Arquivo da categoría: Vigo

a fusión da caixas

Galiza está chea de inquedanza. Ninguén sabe se os cartos galegos irán parar a Madrid, ós petos do lustroso Rato, ou quedarán na terra, nos petos de Méndez e Gayoso. Pouco cambiaron os tempos, cando éstas dúas seguen a ser as opcións que nos están a presentar ós galegos: ónde quere investir os seus aforros: na pensión de don Rodrigo ou en Fenosa? En calquera caso, e por lembrar ós clásicos, non hai de qué se preocupar se finalmente marcha o capital a petos alleos ó berce de Breogán, non esquezan aquilo de “tratade ben ós galegos, cando van, van como rosas, cando ven, ven como negros“. Co que o negocio das Rías Baixas está garantizado.

Pero iste non é o tema que toca. O que escrebe, como vigués de raigume, nado no Berbés, criado en Coia, con moza do Calvario e coa comunión feita na Concatedral, non pode ficar tranquilo ante a última manifestación de localismo universal que tan ben nos define. O feito de que os vigueses saíran á rúa en defensa da empresa que lles cobra por gardarlles os euros, por consultar se lles ingresaron a pensión e por posuir as súas casas debe ser explicado con urxencia.

Moitos de vostedes imaxinan que a cousa foi algo así:

Feijoó, Méndez e Gayoso reunidos nunha sala de Monte Pío e os dous primeiros explicándolle ó terceiro que Galiza queda sen bancos nen caixas, que vai ir para todo a Madrid ou Cataluña e que non pode ser, que é obriga das forzas vivas da auténtica galeguidade moderada evitar o desfalco histórico ó que se enfronta o país. E o Gayoso que repite unha e outra vez: “os collóns fíome do coruño ese, que non, que non me comades o tarro, jichos, que o colchón é meu e non o regalo a ninguén, cona“.

E mentras, Méndez, desesperado, suplica que por favor lle deixen unirse a Caixa Nova, para non pasar á historia como o home que lle vendeu a Torre de Hércules a Esperanza Aguirre, que antes prefire morrer como galego patriota. Que total so lle falla un chisquiño para chegar a ese mínimo que lle esixen os grandes señores da capital do Estado.

Pois non. A historia foi máis ben que mentras Gayoso entraba na sala despois de sachar na leira todo o día (que é o que fan todos os vigueses para se relaxar cando volven á aldea a fin de semana despois de currar en Citroen doce horas ó día), o Méndez acendía puros con billetes de cen euros e lle rí as gracias a Feijoó.

– Entón colle o Touriño e rompe a chorar e di “pois agora gañarás as eleccións, pero voume a pór a fumar no Audi e vaste atopar o cinceiro cheo de colillas“. Menudo mamón é o tío. O día seguinte compreime un C6 como o de Sarkozy e quedou cunha cara de parvo que aínda non se lle quitou. Home, Gayoso, pasa e sinta nesa cadeira. Sí, isa un pouco máis baixiña que as nosas. É que é máis cómoda – e mira a Méndez cun sorriso de complicidade -. Mira, Gayosiño, que temos un problemiña e ti ben podes botar unha man.

– Eu por Galiza dou o meu sangue, presidente – resposta o vigués.

– Pois verás, aquí o Méndez pasouselle a man un pouco mercando pisos en Miami, deses que ó final resulta que non valían tanto como parecía. Xa sabes que os de Miami cando queren poden ser moi convincentes. E agora mesmiño estabamos decindo que os de Vigo tedes moitos cartiños frescos baixo o brazo, que a Diputación sempre portouse ben contigo, non? Ademáis, xa estás velliño e seguro que te quererías retirar a algún lugar tranquilo, como Baiona. Non tiñas alí un apartamento?

– Sí, don Alberto, cos aforros de trinta anos compreu unha modesta casiña para que a miña nai descanse un pouco. Xa sabe que non está boa. Pola edade, non se preocupe – replica Gayoso

– Joder qué tío máis cursi – salta Méndez -. Deixao, Alberto, deixame a min. Mira, Gayoso, que soltes a pasta, que temos unha operación macanuda para marchar cos cartos fóra de Galiza, que aquí non vai quedar nada máis que as nosas centrais eléctricas. Estamos todos dacordo, así que deixate de parvadas e solta a pasta.

– Pero Vigo aínda ten esperanza, o espíritu emprendedor vigués, o motor económico de Galiza. Pasamos por outras e superaremos ista tambén. Simplemente, non nos cortedes as ás – xime Gayoso.

– Deixate de historias. Ó fin poderemos cumplir o noso gran soño. Esperanza Aguirre prometeunos que se lles damos todos os nosos cartos, deixará que ós coruñeses por fin sexamos madrileños – replica furioso Méndez. – E non penso deixar que fodas o gran soño. Losada está dacordo e ós do Bloque lles chega con que lles deixen ser de Carabanchel. Cos de Lugo xa veremos o que facemos, seguramente acabaran todos sen papeis recollendo amorodos en Murcia. So quedades vos, os do Sur.

Gayoso fica silencioso, coa cabeza baixa. Pouco a pouco levanta da cadeira e di:

– Señores. Non penso aturar. Isto é un asalto en toda regla. Por Galiza, por Vigo e polo Sur, polos mariñeiros que nos veron crecer, non penso ceder. Agora mesmiño vouno contar todo a Caballero, que él saberá qué facer.

– Sí, unha manifestación para te defender, pailán. Anda, marcha de aquí, que xa me cabreaches – berra Méndez.

E así foi a Historia. Ou polo menos así o sabemos ben os do Vigo. Contounolo o mesmiño que ía ó ximnasio con Michel Salgado e viulle ir sempre coa camisola do Barca,  e ratificouno o mesmo que viu a Karpin tinguirse as cellas de loiro. O mesmo que nos conta que o paseo marítimo de Coruña é máis feo que o Vao e que as señoronas coruñesas levan tatuado na pranta dos pes un escudo de Vigo, para pisalo sempre.

3 Comentarios

Arquivado en A Coruña, Feijóo, Humor, Vigo

A Victoria de Obama na prensa galega

O Demócrata do GdeB

La Voz de Galicia:

-Entrevista o galego que vive en Kenia, veciño dunha prima, da avoa de Barak Obama.

Análise de Barreiro Rivas: “Obama non trouxo o cambio, o cambio o trouxo a el; o que eu sempre dixen !”

El Pais:

-Declaración do Presidente da Xunta: “Agardo que as relacións cos EE.UU. milloren, produzase unha rucuperación da economía, e que suproña o cricimiento do emprego”

Faro de Vigo:

-Declaracións do Vicepresidente do Celta:”O proceso concursal sigue a bo ritmo, e agardemos que co cambio tamén cheguen pronto os resultados

A Nosa Terra:

O vicepresidente da Xunta Anxo Quintana considerou a vitoria coma o triunfo da “política con ideas, a política ao servizo da xente“. Neste sentido, apostou por trasladar esta máxima a Galiza: “Os galegos temos que dicirnos a nós mesmos: nós si podemos”.

El Correo gallego:

O Efecto Obama ilusiona a Galicia: Axentes sociais e políticos coinciden en que actuará de revulsivo para sair da crise, e así poder continuar as obras da Cidade da cultura.

La Opinión:

-Francisco Vázquez beneficiase da victoria de Obama, invertindo o que gañou apostando en internet polo candidato demócrata, no concurso eólico.

La Región:

-Baltar alédase da victoria de Obama, e di que si el quere, que está feito o da actuación da banda de gaitas da deputación, na súa toma de posesión.

El Progreso:

Declaracións de Orozco: “A victoria de Obama, éncheme de ledicia, e coido que é unha victoria, da palabra, a razón, a tolerancia, a humanidade, a filosofía, o senso común, a fraternidade, a solidariedade, a poesía, a natureza, a paz, a liberdade, a igualdade, a sabiduría, a vontade, o electroshock, as armas nucleares, a promiscuidade…”

3 Comentarios

Arquivado en A Coruña, Baltar, Cidade da cultura, Economía, Humor, Lugo, Moda, Orozco, Ourense, Prensa rosa, Quintana, Santiago, Touriño, Vigo

O conflicto Vigués

O Sociolisto do GdeB

 

Despois do “conflito” (Como diría Pepiño Blanco) vasco, tamén está o do PSOE vigués que é eterno e debe remontarse as orixes romanas da cidade, e agora mesmo confirmaría esa teoría as leas familio- mafiosas que temos entre os “Caballeros”, pra elexir o próximo día 30 o secretario do partido:

Por unha banda está o de sempre Carlos Príncipe, o que fora xa secretario e que nos últimos tempos é a oposición a todo o que queren dende Santiago; logo temos o sobriño de Abel Caballero que vai contra do seu tío, o alcade, que xa sabíamos que non o quería ninguén agás do seu amigo Touri, pero que agora xa sabemos que tampouco a súa propia familia. Entón o candidato que apoia Abel, está apoiado polos amigos de Touri, que en Vigo son os de Lola Villarino…en fin todo clarísimo.

 

Seguir lendo

4 Comentarios

Arquivado en Catástrofes, Costumismo, Economía, Municipais, Política, PSOE, Vigo

A FUSIÓN DAS CAIXAS

O Lord protector do GdeB

 

Si, socios ! Como diría o xabarín, parece ser que os nosos superbanqueiros  puxeronse a practicar a fusión, para xuntar as súas forzas e así derrotar o malvado capitalismo internacional:

O primeiro resultado do proceso xa o temos, a garabata de Méndez mudou a cor de Caixa Nova ea de Gayoso a cor de Caixa Galicia:

Deixar un comentario

Arquivado en A Coruña, Audiovisual, Economía, Humor, Misticismo, Vigo

VIGO, NON.

por Moi Xordo

Con este título non trato de andar a buscar comparanzas do tipo: quen a ten máis grande, Lotina ou Stoichkov ( o que está claro en quen ten os ovos máis grandes…). Trátase de subliñar a noticia que estes días deu a patronal galega: A Coruña superou a Vigo como primeiro motor industrial de Galicia; ORDIA¡¡¡

Si amigos, é a caída definitiva da antiga orde galega: os ‘coruños’ (chamados así cariñosamente polo resto dos galegos) xa non son só a capital xudicial de Galicia dende os séculos escuros ata hoxe, se non que agora tamén o son a industrial. Que será o próximo ? A Relixiosa, a administrativa,  a universitaria…Treme Santiago, pronto iremos a Arteixo coller os avión de baixo custo Zara airlines ou Amancio airlines que mola máis, ( carallo, vou mañá a rexistralo ! )

Pouco a pouco sen darnos de conta xa non só controlan os nosos cuartos, tamén o sumisnistro da luz e de internet ou sexa a maioria da información, as perversións favoritas dos galegos, a cervexa a auga a nosa forma de vestir, a prensa, a radio, a itv, as productoras da telegaita, o que comemos…si amigos de Lugo, Ourense e Pontevedra preparadevos para a fin progresiva da nosa muralla de Adriano particular, comenzou “ A caída do imperio fraguiano”:

Marco Aurelio (no seu papel Manuel Fraga) é un emperador filósofo pero que nadie entende o que di, creara o principio dos tempos unha orde baseada en manter a unión dos caciques ancestrais das provincias máis periféricas para facer fronte a superioridade da cidade da torre (que non faro para non confudir con Vigo).

Pero este tradicional equilibrio corría o risco de romperse por mor das loitas entre os seus sucesores: O seu xeneral máis victorioso Livius (no seu papel Pepe Cuíña) creador dun autentico emporio que podía facerlle fronte a superioridade coruña, e o seu fillo putativo Cómodo (No seu papel Nuñez Feijóo) un enchufado dos coruños que fixera méritos fóra. As duras loitas entre eles precipitou que outros se fixeran có mando da Xunta e dende entón ese equilibrio foi esnaquizado e Galicia esta venta do maior postor (véxase Amancio Ortega).

Sí, o anuncio ese do Gadis nos está avisando a cabalo do próximo que ven: Unha invasión madrileña atraída pola promoción turística de Galicia feita nas series de éxito españolas. Os coruños entrarán ahí vendendo a Galicia por parcelas quedando coma unha xigantesca promotora que, de paso,  suministrará e controlará tódalas súas comodidades.

Só un home pode salvarmos e ese é Gladiator Cuíña, agora mesmo está a ver como se mantan polo título de emperador mais está a levar a cabo un adestramento secreto que o levará de novo a ser o gladiador invencible que era antes. Dentro de pouco sairá dende Lalín, (torso desnudo e bronceado, gladius e escudo en man e ademáis boina calada na testa) e os seus rivais irán mordendo o pó ata o duelo final a morte con Cómodo que lle voltará o fin a súa honra e entrará por as rúas de Ourense e Lugo coas cabezas dos invasores do medio ambiente e rural e tamén do traidor Cómodo.

Quedan só dous anos, e dende o Galpón so podemos dicir unha cousa: Hai que roelo Pepe¡¡¡

1 comentario

Arquivado en Economía, PP, Surreal, Vigo

Caride e Touriño, chapuzas nun momentiño

Por Frouxeira

foto.JPG

M. X. Caride: Boas, viñamos polo da ponte. É aquí a Área Metropolitana Vigo-Pontevedra?

E. P. Touriño: Vimos de Caride e Touriño, chapuzas nun momentiño. Penso que chamaran por nós.

Paisano: Si, si, pasen, pasen. Estabamos xa todos os veciños agardando por vostedes. Son os obreiros non?

Touriño: Si, si, somos os contratistas, imos botarlle un ollo á ponte esa a ver que se lle pode facer.

(Máis de medio millón de paisanos érguense expectantes e sumisos segundo o Presidente da Xunta e a Conselleira de Política Territorial entran na sala. O paisano que os recibiu achégase a unha fiestra e amósalles dende alí o motivo das súas cuitas)

Paisano: Ollen para aló enriba. Non ven? Hai unha chea de tráfico todos os días, e cada vez vai a máis…

Touriño: Hum… Si, si. Xa. Claro, se isto segue así van ter un problema ben grande… Ben, isto amañámosllo agora xa nun pincho. Mari Jose bótalle aí un par de planchadas ás beiras.

Paisano: Ás beiras? E iso vai aguantar? Pensen que a ponte xa ten uns vintecinco anos. Non sei eu se iso non será peso de máis.

Caride: Nah, non se preocupe. Sen problemas. Aquí lle pasamos dúas planchas de formigón armado, poñémoslle uns cantos cables máis de aceiro, algo de piche para a cuberta… e xa está, listo, xa poden pasar todos os días a 120 por hora sen medo por aquí. Non hai fallo. Teñan confianza. Fíense dos expertos.

Paisano: Xa, xa, ben, se vostedes o din…

Touriño: Pois nada, eh? Encantados. Xa veñen un día destes uns rumanos que traballan para nós a facer o apaño. Mentres, non se preocupen que iso aguanta ben un cacho máis. Ala, ate outra, eh?, que vaia ben…

Paisano: Abur… e grazas…

Deixar un comentario

Arquivado en Surreal, Touriño, Vigo

Como pasou o Día da Patria…

… Gerardo Conde Roa:

Convidando aos seus amigos chineses maoístas a unhas copas no Leblón, onde algunha mala alimaña lle escoitou dicir: “Núñez Feijoo é un tigre de papel“. Os maoístas asenten e, educadamente, preguntan: “Cando ides dar o Gran Salto Adiante en Galiza? Canta xente tedes prevista que morra de fame? Enviaredes aos intelectuais ao Courel durante unha década?” Conde Roa sorrí, imaxina, asente. Soña. “Si, si, si…“. Dálle un grolo ao seu cubata e pensa con ollos lúbricos naquela moza de Novas Xeracións…

… Abel Caballero

Canción popular

Un alcalde de Vigo foi gobernar pero non podía gobernar porque ás obras e aos funcionarios non tiña con que pagar. Así pagaba así así, así pagaba así así que eu o vin. (Disque tamén o viron onda o Apóstolo pedindo volver á oposición Señor, isto de gañar dáseme moi mal )

…O CEFOU (Corpo de Elite de Funcionarios de Ourense)

Conversación gravada polos servizos de intelixencia nun polígono de San Cibrao das Viñas. Fala, nun tono exaltado e coa cara maquillada, o Supremo Xefe de Servizo arrodeado de armas e funcionarios vestidos con faldas escocesas.

“Poderán quitarnos os complementos salariais, poderán obrigarnos a traballar, a xustificar a existencia da nosa praza, a ter a cualificación axeitada para o noso posto … pero o que nunca nos quitarán será a praza!!!!!!!!!!!!!!!!!!!”

Nese momento hai un estourido de berros e tiros ao aire. Intelixencia non descarta unha accción militar a grande escala en combinación coa Banda de Gaitas de Ourense.

Almanzor:
No verán do ano 997, o caudillo andalusí alcumado O Victorioso asediou Santiago de Compostela nunha expedición de castigo ós reinos cristíans. Cara o 25 de xullo (día máis, día menos), asaltou a cidade e roubou as campás da catedral. Logo fixo que esclavos cristiáns cargasen con elas todo o camiño de Compostela a Córdoba, onde quedaron gardadiñas 200 anos ata que Fernando III de Castela, alcumado O Santo, levounas de volta a lombos de esclavos musulmáns.

Almanzor pasou todo o día de onte removéndose na súa tumba e lamentando que, 1010 anos despois, ningúen lembrase a súa fazaña. Se houbese algunha xustiza poética no corazón dos homes, as campás da catedral xa estarían de volta en Córdoba.

E xa de paso, que leven aló sepulcro e que lle fagan alí a ofrenda. Os andaluces están máis acostumado a esas cousas relixiosas e de seguro que lles dá menos repelús. ¡AL-MAN-ZOR! ¡PATRIOTA GALEGO!

…Ana María Ríos

-É aí La Voz de Galicia?
-(…)
-Mira, son Ana María Ríos.
-(…)
-Non, pailán. Esa é Ana María Matute. Eu son a peluquera de Interviú. Lembras?
-(…)
-Que non, carallo!!! Esa é Raquel Mosquera!!! Pásame ao teu xefe, anda. E culturízate, rapaz, faime o favor. Que mal ten feito a ESO a este país. Meu Deus.

(Pasan 5 minutos)

-A ver, son Ana María Ríos. Teño unha proposta que non podedes rexeitar. Aproveitando o novo deseño e o día patriótica, que vos parece unha portadiña, non sei… Eu coa bandeira galega bordeando os meus tersos e galaicos peitos? Ou cunha camiseta axustada tipo Yolanda Castaño?
-(…)
-Unha entrevista breve na edición local de Vigo? Só?
-(…)
-A túa muller deixará de ter suculentos descontos. Eres consciente?
-(…)
-Peor para vós. Cando me volvas ver en Interviú, lamentarás a túa decisión. Ata logo.

Colga. Mentres dá os últimos brochazos ás novas instalacións, queda pensando no difícil e pouco rendible que é facer país cuns medios de información tan politizados. Unha mágoa.

…Antón Losada

Un home con barba falsa e melena frondosa pasea polas instalacións administrativas da Xunta en San Caetano. Nunha primeira ollada parécese a alguén coñecido, pero non é posible porque xa foi detido días antes. Os seus pasos fan eco. San Caetano está deserto un 25 de xullo ás doce de mañá, momento no que o nacionalismo militante ruxe nas rúas de Compostela, e o non militante durme a mona na cama.

De súpeto, o Secretario Xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar (nome en clave: SXRIVIB) saca un martelo, espátula, pintura e uns novos carteis indicativos.

-Rash, rash, rash… (son da espátula)
-Pum, pum, pum… (son do martelo)

Ao sair, o alto cargo da Xunta SXRIVIB queda ensimismado vendo a súa obra. Aproveitando a ocasión, déixalle unhas cantas bombas fétidas no despacho de Méndez Romeu, pero tropeza co busto de Sir Paco Vázquez que preside a estancia.

-Auchhh! Me cago en Vicente Risco e no Grupo Prisa, sempre fago igual, recoño!

Ugío Caamanho:
Así
.

5 Comentarios

Arquivado en Baltar, Día da patria, Funcionarios, Losada, Ourense, Terrorismo, Vigo

O camarote de Abel Caballero

por Viriato

TOC, TOC
Abel: ¿Quen é? ¿Quen desexa entrar no despacho do poderoso Abel Caballero, ALCALDE (si, si, alcalde ¡EU!) de Vigo?
César: Son César Portela.
Abel: Home, César, pasa, pasa. ¿É polo do auditorio?
César: Sip.
Abel: Estiven mirando o proxecto e non ten mala pinta. Menos mal, porque tiña medo de que me fixeses unha merda como o Paletox ese da Coruña. O teu coa pizarra non é normal, rapaz.
César: Ei, a pizarra é o máis material máis fermoso do mundo. Tan negra, tan suave, tan brillante….
Abel: Si, si, veña, ó gran, que teño que ir esmolar para encher as arcas.
César: É que estiven a revisar o gasto en materiais e dinme de conta de que me equivoquei ó sumar.
Abel: ¿Como canto?
César: 69 millóns de euros.
Abel: ¿Sairanos 69 millóns máis barato?
César: Non, máis caro.
Abel: ¡¡QUEEEE!!
César: Esquecinme de levar unha… Ben, diso e de sumar os custes da expropiación e o derrubo da Casa Mar. É que os artistas non nos ocupamos desas cousas mundanas.
Abel: Peroperopero ¡Non podo pagar iso! ¡O orzamento que nos queda sen asignar non dá nin para un casco de obreiro!
César: Pois nada, non o facemos. Coido que podería venderllo ó concello de Ribeira.
Abel: Claro, e teño manifestacións para o que me queda de lexislatura, que é moito… mmm… ¡Xa sei, que a promotora pague a diferenza!
Enmascarado: ¡NOOON!
Un enmascarado irrompe na sala.
Enmascarado: Como anónimo representante de Caixanova e Sacyr-Vallehermoso as empresas que poñen a pasta no chiringo este a través da adxudicataria, a unión temporal de empresas (UTE) denominada Palacio de Congresos S.A…. er… perdinme…
César: Coido que viña protestar.
Enmascarado: ¡Ah, si! Como anónimo representante de todos eses millonarios négome a pagar un ouro máis do pactado e pido que non se lle acepte o proxecto ó estafador este porque estaríase a consentir, mediante unha canle improcedente, unha modificación dos termos do contrato de concesión.
César: Non son un estafador, son un artista.
Enmascarado: Iso non é o que se di nos corredoiros do COAG.
César: Non me toques os huevos. ¡Ademais, a conta nova fixéchedela vós!
Abel: ¡QUEEEE!
Enmascarado: Er… pois si, ¿e que? Está ben feita. Vostede, señor alcalde, a pagar o que lle toca e a calar. Se se mete connosco non volverá gobernar nada neste país, nin unha asociación de veciños.
Abel: Vale, vale, ¡Pois xa sei! ¡Botareille a culpa o PP! Iso sempre funciona.
Chema: ¡NON!
Corina Porro, ex alcaldesa da luz, e Chema Figueroa, ex alcalde das tebras, irrompen na sala.
Cori: Iso sería deshonesto ¿Verdade Chema?
Chema: Deshonestísimo, Cori, deshonestísimo.
Abel: ¿E logo? ¿Déstesvos de conta de que faltaban calcular a expropiación e o derrubo? Non, ¿verdade? Pois é culpa vosa. Cando eu cheguei xa estaba o proxecto aprobado.
Chema: Sí, iso é certo, pero ti tampouco te preocupaches de revisar as contas. Nin ti nin os tipos eses da adxudicataria.
Enmascarado: Un respecto, por favor.
Chema: Así que como nos cargues o morto a nós, vou saír en todos os medios dicindo que queres aceptar a suba de prezo porque así enches os petos cos teus contactos na mafia da construción.
Cori: ¡Aí, Chema, dálle! ¡Que se entere de quen gañou as eleccións!
Abel: ¡Pero iso é mentira! ¡O proxecto aprobachedelo vós! Non llo iades conceder ós meus amigos na mafia da construción… que non teño, amigos que non teño.
Chema: Iso é o de menos, Caballero. Se o repito moito, alguén rematará por crelo. Mira senón o de ETA e o 11-M.
Abel: Err…. vale, vale ¡SANTIIII!
Santi: ¡QUEEEE!
Santiago Domínguez Olveira, líder do BNG-Vigo, irrompe na sala.
Abel: Bótame unha man, anda, que ti tamén estás no goberno.
Santi: Só te lembras de min cando hai problemas. A ver, dame ese proxecto.
Abel: Toma.
Santi: Mmmm…. mmm… ¿Os retretes e urinarios de pizarra pura son imprescindibles?
Portela: ¡Totalmente!
Santi: E os subornos os aparelladores ¿tamén?
Enmascarado: Home, claro. Como se nota que es novo nisto…
Santi: Pois dame que a cousa vai para longo.
Abel: ¡Ai! ¡Nunca debín deixar a Autoridade Portuaria!

 

Deixar un comentario

Arquivado en Urbanismo, Vigo

Abel Caballero terá que esmolar para recuperar as arcas do Concello de Vigo

Polo Parvo de Cela

Non todo ían ser flores. Abel “Vou Gañar” Caballero accedeu á alcaldía e deuse conta de que non quedou un peso na alcaldía no mes de xuño. Isto non é signo de derroche senón de éxito tal como expresou o popular José Manuel Figueroa:“Que en julio esté ejecutado el presupuesto es la mejor prueba de eficacia y eficiencia en la gestión”.

Porque… para que quere un os cartos se a vida son dous días? Con anteriores gobernos as rúas quedaban sen varrer e os coches sen multar porque os cobizosos alcaldes olívicos acumulaban mancheas de ouro nos sotos consistoriais. Por outra non cabe dúbida de que se o orzamento está esgotado en xuño o traballo do concelleiro de facenda e os seus funcionarios acabou. E na metade de tempo determinado! Ademais, quen se atrevería a deixarlle gastar un euro a Caballero.

Galpón tivo acceso en exclusiva a algúns dos gastos que levaron ao éxito económico do Concello de Vigo:

  • Flores para decorar as principais rúas e prazas de Vigo.
  • Tres camións cisterna de laca.
  • Catro camións cisterna de tinte rubio.
  • Flores para adornar os barcos da Volvo Ocean Race. (Aínda que fose o ano pasado a lembranza queda)
  • Camisetas, de flores, da Volvo Ocean Race. (Idem)
  • Centos de obxectos metálicos para os manifestantes cangueses do sector do metal.
  • Adornos florais para o coche robot que saca multas.
  • Unha cantidade de drogas equivalente á que toma Paulina Rubio ao longo dun ano para que Corina pensase que gaña as eleccións.
  • Centos de toneladas de calmantes para evitar que a poboación viguesomalota soltase os seus institos naturais e destrozase o salón de actos do concello despois de cada pleno.
  • Alfombras de flores para os manifestantes.

1 comentario

Arquivado en Vigo

Facendo campaña na folga do metal

Por Frouxeira

– Cori, dixculpa, ¿quién ex toda exa gente que nox extá jaleando ahí fuera? ¿Por qué nox han venido a recibir con tanto fervor?

      – Eh… No… Mariano… Mira… Esos no deben ser de los nuestros… Mejor no les hagas mucho caso, ¿vale? Tú sigue a lo tuyo…

– Bien… Como ox iba diciendo, queridox viguexex, vuestra alcaldexa Corina Porro ha dexarrollado una xcelente gextión en extox añox, y por exo ox quiero pedir que, votaxeix lo que votaxeix en lax anteriores eleccionex, el próximo veintixiete de mayo… blablablá, blibliblí, votarnox, etcétera

Ningún caso lles están facendo os políticos vigueses aos 2.000 traballadores que se botaron ás rúas hai máis unha semana. Queiman máis dun cento de contenedores, cortan o tráfico no túnel de Beiramar, cortan as vías do tren, toman temporalmente as sedes das principias entidades financieras en García Barbón, ocupan a Delegación de Facenda, impiden o acceso a El Corte Inglés, bloquean os subministros de Citroën… Pero nada. A campaña electoral continúa coma se en Vigo non houbese un conflicto desencadenado nos sectores do naval e do metal dende hai trece días.

Disque todo comezou cunha empresa (Montajes Nervión) que non cumpría o seu convenio colectivo… Pero quen se lembra agora desas cousas! As negociacións entre a patronal e os sindicatos son máis secretas que a elección do sumo pontífice romano. Ninguén vai por aló a preguntar como lles vai. Os medios só falan binario: Hai acordo? Non? Logo, Hai folga?

Pois igual si que hai folga. Chegou o día para lanzar un órdago. Os sindicatos convocan para o luns a todos os obreiros co convenio provincial do metal, e logo, o martes, os da CIG e os de CC.OO. (amiguísimos eles) recuncan chamando a todos os obreiros do metal da bisbarra. Que se joda Citroën se fai falla! (é dicir, blasfemia, que se joda Deus!)

Se nunha semana sindicatos e patronal non fan as paces, en troques de 2.000 traballadores sairán á rúa 22.000 (o luns), ou mesmo (40.000, o martes). Nin sequera Rajoy puido convocar a tantos fans durante a visita que onte o levou por terras viguesas. El viña ao que viña, non? Tiña moitos votos que pedir se quere que a súa candidata acade a maioría absoluta. Non debería desprezar dous mil arriba, dous mil abaixo.

Pero aos asesores da campaña non lle encaixa a idea de levar ao seu candidato ás manifestacións. Corina, sorrinte, mentres corta o tráfico do túnel de beiramar rodeada do proletariado, en plan nai brechtiana? Nin cun milleiro de xardineiras en flor no medio da calzada sería posíbel esa escena. Santi Domínguez vestindo mono azul e con lentes de soldador retratado cun colector ardendo ao fondo? Nah, tampouco, o Bloque hai tempo que quere enterrar esa imaxe de loita de clases. Abel Caballero cos obreiros…? Non! Iso nunca! Antes o imaxino dando a orde para unha carga policial! E Soto? Polos vellos tempos? Nada, ningún, a idea non encaixa.

Vigo está en loita, malia o pouco interese que lle poñen os políticos, coma se a leria non fose con eles. Non gosto das casualidades luctuosas, pero xusto onte mesmo un obreiro da construcción perdía a vida ao caer do terceiro andar do edificio no que estaba traballando, no polígono de vivendas de San Paio de Navia. O metal, o naval, a construcción… é todo o mesmo!, pensará alguén. Non dá votos. Non interesa.

1 comentario

Arquivado en Economía, Municipais, Sindicalismo, Vigo