Arquivo da categoría: Ferrol

Reactor nuclear no depósito de auga

por Viriato

A parida de hoxe vai en dous pasos e precisa da colaboración do lector. Por favor, non nos abandonen ata o final.

Vexamos, primeiro, una conversación aparentemente absurda, unha reunión entre o presidente e o vicepresidente dunha comunidade de veciños das moitas que hai no país:

Vicepresidente: Oes, veño de subir ó tellado e resulta que temos un reactor nuclear de fisión dentro do depósito de auga.
Presidente
: Ah, si. Pero xa estaba aí cando eu collín a presidencia.
Vicepresidente: ¿E quen o puxo?
Presidente
: O presidente anterior.
Vicepresidente: ¿E non deberiamos quitalo?
Presidente
: ¿Por que?
Vicepresidente: Non sei, ¿non é ilegal?
Presidente
: Totalmente, pero agora xa está posto. Dá máis lata quitalo que deixalo.
Vicepresidente: ¿E non é perigoso?
Presidente
: Bah, supoño que se rebenta morremos todos. Pero non sei de ningún sitio onde iso pasara..
Vicepresidente: Home, visto así… O que non entendo é para que nos serve.
Presidente
: Polo que eu sei, a nos para nada. Puxoo aí a asociación de comerciantes do barrio, seica lles chega material de Arxelia, fanlle nonseiqué no couso ese e logo véndeno.
Vicepresidente: ¿Non lle sacamos un duro?
Presidente
: O porteiro cobra por coidalo, e se o deixamos estar, o mellor nos cae algo.
Vicepresidente: Mmmm… e se non, podemos poñerlle un imposto especial.
Presidente
: Si, mira, non é mala idea.
Vicepresidente: Pois quedamos así. Veña, voume que está para empezar o fútbol.
Presidente
: Ui, si. A ver como lle vai ó Celta…

Canta irresponsabilidade ¿non si? ¿Como pode alguén tomar decisións desta forma?  Ménos mal que só é unha ficción retorcida…

Agora, estimado lector, se vostede cambia “comunidade de veciños” por “Xunta de Galicia, “asociación de comerciantes do barrio” por “grupo Tojeiro”, “porteiro” por “64 traballadores”, “reactor nuclear” por “reganosa” e “depósito de auga” por “Ría de Ferrol, verao todo moito máis claro.

Deixar un comentario

Arquivado en Ferrol, Reganosa, Surreal

Futuros derbis galegos

Por Frouxeira

Nin Reganosa, nin Navantia, nin o porto exterior. Só unha cousa poderá sacar a Ferrol da súa crise socio-económica…

O ascenso do Rácing de Ferrol á Segunda División A da LFP deixará na vindeira tempada dous novos derbis galegos. O equipo verde terá que enfrontarse ao equipo celeste, e Vigo e Ferrol xa terán algo máis en común cos estaleiros e o proletariado industrial (aloumiñado nunha, desempregado noutra).

Farían ben en pórse de acordo (nalgo) os da Consellería de Economía cos de Industria, os de Política Territorial cos de Cultura e Deporte, a ver se cando menos son quen de meter á cidade máis fea de Galiza de cabeza no Eixo Atlántico. Quizais o Rácing poida acadar o que ninguén fixo ate o momento: un enlace ferroviario directo sen pasar pola peaxe turca. Senón, como van ir os celtistas a ver os seus encontros na Malata?

Un tren sería un comezo. Pero a verdadeira pregunta na que matinamos todos é… Deixarán os ferroláns que o Maligno de vampirice este éxito?

3 Comentarios

Arquivado en "Fúrbol", Ferrol, Reganosa, Uncategorized

O QUE NINGUÉN SABE DE REGANOSA

Por Antón Fraguas

Que non, que a xente trabúcase. O de Reganosa non é un asunto económico, é unha cuestión de “seguridade nacional”. ¿Por que construíron os depósitos no interior da Ría, no canto de facelo no flamante Porto Exterior de Ferrol? (en serio, ¿para que carallo serve ese porto?). Pois a razón non ten relación co gas, nin coa soberanía enerxética de Galicia. É algo moi distinto.

Os dous depósitos agachan un segredo, que ten a súa orixe hai máis de trinta anos, cando o exército recuperou os restos dun ovni que caera na Ría de Ferrol. Na reportaxe de Antes do silencio, explican todos os detalles.

Os dous depósitos de Reganosa agachan os restos de dous Obxectos Voadores Non Identificados, que están sendo estudados por investigadores da Nasa. De aí o empeño das autoridades en deixar a Reganosa dentro da ría.

7 Comentarios

Arquivado en Ferrol, Reganosa

Ferrol como cemiterio nuclear

Por Frouxeira

Antes, a Ría de Ferrol recoñecíase polo guindastre de Astano. Pero o símbolo xa non é o que era dende que o pintaron de gris e mudaron o nome por Navantia. Agora, dende hai algúns anos, hai outro monstro que conxela todas as olladas. Tremede! É a planta regasificadora de Mugardos!

Alguén di que calquera día estoupa e temos outra desgraza. Imaxinai o escenario. Chega un buque metaneiro, un día calquera, podía ser hoxe mesmo. O seu calado só lle permite entrar na ría coa pleamar (e non logo podería saír ate a seguinte…). Cando está descargando o gas natural licuado nun dos tanques…

Craaak!

Unha fuga.

Segundo os informes que veñen de publicar os camaradas da resistencia armada ferrolá, é dicir, os membros da Asociación Socio Cultural Fuco Buxán, unha fuga de gas natural licuado a 163 graos baixo cero mataría por conxelación a calquera ser vivo que atopara no camiño. E logo, cando a nube de gas fose roubando calor á atmósfera e quecendo podería arder ou estoupar. Se despois de todo iso aínda segue alguén con vida, cómpre lembrar que o gas metano, ao mesturarse co osíxeno, transfórmase no gas grisú, un coñecido e temido asasino de mineiros.

Quen non crea nada disto, que lea ao profeta.

O gas natural espallaríase polo aire, e no peor dos casos non habería tempo nin de sacar o buque a mar aberto (se non hai pleamar, non sae), nin de evacuar á poboación de Ferrolterra, arredor dunhas 150.000 persoas, así, a ollo (imaxinádelas desprazándose en masa pola autoestrada-trampa-mortal de Ferrol?)

Xusto, casualmente, coicidiu estes días que os camaradas do Fuco Buxán convenceron aos mariscadores para ir dar un paseo en chalana pola boca da ría. Alí, cousas do azar!, fóronse atopar co primeiro buque gasístico que traía combustíbel para os tanques de Reganosa. Vaia coincidencia, non? E claro, un xa sabe como son estas cousas. Entre os saúdos, botar a partida, e parolar un anaco sobre as licencias para realizar as probas co gas licuado que Reganosa non ten… pois claro, foise pasando a pleamar…

Con todas as bromas, o barco non deu entrado na ría. Se Sarkozy fose o Presidente da Xunta xa tería disolto (en breves minutos) esa reunión de compadres. Chegaría cunha intervención contundente dun corpo de antidisturbios anfibios (agardo que Méndez Romeu non lea isto).

Pero… Para que complicarse?!

    É que a ninguén se lle ocorreu aínda expropiar toda a comarca de Ferrolterra no nome da utilidade pública? A leria sería sinxela.

  1. Nacionalízanse os terreos.
  2. Exprópianse (pagando ben, eh?, non hai que ser cutres, que lles dea aos ferroláns para mercar unha illa en Dubai, como mínimo).
  3. Sácase a toda esa xente daló coa axuda do exército (nota: pedir información aos oficiais retirados da Wehrmacht que fiquen vivos sobre o transporte de poboación en masa durante a Segunda Guerra Mundial)
  4. Ponse a todos os parados da comarca a construir dous grandes muros. Un, de formigón armado, cuns cinco metros de altura, que vaia todo polo límite dos concellos de Paderne, Irixoa, Monfero, As Pontes e Mañón. E logo, un segundo, dentro do anterior, electrificado e con torres de vixilancia, polos concellos de Fene, Neda e Narón, pechando dentro Ares, Mugardos e Ferrol.

A partir dese momento, a entrada máis aló do segundo muro estaría completamente prohibida a toda persoa allea ás actividades que se desenvolven no seu interior. A Ría pasaría a ser máis coñecida como… a ZONA (en plan Tarkovski).

Ben, e unha vez acotado o espazo, o resto xa non ten ciencia. Instalaríanse un par de centrais nuclear nos terreos de Astano, con cadanseus cemiterios nucleares, por suposto (ao comezo, para crear ambiente, poderíase importar os residuos nucleares doutros países amigos como Irán ou Corea do Norte). Tampouco estaría mal situar alí un campo de prisioneiros segredo, en plan Guantánamo II, evidentemente situado nos Castelos da Palma e de San Felipe, por iso dos vellos tempos. Faría falla unha base militar estadounidense para darlle un pouco de color á ZONA, e así eles xa se encargan da seguridade. Poderíamos deixarlles a cidade enteira de Ferrol para eles. Sempre se pode camuflar como base da OTAN. E… non sei… que máis faría falla? Un campo de entrenamento para organizacións terroristas nas praias de Covas? Un centro de experimentación científica con suxeitos humanos, para atraer á industria farmacéutica? Un cosmódromo en Valdoviño?

Iso sí sería un parque empresarial, e o demais son contos.

Total…

A quen lle gusta Ferrol? Quen quere vivir alí? Algún político ten un gran plan para a súa rehabilitación integral?

En fin… Rendabilicemos os nosos recursos!

5 Comentarios

Arquivado en Astano, Catástrofes, Economía, Ferrol, Surreal

MI LIMÓN, MI LIMONERO

Por Antón Fraguas

Los Limones, aquel grupo dos anos oitenta, responsable daquela fermosa canción que poñen até no Maycar compostelán, andan metidos en política. O que sempre é algo polo que un intelectual debe ser valorado.

Os Limóns cantan a canción que acompañará ao popular Juan Juncal, alcalde de Ferrol, na súa campaña de reelección. Hai moitos anos que un alcalde ferrolán non repite no posto, e as enquisas publicadas até o de agora indican que Juncal vaino ter complicado. Sobre todo porque é, con diferenza, o alcalde peor valorado das sete cidades galegas. É significativo que na campaña de Juncal, o propio Juncal non apareza en ningún momento, non sexa nomeado en momento ningún, e de feito o propio PP so é mencionado de xeito moi transversal.

Eu, pola miña banda, vou escoitar, é un exemplo, a outros Limones. Hai un grupo de Terrassa chamado Los Limones Radioactivos. Teñen mellor pinta.

2 Comentarios

Arquivado en Ferrol

A conexión Tojeiro

por Viriato

Roberto Tojeiro (sic.) Rodríguez é un dos empresarios galegos de éxito que non son Amancio Ortega. Natural d’As Pontes (ou Puentes de García Rodríguez, como el prefire dicir), é presidente de Gallega Distribuidora S.A. (Gadisa) e promotor da Regasificadora do Noroeste (Reganosa), unha fermosísima planta de gas sitúada en Mugardos, con capital de Endesa e Fenosa, pero que agora mesmo non se sabe ben de quen é ata que en Madrid e Bruxelas rematen de decidir sobre a OPA do diaño. Tojeiro tamén ten a man metida noutras empresas menores, como Forestal del Atlántico S.A., Tojeiro Transportes S.A.(Totransa), Caleras de Moeche S.A. (Camosa), Unión de Empresas Madereras S.A. (Unemsa), Industrias del Tablero S.A. (Intasa), Galparquet S.A. e Servicios Polígono.

Roberto Tojeiro é o que se di un home respectable, un self-made man do país, que colecciona sociedades anónimas como outros chisqueiros exóticos. E o mellor de todo, pese a levar no negocio dende que Isaac Díaz Pardo estaba en forma para corren unha maratón, nunca se fixo famoso e nunca foi acusado de corrupto. É probable que Tojeiro teña os seus pufos alá e acolá, como a maioría dos empresarios. Ou tal vez non. O caso é que fixo súa a máxima de que a muller do César non ten porque ser honrada, só ten que parecelo e converteu a discreción e o sixilo na súa forma de actuar. Poderíamos aventurarnos a afirmar que o case anonimato é un dos piares do seu éxito.

Non obstante, o apelido Tojeiro é famoso grazas a outro home moito máis humilde, aquel que a mediados dos noventa apareceu no programa Código Cero de TVE neste vídeo. Si, é José Tojeiro Díaz, un paisano de Cariño que pasou á historia por frases como “mecharon drogha en el Cola-Cao, que ya noté que durmiera muchas horas” o “eran prestiputas que buscaban domicilios para practicar la presbitación, pero no por presbitación, sino por robar”. Un friki do máis clásico, ó que mesmo os Def con dos lle adicaron unha canción.

Non obstante, no seu caso hai algo sospeitoso. Outros frikis como Cañita Brava ou Pozí tiveron unha presenza prolongada nos medios antes de esgotarse e desaparecer, pero Tojeiro non. Só tivo unha aparición pública. Nunca o chamaron para outro programa. Nunca o entrevistaron en ningures. Nunca leu o pregón das festas de Cariño. Outro Tojeir perdido no anonimato. ¿Coincidencia? Ben, hai quen di que porque é irman de Roberto Tojeiro, e o amo dos Gadis intercedeu para protexer a súa intimidade familiar. Boa historia, pero obvian que o seu segundo apelido non coincide e que Tojeiro é unha das onomásticas máis comúns na zona de Ferrolterra.

Hai outras versións. Nos escuros bares da zona de Ortigueira coméntase que o señor de Reganosa non quixo que o seu nome familiar quedase asociado a un fulano deste calibre e fixo desaparecer o pobre José. Dependendo de quen conte a historia, emparedouno detrás da pantalla dos cines do Haley de Viveiro, encerrouno vivo nun tanque de regasificación,ou pagoulle unha operación de cambio de rostro e contratouno como dependiente nun San Luis.

Non obstante, en Galpón de Breogán temos a nosa propia teoría paranoíca (encántanos as teorías paranoícas, que lle imos facer), digna do mesmo Iker Jiménez. Tojeiro, o dos Gadis e Tojeiro, o do Cola-Cao, son a mesma persona, Eros e Tánatos dun mesmo individuo. O magnate d’As Pontes empregou os seus cartos para manufacturar unha apócema que lle permite converterse nun pailán calquera durante un certo período de tempo. Así pode vivir como un home do pobo, dar renda solta ós seus baixos instintos, e manter a aura de respectabilidade baixo a que dirixe o seu emporio.

Soa raro, si, pero atopamos probas irrefutables. Un, ninguén os viu nunca xuntos. Dous, o segundo nome de Roberto Tojeiro é José. E xa son máis das que teñen os que se empeñan en implicar a ETA no 11-M.

9 Comentarios

Arquivado en Costumismo, Ferrol, Surreal

PARQUE TEMÁTICO ASTANO

Por Antón Fraguas

2011. Benvidos todos ao Parque Temático Astano. Moito criticamos a Touriño hai anos, cando se negou a que o estaleiro de Fene volvese construír barcos. Mira que se emperrou, e con el todo o PSOE, IU, UGT, CC.OO e até El País. ¿Lembrades? E ao final resultou que Touriño, por unha vez, tiña un plan. O plan consistía en converter Astano nun parque temático, un parque de atraccións. ¿Para que construír barcos podendo atraer o turismo?

A miña atracción favorita é a randeeira xigante que fixeron no guindastre de Astano. Que ben o pasamos montando nela, a min danme náuseas sempre, pero dáme igual, sempre repito. Gústame tamén a parte cultural, na que podes visitar unha reprodución dun barrio obreiro. É de cartón-pedra, claro está. Os obreiros desapareceron da comarca hai moitos anos. Mellor así. Ademais, na entrada danche un buzo azul. É o uniforme oficial, igual que as orellas de Mickey que che dan en Disneylandia.

Outra das atraccións consiste nunha roda á que dás voltas. Na roda están escritos nomes de lugares: Canarias, Madrid, Catalunya, Gran Bretaña, Baleares, Portugal… Dependendo de onde pare a roda, podes ir traballar a un deses lugares. Tamén hai un estanque no que se pode xogar con plataformas off-shore teledirixidas. Houbo quen meteu un barco, pero non durou moito. Veu un comisario da Unión Europea e vetouno.

Que ben fixo o PSOE en 2007 en vetar a construción de barcos na Ría de Ferrol. Que ben o pasamos agora no Parque de Atraccións de Fene.

14 Comentarios

Arquivado en Astano, Ferrol