jódoche a pluma e sacamos algo en limpo

1 comentario

Arquivado en BNG, Política, PSOE, Quintana, Touriño

MARIMACHO

Por AntónFraguas

O Leblón fai estragos. E cando todos os seus coleguis de Nuevas Generaciones comezan a berrarlle a Gerardo “un chiste, un chiste“, Gerardo non se pode reprimir. E conta un chiste, coa copa na man, por suposto. Eses son os mellores. Gerardo lembrouse daquela gracia que lle contaran o outro día en Madrid. Aquel chiste sobre a ministra de Fomento.

“esixirlle a esa especie de ministro marimacho que é… ¿como se chama esta?.. Maleni… Álvarez, que é unha especie, insisto, de ministro marimacho…”

Ler aquí a noticia

Escoitar aquí o audio

5 Comentarios

Arquivado en Conde Roa