Facendo campaña na folga do metal

Por Frouxeira

– Cori, dixculpa, ¿quién ex toda exa gente que nox extá jaleando ahí fuera? ¿Por qué nox han venido a recibir con tanto fervor?

      – Eh… No… Mariano… Mira… Esos no deben ser de los nuestros… Mejor no les hagas mucho caso, ¿vale? Tú sigue a lo tuyo…

– Bien… Como ox iba diciendo, queridox viguexex, vuestra alcaldexa Corina Porro ha dexarrollado una xcelente gextión en extox añox, y por exo ox quiero pedir que, votaxeix lo que votaxeix en lax anteriores eleccionex, el próximo veintixiete de mayo… blablablá, blibliblí, votarnox, etcétera

Ningún caso lles están facendo os políticos vigueses aos 2.000 traballadores que se botaron ás rúas hai máis unha semana. Queiman máis dun cento de contenedores, cortan o tráfico no túnel de Beiramar, cortan as vías do tren, toman temporalmente as sedes das principias entidades financieras en García Barbón, ocupan a Delegación de Facenda, impiden o acceso a El Corte Inglés, bloquean os subministros de Citroën… Pero nada. A campaña electoral continúa coma se en Vigo non houbese un conflicto desencadenado nos sectores do naval e do metal dende hai trece días.

Disque todo comezou cunha empresa (Montajes Nervión) que non cumpría o seu convenio colectivo… Pero quen se lembra agora desas cousas! As negociacións entre a patronal e os sindicatos son máis secretas que a elección do sumo pontífice romano. Ninguén vai por aló a preguntar como lles vai. Os medios só falan binario: Hai acordo? Non? Logo, Hai folga?

Pois igual si que hai folga. Chegou o día para lanzar un órdago. Os sindicatos convocan para o luns a todos os obreiros co convenio provincial do metal, e logo, o martes, os da CIG e os de CC.OO. (amiguísimos eles) recuncan chamando a todos os obreiros do metal da bisbarra. Que se joda Citroën se fai falla! (é dicir, blasfemia, que se joda Deus!)

Se nunha semana sindicatos e patronal non fan as paces, en troques de 2.000 traballadores sairán á rúa 22.000 (o luns), ou mesmo (40.000, o martes). Nin sequera Rajoy puido convocar a tantos fans durante a visita que onte o levou por terras viguesas. El viña ao que viña, non? Tiña moitos votos que pedir se quere que a súa candidata acade a maioría absoluta. Non debería desprezar dous mil arriba, dous mil abaixo.

Pero aos asesores da campaña non lle encaixa a idea de levar ao seu candidato ás manifestacións. Corina, sorrinte, mentres corta o tráfico do túnel de beiramar rodeada do proletariado, en plan nai brechtiana? Nin cun milleiro de xardineiras en flor no medio da calzada sería posíbel esa escena. Santi Domínguez vestindo mono azul e con lentes de soldador retratado cun colector ardendo ao fondo? Nah, tampouco, o Bloque hai tempo que quere enterrar esa imaxe de loita de clases. Abel Caballero cos obreiros…? Non! Iso nunca! Antes o imaxino dando a orde para unha carga policial! E Soto? Polos vellos tempos? Nada, ningún, a idea non encaixa.

Vigo está en loita, malia o pouco interese que lle poñen os políticos, coma se a leria non fose con eles. Non gosto das casualidades luctuosas, pero xusto onte mesmo un obreiro da construcción perdía a vida ao caer do terceiro andar do edificio no que estaba traballando, no polígono de vivendas de San Paio de Navia. O metal, o naval, a construcción… é todo o mesmo!, pensará alguén. Non dá votos. Non interesa.

1 comentario

Arquivado en Economía, Municipais, Sindicalismo, Vigo

Unha resposta a “Facendo campaña na folga do metal

  1. Exiliadoesquencido

    Haberá que pensar por que o metal, o naval e a construcción non dan votos…

    Recuperemos a conciencia de clase (e non me refiro á do instituto, tipo Porky’s)!!!!!

    P.D. Que bonito sería se pertencesemos a algunha clase.

Deixar un comentario