Por Frouxeira
Dende o alto da Torre Espacio, a 223 metros de altura, na planta 56, Juan Miguel Villar Mir contempla a panorámica de Madrid Leste e séntese no máis alto de Xsspaña.

Toda unha vida de sacrificios… para rematar construíndo agora o seu propio rañaceos. Lonxe fican os amargos días do pasado verán, trala derrota da súa candidatura compartida con Carlos Sáinz pola Presidencia do Real Madrí. E vendo como lle vai agora ao equipo… mesmo se aleda. Agora tócalle achantar a esa rémora usurpadora de Ramón Calderón. Villar Mir matina en futuros proxectos mentres deixa perder a vista máis aló do horizonte. Agora Brasil, e despois…
Mais, de súpeto…
– (voz baixiña, respectuosa) Desculpe, Señor Presidente…
– (Villar Mir, seco e irascíbel) Dixen que ninguén me molestara. Non ves que estou ocupado?
– (voz en completa humillación) Tráiolle unha nova urxente que de seguro vostede agradecerá coñecer (sorriso de parvo, actitude de sumisión total)
– (Villar Mir facendo esforzos para non perder a paciencia e non guindar ao mensaxeiro polo abismo abaixo) E logo, que foi?
– (voz pedindo perdón por existir) Verá, trátase do conflicto polo trazado do AVE ao seu paso pola Mina de Serrabal, en Galiza.
– (Villar Mir, totalmente ausente) Serrabal? Galiza? Onde queda iso? Que ten que ver comigo?
– (voz esforzada) É unha mina da súa propiedade… Atópase en Galiza, un país bárbaro situado ao noroeste da península. A terra de don Manuel Fraga, o seu vello camarada dos tempos do goberno de Arias Navarro, non sei se lembra vostede…
– (Villar Mir lembra aqueles tempos heroicos cun pouso de morriña) Ah, si, Manoliño, del si me lembro, si. Era boa feira aquela, con Arias Navarro, pasábamolo ben amañando o país, si… Daquela tiña xeito facer política… Pero agora é máis divertido facer cartos, claro. Que foi do Manoliño? Como lle vai no seu retiro aló pola súa finca?
– (voz, a piques de crebar) Ben, seica perdeu unhas eleccións e agora está de volta en Madrí, no senado (Villar Mir pon mala cara) pero a leria é que… (silenzo, voz tragando cuspe, tentando volver ao rego) don Manuel concedéralle a explotación dunha mina de cuarzo hai uns anos, aló polo 1999, e logo resultou que un dos trazados posibeis do AVE que unirá Madrí con Galiza pasaba xusto por riba do filón, atravesando a mina de parte a parte… (Villar Mir pon cara de non entender absolutamente nada) O daquela Ministro de Fomento, Álvarez Cascos, decidiu escoller ese itinerario como trazado oficial, rexeitando as alternativas, polo que o estado lle ten que pagar unha indemnización polo peche da mina… Unha indemnización de 895 millóns de euros…
– (unha luciña acende no cerebro de Villar Mir) Aaaaah! Claro! Eses 895 millóns de euros… Agora xa caio, claro, claro. E ben (inquisitivo de novo), xos cobramos?
– (un fío de voz) n… n… non… non… verá…(a Villar Mir dilátanselle as meniñas e vai entrando progresivamente en cólera) seica agora Antonio González, o Presidente de ADIF, dixo no congreso dos deputados que se podería, hipotéticamente, se os políticos galegos se poñen de acordo, reconsiderar o trazado alternativo para que a mina siga en funcionamento. Disque é unha demanda dos sindicatos, que levan así como uns tres ou catro anos pedindo tal cousa. Disque os mineiros andan botándose á rúa dende o verán…
– (a cólera de Villar Mir, en todo o seu esplendor) PERO QUEN LLE DEIXOU A ESE RETRASADO DICIR SEMELLANTE PARIDA!!! Joder! Neste puto país nunca se pode facer nada a dereitas! (Villar Mir apaña ao mensaxeiro polas solapas e o sostén a pulso sobre o baleiro dos 223 metros) Cantos anos pode seguir aberta esa merda de mina!?
– (voz cagada de medo) eeeh… tendo en conta as reservas comprobadas… e ao ritmo da explotación actual…. eeeh… quizais uns noventa ou cen anos máis….
– (Villar Mir abanea ao mensaxeiro sobre o baleiro) Pero é que ninguén se deu conta de que eu non vou vivir tantos anos!
– (voz esmolante) Ben, polo menos ese cuarzo emprégase nunha serie de fábricas que a súa empresa Ferroatlántica ten en Galiza… fan cuarzo de sílice… serve para facer paneis solares fotovoltaicos… (voz ensaiando falso sorriso) é un sector en expansión…
– (Villar Mir, todo sangue frío agora, xa ten outro plan) Quen carallo son eses políticos galegos? QUERO QUE TODOS ELES SE NEGUEN A MUDAR O TRAZADO DO AVE! Que digan algo así como… hum… que Galiza non pode admitir ningún retraso na conexión ferroviaria coa meseta, e que polo tanto o trazado oficial non é negociábel… Toda esa leria. Se iso, para disimular, dicídelle aos da oposición que defendan aos traballadores…
– (voz atragoada cos collóns na gorxa) Verá… é que o Presidente daló, un tal Torito, finxe que é de esquerdas, e mentres a oposición… non é que se caractericen por ter moitas filias cara os traballadores…
– (Villar Mir perde a paciencia) TANTO ME TEN! QUERO OS MEUS 895 MILLÓNS! E QUÉROOS AGORA! (solta ao mensaxeiro, que se precipita ao baleiro) PUTOS POLÍTICOS E SINDICALISTAS DO CARALLO!!! Nos meus tempos de ministro teríamos cesado a uns e encadeado a outros! (tras semellante descarga de adrenalina, vaise pouco a pouco serenando) Hai que ver o avariciosa que é a xente, por un maldito posto de traballo están a piques de joderlle o negocio a un. Que pouca solidariedade hai neste mundo! En fin, teño un rañaceos que inaugurar…