Arquivo por autores: frouxeira

O que reparte e o que está aparte sempre queren a mellor parte

Por Calpurnia Abaneada

voto-emigrante.jpg

Por fin entendemos por que non se reforma un sistema electoral descompensado no que importan máis os votos dos netos duns emigrados ás Américas que endexamais pisarán a nosa terra cós dos galegos que traballan en Canarias ou Cataluña e non poden opinar nas municipais: ninguén quere ser o primeiro en sacar a man do prato.

Deixar un comentario

Arquivado en Emigración, Humor gráfico, Política, Voto emigrante

Quintana, guarda da urbana

Por Calpurnia Abaneada

quintana.jpg

Un dilixente axente que non dubidará en sacarche os puntos dos carné de gobernación se te saltas os stops e as promesas de autogoberno

Deixar un comentario

Arquivado en Bipartito, Competencias, Humor gráfico, Política, Quintana

Un xesto por Xxxpaña

Por Frouxeira

12 de Outubro. Día feirado, comezo de ponte, Festa do Pilar, Festa da Hispanidade. Para algúns, festa nacional, para outros, festa, esmorga, chea. Así resolvemos neste país as festas. Que sería do día de patrón sen o seu churrasco, o seu bon pulpo, unha botella tras doutra e os efectos colaterais consecuentes!

Difícil situación para a rede social do Partido Popular. Tiñan un encargo que cumprir, por mandato imperativo do seu líder, e moitos deles o que querían era estar de chea, quer pola noite, quer polo día. Tocoulles logo aplicar unha solución de compromiso. Facer un xesto por Xxxpaña, si, pero sempre sen esquecer un xesto por si mesmos. Así que, en todo caso, saíron de festa, votantes, simpatizantes, militantes, todos, os máis novos de chea, os paisanos de papallocada, e nalgún punto da súa celebración, normalemente cara o remate, todos tiveron que facer ese xesto íntimo, telúrico, entregado por Xxxpaña.

Situación prototípica (versión nocturna, versión compostelana): simpatizante vai a macrobotellón a noite do 11 de outubro, empréase, desbarra, divírtese, fai rede social, e nalgún intre da noite sen fin recúa para a casa. Durme o que pode. Esperta. A unidade do seu corpo e mente revélanlle que é o que ten que facer nada máis estrear ese 12 de outubro, a festa nacional. Vai ao retrete. Sinte escorregar cara a terra patria a herdanza da súa noite. Pensa, “Por Xxxpaña!!!”. Enféitase como pode e acode rápido á súa cita. Praza do Obradoiro, mediodía. Sinte con tanta intensidade a o seu amor patrio como a resaca no seu estómago enlamado. Fica nunha esquina e observa ao lonxe a guerra de bandeiras.

Ben si, un xesto por Xxxpaña, claro, e aínda teño logo que ir á aldea á comida de patrón, uf, o estómago, uf, Xxxpaña, si, ben, total, non hai moita xente, xa hai dabondo para darlles unha malleira a eses terroristas independentistas, en fin, eu xa cumprín, xa viñen ate eiquí, case que marcho durmir un cacho máis, Xxxpaña, Xxxpaña, ra, ra, ra…

Deixar un comentario

Arquivado en Conde Roa, Costumismo, Independentismo, Política, PP, Rajoy

Tetris á galega

Por Calpurnia Abaneada

tetris-a-galega.jpg

1 comentario

Arquivado en Cidade da cultura, Humor gráfico

Transformacións Catódicas

Por Frouxeira

O retorno de Xosé Manuel Piñeiro á Telegaita non foi de balde. E que ninguén se está dando conta de que Superpiñeiro seméllase cada día máis a Carlos Callón?

Unha cousa é mellorar a fonética dos presentadores do telexornal, e outra ben distinta esixir a fusión física dunha estrela mediática cun líder social. Quizais é que a MESA se está extralimitando, quizais é que David Cronenberg dirixe agora Acompáñenos, quizais é que a transición do posfraguismo conleva as súas esixencias…

2 Comentarios

Arquivado en Audiovisual, Surreal, TVG

Caride e Touriño, chapuzas nun momentiño

Por Frouxeira

foto.JPG

M. X. Caride: Boas, viñamos polo da ponte. É aquí a Área Metropolitana Vigo-Pontevedra?

E. P. Touriño: Vimos de Caride e Touriño, chapuzas nun momentiño. Penso que chamaran por nós.

Paisano: Si, si, pasen, pasen. Estabamos xa todos os veciños agardando por vostedes. Son os obreiros non?

Touriño: Si, si, somos os contratistas, imos botarlle un ollo á ponte esa a ver que se lle pode facer.

(Máis de medio millón de paisanos érguense expectantes e sumisos segundo o Presidente da Xunta e a Conselleira de Política Territorial entran na sala. O paisano que os recibiu achégase a unha fiestra e amósalles dende alí o motivo das súas cuitas)

Paisano: Ollen para aló enriba. Non ven? Hai unha chea de tráfico todos os días, e cada vez vai a máis…

Touriño: Hum… Si, si. Xa. Claro, se isto segue así van ter un problema ben grande… Ben, isto amañámosllo agora xa nun pincho. Mari Jose bótalle aí un par de planchadas ás beiras.

Paisano: Ás beiras? E iso vai aguantar? Pensen que a ponte xa ten uns vintecinco anos. Non sei eu se iso non será peso de máis.

Caride: Nah, non se preocupe. Sen problemas. Aquí lle pasamos dúas planchas de formigón armado, poñémoslle uns cantos cables máis de aceiro, algo de piche para a cuberta… e xa está, listo, xa poden pasar todos os días a 120 por hora sen medo por aquí. Non hai fallo. Teñan confianza. Fíense dos expertos.

Paisano: Xa, xa, ben, se vostedes o din…

Touriño: Pois nada, eh? Encantados. Xa veñen un día destes uns rumanos que traballan para nós a facer o apaño. Mentres, non se preocupen que iso aguanta ben un cacho máis. Ala, ate outra, eh?, que vaia ben…

Paisano: Abur… e grazas…

Deixar un comentario

Arquivado en Surreal, Touriño, Vigo

Convivencia Tripartita

Por Frouxeira

Ante o advenimento inminente da crise hipotecaria e do novo curso político, as tres líderes da mocidade galega decidiron ir vivir xuntas. Deixáronse levar polas vagas promesas do goberno central e veñen de alugar unha vivenda en Compostela, na Rúa do Hórreo, con vistas ao Parlamento de Galicia.

Unha vez rematada a mudanza, gran festa inaugural! Os problemas de convivencia tamén están convidados: problemas cos amigos dunhas e doutras, que non sempre agradan por igual ás tres anfitrionas; problemas coa hora de saída, xa que algunha quere marchar a durmir cedo e as outras non dan saído; problemas ao día seguinte: quen limpa todo isto? Debate sobre quen luxou máis o salón, insultos, desafíos, guerra de poderes.

Problemas de aluguer. Non sempre hai coordinación entre as compañeiras. Quen será mellor cociñeira? Cociñará para as tres? Cantos alimentos van comunalizar? Agardo que cando menos paguen a medias aceite, azucre e sal; e logo tamén podían o arroz, a pasta, os ovos… Velas ás tres almorzando adurmiñadas na mesma mesa será unha proba de saúde democrática.

Mais os problemas quizais non só veñan da cociña. Quen limpará máis, quen menos? Unha ben pode ser maniática da limpeza e/ou da orde, e outra algo máis deixada e desordeada. Farán turnos para limpar elas mesmas, en plan autarquía? Ou contratarán a unha chacha latinoamericana, externalizando os servizos?

Cuestións máis espiñentas, máis privadas: Van levar todas á parella a durmir? E como serán os encontros nocturnos no cuarto de baño, entre cónxuxes e compañeiras?

Son os praceres da convivencia. Son os conflitos. Sempre se poden resolver con pacíficas veladas diante do televisor. Poranse sequera de acordo para ver un programa que lles guste ás tres? Quizais vexan os luns Hai Debate! coa mesma emoción que os futboleiros ven o partido todos xuntos o domingo aínda que non sexan do mesmo equipo.

Semellante convivencia sería toda un exemplo de unidade nacional. Canto duraría? Transmitiríase en directo pola TVG?

5 Comentarios

Arquivado en Costumismo, Política, Vivenda

Informe Cefou (II)

por Moi Xordo

Volvín ao meu tobo. Dende aquí teño moito que escribir. Debo seguir coa miña tarefa, debo seguir explicándolle ao mundo o Sistema de Castas que rexe a Provincia de Ourense! A semana pasada falei dos Funcionarios, mais hai moita poboación que non acadou ese estatus privilexiado…

O auténtico pobo da Provincia de Ourense, en termos constitucionais, son Os xubilados. Entre eles e os pensionistas forman os 2/3 da población do territorio. Son os que lexitiman o sistema de castes e o goberno do Gran Líder. Ideoloxicamente ancorados no século XVII, cren con fe cega no absolutismo e na lei da sangue.

Pese a esta clara maioría social aínda fica unha escasa minoría de Empresarios, un grupo que, ao poder dar traballo, goza dun poder similar ao do Líder. Isto permítelles chegar a pactos e acordos con El, mais a súa tendencia demográfica descendente réstalles sen forza para facerlle fronte e condéaos á desaparición.

Por último, tamén en vías de extinción, aínda se contan algúns Traballadores en xeral, xente que pasa dos corenta e cinco anos e que teñen uns ingresos que non chegan a un tercio do que cobran as castes superiores. Entre eles hai tanto grandes admiradores do sistema como outros que, sendo disidentes, rematan por aceptalo, cansos e vellos, como algo herdado do illamento natural e secular.

Todos estes clans e castas comparten unha característica común: a súa adversión cara o sistema capitalista e a falta de confianza total nos seus mecanismos para crear riqueza (préstamos, hipotecas, leis de prezo de mercado…) Polo tanto, a variación da infraestrutura económica faise imposíbel, e todas as opcións que existen pasan por ascender no Sistema de Castas.

Para poder concibir descendencia é obrigatorio converterse en funcionario: ningunha iniciativa empresarial forte e atractiva para a escasa xuventude acadaría o respaldo social necesario para acadar un mínimo éxito económico. Nese sentido, a política de separación étnica da Baixa Idade Media en Ourense foi totalmente efectiva, sen ningún sinal de contaminación semita. Os ourensáns nacen, polo tanto, sen moitas posibilidades de ser atraídos polo mundo empresarial. Isto obrígalles a marchar, a espallarse polo mundo.

E aquí é onde actúa o CEFOU, ofrecendo á xuventude a posibilidade de acceder ás castas superiores a través dunha meritocracia baseada na prestación de servizos dentro do propio CEFOU. Todo sexa para asegurar a supervivencia da especie, do sistema e tamén do mesmo CEFOU. Dixen!

3 Comentarios

Arquivado en Baltar, CEFOU, Costumismo, Funcionarios, Ourense, Política, Surreal

A Margarida de Feijoo

por Frouxeira

Fontes non oficiais na sede rexional do Partido Popular de Galicia fixeron circular unha misteriosa nova nas últimas semanas: Alberto Núñez Feijoo leva desque volveu das vacacións sen saír do seu despacho durante a xornada laboral para tomar un café cos seus compañeiros. Un equipo infiltrado deste medio puido ter acceso brevemente á mesa de traballo de Feijoo onde puido distinguir, en perfecta e pulcra orde, nada máis que papeis en branco, dúas fotografías enmarcadas (unha de Mariano Rajoy e outra de Manuel Fraga), un exemplar do Hamlet de Shakespeare, e unha cantidade inxente de pétalos de margaridas de orixe descoñecida.

O fracaso desa breve incursión no centro de mando das forzas conservadoras levou ao noso equipo de investigación á necesidade de camuflar micrófonos no habitáculo. Que actividade tan absorvente está desenvolvendo nas últimas semanas Alberto Núñez Feijoo como para que lle impida atender ás súas obrigas sociais? A única resposta posíbel á que tivemos acceso por agora son unhas crípticas letanías repetidas durante horas:

Ministro, Xunta. Ministro, Xunta. Ministro, Xunta. Ministro, Xunta…

ou,

… Madrid, Galicia. Madrid, Galicia. Madrid, Galicia. Madrid, Galicia…

Nin sequera as chamadas e mensaxes compulsivas de Manuel Ruíz Rivas, en pleno ataque de ansiedade preguntando polas súas novas responsabilidades como voceiro parlamentario, foron capaces de distraer a monomanía do seu líder…

(O líder conservador Alberto Núñez Feijoo antes de confesar ante os medios a súa adicción ás margaridas)

Deixar un comentario

Arquivado en Feijóo, Política, PP, Surreal

Informe Cefou (I)

por Moi Xordo

Resulta difícil confesar cando sabes que te están axexando dende todas as esquinas deste cuarto escuro. Escribo dende o máis fondo do arquivo da Deputación de Ourense, dende unha rexión onde confío estar protexido dos meus compañeiros do CEFOU (Corpo de Élite de Funcionarios Ourensáns). Por sorte, collo o wi-fi. Agora só preciso tempo para que todos os lectores do Galpón de Breogán poidan coñecer… por fin… as engranaxes secretas do CEFOU…

Como xa apuntaran no Galpón, a Provincia de Ourense sufriu un illamento secular que a alonxou das sociedades baseadas no dereito romano. Hai moito que a súa estrutura está artellada en clans, mais a chegada da democracia fíxoa mutar nun modelo de castas, creado polo Cacique vencedor das guerras ancestrais destes lares. “O Sistema” serviu durante anos para superar as loitas clánicas e darlle á Provincia a apariencia de ter superado esa antiga organización tribal. Na actualidade, esas serían as tres castas:

1. Traballadores da Deputación (A Deputación é o órgano máximo de goberno e está presidido polo Caudillo Invicto): Esta casta trasmítese de pais a fillos e, amais da súa inxente remuneración, dá dereito a poder ser Alcalde ou Concelleiro dos distintos Concellos da Provincia, polo que os intereses destes e da Deputación son sempre os mesmos. Esta é unha de tantas mostras da perfección do Sistema e da inventiva ourensá, que reforza a idea da influenza do CEFOU nas engranaxes estatais.

2. Traballadores dos Concellos: elexidos polos anteriores, os cargos son vitalicios aínda que durante séculos se trasmitiron de pais a fillos. A súa escaseza nos últimos anos fixo que se outorgasen por un sistema de mérito que consiste na capacidade do candidato/a de achegar “vontades” á causa. Estas duas primeiras castas son as únicas que teñen asegurada a vida e a continuidade no clan dentro do territorio.

3. Os Outros Funcionarios

a/ Retornados: Hainos capaces de integrarse nas castas superiores, mais tamén hai outros, ovellas negras, que caen na contaminación de ideoloxías extranxeiras por mor do seu periplo polas diferentes administracións estatais.

Distínguense tres grupos de descarriados: sexan Marxistas-Leninistas-Batasunos-relacionados-cos-atentados-do-11-M, sexan Socialistas-Republicanos-Ateos-moi-amigos-de-brutais-dictadores-coma-Fidel-Castro-e-Chávez (tamén coñecidos como pertencentes ao clan opositor dos “pachis quercuicituni”), ou sexan afiliados a outro dos clans rebeldes que non ceden ante o Gran Khan, os “alarici quintaneche”.

Estas afiliacións indebidas representan a única ameaza posíbel para o sistema de castas e é precisamente para paliar a súa influenza polo que se creou no seu día o CEFOU. Ao comezo, esta organización naceu como unha inocente madrasa na que entrenar aos futuros membros das castas superiores, ofrecéndolles a posibilidade de ter descendencia no territorio, un privilexio reservado só para os elexidos, pero que co tempo se convertirá nunha peza fundamental do Sistema.

b/ “Estranxeiros”: estes últimos, influenciados por estrañas ideas foráneas como “Democracia” “Liberdade” “Igualdade” ou “Socialismo”, descoñecen os costumes ascentrais e a lei da sangue, polo que nunca se poden adaptar ao Sistema e andan desorientados en grupos erráticos polos chamados bares de rock’n’roll. En troques, máis fortuna teñen os procedentes das terras casteláns e das diferentes congregacións educativas relixiosas, gozando de gran prestixio e aceptación no Sistema, inspirando coas súas ideas ao Gran Líder e a parte dos seus acólitos, chamados “birretes”.

Os demais habitantes da Provincia caracterízanse por NON ser Funcionarios Locais. Artéllanse en diversos e complexos grupos que teñen todos eles en común NON ter dereito a paticipar na toma de decisións e NON ter dereito a vivir no territorio durante toda a súa vida. Obrigados a emigrar, algúns voltan e outros non. Iso si, teñen dereito ás súas propiedades (podes non ter traballo, pero de comunismo, nada)

Escoito ruídos, remexer entre papeis, mellor será que deixe de escribir, que non respire, non sexa que me vaian atopar. Quizais o vindeiro sábado poida volver refuxiarme arredado das ameazas. Restan aínda moitas confidencias por facer.

CONTINUARÁ…

7 Comentarios

Arquivado en Baltar, CEFOU, Funcionarios, Ourense, Política, Surreal