Arquivo da categoría: Día da patria

PORQUE ROMPE ESPAÑA ? (O outro España-Rusia)

Comité de saúde pública do GdeB

 

Segundo unha recente enquisa do CIS, unha terceira parte da poboación de territorios estatais con dúas linguas oficiais descríbese como nacionalista e son practicamente os mesmos que consideran España un estado que os que pensan que é unha nación. Entón o 1/3 que nos falta, supoñemos que serán emigrantes e xente desa que di: “eu son cidadán do mundo”, ai ! Canto dano fixo Manu Chao. Co que está moi claro que “España se rompe”, pero porque nesos territorios a xente non ve a Xxpaña como a súa patria ou nación, escoiten isto e reflexionen:

Este é o himno de Rusia como podedes apreciar (nestes últimos tempos estamos moi musicais), unha creación superior do ser humán, que elegancia, que ritmo, ledicia e sentimento van da man, cunha melodía que fai patinaxe artística polos tonos; non fai falla que vos lembre Eurovisión, e que canción se asemellaba máis o himno español se o “Chiki,chiki” ou a dos rusos. Agora vexamos unha retrospectiva de bandeiras e himnos de España:

Por eso Rusia é a nación máis grande do Mundo ! Os estados todos teñen polo xeral unha bandeira, un himno e un lema, pois o himno de Rusia dalle gañas a un de ser ruso ! Pero o de España…tanto o de “Del Riego” como a “Marcha real” son uns himnos de 3ª ou 4ª. O republicano é unha marcha militar de república bananeira, que inda porriba parece que vai entrar Joselito a cantar, así lle foi; eo que temos arestora é unha melodía rococó decadente que debía de entreter os xogos do palacio de Aranxuez, en plenos tempos de Carlos IV fillo tonto de Carlos III que non vou decir a quen asemella. Ámbalas son melodías ledas sen sentimento é doadas, por iso teñen tanto éxito en ámbitos etílicos, pero non chegan o corazón e espírito dos cidadáns, infundindo o amor e respeto necesario, e claro pasa o que pasa. Seguir lendo

2 Comentarios

Arquivado en "Fúrbol", Autogoberno, Costumismo, Día da patria, Gafapastismo, Humor, Independentismo, Música, Misticismo

Como pasou o Día da Patria…

… Gerardo Conde Roa:

Convidando aos seus amigos chineses maoístas a unhas copas no Leblón, onde algunha mala alimaña lle escoitou dicir: “Núñez Feijoo é un tigre de papel“. Os maoístas asenten e, educadamente, preguntan: “Cando ides dar o Gran Salto Adiante en Galiza? Canta xente tedes prevista que morra de fame? Enviaredes aos intelectuais ao Courel durante unha década?” Conde Roa sorrí, imaxina, asente. Soña. “Si, si, si…“. Dálle un grolo ao seu cubata e pensa con ollos lúbricos naquela moza de Novas Xeracións…

… Abel Caballero

Canción popular

Un alcalde de Vigo foi gobernar pero non podía gobernar porque ás obras e aos funcionarios non tiña con que pagar. Así pagaba así así, así pagaba así así que eu o vin. (Disque tamén o viron onda o Apóstolo pedindo volver á oposición Señor, isto de gañar dáseme moi mal )

…O CEFOU (Corpo de Elite de Funcionarios de Ourense)

Conversación gravada polos servizos de intelixencia nun polígono de San Cibrao das Viñas. Fala, nun tono exaltado e coa cara maquillada, o Supremo Xefe de Servizo arrodeado de armas e funcionarios vestidos con faldas escocesas.

“Poderán quitarnos os complementos salariais, poderán obrigarnos a traballar, a xustificar a existencia da nosa praza, a ter a cualificación axeitada para o noso posto … pero o que nunca nos quitarán será a praza!!!!!!!!!!!!!!!!!!!”

Nese momento hai un estourido de berros e tiros ao aire. Intelixencia non descarta unha accción militar a grande escala en combinación coa Banda de Gaitas de Ourense.

Almanzor:
No verán do ano 997, o caudillo andalusí alcumado O Victorioso asediou Santiago de Compostela nunha expedición de castigo ós reinos cristíans. Cara o 25 de xullo (día máis, día menos), asaltou a cidade e roubou as campás da catedral. Logo fixo que esclavos cristiáns cargasen con elas todo o camiño de Compostela a Córdoba, onde quedaron gardadiñas 200 anos ata que Fernando III de Castela, alcumado O Santo, levounas de volta a lombos de esclavos musulmáns.

Almanzor pasou todo o día de onte removéndose na súa tumba e lamentando que, 1010 anos despois, ningúen lembrase a súa fazaña. Se houbese algunha xustiza poética no corazón dos homes, as campás da catedral xa estarían de volta en Córdoba.

E xa de paso, que leven aló sepulcro e que lle fagan alí a ofrenda. Os andaluces están máis acostumado a esas cousas relixiosas e de seguro que lles dá menos repelús. ¡AL-MAN-ZOR! ¡PATRIOTA GALEGO!

…Ana María Ríos

-É aí La Voz de Galicia?
-(…)
-Mira, son Ana María Ríos.
-(…)
-Non, pailán. Esa é Ana María Matute. Eu son a peluquera de Interviú. Lembras?
-(…)
-Que non, carallo!!! Esa é Raquel Mosquera!!! Pásame ao teu xefe, anda. E culturízate, rapaz, faime o favor. Que mal ten feito a ESO a este país. Meu Deus.

(Pasan 5 minutos)

-A ver, son Ana María Ríos. Teño unha proposta que non podedes rexeitar. Aproveitando o novo deseño e o día patriótica, que vos parece unha portadiña, non sei… Eu coa bandeira galega bordeando os meus tersos e galaicos peitos? Ou cunha camiseta axustada tipo Yolanda Castaño?
-(…)
-Unha entrevista breve na edición local de Vigo? Só?
-(…)
-A túa muller deixará de ter suculentos descontos. Eres consciente?
-(…)
-Peor para vós. Cando me volvas ver en Interviú, lamentarás a túa decisión. Ata logo.

Colga. Mentres dá os últimos brochazos ás novas instalacións, queda pensando no difícil e pouco rendible que é facer país cuns medios de información tan politizados. Unha mágoa.

…Antón Losada

Un home con barba falsa e melena frondosa pasea polas instalacións administrativas da Xunta en San Caetano. Nunha primeira ollada parécese a alguén coñecido, pero non é posible porque xa foi detido días antes. Os seus pasos fan eco. San Caetano está deserto un 25 de xullo ás doce de mañá, momento no que o nacionalismo militante ruxe nas rúas de Compostela, e o non militante durme a mona na cama.

De súpeto, o Secretario Xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar (nome en clave: SXRIVIB) saca un martelo, espátula, pintura e uns novos carteis indicativos.

-Rash, rash, rash… (son da espátula)
-Pum, pum, pum… (son do martelo)

Ao sair, o alto cargo da Xunta SXRIVIB queda ensimismado vendo a súa obra. Aproveitando a ocasión, déixalle unhas cantas bombas fétidas no despacho de Méndez Romeu, pero tropeza co busto de Sir Paco Vázquez que preside a estancia.

-Auchhh! Me cago en Vicente Risco e no Grupo Prisa, sempre fago igual, recoño!

Ugío Caamanho:
Así
.

5 Comentarios

Arquivado en Baltar, Día da patria, Funcionarios, Losada, Ourense, Terrorismo, Vigo

Por un día 25 sen festas (nin patria, nin apóstolo)

Por Frouxeira

Imaxino o que vai pasar. Todos os anos a mesma leria. Serán as sete e algo da mañá e a xente pasará á beira da catedral prea perdida. Vivir en Santiago que bo-ni-to é / andar de parranda e durmir de pé / e durmir de péeee… e durmir de pé / andar de parranda que bo-ni-to é. Etcétera. Ninguén vai reparar na xente rara que, a esa hora intempestiva, entra na catedral. Beatas que van rezar, dirán os bébedos, e seguirán vomitando nas escaleiras de Praterías. Buargh!

Nesas condicións non van distinguir a ese velliño engruñado envolto en farrapos que mal lle disimulan o esquelete. El tamén aproveitou para saír de esmorga. A fin de contas, está de santo. A cidade construiuse para el, por el. Tamén ten dereito a pechar o Maycar! E o Ruta! E antes aínda chegaba máis tarde, cando ía ao Furacán.

O Apóstolo aproveita cada ano que a cidade está ateigada de xente rara para dar unha volta fóra do sartego. Recupera a súa apariencia humana para a ocasión, e viste algo de carne e vísceras para tapar os seus ósos. Algúns anos tenta animar tamén aos veciños dos cimentos da catedral, aos esqueletes enterrados nas estelas suevas, pero son uns aburridos.

Cando pasa da medianoite sae da catedral pola Porta da Acibechería, disimulando, e sube rápido cara Cervantes. Alí xa se pode relaxar. Sempre o confunden cun ionqui. E a partir dalí, a ver mundo!

Ás veces baixa ate o Festigal, por iso de que hai música en directo, xente a esgalla e alcol barato. Logo, cando rematan os concertos, a según. A xente marcha en todas as direccións e rara vez atopa algún grupo no que integrarse, todos lle poñen mala cara. Quizais xa estea vello pa saír á noite. Mais un día é un día, que carallo!

E así engancha nalgún bar onde non lle cobren as copas no momento, e vai unha tras outra, botando unha ollada a ver se alguén ten pinta de levar farlopa ou pastis. Sempre colle cartos antes de sair da catedral, polo que poida pasar, por se remata no Pombal.

Pasan as horas e vai clarexando. Antes das oito volve ao sartego, non vaian asustarse da súa ausencia. Aínda que total, po caso que lle fan, hai máis dun século que non o abren (oficialmente). Cando chega prende de seguida na soneca, e xa se vai deixando levar polo sono ate que a media mañá, todos os putos anos, comeza a escoitar berros pola banda da Quintana (e de Quintana). Dase a volta no sartego, pero tamén lle chegan as pregarias repetitivas dos brasas dos cregos, coma se a el lle fixera ilusión a cutrada esa da ofrenda. Sempre igual, os putos cregos, os putos nacionatas, uns co padre nuestro ruega por nosotros, outros que se Galiza ceibe poder popular e merdas desas. Non deixan durmir tranquilo.

Todos os anos desexa o mesmo. Que o día 25 non haxa festas. Así non bebería tanto, nin se deixaría levar a antros de vicio e perdición, nin durmiría malagusto a resaca. Un coñazo. Se polo Apóstolo fose, non había festas, nin patria, nin reliquia mesma. Calquera día apaña a balsa de pedra e volve a Xudea, pero disque por aló as cousas agora tampouco andan moi ben. En fin, outro ano igual. E xa van 1194. Queda lonxe aquel 813 d.c. no que Teodomiro deu cos seus ósos, non si?. Que tempos, que tempos.

1 comentario

Arquivado en Costumismo, Día da patria, Surreal