Arquivo por autores: frouxeira

Renovación no BNG

quin-vs-cela.jpg

Quin, armando cabaleiros ou cortando cabezas?

Quen será o seguinte…?

3 Comentarios

Arquivado en BNG, Quintana, Surreal

O ciclismo galego, vítima do terrorismo españolista

Por Frouxeira

O percorrido da Vuelta Ciclista a España por terras galegas debía servir para fortalecer a amizade galaico-hispana, mais nestes primeiros días as accións terroristas dunha perigosa organización da extrema dereita española están malogrando a fraternidade na carreira. A violencia españolista elixiu a tirada con saída en Allariz e chegada a Santiago de Compostela para facer acto de presenza, enlamando un día no que se conmemoraba a traxectoria política do actual Vicenpresidente da Xunta, o líder nacionalista Anxo Quintana, anterior alcalde de Allariz.

O atentado consistiu nunha caída provocada a dous quilómetros de meta, nas mesmas rúas compostelás, xusto diante dun dos bastións da Vicepresidencia: o Fogar de Maiores da Porta do Camiño. A agresión buscaba lesionar a algún dos ciclistas galegos en competición, sendo Óscar Pereiro (gañador do Tour de Francia 2006) e Carlos Castaño (un dos líderes do equipo Karpin Galiza) os dous corredores máis afectados.

Os coñecidos lazos entre Pereiro e o independentismo galego, nada disimulados nestes primeiros días de carreira (onde se alternan na estrada as pintadas de “Ánimo Pereiro” e “Independencia”), pudieron ser a causa de que se lle sinalara como obxectivo principal. Por sorte, o atentado só lle provocou fortes contusións na cadeira, sendo Carlos Castaño o peor parado da caída, cunha subluxación no ombreiro dereito.

Fontes policiais fixeron públicas as súas sospeitas de que a Vuelta Ciclista está sendo víctima das accións dunha rede de axentes infiltrados, tanto na organización como entre os corredores. Só así se pode explicar a realización dun atentado tan ben preparado, sen que se poida identificar con claridade aos seus responsabeis.

Segundo o voceiro do corpo policial, a caída estivo provocada por unha acción triple. Primeiro, por alguén que manipulou o percorrido levándoo ate a perigosa Costa das Rodas. Logo, por un segundo axente que eliminou as medidas de seguridade necesarias para garantir o xiro do pelotón en perfectas condicións. Por último, recoñeceu a posibilidade de que algún dos corredores implicados na caída actuase como detonante lanzándose el mesmo contra algún dos obxectivos.

Segundo algunha das testemuñas, este topo infiltrado podería ser Koldo Fernández, ciclista do Euskaltel-Euskadi e posíbel axente dobre a ambos bandos do conflito basco, aínda que falta por demostrar a súa pertenza a banda armada. Non faltan voces dentro do pelotón que defendan a súa inocencia, como a do seu compañeiro de equipo Alan Pérez, quen argumenta que se tratou dun simple enganche entre corredores.

A sospeitosa caída e posterior retirada ao día seguinte do líder do Euskaltel, Haimar Zubeldia, complica as investigacións. Chegado este punto, hai quen suxire a posibilidade de que estes sucesos poidan ser o preludio dunha inminente conflagración multilateral entre os distintos pobos do estado español.

3 Comentarios

Arquivado en Independentismo, Terrorismo

Véndense casa

por Frouxeira

Os madrileños, especialmente os que son “de Madrí a saco”, odian a súa cidade. Só así se pode explicar que os poucos privilexiados que teñen un mes de vacacións soñen con fuxir dela. E non é unha fuxida a fume de carozo á procura de mellores horizontes. Non, eles queren fuxir para ir a unha casa idéntica á súa onde se van atopar con persoas idénticas a eles. Iso si, preto do mar. É a febre das segundas residencias.

A idea fixo caixa, e todos os ricos dos pueblos con mar foron abrir sucursais das súas inmobiliarias á capital do estado. Alí poñen a un sobriño medio listo detrás dunha mesa, ben rodeado de imaxes nas que se vexa o fermoso que era o seu pueblo antes de que eles construisen ruínas, e logo tamén algunhas fotografías do interior deses inmobles, todo comodidades, pero sen amosar nunca o que teñen arredor. Con isto chega. Venden. E envian aos madrileños para aló.

Como neste estado ninguén quere ser menos que os madrileños, semellante costume triunfou, espallouse. Mesmo entre as xentes da costa. E en Galiza, por suposto, a avangarda desta teima pola segunda residencia protagonizárona os coruños. Só a eles se lles pode ocorrer mercar casas de marca (unha vez que converteron á inmobiliaria local nunha marca).

Entre os múltiples investimentos desa inmobiliaria o meu favorito son os 1.538 metros cadrados de futura urbanización que se poden admirar dende a autoestrada que vai a Ferrol, no Concello de Miño. Son todo un monumento ao novo urbanismo.

anancara.jpg

Uns chámana Urbanización de Piñeiro. Outros Urbanización Costa Anácara. Non sei sequera se son exactamente os mesmos terreos. O que si sei é que, non faltaba máis, ese cemiterio de chalés conta con campo de golf. Había ir un madrileño a unha urbanización de provincias sen campo de golf! Un coruño cecáis si. Pero un madrileño!

A paisaxe é explícita: un mar de terra remexida onde algún día se erguerán centos de chalés, pechados todo o ano, co seu centro comercial, o seu acceso á autoestrada, o seu campo de golf. E pensará o coruño: por que vivir como simple clase media no centro da miña cidade e ir a pé ao traballo cando podo vivir como falsa clase alta a máis de vinte quilómetros e ir todos os días en coche!?

O cemento, o formigón e o tixolo son os materiais dos grandes escultores do noso tempo. Os mellores nomes do land art xa non son individuos, son corporacións. E aínda por riba non só fan arte, fan máquinas para vivir, onde logo a xente vai para morrer.

Agora só están tomando a nosa terra, pero tranquilos, despois tomarán tamén interné. Treme blogosfera! O futuro é a blogoinmobiliaria!

4 Comentarios

Arquivado en Urbanismo

Por un día 25 sen festas (nin patria, nin apóstolo)

Por Frouxeira

Imaxino o que vai pasar. Todos os anos a mesma leria. Serán as sete e algo da mañá e a xente pasará á beira da catedral prea perdida. Vivir en Santiago que bo-ni-to é / andar de parranda e durmir de pé / e durmir de péeee… e durmir de pé / andar de parranda que bo-ni-to é. Etcétera. Ninguén vai reparar na xente rara que, a esa hora intempestiva, entra na catedral. Beatas que van rezar, dirán os bébedos, e seguirán vomitando nas escaleiras de Praterías. Buargh!

Nesas condicións non van distinguir a ese velliño engruñado envolto en farrapos que mal lle disimulan o esquelete. El tamén aproveitou para saír de esmorga. A fin de contas, está de santo. A cidade construiuse para el, por el. Tamén ten dereito a pechar o Maycar! E o Ruta! E antes aínda chegaba máis tarde, cando ía ao Furacán.

O Apóstolo aproveita cada ano que a cidade está ateigada de xente rara para dar unha volta fóra do sartego. Recupera a súa apariencia humana para a ocasión, e viste algo de carne e vísceras para tapar os seus ósos. Algúns anos tenta animar tamén aos veciños dos cimentos da catedral, aos esqueletes enterrados nas estelas suevas, pero son uns aburridos.

Cando pasa da medianoite sae da catedral pola Porta da Acibechería, disimulando, e sube rápido cara Cervantes. Alí xa se pode relaxar. Sempre o confunden cun ionqui. E a partir dalí, a ver mundo!

Ás veces baixa ate o Festigal, por iso de que hai música en directo, xente a esgalla e alcol barato. Logo, cando rematan os concertos, a según. A xente marcha en todas as direccións e rara vez atopa algún grupo no que integrarse, todos lle poñen mala cara. Quizais xa estea vello pa saír á noite. Mais un día é un día, que carallo!

E así engancha nalgún bar onde non lle cobren as copas no momento, e vai unha tras outra, botando unha ollada a ver se alguén ten pinta de levar farlopa ou pastis. Sempre colle cartos antes de sair da catedral, polo que poida pasar, por se remata no Pombal.

Pasan as horas e vai clarexando. Antes das oito volve ao sartego, non vaian asustarse da súa ausencia. Aínda que total, po caso que lle fan, hai máis dun século que non o abren (oficialmente). Cando chega prende de seguida na soneca, e xa se vai deixando levar polo sono ate que a media mañá, todos os putos anos, comeza a escoitar berros pola banda da Quintana (e de Quintana). Dase a volta no sartego, pero tamén lle chegan as pregarias repetitivas dos brasas dos cregos, coma se a el lle fixera ilusión a cutrada esa da ofrenda. Sempre igual, os putos cregos, os putos nacionatas, uns co padre nuestro ruega por nosotros, outros que se Galiza ceibe poder popular e merdas desas. Non deixan durmir tranquilo.

Todos os anos desexa o mesmo. Que o día 25 non haxa festas. Así non bebería tanto, nin se deixaría levar a antros de vicio e perdición, nin durmiría malagusto a resaca. Un coñazo. Se polo Apóstolo fose, non había festas, nin patria, nin reliquia mesma. Calquera día apaña a balsa de pedra e volve a Xudea, pero disque por aló as cousas agora tampouco andan moi ben. En fin, outro ano igual. E xa van 1194. Queda lonxe aquel 813 d.c. no que Teodomiro deu cos seus ósos, non si?. Que tempos, que tempos.

1 comentario

Arquivado en Costumismo, Día da patria, Surreal

Consellería da Blogosfera

Por Frouxeira

O poder ten moitos amigos, e hai que telos a todos contentos. Fan falla moitos altos cargos para que todos leven a súa parte, así que a ninguén lle sorprenda a creación dos “chiringuitos”.

Imaxino cal vai ser o seguinte. Venderano como unha grande idea de Salustiano Mato, de Fernando Blanco, de Touriquín mesmo! Primeiro comezará como outra Dirección Xeral máis, para pasar desapercibida, sen mala prensa, e logo converterase no gran proxecto da vindeira lexislatura. A todos os partidos lles encantará! En 2009 teremos Consellería da Blogosfera!!!

Imaxino que a Xunta abrirá un servidor institucional onde aloxar todo canto novo blog se abra en Galiza. O lema será “un cidadán, un blog”. Logo porán a súa publicidade en banners agresivos, darán subvencións por escribir o teu blog en galego, e inventarán memes que eles mesmos se encargarán de facer circular. No mellor dos casos, daránnos cartos e novos e mellores servizos. No peor, controlarán o que escribimos cunha censura cada vez máis sutil, empregándonos como plataformas para difundir as súas mensaxes políticas.

Imaxino cales serán os candidatos a ocupar o cargo polos distintos partidos. Jose Manuel Baltar non se resistirá cando Alberto Núñez Feijoo lle faga o ofrecemento, como decano dos blogueiros populares. Polos socialistas, José López Orozco aproveitará o cargo para fuxir a fume de carozo do cristo que vai ter en Lugo. Iso, se o Alcalde de Fene llo permite. E polo Bloque… collerán a algún blogueiro famoso e pseudo-independente, que logo se afiliará e entrará directamente na Executiva Nacional, como… non sei… quizais Brétemas ou Todo Nada ou Si Home Si ou Dias Estranhos ou, se continúa por este camiño, quizais Zero Vacas.

Imaxino, imaxino. Vós non?

3 Comentarios

Arquivado en Blogs, Embigo

Tan gayego como Feijoo

Por Frouxeira

Reunión de cabreados na Sede do PP. Unha moza insiste en ver a Alberto Núñez Feijoo, en representación da Mesa Pola Normalización Lingüística.

– Eu entendera que me ía recibir hoxe ás once da mañá! Xa levo máis de media hora agardando!

– Agora está reunido con outra persoa. En canto saia, xa lle digo que está vostede aquí… Por favor, agarde fóra, irémola chamar…

A moza sae da sede e senta no banco que ten á porta. Canda ela, hai un mozo que acaba de chegar. Fítanse cun sorriso de pura cortesía.

Pasan os minutos. Ao pouco, fala o mozo:

– Oes, perdoa… Ti estás agardando para falar con Feijoo? (a moza pon mala cara) Non é por nada, non te amoles. É que antes oínvos berrar aí dentro e…

– Si, estou. Por que? Ti tamén?

– Si, tamén. Veño pola banda do colectivo MAGA. Queremos esixir explicacións ao PP pola súa negativa a condear os actos de homofobia no parlamento.

– Claro. Entendo. Eu veño pedirlle contas pola ruptura do pacto lingüístico (breve silenzo) Dixeches que viñas do colectivo MAGA?

– Si.

– Non vos coñezo… Canto tempo levades traballando?

– Nah… uns meses… Comezamos na primavera. Estamos organizando algúns actos para o Día do Orgullo Gay… Xa sabes, o de sempre. Alguén ten que pedir subvencións, e iso…

– Xa, claro, imaxino. (outro silenzo) E de onde vén o nome? Que significa MAGA? (o rapaz non contesta á primeira, fai tempo mentres matina no que dicir) Maricas Galiza?

– Mellor non o vaias contando por aí, vale? Non sexa que as de BOGA se cabreen connosco…

– Claro, claro…

A conversa non prende moito máis aló. Vanse achegando as doce. Chegan algúns xornalistas á sede facendo bromas polo baixo sobre algunha das últimas declaracións de Gerardo Conde Roa. Entran rindo, e logo non pasa nada. A moza fai por falar co mozo

– E vós cando pedistes ver a Feijoo?

– Eh… Non… Non o pedimos. Na última reunión todos estábamos de acordo en que tiñamos que protestar polo desprezo dos populares á comunidade homosexual. Pero ninguén quería vir. Botámolo a sortes… e tocoume a min. A idea é pasar aquí toda mañá, sen que me reciba, e logo enviar unha nota de prensa aos medios para denunciar que o PP non quere falar con nós…

– Moi práctico, si, imaxino…

Máis silenzo. Case son as doce. A moza, farta, volve entrar na sede, seguida polo outro. Nese mesmo intre coincide que Feijoo está saíndo do despacho para acompañar ate a saída á persoa coa que se reuniu antes. Vaille dando fortes palmadas nas costas mentres fala nun correctísimo castelán:

– Muy bien, muy bien. Nosotros seguiremos apoyándoos ¡No vamos a dejar que Touriquín se salga con la suya! ¡Tenéis mi palabra de que les vamos a dar guerra! ¡Lucharemos por una educación en castellano para vuestros hijos! ¡Y vosotros adelante, seguid con esa iniciativa de tan gallego como el gazpacho!

– ¡Encantados Alberto! Y muchas gracias por todo, ¿eh? A ver si este verano puedes venir un día a navegar por la ría…

Mentres marcha esa visita, Feijoo repara nos dous mozos. Aparece alguén ao seu carón para explicarlle en baixiño quen son e que queren. Sen dubidar un intre, Feijoo vai cara eles e comeza a bater nas costas do rapaz

– É sempre un pracer recibir aos meus bos amigos da Mesa Pola Normalización Lingüística!

O rapaz, molesto, arrédase.

– Non, non! Eu veño do colectivo homosexual MAGA. A da Mesa é esta moza.

Un xesto de repulsión desfigura por uns segundos a face de Feijoo. Recomponse de seguida e continúa co seu recibimento cara a moza.

– Ben, dicía que é un pracer recibir tanto aos meus amigos da Mesa… (olla para o rapaz) igual que a outros representantes da sociedade civil… (pausa) Peeero… Agora mesmo teño outro compromiso de traballo… Vou recibir á embaixadora de Israel en España… Comprenderedes que teñamos que pospoñer o noso encontro para outra data… Chamade mañá á sede e xa procuraremos un oco na miña axenda. Moitas grazas por vir… pero agora teño que deixarvos.

– Señor Feijoo, eu xa tiña unha cita fixada para hoxe ás once! Quero falar con vostede canto antes do Plan de Normalización Lingüística…

– Síntoo moito, pero fóisenos o tempo. Agora non podo atenderte… peeero… (bota unha ollada ao seu redor e localiza a Manolita, tentando agacharse detrás dunha palmeira de plástico) … pero seguro que a deputada Manuela López Besteiro aquí presente pode falar contigo destes asuntos. Ela sabe moito do tema… Moi ben, verémonos noutra ocasión.

Feijoo refúxiase no despacho, Manolita pon cara de circunstancias, o militante homosexual sae pola porta e a representante da Mesa Pola Normalización Lingüística fica no sitio, ofendida e frustrada, ao tempo que sinte un intenso desexo de atacar a Feijoo co Gran Diccionario Xerais da Lingua. Un segundo despois, a embaixadora de Israel entra pola porta e os fotoxornalístas lánzanse cara ela coma unha manda de lobos, barrendo todo ao seu paso…

1 comentario

Arquivado en Feijóo, Lingua, Orgullo gay, Política, PP

Futuros derbis galegos

Por Frouxeira

Nin Reganosa, nin Navantia, nin o porto exterior. Só unha cousa poderá sacar a Ferrol da súa crise socio-económica…

O ascenso do Rácing de Ferrol á Segunda División A da LFP deixará na vindeira tempada dous novos derbis galegos. O equipo verde terá que enfrontarse ao equipo celeste, e Vigo e Ferrol xa terán algo máis en común cos estaleiros e o proletariado industrial (aloumiñado nunha, desempregado noutra).

Farían ben en pórse de acordo (nalgo) os da Consellería de Economía cos de Industria, os de Política Territorial cos de Cultura e Deporte, a ver se cando menos son quen de meter á cidade máis fea de Galiza de cabeza no Eixo Atlántico. Quizais o Rácing poida acadar o que ninguén fixo ate o momento: un enlace ferroviario directo sen pasar pola peaxe turca. Senón, como van ir os celtistas a ver os seus encontros na Malata?

Un tren sería un comezo. Pero a verdadeira pregunta na que matinamos todos é… Deixarán os ferroláns que o Maligno de vampirice este éxito?

3 Comentarios

Arquivado en "Fúrbol", Ferrol, Reganosa, Uncategorized

As persoas máis odiadas da Provincia de Pontevedra

Por Frouxeira

Se fixesemos un concurso…. Quen gañaría?

Quizais Carlos Mouriño, o Presidente do Celta. Ou Hristo Stoichkov, o seu fracasado entrenador. As cabezas visibeis do “proxecto” que envorcou ao equipo celeste na Segunda División da LFP.

O domingo foi un gran día para eles: Milleiros de celtistas canalizando os seus pensamentos máis crueis na súa contra! Dende ese noite, Mouriño e Stoichkov capitalizan unha intensa corrente de xenreira xeneralizada… É que o furnbo é asín…

Pero o descenso do Celta non debería escurecer o outro gran acontecemento que espertou os peores instintos de moitos pontevedreses nesta fin de semana…

A TRAIZÓN DE PONTECESURES!!!

Nada como unha boa exhibición de transfuguismo político para envelenar a constitución dos novos concellos! Máis lle valía a Touriquín ser ubicuo e omnisciente para non levar estes sustos…

205 votos e moita mala sangue abondan para facerse coa alcaldía deste pequeno concello á beira do Ulla. María Isabel Castro Barreiro, a única concelleira de Independentes por Pontecesures, é a súa nova alcaldesa grazas ao apoio de tres concelleiros do PP e dous do PSOE. Un pacto contra natura! Revive o espírito da Porqueira! Un goberno tripartito para enviar ao anterior alcalde directo á oposición, tras oito anos no poder. De nada lle serve aquí ao BNG ser a forza máis votada. Por moito que só ficase a un concelleiro da maioría absoluta, en Pontecesures xa non ten con quen pactar.

Na sesión de investidura o veleno foi por diante. Aló son todos veteranos da vida política local, as liortas veñen de lonxe. O candidato socialista, Luis Sabariz, é un antigo independente que odia visceralmente a Álvarez Angueira, o ex – alcalde nacionalista. Que non se lle poña diante (e menos ao lado). Nada do que digan os grandes pactos de Quintauriño poderá mudar esa relación.

Claro que, supostamente, Sabariz non podía votar polo candidato do PP… Logo, como atopar a combinación gañadora?

A Maribel Castro xa só lle faltaba ser alcaldesa. En 1999 montou o seu propio partido de cabreados a partir dunha escisión do PP. Logo apoiou a Álvarez Angueira, e ao pouco mesmo entrou no goberno facéndose coa carteira máis cobizada: converteuse na flamante concelleira de urbanismo pactando co BNG.

Pero o furnbo é asín. Tres do PP, mais Dous do PSOE, mais os 205 votos que fixeron concelleira a Maribel, e saen as contas para que os Cinco do BNG pasen á oposición. Igual que lle pasou ao Celta o domingo. Gañaron 2-1 en Balaídos fronte ao Getafe, pero os resultados dos demais cadraban para que os vigueses baixasen a Segunda…

Malas combinacións. De quen é a culpa? O único consolo é botarlla a alguén. E logo odialo. Profunda e intensamente. Uns poucos quilómetros máis ao norte, na Provincia da Coruña, a traizón ía no sentido contrario. A partir do sábado “Muros”, “Corcubión” e “Porto do Son” convertéronse en pequenos Waterloo para os socialistas.

A quen se odiará máis nesta semana na Provincia de Pontevedra? Aos directivos e técnicos do Celta ou aos concelleiros do novo goberno de Pontecesures?

Desgrazas dalgúns, fortuna para outros…

5 Comentarios

Arquivado en "Fúrbol", Bipartito, BNG, Municipais, Política

O padriño e mailo herdeiro

Por Frouxeira

Titulares tremedistas!

Baltar admite que chegou a hora de preparar o seu “relevo”

Baltar comeza a falar da súa retirada

Estase achegando a fin do baltarismo ourensá?

“Hai que estar ás duras e ás maduras. Se o PP houbera tido a Xunta nestas últimas eleccións eu non tería participado nas municipais”

Unhas municipais sen Baltar??? Sacrilexio!

Ante semellantes declaracións do Home do Renacemento (nótese o seu elegante emprego dos tempos compostos) queda ben claro o esforzo sobrehumano que tivo que realizar polo ben do Partido. Pero que pasaría se…

“Se o PP gaña as xerais e autonómicas, aproveitaría a ocasión para deixar o partido. Colaboraría para botar unha man pero preferiría que fose outra persoa”.

Baltar xubilado!!! Incríbel! Ante semellante declaración de intencións inda vai ser certa toda esa leria da Galiza do cambio… Pero… quen será o seu único e lexítimo herdeiro? O fillísimo blogueiro? Ou o seu novo fillo político?

“Cada día estou máis enganchado por el, porque é un fóra de serie. (…) O único que ten que facer agora é gañar o apoio da provincia”.

Definitivamente, Poli vai ser o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense por designación baltarista. O non-alcalde da Cidade das Burgas aprenderá o seu futuro oficio á beira xusto do seu valedor. Un posto de privilexio que moitos envexarían…

Un día cheguará este anunciado traspaso de poderes e entón… a que se vai adicar Baltar unha vez lonxe do Pazo Provincial?

Semella que a xente non sabe ler entre liñas. Baltar anuncia a súa retirada da política municipal para a vindeira lexislatura… porque daquela será o PRESIDENTE DA XUNTA POLO PARTIDO POPULAR!!! Feijoo ten motivos de sobra para temer a carraxe do pequeno timonel ourensá. Vai polo seu cargo…

Deixar un comentario

Arquivado en "Poli" Nóvoa, Baltar, Ourense, Política, PP

Pactar… ou non pactar

Por Frouxeira

Un intre de lecer no despacho de Alberto Núñez Feijoo. O Presidente dos populares galegos entretense cunha inocente lectura do coñecido xornal humorístico Libertad Digital. O descanso do guerreiro…

… mais… nunha destas… de súpeto…

… entra o mesmísimo José Luis Baltar!!!

O Home do Renacemento Irrompe no seu despacho conxestionado, afónico. Pero vén en son de paz. Trae unha mensaxe pragmática:

– Alberto, temos que pactar.

– Pactar? Pero… José Luis, eu cría que o noso xa estaba amañado, que nos estabamos levando ben… Que é o que pasa?

– Entre nós, non, paspán. Pactar con outros.

– Outros?

– Si, claro, temos que ser prácticos. Somos o partido máis votado en 225 concellos, e agora resulta que só imos gobernar en pouco máis de 150 se os do bipartito se volven poñer de acordo. Hai que intervir! Temos que negociar nós tamén!

– Ben, claro, xa estamos tentando convencer a Jesús Ares para que deixe a alcaldía de Toques ao seu segundo, así pactamos con Xuntos Cara o Progreso de Toques e logo os reincorporamos ao partido – (Silencio baltariano. A explicación non semella compracelo) – E tamén estamos falando con Nava Castro, a da Unidade Condado Paradanta, tentando convencela de que esqueza todas esas liortas que tiña co noso Salvador Solla á hora de darlle a alcaldía de Ponteareas. Estamos negociando, non?

– Alberto, iso non vai chegar. Hai que pactar cun pouco máis de ambición. Temos que fender o bipartito! – (Feijoo fica pampo uns segundos. Cando vai dicir algo, Baltar interrómpeo) – Non vas falar cos da Radio Galega? Pois dílles que Cori e Poli teñen as portas abertas para falar cos do BNG

– (Feijoo, indignadísimo) CO BNG?!?

– Si, oh, co BNG. Non vas querer pactar con Touriño, ou? Digo eu que algo teremos en común con eles, non? Eu que sei… os dous somos galeguistas, por exemplo. E se non chega haberá que buscar máis cousas en común. Vas darlle aos socialistas as alcaldías de Vigo e de Ourense cando case tiñamos a maioría?

– PACTAR CO BNG?!? (Feijoo segue algo alterado ante semellante idea)

– E tamén podemos negociar co Bloque en Santiago e en Pontevedra. En todos os concellos nos que sexamos os máis votados! Temos que manter todas as alcaldías que poidamos. Se non, onde vas meter a toda a xente que está traballando alí? Deixámoslle aos do Bloque as concellerías de cultura e de benestar social e nós ficamos coa alcaldía, urbanismo, facenda e vías e obras. Logo, dentro de catro anos, quizais xa non precisemos deles.

– Non-no-no-no. Escoita José Luis, ISO NUNCA, entendes? Mentres eu estea aquí iso non vai a …

– Alberto, home, faime caso que eu disto sei bastante. Pacta con quen poidas, e segue no poder. Diso vai a política. Eu cumprín. Teño o 47% dos votos da miña provincia. Sete puntos por riba do que ti sacaches en toda Galicia, que non chegas ao 40%. Alberto, non me fagas chegar ás bravas. Sabes que se eu marcho, marchan os votos comigo…

– José Luis, amenazas, non. Outra vez, non. Dixemos que nos iamos levar ben…

– Faime caso, Alberto, senón vas ter a centos de militantes pedíndoche esmola á porta do despacho. O de Vigo ou Ourense igual non funciona, pero proba cando menos a pactar en Toques, como proba de boa vontade…

– E darlle a alcaldía ao PSOE?

– Por algo se empeza. Ás veces hai que ceder. Ti amosa a túa “disposición para o diálogo permanente” cos do Bloque na entrevista, que a xente vexa que por nós non vai quedar. Pensa nas alcaldías, e no dano que lle farías a Touriño. Queres ser o líder da oposición toda a vida?

O Home do Renacemento eclípsase. Non precisa máis verbas para defender a súa vontade. Deixa a Feijoo no despacho, matinando no que debe facer… Pactar… ou non pactar, esa é a cuestión. Xa lle tarda que Mariano gañe en Madrí e o leve para aló como Ministro…

Deixar un comentario

Arquivado en Feijóo, Municipais, Política, PP, Toques