Por Frouxeira
12 de Outubro. Día feirado, comezo de ponte, Festa do Pilar, Festa da Hispanidade. Para algúns, festa nacional, para outros, festa, esmorga, chea. Así resolvemos neste país as festas. Que sería do día de patrón sen o seu churrasco, o seu bon pulpo, unha botella tras doutra e os efectos colaterais consecuentes!
Difícil situación para a rede social do Partido Popular. Tiñan un encargo que cumprir, por mandato imperativo do seu líder, e moitos deles o que querían era estar de chea, quer pola noite, quer polo día. Tocoulles logo aplicar unha solución de compromiso. Facer un xesto por Xxxpaña, si, pero sempre sen esquecer un xesto por si mesmos. Así que, en todo caso, saíron de festa, votantes, simpatizantes, militantes, todos, os máis novos de chea, os paisanos de papallocada, e nalgún punto da súa celebración, normalemente cara o remate, todos tiveron que facer ese xesto íntimo, telúrico, entregado por Xxxpaña.
Situación prototípica (versión nocturna, versión compostelana): simpatizante vai a macrobotellón a noite do 11 de outubro, empréase, desbarra, divírtese, fai rede social, e nalgún intre da noite sen fin recúa para a casa. Durme o que pode. Esperta. A unidade do seu corpo e mente revélanlle que é o que ten que facer nada máis estrear ese 12 de outubro, a festa nacional. Vai ao retrete. Sinte escorregar cara a terra patria a herdanza da súa noite. Pensa, “Por Xxxpaña!!!”. Enféitase como pode e acode rápido á súa cita. Praza do Obradoiro, mediodía. Sinte con tanta intensidade a o seu amor patrio como a resaca no seu estómago enlamado. Fica nunha esquina e observa ao lonxe a guerra de bandeiras.

Ben si, un xesto por Xxxpaña, claro, e aínda teño logo que ir á aldea á comida de patrón, uf, o estómago, uf, Xxxpaña, si, ben, total, non hai moita xente, xa hai dabondo para darlles unha malleira a eses terroristas independentistas, en fin, eu xa cumprín, xa viñen ate eiquí, case que marcho durmir un cacho máis, Xxxpaña, Xxxpaña, ra, ra, ra…