Por Frouxeira
Noite do Domingo 27 de Maio de 2007. 22:30 horas. PJ Caselas, coordinador executivo do BNG, contesta a un tempo seis chamadas telefónicas mentres segue os resultados electorais en cinco páxinas web. Á súa beira, o voceiro nacional, Anxo Quintana, pinta con lápises de cores un debuxo: nel aparece un monicreque barbudo levando da man a dous cativos, un neno e unha nena, cara a entrada dunha casa, onde se poden ler as letras: “M O N T E P Í O”. Quin remata o debuxo e amósallo a PJ:
– Que dis, Paco? Gustaralle aos meus xemelgos?
Mentres, PJ Caselas, moi ocupado coa súa chamada a seis bandas, vai dando distintas e contundentes ordes:
– Facede o favor de rescatar a Lores dos sumidoiros de Ence! Non quero que afogue alí dentro! Dicídelle que vai seguir sendo o Alcalde de Pontevedra! (logo, por outro teléfono) Pola Momia de Castelao! Que alguén console a Alex para que deixe de chorar! Ten que saír ante os medios a dicir que Ourense vai ter un alcalde progresista, anque non vaia ser el! (por outro teléfono máis) Non lle tiredes o bozo nin a camisa de forza a Paco Rodríguez! Tanto me ten que bote escuma pola boca! E nin se vos ocorra deixar que se achegue á televisión! Non quero que se entere dos resultados, e moito menos dos de Ferrol! (atende outra chamada) Ide agora mesmo a impedir que Rivera Arnoso se suicide dende o guindastre de Navantia! Vai ter que ir negociar mañá a alcaldía de Fene co blogueiro ese! E non o vai facer por interné dende o hospital! (outra máis) Sacádeme ao ex – alcalde das Pontes do interior da cheminea da térmica! (ao sexto teléfono) Como? Que non gañamos na Porqueira? Putos fascistas!!!
Quintana, preocupado pola crise de ansiedade que vive PJ Caselas, túrralle dun brazo para que lle faga caso ao seu debuxo.
– Ei Paco! Aténdeme aquí. Hai algún problema, ou?
– Non, Quin, tranquilo home. Todo vai ben.
– Seguro?
– Mira, ti sae aí, diante das cámaras, sen este debuxiño (quítallo das mans ante a sorpresa do voceiro nacional), e di que o BNG vai ser forza de goberno en todas as cidades galegas e na meirande parte de vilas do país. Se alguén che pide que fagas unha valoración máis polo miúdo dos resultados, ti dille que acadamos a maioría absoluta en Bueu e en Monforte, e que imos ter trinta alcaldías, o doble que hai catro anos… E se alguén che pregunta polo retroceso nas cidades, di que “calquera prefire ter tres concelleiros no goberno que catro na oposición”.
– Pero… e Ourense? e Pontevedra? Por que berras tanto por teléfono?
– Escoita… Quin… Ti non te preocupes e sae aí cun sorriso. Gañamos en Maceda, na Bola, en Allariz, en Vilar de Santos e en Rairiz de Veiga! O cinturón bloqueiro da Arnoia expándese!
Este último dato anima ao voceiro nacional, que fica pampo por uns segundos, xordo aos berros que continúa a cuspir PJ Caselas polo teléfono. Diríxese cara a sala de prensa mentres tararea Mrs. Robinson. Antes de abrir a porta, repite a lección coma un alumno aplicado para non esquecela: “Calquera prefire ter tres concelleiros no goberno que catro na oposición”…
Maxistral!
Non só tes razón, caro Calidonia, que fico completamente dacordo contigo. Maxistral.
Se o BNG non medra…non chegará a nada. Non mola estar á sombra dos demáis.
Grazas polos calificativos, un fai o que pode, esta semana había moita leria que parodiar.
Por exemplo: a euforia do Bloque ante a súa parálise. De forza de goberno a forza de pacto. Onde van eses 65.000 votos que tiñan hai dez anos nas cidades? Con esa mentalidade de apañar migallas o BNG vai entrar no circuíto do clientelismo. Pasará de ser alternativa a ser outro máis. Imaxinades as futuras manifas?: “Bloque, PSOE, PP, a mesma merda é!!!”
Que grandes sodes! Redios!
Xenial, Frouxeira
Pingback: Cifras e claves do 27M at Calidonia
Pingback: Calidonia Hibernia