Arquivo da categoría: Ourense

Informe Cefou (II)

por Moi Xordo

Volvín ao meu tobo. Dende aquí teño moito que escribir. Debo seguir coa miña tarefa, debo seguir explicándolle ao mundo o Sistema de Castas que rexe a Provincia de Ourense! A semana pasada falei dos Funcionarios, mais hai moita poboación que non acadou ese estatus privilexiado…

O auténtico pobo da Provincia de Ourense, en termos constitucionais, son Os xubilados. Entre eles e os pensionistas forman os 2/3 da población do territorio. Son os que lexitiman o sistema de castes e o goberno do Gran Líder. Ideoloxicamente ancorados no século XVII, cren con fe cega no absolutismo e na lei da sangue.

Pese a esta clara maioría social aínda fica unha escasa minoría de Empresarios, un grupo que, ao poder dar traballo, goza dun poder similar ao do Líder. Isto permítelles chegar a pactos e acordos con El, mais a súa tendencia demográfica descendente réstalles sen forza para facerlle fronte e condéaos á desaparición.

Por último, tamén en vías de extinción, aínda se contan algúns Traballadores en xeral, xente que pasa dos corenta e cinco anos e que teñen uns ingresos que non chegan a un tercio do que cobran as castes superiores. Entre eles hai tanto grandes admiradores do sistema como outros que, sendo disidentes, rematan por aceptalo, cansos e vellos, como algo herdado do illamento natural e secular.

Todos estes clans e castas comparten unha característica común: a súa adversión cara o sistema capitalista e a falta de confianza total nos seus mecanismos para crear riqueza (préstamos, hipotecas, leis de prezo de mercado…) Polo tanto, a variación da infraestrutura económica faise imposíbel, e todas as opcións que existen pasan por ascender no Sistema de Castas.

Para poder concibir descendencia é obrigatorio converterse en funcionario: ningunha iniciativa empresarial forte e atractiva para a escasa xuventude acadaría o respaldo social necesario para acadar un mínimo éxito económico. Nese sentido, a política de separación étnica da Baixa Idade Media en Ourense foi totalmente efectiva, sen ningún sinal de contaminación semita. Os ourensáns nacen, polo tanto, sen moitas posibilidades de ser atraídos polo mundo empresarial. Isto obrígalles a marchar, a espallarse polo mundo.

E aquí é onde actúa o CEFOU, ofrecendo á xuventude a posibilidade de acceder ás castas superiores a través dunha meritocracia baseada na prestación de servizos dentro do propio CEFOU. Todo sexa para asegurar a supervivencia da especie, do sistema e tamén do mesmo CEFOU. Dixen!

3 Comentarios

Arquivado en Baltar, CEFOU, Costumismo, Funcionarios, Ourense, Política, Surreal

Informe Cefou (I)

por Moi Xordo

Resulta difícil confesar cando sabes que te están axexando dende todas as esquinas deste cuarto escuro. Escribo dende o máis fondo do arquivo da Deputación de Ourense, dende unha rexión onde confío estar protexido dos meus compañeiros do CEFOU (Corpo de Élite de Funcionarios Ourensáns). Por sorte, collo o wi-fi. Agora só preciso tempo para que todos os lectores do Galpón de Breogán poidan coñecer… por fin… as engranaxes secretas do CEFOU…

Como xa apuntaran no Galpón, a Provincia de Ourense sufriu un illamento secular que a alonxou das sociedades baseadas no dereito romano. Hai moito que a súa estrutura está artellada en clans, mais a chegada da democracia fíxoa mutar nun modelo de castas, creado polo Cacique vencedor das guerras ancestrais destes lares. “O Sistema” serviu durante anos para superar as loitas clánicas e darlle á Provincia a apariencia de ter superado esa antiga organización tribal. Na actualidade, esas serían as tres castas:

1. Traballadores da Deputación (A Deputación é o órgano máximo de goberno e está presidido polo Caudillo Invicto): Esta casta trasmítese de pais a fillos e, amais da súa inxente remuneración, dá dereito a poder ser Alcalde ou Concelleiro dos distintos Concellos da Provincia, polo que os intereses destes e da Deputación son sempre os mesmos. Esta é unha de tantas mostras da perfección do Sistema e da inventiva ourensá, que reforza a idea da influenza do CEFOU nas engranaxes estatais.

2. Traballadores dos Concellos: elexidos polos anteriores, os cargos son vitalicios aínda que durante séculos se trasmitiron de pais a fillos. A súa escaseza nos últimos anos fixo que se outorgasen por un sistema de mérito que consiste na capacidade do candidato/a de achegar “vontades” á causa. Estas duas primeiras castas son as únicas que teñen asegurada a vida e a continuidade no clan dentro do territorio.

3. Os Outros Funcionarios

a/ Retornados: Hainos capaces de integrarse nas castas superiores, mais tamén hai outros, ovellas negras, que caen na contaminación de ideoloxías extranxeiras por mor do seu periplo polas diferentes administracións estatais.

Distínguense tres grupos de descarriados: sexan Marxistas-Leninistas-Batasunos-relacionados-cos-atentados-do-11-M, sexan Socialistas-Republicanos-Ateos-moi-amigos-de-brutais-dictadores-coma-Fidel-Castro-e-Chávez (tamén coñecidos como pertencentes ao clan opositor dos “pachis quercuicituni”), ou sexan afiliados a outro dos clans rebeldes que non ceden ante o Gran Khan, os “alarici quintaneche”.

Estas afiliacións indebidas representan a única ameaza posíbel para o sistema de castas e é precisamente para paliar a súa influenza polo que se creou no seu día o CEFOU. Ao comezo, esta organización naceu como unha inocente madrasa na que entrenar aos futuros membros das castas superiores, ofrecéndolles a posibilidade de ter descendencia no territorio, un privilexio reservado só para os elexidos, pero que co tempo se convertirá nunha peza fundamental do Sistema.

b/ “Estranxeiros”: estes últimos, influenciados por estrañas ideas foráneas como “Democracia” “Liberdade” “Igualdade” ou “Socialismo”, descoñecen os costumes ascentrais e a lei da sangue, polo que nunca se poden adaptar ao Sistema e andan desorientados en grupos erráticos polos chamados bares de rock’n’roll. En troques, máis fortuna teñen os procedentes das terras casteláns e das diferentes congregacións educativas relixiosas, gozando de gran prestixio e aceptación no Sistema, inspirando coas súas ideas ao Gran Líder e a parte dos seus acólitos, chamados “birretes”.

Os demais habitantes da Provincia caracterízanse por NON ser Funcionarios Locais. Artéllanse en diversos e complexos grupos que teñen todos eles en común NON ter dereito a paticipar na toma de decisións e NON ter dereito a vivir no territorio durante toda a súa vida. Obrigados a emigrar, algúns voltan e outros non. Iso si, teñen dereito ás súas propiedades (podes non ter traballo, pero de comunismo, nada)

Escoito ruídos, remexer entre papeis, mellor será que deixe de escribir, que non respire, non sexa que me vaian atopar. Quizais o vindeiro sábado poida volver refuxiarme arredado das ameazas. Restan aínda moitas confidencias por facer.

CONTINUARÁ…

7 Comentarios

Arquivado en Baltar, CEFOU, Funcionarios, Ourense, Política, Surreal

Como pasou o Día da Patria…

… Gerardo Conde Roa:

Convidando aos seus amigos chineses maoístas a unhas copas no Leblón, onde algunha mala alimaña lle escoitou dicir: “Núñez Feijoo é un tigre de papel“. Os maoístas asenten e, educadamente, preguntan: “Cando ides dar o Gran Salto Adiante en Galiza? Canta xente tedes prevista que morra de fame? Enviaredes aos intelectuais ao Courel durante unha década?” Conde Roa sorrí, imaxina, asente. Soña. “Si, si, si…“. Dálle un grolo ao seu cubata e pensa con ollos lúbricos naquela moza de Novas Xeracións…

… Abel Caballero

Canción popular

Un alcalde de Vigo foi gobernar pero non podía gobernar porque ás obras e aos funcionarios non tiña con que pagar. Así pagaba así así, así pagaba así así que eu o vin. (Disque tamén o viron onda o Apóstolo pedindo volver á oposición Señor, isto de gañar dáseme moi mal )

…O CEFOU (Corpo de Elite de Funcionarios de Ourense)

Conversación gravada polos servizos de intelixencia nun polígono de San Cibrao das Viñas. Fala, nun tono exaltado e coa cara maquillada, o Supremo Xefe de Servizo arrodeado de armas e funcionarios vestidos con faldas escocesas.

“Poderán quitarnos os complementos salariais, poderán obrigarnos a traballar, a xustificar a existencia da nosa praza, a ter a cualificación axeitada para o noso posto … pero o que nunca nos quitarán será a praza!!!!!!!!!!!!!!!!!!!”

Nese momento hai un estourido de berros e tiros ao aire. Intelixencia non descarta unha accción militar a grande escala en combinación coa Banda de Gaitas de Ourense.

Almanzor:
No verán do ano 997, o caudillo andalusí alcumado O Victorioso asediou Santiago de Compostela nunha expedición de castigo ós reinos cristíans. Cara o 25 de xullo (día máis, día menos), asaltou a cidade e roubou as campás da catedral. Logo fixo que esclavos cristiáns cargasen con elas todo o camiño de Compostela a Córdoba, onde quedaron gardadiñas 200 anos ata que Fernando III de Castela, alcumado O Santo, levounas de volta a lombos de esclavos musulmáns.

Almanzor pasou todo o día de onte removéndose na súa tumba e lamentando que, 1010 anos despois, ningúen lembrase a súa fazaña. Se houbese algunha xustiza poética no corazón dos homes, as campás da catedral xa estarían de volta en Córdoba.

E xa de paso, que leven aló sepulcro e que lle fagan alí a ofrenda. Os andaluces están máis acostumado a esas cousas relixiosas e de seguro que lles dá menos repelús. ¡AL-MAN-ZOR! ¡PATRIOTA GALEGO!

…Ana María Ríos

-É aí La Voz de Galicia?
-(…)
-Mira, son Ana María Ríos.
-(…)
-Non, pailán. Esa é Ana María Matute. Eu son a peluquera de Interviú. Lembras?
-(…)
-Que non, carallo!!! Esa é Raquel Mosquera!!! Pásame ao teu xefe, anda. E culturízate, rapaz, faime o favor. Que mal ten feito a ESO a este país. Meu Deus.

(Pasan 5 minutos)

-A ver, son Ana María Ríos. Teño unha proposta que non podedes rexeitar. Aproveitando o novo deseño e o día patriótica, que vos parece unha portadiña, non sei… Eu coa bandeira galega bordeando os meus tersos e galaicos peitos? Ou cunha camiseta axustada tipo Yolanda Castaño?
-(…)
-Unha entrevista breve na edición local de Vigo? Só?
-(…)
-A túa muller deixará de ter suculentos descontos. Eres consciente?
-(…)
-Peor para vós. Cando me volvas ver en Interviú, lamentarás a túa decisión. Ata logo.

Colga. Mentres dá os últimos brochazos ás novas instalacións, queda pensando no difícil e pouco rendible que é facer país cuns medios de información tan politizados. Unha mágoa.

…Antón Losada

Un home con barba falsa e melena frondosa pasea polas instalacións administrativas da Xunta en San Caetano. Nunha primeira ollada parécese a alguén coñecido, pero non é posible porque xa foi detido días antes. Os seus pasos fan eco. San Caetano está deserto un 25 de xullo ás doce de mañá, momento no que o nacionalismo militante ruxe nas rúas de Compostela, e o non militante durme a mona na cama.

De súpeto, o Secretario Xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar (nome en clave: SXRIVIB) saca un martelo, espátula, pintura e uns novos carteis indicativos.

-Rash, rash, rash… (son da espátula)
-Pum, pum, pum… (son do martelo)

Ao sair, o alto cargo da Xunta SXRIVIB queda ensimismado vendo a súa obra. Aproveitando a ocasión, déixalle unhas cantas bombas fétidas no despacho de Méndez Romeu, pero tropeza co busto de Sir Paco Vázquez que preside a estancia.

-Auchhh! Me cago en Vicente Risco e no Grupo Prisa, sempre fago igual, recoño!

Ugío Caamanho:
Así
.

5 Comentarios

Arquivado en Baltar, Día da patria, Funcionarios, Losada, Ourense, Terrorismo, Vigo

28 semanas despois

por Viriato

 

Ourense. Unha cidade inhóspita, dura, desagradecida, onde van 40º en verán en -20 en inverno. Unha terra, en resumo, moi pouco apta para a vida humana, na que so os máis fortes e carentes de escrúpulos sobreviviron e deron lugar a unha caste. Funcionarios temidos en todo o mundo, organizados arredor do misterioso CEFOU e capaces de cobrar, a un tempo, unha pensión por minusvalía total e unha bolsa de deportista de élite, así son os ourensanos… ou así eran.

 

Hoxe, 13 de febreiro de 2008, cúmprense seis meses da traxedia na Esparta de Galicia. Hoxe Ourense é unha cidade pantasma, arrasada pola violencia e o caos, na que os poucos seres humanos que aínda conservamos a cordura temos que vivir agachados, presos dun medo permantente que nos come as entrañas.

 

¿Que pasou? O cambio, foi o cambio. Houbo quen creu que FRA e Alexandre traerían luz ás tebras de Auria ¡Que parvos! ¡Que ilusos, as tebras eran o alimento da cidade! Cando quixeron comezar a súa arriscada reforma, atopáronse as arcas municipais completamente baleiras, secas e tristes como a baixa médica dun traballador autónomo. “O PP agotounos o orzamento”, dixeron, “haberá que apretarse o cinto ata que acabe o ano”, dixeron.

 

Ése foi o seu erro, crer que o orzamento tiña algún sentido. Pode telo en Santiago, na Coruña ou en Vigo. Pero non en Ourense, non na cidade na que a xente matricula ós seus fillos en estudos que non van facer para que lles dean 3.000 euros de bolsa, cos que alugar un apartamento en San Ginés, que logo poderán realugar en negro e máis caro, para obter cartos para subornar o tribunal de oposición… e así ata o infinito. Nesta sociedade, o orzamento era só un texto de Word nun DVD, que non chegaba nin para cubrirlles as catro pagas extra os funcionarios… ¡ah, os funcionarios!

 

Manuel Cabezas sabía como conseguir cartos para tanto traballador público e tanta subvención municipal. Sabía quen lle debía favores e como cobralos. Poly Nóvoa, o poderoso culturista, tamén coñecía eses segredos. Pero FRA e Alexandre non tiñan nin idea, non sabían o que se lles viña encima.

 

Cando os funcionarios do concello, numerosos coma os discos da colección de Baltar pequeño, leron a noticia de que non había cartos, algo se quebrou no seu interior… non podo frear o terror que acode a miña mente ó revivir aquel tráxico día. ¡Pero debo ser forte!

 

Ex membro do CEFOUÓ saber que non terían paga do 18 de xullo, os traballadores públicos sufriron unha terrible ira bersekr, que borrou a súa cordura e os transformou en bestas antropófagas e sedentas de sangue. O fenómeno repetiuse por toda a cidade. Terribles funcionarios-zombi devoraron as súa familias e logo botáronse a rúa para buscar máis vítimas. As forzas combinadas da Policía Municipal e a Garda Civil de Tráfico foron insuficientes para detelos, pois se alguén resultaba mordido por eles, en poucos minutos se lle contaxiaba a súa tolemia asasina.. Baltar e os principais homes do CEFOU abandonaron a cidade, e alí comezou a fin do noso mundo.

 

Hoxe Auria está en corentena. A morte é o mellor que nos agarda ós que non puidemos fuxir a tempo. Queden as miñas palabras como un aviso para as xeracións futuras. Non cometades os mesmos erros ca nós.apocalipsis

 

Última anotación do diario de Agapito Sochantre
achada no ano 2137 nas ruínas da cidade de Ourense.

8 Comentarios

Arquivado en Ourense

O padriño e mailo herdeiro

Por Frouxeira

Titulares tremedistas!

Baltar admite que chegou a hora de preparar o seu “relevo”

Baltar comeza a falar da súa retirada

Estase achegando a fin do baltarismo ourensá?

“Hai que estar ás duras e ás maduras. Se o PP houbera tido a Xunta nestas últimas eleccións eu non tería participado nas municipais”

Unhas municipais sen Baltar??? Sacrilexio!

Ante semellantes declaracións do Home do Renacemento (nótese o seu elegante emprego dos tempos compostos) queda ben claro o esforzo sobrehumano que tivo que realizar polo ben do Partido. Pero que pasaría se…

“Se o PP gaña as xerais e autonómicas, aproveitaría a ocasión para deixar o partido. Colaboraría para botar unha man pero preferiría que fose outra persoa”.

Baltar xubilado!!! Incríbel! Ante semellante declaración de intencións inda vai ser certa toda esa leria da Galiza do cambio… Pero… quen será o seu único e lexítimo herdeiro? O fillísimo blogueiro? Ou o seu novo fillo político?

“Cada día estou máis enganchado por el, porque é un fóra de serie. (…) O único que ten que facer agora é gañar o apoio da provincia”.

Definitivamente, Poli vai ser o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense por designación baltarista. O non-alcalde da Cidade das Burgas aprenderá o seu futuro oficio á beira xusto do seu valedor. Un posto de privilexio que moitos envexarían…

Un día cheguará este anunciado traspaso de poderes e entón… a que se vai adicar Baltar unha vez lonxe do Pazo Provincial?

Semella que a xente non sabe ler entre liñas. Baltar anuncia a súa retirada da política municipal para a vindeira lexislatura… porque daquela será o PRESIDENTE DA XUNTA POLO PARTIDO POPULAR!!! Feijoo ten motivos de sobra para temer a carraxe do pequeno timonel ourensá. Vai polo seu cargo…

Deixar un comentario

Arquivado en "Poli" Nóvoa, Baltar, Ourense, Política, PP

A tres bandas

-Feijoo: Gústavos o meu peluco?

Baltar: Cámbiocho polo trombón…

Poly: Se merco dezaseis, fan desconto?

2 Comentarios

Arquivado en "Poli" Nóvoa, Feijóo, Ourense, Política

Tribus polígamas ourensás toman a cidade

Poligamia, oh siO atraso e illamento de Ourense levou ao descubrimento de diversas tribos polígamas operando pola capital da provincia. Estes grupos organízanse en vastas unidades familiares de ducias de individuos que á súa vez forman clans. Os estudiosos sopesan a posibilidade de que sexan habitantes primixenios de Ourense que se infiltraron sen ningún tipo de problema entre a sociedade postmoderna da Capital das Burgas.

Non existen dúbidas do seu primitivismo xa que parecen operar coas reglas dunha sociedade tradicional patriarcal baseado no respecto reverencial a figuras míticas (neste caso a un anano de pelo branco) e do seu ourensanismo porque todos traballan no sector público. Este descubrimento antropolóxico saltou á primeira plana dos medios galegos cando se descubriu que o mesmísimo alcalde de Ourense é un xefe dun destes clans. A miña é unha familia moi tradicional e moi ampla, chegou a admitir.

Os desconfiados din que estas unidades familiares tradicionais forman parte dun plan para hinchar o censo pero o comportamento primitivo de todos estes individuos fai indubidable o seu orixe primitivo.Como incógnita para o futuro queda saber se a provincia que exporta funcionarios a toda Europa tentará escindirse da sacrosanta España se non é recoñecida a poligamía. Utah é o espello onde mirarse. Salt Lake Miño?

PD: A ninguén lle chamou a atención que o especialista en derrotas Abel Caballero leve a unha alpinista de número dous.

4 Comentarios

Arquivado en "Poli" Nóvoa, Funcionarios, Municipais, Ourense, PP

Deputacións, gaitas e dominación global

 

Grupo Paramilitar gaiteiro

Os visitantes habituais do Galpon coñecen a un temido grupo de poder ourensán na sombra, o Cefou. Outra organización máis perigosa tamén emerxe da terra dos funcionarios e do licor café. Máis visible que a súa paisana a Real Banda de Gaitas da Deputación Ourense sempre se moveu coma un poder paralelo e omnipresente en calquera acto festivo do Ántigo Réxime Boinil. Desde a chegada da esquizofrenia a San Caetano as aparicións deste sinistro e sincrético grupo de músicos tornáronse máis esporádicas. Por que?

Temos indicios de que esta sinistra banda podería estar a entrenarse en Faluya e Basora en tácticas de guerra de guerrillas con expertos do partido Baaz e terroristas de Al Qaeda. O seu campo de entrenamento no sur do orixe da civilización, coñecido como A Manchica, acolle a centos de violentos fanáticos da gaita cun obxectivo claro: reafirmar o poder divino e eterno das Deputacións.

O malvado plan levaría a constituír unha banda de gaitas en cada concello a través de fortes subvencións dos organismos provinciais correspondentes (para que outra cousa pode valer o diñeiro duna deputación). Estes pequenos exércitos ergueranse na noite e asasinarán con crueldade a todos os nenos do país (tampouco son moitos) se algún día os seus reinos feudais son ameazados polo Bispartito. A Deputación convertirase no que é de facto, unha institución eterna que xorde coma resposta ao espírito conservador e despilfarrador da administración galega e que reflicte como ningunha outra o localismo e tribalismo. As formacións paramilitares garantiría que a República das Catro Provincias volvera ás terras de Breogán.

9 Comentarios

Arquivado en Autogoberno, Música, Ourense, Seguridade, Uncategorized

Baltar(ín), ese home

Máis alá do ben e do mal está Clint Eastwood. E detrás del, Manuel Baltar jr. Un home feito e afeito a si mesmo, claro expoñente de como se pode chegar a ser un dos máximos expoñentes de Cefou co suor da súa fronte, currando día a día. A súa traxetoria política tense forxado no Parlamento galego e, amais, como concelleiro do potente municipioo ourensán de Os Blancos. Alí, Baltar(ín) aprendeu o que é a política, para qué vale e ata onde te pode levar.

Do seu paso por este municipio, de 1. 089 persoas e 406 vacas (datos do IGE), Baltar II quedou coa súa paixón polas cores merengues. Cousas do destino. Menos é nada.

Pero este home, tremendamente admirado por todos e cada un dos que conforman o Galpón, tamén ten un importante aprezo pola música.

Seguiremos informando…

5 Comentarios

Arquivado en Ourense, Política, Uncategorized

Mamá, eu de maior quero ser funcionario

Por Frouxeira

Na Cidade dos Opositores, o Funcionario é o Rei.

Contan que esa honrada empresa coñecida como Academia Postal, no fondo, non é máis que unha tapadeira trala que se agocha o campo de entrenamento para os futuros membros do CEFOU (Corpo Especial de Funcionarios Ourensáns, para quen a estas alturas aínda non se decatara).

Contan que os profesores chegan co ssstatuto de autonomía nunha man e a constitución xxxpañola noutra, chántanse diante da aula cos brazos alzados, e soltan un mantra (que todos os alumnos repiten coma unha soa voz) que di algo así como…

Aquí está a verdade, toda a verdade e nada máis que a verdade…

… todo o que preciso saber está nestes dous libros…

… dous libros que hei de coñecer coma a palma da miña man…

… coma a aliñación do meu equipo favorito…

… coma os escaparates de Zara…

… e coma o licor café da miña casa.

Todos os días vou ler e memorizar un artigo…

… para o día de mañá poder servir ao meu patrón…

… non preciso máis que estes dous libros…

… dous libros que son a lei, a verdade, e a salvación.

Longa vida ao Presidente da Deputación!

Longa vida a Jose Luis Baltar Pumar!

Longa vida á Academia Postal!

Tras esta sesión de hipnose colectiva, a formación no campo de entrenamento continúa coa aprendizaxe de como alongar o café de media mañá ate o mediodía ou de como desfacerse dos paisanos que teñen o mal costume de preguntar cousas e agardar que se lles responda. Distintas actividades, tan importantes como, outro exemplo, saber encher os encrucillados de toda a prensa diaria.

Unha pregunta habitual nos exames a funcionario tipo ipsilón vén sendo:

O Ajax é a Ámsterdam o mesmo que o Arsenal é a…………………

Cos funcionarios tipo delta ou tipo ipsilón non hai problema. Aturan o entrenamento, gravan coma canteiros o ssstatuto e a constitución nos seus miolos, e logo…. o que vale, vale (e vai pa Xunta), e o que non vale… pois pa Deputación Provincial.

A eles vai dirixido ese coñecido cartaz publicitario no que aparece unha moza relambida, morena de camisa branca con ollos vacunos, que di iso de…

yo ya soy funcionaria, ¿y tu?

exhibindo impúdicamente á vista de todos os menores o seu triunfo social.

Os problemas veñen cos túzaros que pensan de máis, que non se afán ao sistema, e baten ano tras ano contra o exame de oposición a funcionarios tipo alfa, beta, gamma.

Contra a súa nociva influenza no corpo administrativo, o CEFOU inventou e potenciou a figura dos interinos…

Os interinos son, coma o seu propio nome indica, os infiltrados. Eles encárganse de vixilar o cumprimento das directrices oficiais de preguiza e incompetencia xeralizada. Tamén sabotean calquera iniciativa que se lle ocorra a algún deses iluminados que, saltando todas as barreiras de seguridade, puido aprobar as oposicións (nun erro do tribunal, na maior parte dos casos). Pero o labor máis importante dos interinos é, sen dúbida, bloquear coa súa simple presenza o acceso aos postos da administración.

Non todo vai durar pa sempre, claro. Para contentar os ánimos destes adictos ao réxime cómpre, cada certo tempo, abrir a man cunha Oferta Pública de Emprego. Hai que deixarlles aprobar o exame e gañar unha praza. Non vaian dirixir as súas pérfidas actividades contra a man que lles dá de comer. Estas Ofertas Públicas de Emprego nunca fallan. Son un mecanismo ben axustado: ilusionas con vagas promesas aos inxenuos que, mes tras mes, renden tributo á Academia Postal, para logo premiar só aos fieis de probada adhesión.

O obxectivo final de toda esta estructura é ter á poboación adurmiñada, ocupando os seus postos pola mañá, e ocupando os bares pola noite, tirando os cartos nos coches que un día lles van servir de cadaleito. Tanto esforzo vai dirixido nunha única dirección: evitar que alguén poida desenvolver, nos seus escasos intres de claridade mental, entre unha cunca e a seguinte, esa idea que comeza dicindo iso de…

PUTO PAÍS DE GAITA E PANDEIRETA!!!

9 Comentarios

Arquivado en Costumismo, Funcionarios, Ourense