Pactar… ou non pactar

Por Frouxeira

Un intre de lecer no despacho de Alberto Núñez Feijoo. O Presidente dos populares galegos entretense cunha inocente lectura do coñecido xornal humorístico Libertad Digital. O descanso do guerreiro…

… mais… nunha destas… de súpeto…

… entra o mesmísimo José Luis Baltar!!!

O Home do Renacemento Irrompe no seu despacho conxestionado, afónico. Pero vén en son de paz. Trae unha mensaxe pragmática:

– Alberto, temos que pactar.

– Pactar? Pero… José Luis, eu cría que o noso xa estaba amañado, que nos estabamos levando ben… Que é o que pasa?

– Entre nós, non, paspán. Pactar con outros.

– Outros?

– Si, claro, temos que ser prácticos. Somos o partido máis votado en 225 concellos, e agora resulta que só imos gobernar en pouco máis de 150 se os do bipartito se volven poñer de acordo. Hai que intervir! Temos que negociar nós tamén!

– Ben, claro, xa estamos tentando convencer a Jesús Ares para que deixe a alcaldía de Toques ao seu segundo, así pactamos con Xuntos Cara o Progreso de Toques e logo os reincorporamos ao partido – (Silencio baltariano. A explicación non semella compracelo) – E tamén estamos falando con Nava Castro, a da Unidade Condado Paradanta, tentando convencela de que esqueza todas esas liortas que tiña co noso Salvador Solla á hora de darlle a alcaldía de Ponteareas. Estamos negociando, non?

– Alberto, iso non vai chegar. Hai que pactar cun pouco máis de ambición. Temos que fender o bipartito! – (Feijoo fica pampo uns segundos. Cando vai dicir algo, Baltar interrómpeo) – Non vas falar cos da Radio Galega? Pois dílles que Cori e Poli teñen as portas abertas para falar cos do BNG

– (Feijoo, indignadísimo) CO BNG?!?

– Si, oh, co BNG. Non vas querer pactar con Touriño, ou? Digo eu que algo teremos en común con eles, non? Eu que sei… os dous somos galeguistas, por exemplo. E se non chega haberá que buscar máis cousas en común. Vas darlle aos socialistas as alcaldías de Vigo e de Ourense cando case tiñamos a maioría?

– PACTAR CO BNG?!? (Feijoo segue algo alterado ante semellante idea)

– E tamén podemos negociar co Bloque en Santiago e en Pontevedra. En todos os concellos nos que sexamos os máis votados! Temos que manter todas as alcaldías que poidamos. Se non, onde vas meter a toda a xente que está traballando alí? Deixámoslle aos do Bloque as concellerías de cultura e de benestar social e nós ficamos coa alcaldía, urbanismo, facenda e vías e obras. Logo, dentro de catro anos, quizais xa non precisemos deles.

– Non-no-no-no. Escoita José Luis, ISO NUNCA, entendes? Mentres eu estea aquí iso non vai a …

– Alberto, home, faime caso que eu disto sei bastante. Pacta con quen poidas, e segue no poder. Diso vai a política. Eu cumprín. Teño o 47% dos votos da miña provincia. Sete puntos por riba do que ti sacaches en toda Galicia, que non chegas ao 40%. Alberto, non me fagas chegar ás bravas. Sabes que se eu marcho, marchan os votos comigo…

– José Luis, amenazas, non. Outra vez, non. Dixemos que nos iamos levar ben…

– Faime caso, Alberto, senón vas ter a centos de militantes pedíndoche esmola á porta do despacho. O de Vigo ou Ourense igual non funciona, pero proba cando menos a pactar en Toques, como proba de boa vontade…

– E darlle a alcaldía ao PSOE?

– Por algo se empeza. Ás veces hai que ceder. Ti amosa a túa “disposición para o diálogo permanente” cos do Bloque na entrevista, que a xente vexa que por nós non vai quedar. Pensa nas alcaldías, e no dano que lle farías a Touriño. Queres ser o líder da oposición toda a vida?

O Home do Renacemento eclípsase. Non precisa máis verbas para defender a súa vontade. Deixa a Feijoo no despacho, matinando no que debe facer… Pactar… ou non pactar, esa é a cuestión. Xa lle tarda que Mariano gañe en Madrí e o leve para aló como Ministro…

Deixar un comentario

Arquivado en Feijóo, Municipais, Política, PP, Toques

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s