A xungla de formigón (Build High or Die Hard)

por Viriato (que lle pide perdón os lectores de feeds por ter subido o texto en dúas tandas) 

30 de xaneiro de 2008

Como xa está moi visto o rollo de chamar ós amigos para que apoien a Cidade da Cultura, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a súa curmá, Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, decidiron combater o constante ruxe-ruxe de críticas malintencionadas contra a Marabilla do Gaiás dun xeito clásico, pero sempre efectivo, con actos públicos. Hai dous meses inauguraron o primeiro retrete funcional do mastodóntico complexo. Hai tres semanas, recibiron o premio da Asociación de Condutores de Retroescavadoras ao proxecto máis perseverante. E hoxe, montaron unha festa all night long para celebrar a chegada do primeiro xornal á Hemeroteca de Galicia (que aínda non ten paredes, pero si estantes). Habendo viño e paparota gratis, todos os persoeiros do mundo da cultura, todos os políticos dispoñibles e o propio Arquitecto-Pai, Peter Eisenman, acudiron cal ourensáns a unha convocatoria de oposicións.

Así a todo, Bugallo & Bugallo esquécense convenientemente de invitar a algúns dos seus máis temibles rivais políticos. Nada de opositores que escarallen a velada. Pero un deles non está disposto a renderse. Gerardo Conde Roa, heroe compostelán, Paladín da Cidade da Cultura, non esta disposto a quedar fóra e cólase campo a través, cunha bermuda e unha camiseta da súa campaña. Non é a primeira vez que fai algo así.

Xusto cando o heroe Roa ía irromper na sala dos canapés, unha malvada célula de islamistas vascos planeaba atentar esa mesma noite, axudados polo detractor da Cidade da Cultura, ese que asinou cartas en apoio de De Juana Chaos e roubou lambetadas na tenda do barrio cando era pequeno. O seu xefe e un misterioso enmascarado e as súas malvadas mentes, celosas da grandeza da Magna Obra Compostelana, matinaban secuestrar a Eisenman para que construíse unha igual no deserto de Arabia (pero con mesquita en vez de Palacio de la Ópera).

Nun eficaz golpe de man, os terroristas vascoislámicos dinamitaron a única estrada de acceso ó Gaiás e soltaron cans adestrados para matar polo contorno do monte, convertendoo nunha inexpugnable fortaleza natural. Ademais, coa axuda dun funcionario traidor da Dirección Xeral da Sociedade da Información, construíron un dispositivo electrónico baseado en autruxos ultrasónicos para deixar sen cobertura ós móbiles. Con toda a cúpula política e cultural como refén, ninguén podía parar os malvados produtores de terror…

Agás o home co que non contaban:

Conde Roa corre polas célebres torres de formigón mentres lle disparan dende un helicóptero. Parapetado tras unha columna, recolle un pedrolo do chan e llo guinda o aparello voador, con tanta sorte que lle da no rotor de cola e o desequilibra. Mentres se estrela contra a outra torre, Conde Roa berra: “¡Santiago y Cierra España!

ATENCIÓN-SPOILER-ATENCIÓN-SPOILER

O misterioso xefe da máscara, sube a Einsenman, atado de pes e mans, á parte traseira dun todoterreo. Saca un mando a distancia do peto da chaqueta e di: “Agora, Peter, iremos a Arabia, pero antes ¡Volarei todo isto para que a nova Cidade da Cultura non teña competencia!”.
Nese momento, Conde Roa salta de detrás dunhas silvas e derríbao, dicindo: “Ninguén lle toca ao Gaiás sen o meu permiso”. Na loita, o enmascarado perde a máscara e…
… ¡E Xesús Pérez Varela!
“¡Coño, Suso! ¿Pero ti?”, di Conde Roa. “Saquei moitos cartos con todo esto…” di Pérez Varela. “E xa lles temos vendida a mesma idea a un xeque amigo meu”, di Peter Eisenman, que acaba de soltarse das súas ataduras falsas, mentres golpea a Conde Roa e o deixa inconsciente.

¿Terán éxito no seu malvado plan? A resposta, o ano que ven en todos os cines da lusofonía.

Deixar un comentario

Arquivado en Surreal, Terrorismo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s