por Frouxeira
Seis horas pechados sen xantar para resolver o culebrón da tempada. E non houbo xeito. Galiza non será Nación, nin Farrapo de Gaita, nin Gran Carallo de Sal, nin Capital da Cristiandade Xacobea, nin Chintófano Nacional, nin Nazón de Breogán, (nin Galpón), nin Muller / Metáfora do Mundo / Vou chamar por teléfono.
Alguén dá máis? Ano e medio dicindo paridas para agora resolver a dúbida hamletiana co “Non”. Seguimos a ser nacionalidade histórica.
O 25 de xullo de 2004, o futuro PT (Presidente Touriño) abría a veda dende a oposición: habemus debate estatutario. Tralas vacacións, no Debate do Estado da Autonación dese ano, o daquela PF (Presidente Fraga) mandábao ao carallo.
Logo virían protopropostas sociatas e nacionatas con “nación” polo medio, victorias duns e derrotas doutros nas urnas do 2005, o sempre adiado proceso de sucesión popular e o nacemento dun novo líder tras reducir ao delfín ás súas cinsas (era delfín ou será fénix?). Consumada a transición, reabríase a veda. Era o 27 de febreiro de 2006. O Parlamento creaba unha Comisión para a Reforma do Estatuto. A nación (a real, non a legal) agardaba expectante.
17 de xaneiro de 2007. O cumio de Monte Pío. Quen non se aburrira do estatuto chegado a esas alturas? Ano e medio dando a brasa, subindo e baixando a escaleira. E todo para oir… Que?

“A confrontación política en España foi un condicionante insalvable”
“Avanzamos, pero nesta ocasión non foi posible”

“Intentámolo e non puido ser. Haberá que agardar a outro momento político”
E logo, en menos de vintecatro horas, os tres xa estaban botando merda uns por riba doutros.
“A responsabilidade ten nome e apelidos: Alberto Núñez Feijoo”

“Se Touriño e Quintana non endurecesen a súa postura habería máis posibilidades para o consenso”
“A culpa é dos tres, pero duns máis que doutros”
Uns recibiron máis que outros, a dúas bandas. Ás sete da mañá, os asesores de “Olliños” NF espertábano coa labazada da actualidade. Os seus quince minutos de gloria mediática. Fede falaba del:
PERO DE QUÉ ESCOMBRERA IDEOLÓGICA HABRÁ SACADO RAJOY A ESTE GALLARDONCETE!!!
A QUIEN SE LE PUEDE OCURRIR SEMEJANTE PROPUESTA ROMPESPAÑAS DE “SENTIMIENTO NACIONAL”!!!
“Sentimento nacional” foi o máis lonxe que algúns quixeron chegar. E non foi suficiente para chegar a ningures. Unha gran perda para a literatura galega. Un extracto desa xoia que aspiraba a ser o preámbulo das “maiorías”.
“Desde la Edad Media, Galicia ya es identificada en toda Europa como una de las regiones históricas del mundo occidental, asociada a su doble condición de finisterre continental y centro geográfico de la cristiandad jacobea”.
Pois nada, ao carallo. Caos e destrucción! Caos e destrucción! Seguiremos sen saber ser nacionalidade histórica. Seguiremos cantando aos piñeiros que nos legou un bardo anacrónico. Sempre nos quedará a Lei de Símbolos de Galicia. Xa de facer o ridículo, en troques de cantar ós piñeiros podiamos cantar ás violacións:
Pilleina antr´os pinos soa,
alba de medo tornou;
quixo fuxir, mais non pudo,
que sabe que peixe eu son.
Rogárame de rodillas,
de rodillas me rogou;
tembrou como a vara verde
qu´estremece a virazón.
Cal quen teme ser oída,
dixo: “Pídocho por Dios…¡
“Estás fresca -lle contesto-,
vente a min con oracións¡
Non solta nunca o raposo
a galiña que pillou, astra zugarlle o mel todo
non solta a fror o abellón,
nin a branca e doce pomba
larga o montesío azor”
Argumentos para a fogueira neoliberal. E mentres, outros medindo cráneos.
– “Galicia merece un estatuto de primeira”
– “Non é de recibo”
– “Galicia non pode estar nin un milímetro por baixo de Catalunya e Euskadi”
– “Pero… imos ver… ¿estamos ou non estamos nun país serio?
País! País! E agora de que imos falar? Isto xa non o amaña nin un corpo especial de funcionarios ourensáns