Arquivos mensuais: Novembro 2007

O maior perigo para os obreiros

por Viriato 

Exercicio de redacción
Cursiño de prevención de riscos laborais
Consellería de Traballo

Analizar e razoar cal é nestes momentos a obra máis perigosa das que se realizan en Galicia. Escoller entre:

O AVE en Ourense, tamén chamádo ‘A Madrid hai que chegar rápido’

ou

O porto exterior da Coruña, tamén chamado ‘Pacopuerto’

A continuación, xustificar o por qué dos accidentes que se producen aló cada catro días.
Valorarase o uso de argumentos como:

– “A culpa é dos obreiros, que non poñen o casco nin de coña”
– “A culpa é dos obreiros, que van escoitando o mp3 mentres conducen a retroescavadora”
– “Sempre xurden imprevistos”
– “O risco é inherente o traballo”
– “Dios aprieta pero no ahora”
– “Timeo danaos et dona ferentes”
– outros similares

Deixar un comentario

Arquivado en Catástrofes

MEDIA GALICIA SERÁ UN PARAISO FISCAL

 ¡ Deus salve o Galpón !

Despois de catro anos de propostas irrematables do PP para mellorar a sociedade xxxpañola e mellorar a súa convivencia, chegou por fin a 3 meses das eleccións xerais o seu máis cabilado e elaborado proxecto: Seis millóns de cidadáns de todo o estado deixaran de pagar o IRPF

.

A fume de carozo como non podía ser de outro xeito, o noso representante popular, Nuñez Feijóo sumouse a proposta matizando o asunto a nivel paisano galego e nos di que o 60% dos galegos deixaran de pagar este imposto, que é co que se nutre a maior parte dos presupostos do Estado.

Tendo moi claro que no Galpón de Breogán damos por feito que Mariano Rajoy será o proximo presidente do goberno ( Aquí sempre apoiamos o máis galego ou o máis parecido a o galego) . Esta futura medida proporcionará múltiples vantaxes as nosas provincias máis maltratadas como son Lugo e Ourense, desta forma o estar prácticamente fóra de control fiscal convertiranse nuns paraísos fiscais a altura de Xibraltar e Andorra; e por outra banda a asociación galega contra o narcotráfico non terá que preocuparse das verbas de descoñecedores, coma o señor ministro de Interior que asegurou: ” Galicia xa non é a porta de entrada da droga en Europa”, provocando claros prexuízos a nosa industria banqueira, constructora e de ocio do páis.

Deixar un comentario

Arquivado en Economía, Feijóo, PP

O mundo segundo Richi Varela

Di o consellerísimo de Traballo, Richi Varela, que non pasa nada porque os mozos emigren desta Galicia, cada día máis linda e máis linda, cada día mellor e mellor. Total o 57% dos que marchan son tipos sen capacitación, nin elegancia, nin glamour, e aquí non os queremos para nada. Tal que así:

Funcionario: ¡Bua! O nivel experto en 205 segundos… Son o puto amo.
Cidadán A: ¿Buscaminas? Eu na casa téñoo en 183…
Funcionario: *en ton agre* ¿Pódese saber que se lle ofrece?
Cidadán A: Pois quería anotarme no paro…
Funcionario: Si, claro. E escarallarnos as estatísticas. Moita faciana, lle botan vostedes.
Cidadán A: Home, se non é por gusto. Eu é que veño de rematar a FP de Acabados de Construción, pero non dou atopado choio.
Funcionario: Non me estraña. Xa temos portus e romaneses de abondo como para levantar as pirámides de Exipto, e cobran a metade que calquera obreiro do país. Así que vaia estudar para aparellador e volva daquela.
Cidadán A: Pero é que verá, o outro día tiven un erro de nada cun condón deses que regala a Vicepresidencia e agardo un fillo en seis meses. ¿Non me podería anotar para camareiro, ou dependente? Non é por vicio, é para darlle de comer á criatura.
Funcionario: Mire, sudacas temos aínda máis que portus. Marche, por favor, aquí non hai nada para vostede. Pregunte en Canarias.
Cidadán A: Pero…
Funcionario: Nin pero nin pera. *saca un pao de debaixo do escritorio e comeza a darlle empurronciños con el ao Cidadán A* ¡Veña! ¡Lisca! ¡Fus! ¡Fus! ¡Fora de aquí!

Por outra banda, todos aqueles capaces de entender as matemáticas terán notado que das verbas de Richi I se deduce que o 43% dos que marchan si teñen capacitación, elegancia e glamour, mais iso non lles libra de emigrar. Ao señor conselleiro, non obstante, dalle igual. E razón non lle falta, ¿para que queremos aquí a estes sabichóns que fan que os demais nos sintamos máis parvos? Fóra con eles, tamén:

Funcionario: ¡Xa está! 182 segundos… Supera isto, paleto do carallo…
Cidadán B: ¿Buscaminas? Eu en casa téñoo en 14 segundos.
Funcionario: Veña xa, falabarato. Iso é imposible.
Cidadán B: Non se entras a hackear o código. Hai un programiña en internet que…
Funcionario: *en ton agre* ¿Que se lle ofrece?
Cidadán B: Viña anotarme no paro.
Funcionario: Outro máis. Se pensarán que non teño eu outra cousa que facer.
Cidadán B: ¿E logo tena?
Funcionario: Pois si. Aquí onde me ve, estou escribir a gran novela galega. Xa está medio rematada. Trata dun ourensán que domina o mundo nun futuro próximo, cando os presidentes se elixen por concurso-oposición…
Cidadán B: Apaixoante…
Funcionario: Pero non temos que falar de min, senón de vostede ¿Que sabe facer?
Cidadán B: Son físico, coa dobre especialidade de nuclear e partículas. Tiña unha FPU, pero o decano cabreouse comigo porque un dia lle gañei ao tute cabrón e botoume fora. Ten moi mal perder ese home…
Funcionario: ¡Físico! Pero home, ¿vostede pensa que isto é Silicon Valley? ¿Para que queremos nós un físico?
Cidadán B: Pois non sei, eu cría que algunha empresa…
Funcionario: Ui, si, temos un mogollón de reactores nucleares soterrados baixo os Ancares. O que pasa é que son proxectos do goberno e só poden ir enxeñeiros militares, non lle digo . Faga o favor de ir a a pedir choio a Alemaña e deixe de facerme perder o tempo. Os meus futuros lectores llo agradecerán.
Cidadán B: Pero…
Funcionario: Nin pero nin pera. *saca un pao de debaixo do escritorio e comeza a darlle empurronciños con el ao Cidadán B* ¡Veña! ¡Lisca! ¡Fus! ¡Fus! ¡Fora de aquí!

7 Comentarios

Arquivado en Funcionarios, Surreal

Fahrenheit 451 no Gaiás

por Calpurnia Abaneada

Coméntase en todas partes (aquí, aquí ou aquí, por exemplo) a compra masiva de trituradoras de papel que fixo Pérez Varela cando o cambio de goberno para facer desaparecer documentos comprometedores sobre o mausol…esto, a Cidade da Cultura. Que pouca clase. Xa de desfacérense descaradamente de informes indesexábeis, mellor telo feito de forma épica, cun magosto papeleiro coma deus manda, cun apocalipse documental bradburiano (feliz San Martiño a todos).

fahrenheit-451-no-gaias.jpg

Deixar un comentario

Arquivado en Cidade da cultura, Humor gráfico, PP

O BOTELLÓN É O INTELIXENTE

Por Moi Xordo

A sociedade galega ( Uns señores que van ver obras polas mañas e polas tardes o diario de Patricia ) non acouga polas noites por mor do fenómeno do botellón, o debate sobre a propiedade das rúas volvese a abrir como non se lembraba dende as épocas de Don Manuel en Madrid. Pero non pasa nada, os nosos simpáticos alcaldes do PSOE esos homes con barba e traxe marrón ( Menos o de Santiago que o simpático é Néstor ), xuntaronse estos días para amañar o problema e ninguén dubida das atractivas alternativas que van ofrecer os nosos rapaces.

A xente que vai de botellón ten moi claro que as copas lle saen máis baratas, saben o que están a beber e ademáis podense relacionar mellor sen ter que aturar esa música noxenta de moda a todo volumen, ante esta actitude tan intelixente dos nosos novos é difícil criticar a o seu comportamento , a non ser pola imaxinación dos nosos maiores que moitas veces dende o seu berce oen e ven interminables orxias de alcohol que rematan con queima colectiva de mobiliario urbano.

O Galpón de Breogán tivo acceso a algunha das propostas dos nosos líderes urbanitas, para que os nosos mozas e mozas pensen en algo mellor que estar peneques e relacionarse entre eles nunha sociedade tan pouco clientelista e chea de infinitas posibilidades para os nosos novos:

Irrisarri,sarri…Dende Ferrol propuxo unha clases nocturnas de surf os Sábados pola noite.Ningún xoven ousado se atreverá subir a unha táboa na ría de Ferrol recheo de auga de lume sen correr o risco de ser confundido cun envío para Reganosa.

Losada; despois de unha mirada ameazante de Lores propuxo unhas clases especiais de galego para coruñeses que dende logo estarías patrocinadas pola consellería de vicepresidencia.

Bugallo; sacando a sua coñecida vea bolchevique fomentará entre a mocedade universitaria xornadas de traballo voluntario os sábados para poder rematar as coñecidas obras da cidade da cultura.

Orozcus; vendo o apego antropolóxico dos seus paisanos a mezcla de alchol e diversión desiste interiormente a suas “noites de debate e poesía”, e sabiamente, acollese o modelo Extremeño e propón crear botellódromos, eso sí climatizados.

Lores; o noso único alcalde nacionalista propuxo crear un equipo de natación de elite que adestraría no Lérez e que estaría patrocinado polo emporio Karpin.

Caballero; propón un xogo de rol que consiste en conquistar os concellos limítrofes para crear unha área metropolitana digna do seu rango, todo aproveitando o atrezo das diferentes festas históricas e prehistóricas que crecen en Galicia como bazares chinos.

Paco Rodríguez; proporá os xóvenes facer xornadas de axuda os maiores, xente sen fogar, limpeza de parques, dar clases de galego e castelán a inmigrantes, axuda a toxicómanos…Que tódolos xóvenes levaran acabo a súa tarefa cunha sonrisa porque o final do ano se sortearán unhas plazas de funcionario do Concello para os que reúnan máis méritos.

Deixar un comentario

Arquivado en Catástrofes, Costumismo

A CONSPIRANOIA CHEGA A GALICIA

barcia.jpg

Denuncian o alcalde de Mugardos por relacionar a explosión dunha bomba coas protestas contra Reganosa

Deixar un comentario

Arquivado en Reganosa

Guía para entender o Gaiás

por Viriato

Ante a crecente complicación e enrevesamento da Insigne Comisión para Investigar Onde Foron os Cartos do Gaiás, o Galpón de Breogán (GdB) ofrécelles unha guía para comprender do que alí se conta sen aguantar rollos macabeos. GdB, sempre ao servizo da ama de casa.

Posoloxía e modo de emprego: Substituír toda declaración dos implicados da resolución do Misterio da Cidade da Cultura polas que se lles atribúen baixo estas liñas. Gañarase tempo e entenderase todo mellor.

Aymerich Carlos Aymerich: ¡Delincuentes todos! Que asco, é entrar aquí e poñerme de mala ostia, cagón to.
Xocas Xocas Leiceaga: Papel que miro, chanchullo que atopo. Así nos vai.
Nachete Nachete López-Chaves: O Guggenheim de Bilbao tamén foi moi caro. E a Muralla Chinesa, nin lles conto. E por certo, díganlle a conselleira que me debe un lote de papeis.


XesúsJesús Pérez Varela: ¡Cada patacón que gañei foi traballando coma un desgraciado! ¡Non saben vostedes o choio que da poñer a cuñados e amigos á fronte de todas as empresas ás que lles encargaba obras!
perez2.gifJesús Pérez Varela (bis): Nos gastamos ‘só’ 280 millóns no Gaiás. O resto é culpa do bipartito, que atrasou ás obras e pagounas máis caras. E si, vale, cando era conselleiro en funcións deixei licitados 100 millóns máis, pero gastar, gastáronos eles.

peter.gifPeter Eisenman: Asegúrolles que eu non tiven nada que ver coa desaparición de Madeleine McCann. Se podo paso por alí un día para contarllo.

CuñaoCuñado de Rajoy: Pois eu mandei un currículo e colléronme. Non sei por que a xente di que é dificil atopar traballo neste país, os que emigran a Canarias está claro que son uns apampados.

johnny.gifComparecente xenérico: Siii… algo asinei…. pero asino tantas cousas. E cobrar, cobrei, … pero cobro tantas cousas. Non lembro nada.

feijooRepresentante xenérico do PPdeG: ¿Por que perdemos o tempo con isto, estando como está a Vía do Barbanza?

Procuraremos sacar futuras entregas desta guía a medida de vaia avanzando a feira. Permanezan atentos aos seus monitores.

Deixar un comentario

Arquivado en Cidade da cultura

Clásicos progres: A muralla

por Calpuria Abaneada

O concello de Lugo decidiu dar o cante facendo a súa versión dun tema inesquecible de Víctor Manuel e Ana Belén. A mocidade luguesa sen dúbida agradecerá esta cantarela dos seus rexidores.

Deixar un comentario

Arquivado en Humor gráfico, Lugo, Orozco

¿ TEMOS SÓ UNHA OPOSICIÓN ?

Por Moi Xordo

Núñez Feijóo ese home a unha mangueira pegado non anda moi fino co seu novo traballo que os seus amigos do PP lle buscaron, ese de xefe da oposición onde a auga esta fría e o marisco barato, e do último que fixo estes meses só me lembro de ve-lo repetir a gaita esa da obra da autovía do Barbanza.
O curioso é que en Ourense como non podía ser doutro xeito van por libre, primeiro tivemos o caso no 1º ano de bipartito da rebelión dos alcaldes populares pola discriminación nos presupostos, e ahí foron ás portas do parlamento os septua e octoxenarios alcaldes mandados por Baltar a estrelarse coma mártires cristiáns contra as forzas de seguridade do parlamento de Santiago. Pero por que o noso engominado amigo non participa das orixinais ideas do “pater familias” da súa terra de orixe.

E aquí chegamos a nova idea da productora da terra do licor café, a movilización contra o establecemento da Zona Especial de Protección de Aves tamén chamada “Zepa”na Limia. En Ourense é o tema de debate este outono, pero parece que Nuñez Feijóo non se encarga de defender os orixinais guións chegados do rural ourensán e por iso se encargou de protestar contra a “zepa” ante o parlamento un diputado ourensán, un deses que se rebelan cando a Xunta non trataba con xustiza a Ourense; e xustiza, é que Baltarín vaia de 2º na lista.
O caso é que o conselleiro de medio ambiente, o encargado do tema da “zepa” ,é un ourensán con moitas habilidades “baltarísticas”, xura e perxura que a “zepa” non perxudica de ningunha forma a actividade agrícola da Limia. A Limia para quen aínda non o saiba é coma o reino de Mordor do “Señor dos aneis” , no vrao se pasas por alí o atardecer ten un olor pestilente a purín e abono químico e o seu centro está presidido por unha cheminea constantemente fumeante cunha luz acendida na cima que pertence o dono de todo ser que crece alí, Isaac Vila ou “Sauron Vila”.

O todopoderoso señor da Limia fora derrotado polos deuses da xustiza e vivía nun universo na inhabilitación por mor dunha acusación de merca de votos ( parvadas como lle vas mercar votos a xente xa mercada), o caso e que un “hobbit” da deputación, encontrou o seu anel de poder e voltou a vida e alcaldía. Dende aquela esta a crear orcos das patacas, a súa especialidade, e xa os mandou a Santiago vía autobús a recriminar unha idea simple: As persoas inda que sexan de Ourense teñen máis dereito a vida e a terra cós corvos, !Zepa non¡
Pero non é todo, para sumarse a festa Medio rural declara arestora a Limia zona especial de protección agrícola e o Sindicato labrego galego decide a última hora apoiar as movilizacións, alguén da máis, alguén entende algo ¿?
A fin, o que si non entendo e a razón de porque o Señor Núñez Feijóo non se suma os seus paisanos, ¿Temos dúas oposicións ( Verba que sempre emprega un ourensán cada 2 frases)? Unha de boina, en baixo canas e outra de birrete, en baixo gomina.

2 Comentarios

Arquivado en Baltar, Ourense, PP, Uncategorized