por Frouxeira
Os madrileños, especialmente os que son “de Madrí a saco”, odian a súa cidade. Só así se pode explicar que os poucos privilexiados que teñen un mes de vacacións soñen con fuxir dela. E non é unha fuxida a fume de carozo á procura de mellores horizontes. Non, eles queren fuxir para ir a unha casa idéntica á súa onde se van atopar con persoas idénticas a eles. Iso si, preto do mar. É a febre das segundas residencias.
A idea fixo caixa, e todos os ricos dos pueblos con mar foron abrir sucursais das súas inmobiliarias á capital do estado. Alí poñen a un sobriño medio listo detrás dunha mesa, ben rodeado de imaxes nas que se vexa o fermoso que era o seu pueblo antes de que eles construisen ruínas, e logo tamén algunhas fotografías do interior deses inmobles, todo comodidades, pero sen amosar nunca o que teñen arredor. Con isto chega. Venden. E envian aos madrileños para aló.
Como neste estado ninguén quere ser menos que os madrileños, semellante costume triunfou, espallouse. Mesmo entre as xentes da costa. E en Galiza, por suposto, a avangarda desta teima pola segunda residencia protagonizárona os coruños. Só a eles se lles pode ocorrer mercar casas de marca (unha vez que converteron á inmobiliaria local nunha marca).
Entre os múltiples investimentos desa inmobiliaria o meu favorito son os 1.538 metros cadrados de futura urbanización que se poden admirar dende a autoestrada que vai a Ferrol, no Concello de Miño. Son todo un monumento ao novo urbanismo.
Uns chámana Urbanización de Piñeiro. Outros Urbanización Costa Anácara. Non sei sequera se son exactamente os mesmos terreos. O que si sei é que, non faltaba máis, ese cemiterio de chalés conta con campo de golf. Había ir un madrileño a unha urbanización de provincias sen campo de golf! Un coruño cecáis si. Pero un madrileño!
A paisaxe é explícita: un mar de terra remexida onde algún día se erguerán centos de chalés, pechados todo o ano, co seu centro comercial, o seu acceso á autoestrada, o seu campo de golf. E pensará o coruño: por que vivir como simple clase media no centro da miña cidade e ir a pé ao traballo cando podo vivir como falsa clase alta a máis de vinte quilómetros e ir todos os días en coche!?
O cemento, o formigón e o tixolo son os materiais dos grandes escultores do noso tempo. Os mellores nomes do land art xa non son individuos, son corporacións. E aínda por riba non só fan arte, fan máquinas para vivir, onde logo a xente vai para morrer.
Agora só están tomando a nosa terra, pero tranquilos, despois tomarán tamén interné. Treme blogosfera! O futuro é a blogoinmobiliaria!