Arquivo por autores: parvodecela

Acerca de parvodecela

Parvo de Cela

Que foi necesario para que…?

Polo Parvo de Cela

Conde NoriaConde Roa e Néstor Rego foran os gañadores das municipais de Santiago… que só un edil cambiara de mans, unhas pobres expectativas e fotos certamente ridículas de ambos en Galpón de Breogán.

Telmo Martín fose o candidato máis votado na cidade do Lérez … unha imaxe de gañanería que facía sentirse glamouroso aos seus votantes e a ausencia de dúbidas sobre a honradez do candidato.

O alcalde de Toques non fose expulsado do seu propio partido e puidese gobernar… ningunha menor cerca e unha connivencia con criminais similar ao caso anterior.

Os comunistas volvesen á alcaldía de Ferrol… o desmantelamento definitivo do seu proletariado.

Se estabilizase de xeito masivo o emprego público… que a Deputación de Lugo abandoase o seu carácter feudal.

A Deputación de Lugo abandoase o seu carácter feudal… poñer a Xosé Manuel Barreiro de candidato.

Xosé Manuel Barreiro fose candidato á Deputación de Lugo… un castigo ao PP provincial de Lugo ou un premio que se dá para si Alberto Núñez Feijoó.

Núñez Feijoó comezara a súa análise falando dun soldado morto en Afganistán… que o PP non gobernara en ningún núcleo de poboación máis grande que Santa Uxía de Riveira.Abel Caballero e Sánchez Dragó

Abel Caballero gañase unha vez na vida… ufff, non sei se me deixo algo pero creo que:

  • Unha agrupación socialista e local totalmente dividida en Vigo.
  • Ninguén que se quixese facer cargo do posto.
  • Unha visita de Zapatero para arrimar votos.
  • Unha alpinista que escalou ata o Everest e á que esta cima non lle resultou difícil de acadar.
  • Estar nunha cidade cun voto historicamente de esquerdas.
  • Non aparecer demasiado en televisión.
  • Non ter unha candidata máis intelixente.
  • Que Santi Domínguez non tivera máis tempo para facer campaña ocupado na Dirección Xeral.
  • Que os ourensanos de Citroën voten ao PP nos seus reductos rurais e non voten en Vigo.
  • Posiblemente graves erros á hora de contar os votos.
  • Varias consultas a mediums, meigas, amuletos da sorte… Algún tipo de conxunción astral, o destino.
  • Que non chovese abondo para facer subir a abstención.

Todos dixeran que gañasen as eleccións… nada realmente.

PD: Se buscades en imaxes “Abel Caballero Alcalde” sae o post do compañeiro Antón Fraguas sobre Hristo Stoichkov como alcaldable. Non foi culpa nosa.

2 Comentarios

Arquivado en Municipais, Uncategorized

Tribus polígamas ourensás toman a cidade

Poligamia, oh siO atraso e illamento de Ourense levou ao descubrimento de diversas tribos polígamas operando pola capital da provincia. Estes grupos organízanse en vastas unidades familiares de ducias de individuos que á súa vez forman clans. Os estudiosos sopesan a posibilidade de que sexan habitantes primixenios de Ourense que se infiltraron sen ningún tipo de problema entre a sociedade postmoderna da Capital das Burgas.

Non existen dúbidas do seu primitivismo xa que parecen operar coas reglas dunha sociedade tradicional patriarcal baseado no respecto reverencial a figuras míticas (neste caso a un anano de pelo branco) e do seu ourensanismo porque todos traballan no sector público. Este descubrimento antropolóxico saltou á primeira plana dos medios galegos cando se descubriu que o mesmísimo alcalde de Ourense é un xefe dun destes clans. A miña é unha familia moi tradicional e moi ampla, chegou a admitir.

Os desconfiados din que estas unidades familiares tradicionais forman parte dun plan para hinchar o censo pero o comportamento primitivo de todos estes individuos fai indubidable o seu orixe primitivo.Como incógnita para o futuro queda saber se a provincia que exporta funcionarios a toda Europa tentará escindirse da sacrosanta España se non é recoñecida a poligamía. Utah é o espello onde mirarse. Salt Lake Miño?

PD: A ninguén lle chamou a atención que o especialista en derrotas Abel Caballero leve a unha alpinista de número dous.

4 Comentarios

Arquivado en "Poli" Nóvoa, Funcionarios, Municipais, Ourense, PP

A alcaldesa de Muros non garante a celebración das carrilanas de Esteiro se non é reelixida

CarrilanaA alcaldesa de Muros, a socialista Caridad González Cerviño, declarou que “vería difícil” a celebración da máis coñecida competición de carrilanas de Galicia que se celebra na localidade muradana de Esteiro se non continúa o actual equipo de goberno do concello.

“Dada a gran complexidade técnica deste tipo de eventos e a proximidade da súa celebración (xullo) considero practicamente imposible que dea tempo a organizar a carreira. O máis lóxico sería a súa suspensión.” Engadiu ademais que o seu grupo xa demostrara “grandes capacidades organizativas” e que non vía no Partido Popular unha “alternativa viable” para o que definiu coma “un dos meirandes patrimonios culturais de Muros.”

Caridad Gómez CerviñoGonzález Cerviño, que realizou estas declaracións durante un mitin aos veciños de Santiago de Tal, foi respondida polo seu máximo rival nos inminientes comicios municipais por José Antonio Siaba do PPdG. Siaba considera “unha chantaxe intolerábel” e “unha tomadura de pelo aos veciños de Muros” as declaracións da actual rexidora. O seu socio de goberno, o nacionalista Domingo Dosil, calificou as declaracións de “desafortunadas” aínda que comparte con González Cerviño a súa preocupación pola carreira se hai un cambio de goberno xa que ve ao PP “incapaz” de organizar un evento tan complexo.

Alberto Núñez Feijoó declarou que esta polémica é unha mostra máis de “quen caciqua realmente en Galicia” e considerou que os socialistas “minten á sociedade á vez que amosan a súa incapacidade para gobernar Galicia”. Touriño replicou que as “carrilanas non están en perigo porque estou seguro da vitoria da actual alcaldesa que ofrecerá un proxecto de benestar e de escrupuloso respecto ao patrimonio cultural de Muros”.

Quitana amosouse máis crítico incluso ao sinalar que o popular emprega “unha cortina de fume” para tapar a súa falta de proxecto para os concellos “galegos”.

6 Comentarios

Arquivado en Municipais, Uncategorized

Polo río abaixo vai Conde Roa de pé?

Conde Roa se bañaÉ posible que o único rasgo exclusivamente de seu sexa o bañarse en augas contaminadas. Os casos máis egrexios son o de Manuel Fraga Iribarne, de aquela Ministro de Información y Turismo, que nos tranquilizou a todos facéndonos ver que só se bañaba el no plutonio de Palomares. Pena que conseguira eses superpoderes…

Despois, xa no século XXI e en dimocracia, veu o alcalde da cidade do Lérez, ou do que queda del, a demostrar que podía aguantar algo peor que o plutonio provinte da fábrica de Ence. Ambos políticos, de correntes en absoluto converxentes, pretendían demostrar que os ríos non estaban tan mal como dicían os criticóns.

Sen embargo o I+D+i chega á política municipal e Gerardo Conde Roa propúxose cambiar a política tal como o coñecemos. Deulle por bañarse no río cunha camiseta horrenda da súa candidatura para demostrar… que o río estaba suxo. Segundo el se se gastase a metade do que Bugui, alcalde de Compostela, derrocha en promoción persoal amañaríase o Sarela.

Ao igual que as teorías das supercordas e os multiversos os mortais non podemos entender este acto desinteresado. Realmente despreza a súa integridade física e sacrifícase polo pobo compostelán? Veu o vídeo de Palomares e só o entendeu a medias? Os seus inimigos políticos dirían que bañándose está a demostrar que o río realmente non está tan contaminado. Saboteará el mesmo a súa campaña para que non ir a tanta recepción oficial como Bugui? É máis divertido, e fácil, dicir que todo vai mal e ademais non precisas demostrar moita intelixencia para rosmar (ex:Rajoy)?

Conde Roa se emborracha

Quizais se el gastase o mesmo que Bugallo en promoción podería pagarse a alguén que lle dixera que non tiña idade nin talle de cachonda para facerse fotos cunha camiseta medalla e uns cubatas na man.

8 Comentarios

Arquivado en Municipais, Surreal

Día das Letras Castrapas

Polo Parvo de Cela

Ao marxe das estériles polémicas sobre se as galescolas levarán aos párvulos a cambiar os seus mandís de deseño cando medren por traxes de combate para a liberaçom de Galiza ou se os socios dos clubes hípicos de Coruña e Vigo son un colectivo ameazado pola discriminación lingüística hai un flagrante incumprimento dos dereitos humanos no seo do noso país.

A lingua máis falada en Galicia non conta con recoñecemento institucional. Políticos, empresarios, empregadas do fogar de Antón Losada, traficantes de armas de Verín e nós mesmos empregamos o castrapo ante a imposibilidade dos galegofalantes de seguir as regras cambiantes en tempo real das 27 normativas lingüísticas existentes en Galicia e a incapacidade dos castelanfalantes de conxugar os tempos compostos e empregar só cinco vocais. O resultado é a lingua que cohesiona aos galegos, a nación destinada á dominación global. Sen embargo o 100% da poboación é discriminada por si mesma.

É hora de reivindicar a única lingua realmente galega e para iso escollemos o día 10 de maio: día da invasión de Islandia por Reino Unido e unha semana antes das Letras Galegas. Como primeiro homenaxeado propoñemos a Emilio Pérez Touriño. Se vos parece demasiado peloteo tamén valen Barreiro Rivas ou Paco Vázquez.

Esiximos ademais unha serie de medidas urxentes coma a creación dunha Real Academia da Lingua Castrapa formada por políticos, funcionarios da Xunta, presentadores do Telexornal e gafapastas, a creación dunha gramática do bilingüísmo harmónico e o recoñecemento local dun idioma local: El Coruño..

13 Comentarios

Arquivado en Gafapastismo, Lingua, Losada

Son Touriño e Stevie Wonder a mesma persoa e forman parte da Santísima Trinidade?

Polo Parvo de Cela

Stevie

Se

  • Espírito Santo=Deus
  • Deus é amor.
  • O amor é cego.
  • Stevie Wonder é cego.
  • Stevie Wonder é Deus.

E por outra banda:

  • Espírito Santo=Deus
  • Deus non falla.
  • A Xunta non falla.
  • Touriño é a Xunta (ou 2/3 dela) .
  • Touriño é Deus.

E:

  • Espírito Santo=Deus
  • Deus está en todas partes.
  • Para defender opcións contrapostas sería preciso estar en dúas partes á vez.
  • Touriño defende dúas opinións contrapostas sobre calquera tema a míudo.
  • Touriño é Deus.

Queda demostrado que

  • Touriño=Stevie Wonder=Espírito Santo
  • Touriño+Stevie Wonder+Espírto Santo=Santísima Trinidade

10 Comentarios

Arquivado en Música, Misticismo, Touriño, Uncategorized

Razóns para non censarse en Santiago

López Orozco

Hai unha chea de razóns para vivir en Santiago. Se a chuvia fose realmente arte o de facer o patrimonio universal o conxunto histórico sabería a pouco. Aparte hai outros moitos motivos para amar Compostela dende a súa axitada vida cultural, calidade de vida, movida estudiantil… Sen embargo Galpón advirte aos seus lectores do perigo que corren se están censados en Santiago.

E é que Lugo, a cidade construída sobre un bosque encantado, está a só 8 habitantes de acadar a poboación da capital da Galiza. Sabemos tamén da importancia da épica na retórica electoral municipal e que non hai alcalde máis brasas e aplicado que Orozco. Polo tanto non nos sorprende o rumor de que nos chega de que a poboación de Santiago contará con 9 habitantes menos antes das municipais despois de “desgraciados” incidentes.

Numerosos veciños da zona da Piringalla viron ao seu alcalde practicar cun rifle de asalto empregado polo exército israelí mentres preguntaba, cos nomes e apelidos ben sabidos, por toda a familia morta e por morrer. Tamén anda por aí o rumor de que está a formar unha célula terrorista formada por dementes, cousa fácil na capital lucense, que, censo de Compostela, en man acometerían accións cirúrxicas ata conseguir que Lugo supere á capital en habitantes, e todo grazas ao señor Orozco que debaixo das barbas parece poder acoller a votantes de todo partido.

Acabarán sendo as casetas do San Froilán encontros de vellos veteráns das Guerras Compostelás? “Acórdaste Manolo cando entramos no Reixa no 2007 e acribillamos a uns deseñadores gafapastas?” Esa muralla que crearon os romanos era para defenderse do inimigo do exterior ou para reter aos lucenses.

3 Comentarios

Arquivado en Lugo, Municipais

Deputacións, gaitas e dominación global

 

Grupo Paramilitar gaiteiro

Os visitantes habituais do Galpon coñecen a un temido grupo de poder ourensán na sombra, o Cefou. Outra organización máis perigosa tamén emerxe da terra dos funcionarios e do licor café. Máis visible que a súa paisana a Real Banda de Gaitas da Deputación Ourense sempre se moveu coma un poder paralelo e omnipresente en calquera acto festivo do Ántigo Réxime Boinil. Desde a chegada da esquizofrenia a San Caetano as aparicións deste sinistro e sincrético grupo de músicos tornáronse máis esporádicas. Por que?

Temos indicios de que esta sinistra banda podería estar a entrenarse en Faluya e Basora en tácticas de guerra de guerrillas con expertos do partido Baaz e terroristas de Al Qaeda. O seu campo de entrenamento no sur do orixe da civilización, coñecido como A Manchica, acolle a centos de violentos fanáticos da gaita cun obxectivo claro: reafirmar o poder divino e eterno das Deputacións.

O malvado plan levaría a constituír unha banda de gaitas en cada concello a través de fortes subvencións dos organismos provinciais correspondentes (para que outra cousa pode valer o diñeiro duna deputación). Estes pequenos exércitos ergueranse na noite e asasinarán con crueldade a todos os nenos do país (tampouco son moitos) se algún día os seus reinos feudais son ameazados polo Bispartito. A Deputación convertirase no que é de facto, unha institución eterna que xorde coma resposta ao espírito conservador e despilfarrador da administración galega e que reflicte como ningunha outra o localismo e tribalismo. As formacións paramilitares garantiría que a República das Catro Provincias volvera ás terras de Breogán.

9 Comentarios

Arquivado en Autogoberno, Música, Ourense, Seguridade, Uncategorized

Audiovisual galego

Se o primeiro rumor apuntaba a que Bugallo, Ánxela, emulara con Fernández, Antonio, a Julieta cun amor prohibido polas diferencias entre dous bandos enfrontados a morte agora os rumores apuntan a que o contertulio menos maleducado de El Rondo, Valery Karpin, é o dono dos seus desexos. Iría demasiado lonxe Ánxela á hora de negociar a creación dun equipo ciclista?

A verdade é moito menos sórdida. Despois do chamamento feito en Galpón para a creación dunha industria de cine para adultos galega a nosa conselleira tomou boa nota e decidiu facer un produto audiovisual para animar a galegas e galegos a foder diante das cámaras e crear riqueza. A participación de Karpin produciuse pero, coa intención de non ferir sensibilidades, decidiuse incluír tamén a un carismático exxogador do Deportivo, Donato. O filme gravouse nunha galescola en Allariz e foi dirixido por Quin que contemporizaba os berros de paixón e as imaxes foron montadas e manipuladas por Antón Losada

A raíz desta iniciativa o presidente do outro goberno de Galicia, Tou, decidiu facer un vídeo similar. Propúxoselle a María Xosé Caride pero no seu candor de profesora de parvulitos non comprendeu o que se lle demandaba. Xurdiu o nome de Laura Sánchez Piñón e alguén, con acerto, sinalou que nese caso habería que apagar as luces e o impacto sería menor. Como a solución máis sinxela sempre é a mellor colleuse a Bugallo, alcalde de Santiago, e á alma xemelga de Touriño, Carlinhos Brown, nun produto dirixido exclusivamente ao público masculino co cal se daba unha imaxe moderna de país. A banda sonora correu a cargo do asesor de Touriño Paul Simon.

Deixar un comentario

Arquivado en Audiovisual, Uncategorized

Inimigos íntimos

-Supoño que xa ten claro cal é o seu papel.

-Pois o certo é que non demasiado…simon_and_tourino.jpg

-Como que non? Que é o que non entende?

-Pois non entendo coma o presidente dun goberno rexional, neste caso Galicia, contrata a un cantante coma min coma asesor político.

-Señor Paul Simon, vostede como estrela da canción ten un papel crucial e irrepetible no futuro desta terra de Breogán que sempre admirou cancións súas coma “Mrs. Robinson” ou “How deep is your life?”

-Esa é dos Bee Gees!

-Non sexa vaidoso señor Simon. Aquí o importante é crear benestear, riqueza e emprego entre os galegos.

-Xa, pero non sei… Que quere que lle diga… Eu só son músico. Non sei se podería darlle o que vostede… Que fai o meu excompañeiro Garfunkel con ese señor? E por que vai vestido de forma estrafalaria e toca a gaita?

-Non estou seguro, pode que estea a inaugurar unha galescola ou entregando un premio de poesía.

-Entón quere contratarme para contarrestar o efecto da contratación de Art Garfunkel por parte do seu rival político?

-Equívocase totalmente. Non só é o meu inimigo senón que é o meu principal aliado. De feito gobernamos xuntos.

-Entón entendo menos.

-O que ten que entender é que Galicia ten unhas expectativas en min: que sexa un bo gobernante, aínda que saben que carezo de cualidades e equipo para lograr tal fazaña. Por outra parte eu espero poder repetir mandato e para iso debo non equivocarme e para non equivocarme a mellor maneira e non tentar nada, polo tanto eu espero non facer nada. Os meus conselleiros esperan que os apoie nas súas decisións pero eu nin o fago nin os deixo de facer, mentres que os socios de goberno cren que conspiro na súa contra cando, en realidade, nin me tomo a molestia porque xa se boicotean a si mesmos. E a oposición.. Que raio sei o que fai? Polo tanto neste escenario debo moverme con cautela.

-Entón a súa política limítase a apropiarse das boas ideas dos demais?

-Non. Trátase de coller todas as ideas, boas e malas, así non se aposta polo éxito, que pode atraer o fracaso, senón pola mediocridade máis absoluta que é ao que aspiro eu xa que garante anos e anos de poder. Veña déixese de leria e vaia cantar co meu amigo Carliños Brown The sounds of silence nun acto institucional.

-O que hai que facer por gañar as fabes…

Deixar un comentario

Arquivado en Audiovisual, Gafapastismo, Surreal