As persoas máis odiadas da Provincia de Pontevedra

Por Frouxeira

Se fixesemos un concurso…. Quen gañaría?

Quizais Carlos Mouriño, o Presidente do Celta. Ou Hristo Stoichkov, o seu fracasado entrenador. As cabezas visibeis do “proxecto” que envorcou ao equipo celeste na Segunda División da LFP.

O domingo foi un gran día para eles: Milleiros de celtistas canalizando os seus pensamentos máis crueis na súa contra! Dende ese noite, Mouriño e Stoichkov capitalizan unha intensa corrente de xenreira xeneralizada… É que o furnbo é asín…

Pero o descenso do Celta non debería escurecer o outro gran acontecemento que espertou os peores instintos de moitos pontevedreses nesta fin de semana…

A TRAIZÓN DE PONTECESURES!!!

Nada como unha boa exhibición de transfuguismo político para envelenar a constitución dos novos concellos! Máis lle valía a Touriquín ser ubicuo e omnisciente para non levar estes sustos…

205 votos e moita mala sangue abondan para facerse coa alcaldía deste pequeno concello á beira do Ulla. María Isabel Castro Barreiro, a única concelleira de Independentes por Pontecesures, é a súa nova alcaldesa grazas ao apoio de tres concelleiros do PP e dous do PSOE. Un pacto contra natura! Revive o espírito da Porqueira! Un goberno tripartito para enviar ao anterior alcalde directo á oposición, tras oito anos no poder. De nada lle serve aquí ao BNG ser a forza máis votada. Por moito que só ficase a un concelleiro da maioría absoluta, en Pontecesures xa non ten con quen pactar.

Na sesión de investidura o veleno foi por diante. Aló son todos veteranos da vida política local, as liortas veñen de lonxe. O candidato socialista, Luis Sabariz, é un antigo independente que odia visceralmente a Álvarez Angueira, o ex – alcalde nacionalista. Que non se lle poña diante (e menos ao lado). Nada do que digan os grandes pactos de Quintauriño poderá mudar esa relación.

Claro que, supostamente, Sabariz non podía votar polo candidato do PP… Logo, como atopar a combinación gañadora?

A Maribel Castro xa só lle faltaba ser alcaldesa. En 1999 montou o seu propio partido de cabreados a partir dunha escisión do PP. Logo apoiou a Álvarez Angueira, e ao pouco mesmo entrou no goberno facéndose coa carteira máis cobizada: converteuse na flamante concelleira de urbanismo pactando co BNG.

Pero o furnbo é asín. Tres do PP, mais Dous do PSOE, mais os 205 votos que fixeron concelleira a Maribel, e saen as contas para que os Cinco do BNG pasen á oposición. Igual que lle pasou ao Celta o domingo. Gañaron 2-1 en Balaídos fronte ao Getafe, pero os resultados dos demais cadraban para que os vigueses baixasen a Segunda…

Malas combinacións. De quen é a culpa? O único consolo é botarlla a alguén. E logo odialo. Profunda e intensamente. Uns poucos quilómetros máis ao norte, na Provincia da Coruña, a traizón ía no sentido contrario. A partir do sábado “Muros”, “Corcubión” e “Porto do Son” convertéronse en pequenos Waterloo para os socialistas.

A quen se odiará máis nesta semana na Provincia de Pontevedra? Aos directivos e técnicos do Celta ou aos concelleiros do novo goberno de Pontecesures?

Desgrazas dalgúns, fortuna para outros…

5 Comentarios

Arquivado en "Fúrbol", Bipartito, BNG, Municipais, Política

5 respostas a “As persoas máis odiadas da Provincia de Pontevedra

  1. Furafollas

    Todos eles, por suposto. Postos a odiar, estamos na mellor época do ano para elo.

  2. Os concelleiros non sei, pero dame a min que Stoichkov vai durar pouco no banquillo do Celta e acabarano botando a mediados da vindeira tempada. Daquela xa será tarde.

  3. NONSOLUMSEDETIAM

    Canto odio contido. Matar… matar…
    O furbo é así (e por desgraza, a política tamén)…

  4. Exiliadoesquencido

    Gif pis a chans, que diría aquel.

  5. frouxeira

    Se a xente realmente odia a Mouriño e a Stoichkov, estes non se dan en absoluto por aludidos:

    http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pNumEjemplar=3025&pIdSeccion=805&pIdNoticia=143267

    Será que os celtistas son permisivos e asumen unha culpa colectiva. Quizais iso sexa outra mostra máis da diferenza irreconciliábel entre galegos e mesetarios. Canto dura un entrenador fracasado nun equipo madrileño?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s